DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Xoves, 5 de febreiro de 2026 Páx. 10727

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 21 de xaneiro de 2026 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da axuda económica, a través da Tarxeta Benvida, nos supostos de xestación, nacemento, adopción, garda con fins adoptivos ou acollemento familiar permanente no ano 2026, e se procede á súa convocatoria (código do procedemento BS403B).

BDNS (Identif.): 884691.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/884691

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias desta axuda aquelas persoas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que dispoñan de documento nacional de identidade (DNI) ou número de identidade de estranxeiro/a (NIE) e que se atopen nun dos seguintes supostos:

a) Atoparse na semana 21 ou posterior de xestación entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2026.

b) Ter fillas ou fillos nados/as entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2026.

c) Ter constituída a adopción, acollemento familiar permanente ou ser declarado/a en situación de garda con fins adoptivos dun o máis menores de ata tres anos de idade entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2026.

2. Así mesmo, poderán beneficiarse da axuda as galegas e galegos e os seus descendentes que se atopen en calquera dos dous supostos anteriores e, tendo residido fóra de España, retornen a Galicia durante o ano 2026.

3. Non poderán ser beneficiarias as persoas privadas ou suspendidas total ou parcialmente da patria potestade dos/das seus/súas fillos/as, mediante resolución xudicial firme, ou cuxa tutela ou garda fose asumida polos órganos competentes en materia de protección de menores.

Segundo. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases polas que se rexerá a concesión dunha axuda económica para as familias que no ano 2026 teñan un/unha fillo/a, adopten, sexan declaradas en situación de garda con fins adoptivos ou acollan de xeito permanente a un ou máis menores de ata tres anos de idade e para aqueloutras que teñan dereito ás contías reguladas no artigo 4.2, así como para aquelas mulleres que no ano 2026 se atopen na semana 21 ou posterior de xestación.

2. Así mesmo, é obxecto da orde proceder á súa convocatoria para o ano 2026 (código do procedemento BS403B).

3. A axuda farase efectiva a través da Tarxeta Benvida, a cal só poderá ser utilizada en oficinas de farmacia, parafarmacias, ópticas, librarías, supermercados, tendas de alimentación e establecementos de puericultura ou especializados en artigos e produtos para a infancia que teñan establecemento aberto no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 21 de xaneiro de 2026 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da axuda económica, a través da Tarxeta Benvida, nos supostos de xestación, nacemento, adopción, garda con fins adoptivos ou acollemento familiar permanente no ano 2026, e se procede á súa convocatoria (código do procedemento BS403B).

Cuarto. Financiación

1. Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de 31.993.512,00 €, dos cales 5.450.912,00 € imputaranse á aplicación orzamentaria 08.02.312B.480.13 e 2.091.718,00 € á aplicación orzamentaria 08.02.312B.480.11, distribuído nas seguintes cinco anualidades:

Ano 2026

Ano 2027

Ano 2028

Ano 2029

Ano 2030

7.542.630,00 €

12.671.461,00 €

8.045.360,00 €

3.674.061,00 €

60.000,00 €

2. O crédito final resultante destinado a estas axudas poderase incrementar no suposto de que sexa insuficiente para atender a todas as solicitudes recibidas que cumpran os requisitos establecidos nesta orde. Este crédito poderá ser ampliado cando o aumento veña derivado dalgún dos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento de crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade deste como consecuencia das circunstancias sinaladas no antedito artigo.

Quinto. Contía da axuda

1. Con carácter xeral, a contía total da axuda é de 1.200,00 € por cada fillo ou filla durante un ano, a razón de 100,00 €/mes. No suposto de que o fillo ou filla que dá dereito á axuda sexa o terceiro/a ou sucesivo/a da unidade familiar a contía da axuda será de 2.400,00 €, a razón de 200,00 €/mes. Esta axuda farase efectiva do seguinte xeito:

a) Ano 2026: un único pagamento coa contía que corresponda en función do mes de nacemento ou, de ser o caso, do ditado da resolución de adopción, de garda con fins adoptivos ou de acollemento familiar permanente dun o máis menores de ata tres anos de idade ou da data de presentación da solicitude, no suposto de que esta fose presentada durante o embarazo e ata o mes de decembro, incluído.

b) Ano 2027: un único pagamento coa contía que corresponda desde xaneiro e ata o mes anterior ao que o neno ou nena faga un ano ou ata o mes anterior a que se cumpra un ano do ditado da correspondente resolución para os supostos de adopción, de garda con fins adoptivos ou de acollemento familiar permanente dun o máis menores de ata tres anos de idade ou ata o mes anterior a que se cumpra un ano da presentación da solicitude no suposto de que esta fose presentada durante o embarazo.

2. Aquelas familias con renda igual ou inferior a 22.000,00 € terán dereito a unha axuda complementaria no segundo ano de vida e ata que o neno ou nena faga tres anos, ou ata que se cumpran tres anos do ditado da correspondente resolución para os supostos de adopción, garda con fins adoptivos ou de acollemento familiar permanente dun o máis menores de ata tres anos de idade nas seguintes contías:

a) 600,00 €/ano, se o/a fillo/a que dá dereito á axuda é o primeiro.

b) 1.200,00 €/ano, se o/a fillo/a que dá dereito á axuda é o segundo.

c) 2.400,00 €/ano, se o/a fillo/a que dá dereito á axuda é o terceiro ou sucesivos.

Estas contías faranse efectivas en pagamentos anuais sucesivos co importe que corresponda ata o mes de decembro do exercicio en curso en función do mes de nacemento, ou da data de resolución de adopción, de garda con fins adoptivos ou de acollemento familiar permanente dun o máis menores de ata tres anos de idade polo que se concedeu a axuda ou da presentación da solicitude no suposto de que esta fose presentada durante o embarazo.

3. As contías previstas nos números 1 e 2 incrementaranse un 25 % no suposto de residencia en concellos cunha poboación inferior a 5.000 habitantes segundo os últimos datos oficiais de poboación de carácter definitivo publicados polo Instituto Galego de Estatística na data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

4. Excepcionalmente, a axuda poderá percibirse ata un ano máis sempre que a unidade familiar estea declarada, polo órgano dos servizos sociais comunitarios básicos, en situación de especial vulnerabilidade, non perciban unha prestación de apoio á renda e, téndoa solicitado, non tivesen aínda acceso á ela, e así o soliciten dentro dos dous (2) meses anteriores á data en que o neno ou nena cumpra os tres anos.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será de dous (2) meses contados desde o día seguinte a aquel en que se produce o nacemento ou se dite a resolución administrativa ou xudicial para os supostos de adopción, garda con fins adoptivos ou acollemento familiar permanente. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día do nacemento ou do día no que se ditou a resolución de adopción, de garda con fins adoptivos ou de acollemento familiar permanente.

No suposto de muller xestante, en calquera momento do ano 2026 sempre que supere as 21 semanas de xestación.

No suposto de que a persoa solicitante sexa emigrante retornada a Galicia en 2026 e sempre que o fillo ou filla nacera no dito ano 2026, o prazo será de tres (3) meses que se contará a partir do día seguinte a aquel que conste na documentación que acredite, fidedignamente, a data de retorno a España. Así mesmo, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal da data que figure na dita documentación acreditativa.

Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao seguinte día hábil e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

2. No suposto excepcional de ampliación da axuda ata un ano máis previsto no artigo 4.4 a comunicación da situación de especial vulnerabilidade, anexo III, realizarase dentro dos dous (2) meses anteriores á data na que o neno ou nena faga os tres anos.

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2026

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade