O procedemento de aprobación dos proxectos de interese autonómico para planificar e proxectar as actuacións de creación de solo destinado maioritariamente á construción de vivendas sometidas a algún réxime de protección pública regúlase na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia (LOT), coas especialidades recollidas nos artigos 62 e seguintes da Lei 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.
O artigo 64 da Lei 5/2024, do 27 de decembro, prevé a aplicación ao dito procedemento da tramitación de urxencia, o que suporá a redución á metade dos prazos establecidos para os procedementos ordinarios, salvo os relativos á presentación de solicitudes, recursos e, en xeral, aqueles prazos taxados por normativa estatal básica que non poidan ser obxecto de redución.
De acordo co establecido no artigo 55.5 da LOT, en relación co artigo 64 da Lei 5/2024, do 27 de decembro, a consellería tramitadora do instrumento de ordenación do territorio procederá á súa aprobación inicial e someterao a información publica durante o prazo de 15 días naturais, mediante anuncio que se publicará no Diario Oficial de Galicia, no boletín oficial da provincia correspondente e no Portal de transparencia e Goberno aberto da Xunta de Galicia. A documentación sometida á información pública abarcará todos os documentos integrantes do expediente tramitado.
En atención ao exposto e para os efectos previstos no artigo 55.5 da LOT, sométense á información pública, durante o prazo de 15 días naturais, contado a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, os documentos integrantes do expediente relativo á aprobación inicial do proxecto de interese autonómico para a creación de solo destinado maioritariamente á construción de vivendas sometidas a algún réxime de protección pública en Lugo (S-5R barrio do Sagrado Corazón).
Durante o prazo referido, calquera persoa poderá examinar a devandita documentación no Portal de transparencia e Goberno aberto da Xunta de Galicia (https://transparencia.xunta.gal/procedementos-de-informacion-publica) e na páxina web do Instituto Galego da Vivenda e Solo (https://igvs.xunta.gal/gl/areas/solo-residencial), e presentar ante o dito organismo as alegacións, os documentos e as xustificacións que considere pertinentes.
Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2026
Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo
ANEXO
Memoria resumo
Promotor: Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas. Instituto Galego da Vivenda e Solo.
Localización: concello de Lugo.
Ámbito do proxecto: ámbito identificado como S-5R barrio do Sagrado Corazón, Lugo.
Obxecto: creación de solo destinado maioritariamente á construción de vivendas sometidas a algún réxime de protección pública en Lugo.
Descrición: o proxecto de interese autonómico ten por obxecto a creación de solo residencial destinado maioritariamente a vivenda protexida, con capacidade estimada para unhas 1.265 vivendas, das que un 80 % serán vivendas protexidas, integradas en bloques residenciais en tipoloxía aberta, incorporando, ademais, usos terciarios e de equipamento.
O ámbito de actuación, cuxa superficie acada aproximadamente 12 hectáreas, está situado ao nordés da cidade de Lugo, no contorno do barrio do Sagrado Corazón, e delimitado pola calzada das Gándaras, a rúa Venancio Senra e a rúa Serra de Meira. Atópase encaixado entre os ríos Rato e Fervedoira, e ocupa a ladeira occidental da bacía do primeiro, o que lle confire unha topografía suavemente descendente cara ao val do Rato. Ten unha situación estratéxica na estrutura urbana de Lugo, ao localizarse nas inmediacións da nova estación intermodal.
