DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Xoves, 5 de febreiro de 2026 Páx. 11009

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

RESOLUCIÓN do 23 de xaneiro de 2026 pola que se fai público o importe do canon unitario de tratamento por tonelada de residuos domésticos que deberá aplicar a Sociedade Galega de Medio Ambiente, S.A. (Sogama) para o ano 2026 e a contía do canon unitario reducido.

Antecedentes:

Primeiro. A disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014 estableceu unha garantía de sustentabilidade financeira do sistema promovido pola Administración autonómica para a xestión institucional dos residuos domésticos en Galicia.

Coa finalidade de garantir a devandita sustentabilidade estableceu no seu punto dous unha actualización anual do canon unitario de tratamento por tonelada no mes de xaneiro conforme o índice de prezos ao consumo.

Segundo. Mediante a Resolución do 20 de xaneiro de 2025, da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, emitida ao abeiro do punto dous da disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, e publicada no Diario Oficial de Galicia número 13, do 21 de xaneiro de 2025, fíxose público o importe do canon unitario que vai percibir a Sociedade Galega de Medio Ambiente, S.A. (Sogama) pola xestión de residuos domésticos ou urbanos para o ano 2025, que se fixa na suma de 108 euros por tonelada máis IVE de residuos xestionada, a teor do punto tres da disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, polas circunstancias excepcionais de sustentabilidade financeira do sistema nese momento.

Terceiro. O punto tres.bis da disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, na modificación operada polo artigo 35 da Lei 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, establece a posibilidade de establecer un canon reducido para a súa aplicación a aquelas entidades locais que cumprisen os requisitos establecidos no dito punto tres.bis. A finalidade do dito canon reducido é a de reducir os efectos negativos da xeración e xestión dos residuos na saúde humana e no ambiente.

Fundamentos xurídicos:

I. O Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; o Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia; e o Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, configuran esta consellería como o órgano da Administración da Comunidade Autónoma con competencias e funcións en materia, entre outras, de ambiente e atribúe á Dirección Xeral de Calidade e Sostibilidade Ambiental, ben directamente ou a través das súas dependencias subordinadas, funcións e competencias en materia de avaliación e control do impacto no ambiente causado pola actividade humana e a promoción de sistemas e estratexias corrixir a dita incidencia, incluíndo diversas atribucións en materia de residuos.

II. A disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, sinala que o sistema promovido pola Administración autonómica para a xestión institucional dos residuos domésticos, xestionado pola Sociedade Galega de Medio Ambiente, S.A. (Sogama) ao abeiro da Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia, constitúe un modo de xestión colectiva dos residuos municipais cuxa finalidade de interese xeral é a de conseguir, en cooperación coas entidades locais adheridas ao sistema, o mellor resultado ambiental global no tratamento dos residuos domésticos, buscando a máxima eficiencia no uso dos recursos públicos.

A citada disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, establece como unha das súas finalidades alcanzar un custo homoxéneo e o máis reducido posible para todas as entidades locais adheridas ao sistema.

O punto dous da devandita disposición fixou o canon unitario de tratamento por tonelada de residuos que deberá percibir a citada entidade e sinala que este se actualizaría anualmente no mes de xaneiro conforme o índice de prezos ao consumo, publicándose a súa contía no Diario Oficial de Galicia.

III. Da cordo co establecido no punto tres.bis da disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, na modificación operada polo artigo 35 da Lei 5/24, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas e coa finalidade de reducir os efectos negativos da xeración e xestión dos residuos na saúde humana e no ambiente, poderase establecer un canon unitario por tonelada de contía reducida, ligado ao cumprimento por parte das entidades locais que o soliciten dun dos seguintes requisitos:

a) Diminuír a entrega de residuos correspondentes á fracción resto nun mínimo dun 1,00 % respecto dos entregados no ano inmediatamente anterior.

b) Incrementar nun mínimo do 3 % respecto do exercicio inmediatamente anterior as toneladas procedentes da recollida selectiva de residuos de envases no contedor amarelo ou de biorresiduos de orixe doméstica no contedor marrón.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Facer público o importe do canon unitario por tratamento de residuos domésticos aplicable durante o ano 2026, no marco do sistema promovido pola Xunta de Galicia para a xestión institucional dos residuos de competencia municipal e xestionado pola Sociedade Galega de Medio Ambiente, S.A. (Sogama), que se fixa en 111,13 euros por cada tonelada de residuos domésticos xestionada, máis o incremento correspondente ao imposto sobre o valor engadido.

Establecer un canon de contía reducida, que se fixa en 97,76 euros por cada tonelada de residuos domésticos xestionada, máis o incremento correspondente ao imposto sobre o valor engadido, condicionado ao cumprimento do establecido no punto tres.bis da disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, na modificación operada polo artigo 35 da Lei 5/24, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2026

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático