BDNS (Identif.): 884517.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS):
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/884517
Primeiro. Entidades beneficiarias
As entidades beneficiarias da concesión de subvencións serán as entidades recoñecidas como axentes de cooperación para o desenvolvemento pola Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, ben individualmente ou ben mediante unha agrupación de entidades (código de procedemento PR803D):
– Organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento.
– As universidades do Sistema universitario galego e as súas entidades dependentes e centros de investigación públicos.
– As cooperativas, empresas e asociacións empresariais.
– As organizacións sindicais.
– As comunidades galegas no exterior.
– Outros axentes sociais ou entidades que teñan entre os seus fins a realización de actividades de cooperación para o desenvolvemento.
Non se considerará agrupación de entidades aquela que estea formada por unha asociación ou federación á cal pertenza a devandita entidade, ou aquela en que os órganos de goberno sexan coincidentes, total ou parcialmente, en todas as entidades agrupadas. Así mesmo, non terá a condición de entidade agrupada aquela que non participe economicamente na xestión do proxecto, ben con cargo á subvención ou ben con achegas propias.
Segundo. Obxecto
Estas bases regulan a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación (código de procedemento PR803D).
Exclúense destas bases os proxectos que teñan como obxecto a acción humanitaria e os de carácter asistencial que non poidan asegurar a súa viabilidade cando cese o financiamento externo.
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 16 de xaneiro de 2026 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento PR803D).
Cuarto. Importe
Para a concesión destas axudas destínase un crédito total de 6.300.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 05.07.331A.490.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2026 e 2027, de acordo coa seguinte distribución:
– Proxectos no exterior de ONGD polo importe total de 4.340.000 euros, conforme a seguinte distribución: 1.519.000 euros no ano 2026 e 2.821.000 euros no ano 2027.
– Proxectos no exterior dos outros axentes polo importe total de 700.000 euros, conforme a seguinte distribución: 245.000 euros no ano 2026 e 455.000 euros no ano 2027.
– Proxectos de apoio a organizacións feministas e de defensa dos dereitos das mulleres polo importe total de 1.260.000 euros, conforme a seguinte distribución: 441.000 euros no ano 2026 e 819.000 euros no ano 2027.
O importe máximo que se poderá financiar será dun 95 % do orzamento total do proxecto e a subvención concedida non superará en ningún caso os 185.000 euros para proxectos plurianuais. Para proxectos que se executen só durante o ano 2026, a subvención máxima concedida será de 60.000 euros.
Nos proxectos presentados por varias entidades en agrupación, a subvención concedida non superará o límite dos 240.000 euros. Para proxectos en agrupación que se executen só durante o ano 2026, a subvención máxima concedida será de 100.000 euros.
A subvención concedida aos proxectos plurianuais distribuirase do seguinte xeito: o 35 % no ano 2026 e o 65 % no 2027.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2026
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
