DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Xoves, 5 de febreiro de 2026 Páx. 11018

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 21 de xaneiro de 2026, do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, polo que se publica a resolución de clasificación como veciñal en man común do monte Baroña para a ampliación do monte veciñal en man común de Barbanza, Enxa, Xián, Dordo, Costa de Abaixo e O Sobrado, no concello de Porto do Son.

Na sesión realizada o día 17 de decembro de 2025 polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña figura o seguinte acordo:

Antecedentes de feito:

1. O día 8.11.2022, a CMVMC Baroña presentou, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, unha solicitude de clasificación dunha ampliación do MVMC de Barbanza, Enxa, Xián, Dordo, Costa de Abaixo e O Sobrado.

2. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, na sesión do día 20 de xuño de 2024, acordou iniciar o expediente para a clasificación de parte do monte denominado Barbanza-Graiade e asignoulle o número de expediente 432.

a) O monte é unha parte do deslindamento total do monte Barbanza Graiade de Baroña, CUP 211, aprobado pola OM do 20.5.1969.

b) Límites:

• Norte: co MVMC de Barbanza, Enxa e Dordo, propiedade da CMVMC de Noal.

• Leste: co MVMC Barbanza, Enxa, Xián, Dordo, Costa de Abaixo e O Sobrado, propiedade da propia CMVMC de Baroña.

• Sur: vértice entre os MVMC de Barbanza, Enxa, Xián, Dordo, Costa de Abaixo e O Sobrado, o MVMC de Arrancada, Chans de Reis, Castelo de Vitres e outros, e o MVMC de Barbanza e Graiade, propiedade da CMVMC de Ribasieira.

• Oeste: co MVMC de Arrancada, Chans de Reis, Castelo de Vitres e outros, propiedade da CMVMC de Runs, Teaño, Mosquete, Loxo de Arriba, Loxo de Abaixo, Pazos, Coroño, As Coviñas e Ordenario.

A superficie solicitada para a súa clasificación está definida fisicamente no terreo polos marcos 11, 13, 14, 15 e 16, segundo o informe do axente do distrito forestal, que se corresponden cos piquetes do deslindamento aprobado.

Núm. fito

Plano axente

Definición en deslindamento

Coord. UTM X

Coord. UTM Y

I-21

11

Alto Fonte das Eguas-2ª orde

503496,1

4726525

I-23

13

Pedregueira do Milladoiro-1ª orde

504328

4726621

I-24

14

Coto de Pedras Negras-2ª orde

504170

4726263

I-26

15

Alto Portela de Baleantes-2ª orde

503553

4725603

I-27

16

Coto da Xesta-1ª orde

503326

4725194

Enclavados: non existen.

Actos disposición: non existen.

A superficie da ampliación é de 55,62 ha, polo que a superficie resultante do MVMC de Barbanza, Enxa, Xián, Dordo, Costa de Abaixo e O Sobrado, propiedade da propia CMVMC de Baroña, sería de 849,38 ha.

3. O 4 de xullo de 2025 publicouse no Diario Oficial de Galicia o edicto de inicio do expediente de clasificación.

4. O 11 de novembro de 2025, unha vez instruído o expediente, e antes de formular a súa proposta de resolución, a instrutora levou a cabo o trámite previo de audiencia ás persoas interesadas, neste caso a comunidade promotora, o Concello de Porto do Son e as tres comunidades de montes veciñais en man común lindeiras.

O 24.11.2025, a CMVMC de Noal presentou alegacións en relación cos marcos I21 a I23.

5. Unha vez analizado o particular por parte do Servizo de Montes do departamento territorial, con data do 15.12.2025 emite un informe en que determina que a comunidade de Noal quedaría separada da ampliación de Baroña polos marcos físicos I-21 a I-23 que aparecen no deslindamento do monte Barbanza Graiade de Baroña CUP 211 de 1969, e que en ningún caso esta ampliación debe superar a liña divisoria entre ambas as comunidades.

6. Visto o expediente o día 15.12.2025, a instrutora do expediente emite proposta de clasificación favorable, a cal se eleva á consideración do Xurado. Convocouse a CMVMC promotora para a asistencia a reunión do Xurado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten competencia para coñecer deste expediente, en virtude do disposto nos artigos 9 e 10 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. De conformidade co contido do artigo 11 da dita lei e do artigo 19 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, a Comunidade do Monte Veciñal en Man Común de Baroña é parte lexítima para solicitar o inicio deste expediente de clasificación.

Terceiro. Para a súa clasificación como veciñal en man común, o monte debe reunir as seguintes características:

a) Pertenza a agrupacións de veciños na súa calidade de grupos sociais, non como entidades administrativas.

b) Que o veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, os membros da agrupación na súa condición de veciños comuneiros.

c) Que os veciños comuneiros residan habitualmente con casa aberta dentro da área xeográfica sobre a cal se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveitou o monte (artigos 1, 2 e 3 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, e artigos 1, 2 e 3 do seu regulamento).

É, pois, un elemento determinante para a clasificación dun monte como veciñal en man común que o Xurado teña elementos probatorios suficientes no expediente para determinar se o monte que se pretende clasificar é aproveitado en común, sen cotas, polos veciños que o solicitan, e que estes o realicen pola súa condición de veciños comuneiros integrantes do grupo social, non como entidades administrativas, e isto á marxe das cuestións relativas á titularidade dominical e demais dereitos reais que se poidan formular no procedemento, que deberán dirimirse ante a xurisdición ordinaria, segundo o disposto no artigo 10.2 da Lei estatal 55/1980, do 11 de novembro, de montes veciñais en man común.

Cuarto. No expediente consta documentación histórica e administrativa que acredita a existencia do monte, así como a titularidade e o seu uso por parte do común de veciños, e xustifica a súa clasificación como monte veciñal en man común.

En consecuencia co que antecede, unha vez examinada a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro; o Decreto 223/2022, do 22 de decembro, que establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural, e a demais normativa legal e regulamentaria, o Xurado Provincial, na súa sesión do 17 de decembro de 2025, por unanimidade dos seus membros,

ACORDOU:

1º. Descatalogar como monte de utilidade pública o monte Barbanza-Graiade de Baroña-CUP 211.

2º. Clasificar como monte veciñal en man común o monte denominado Baroña-Graiade para a ampliación do MVMC Barbanza, Enxa, Xián, Dordo, Costa de Abaixo e O Sobrado, no concello de Porto do Son, cos lindeiros, superficie, características e planimetría descritas e que constan no expediente, por reunir o dito monte as características sinaladas no fundamento de dereito terceiro, ao resultar acreditado que o dito monte está aproveitado polos veciños e polas veciñas das parroquias solicitantes como grupo social e en réxime de comunidade de tipo xermánico.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo, ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo, ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo da Coruña, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de conformidade co previsto nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Transcorrido o prazo de interposición dos ditos recursos, esta resolución será firme para todos os efectos regulamentarios.

A Coruña, 21 de xaneiro de 2026

María Nieves Mancebo Santamaría
Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común da Coruña

ANEXO

missing image file