DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Venres, 6 de febreiro de 2026 Páx. 11239

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

ORDE do 23 de xaneiro de 2026 pola que se modifica a autorización do centro privado estranxeiro Coruña British School, da Coruña.

Mediante a Orde da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional do 20 de xuño de 2019, autorizouse ao centro privado estranxeiro Coruña British School, da Coruña, para impartir ensinanzas do currículo nacional de Inglaterra, para alumnado español e estranxeiro, prorrogada mediante distintas ordes desta consellería.

A titularidade do centro educativo solicita a modificación da autorización e achega un certificado de acreditación do British Council, no que consta que reúne os requisitos para impartir Nursery (3 a 4 anos) a Year 6 (10 a 11 anos) con capacidade para 400 alumnos/as e con validez ata 28 de abril de 2029; de Year 7 (de 11 a 12 anos) a Year 9 (de 13 a 14 anos) con capacidade para 125 alumnos/as e con validez ata o 12 de xuño de 2027; de Year 10 (de 14 a 15 anos) ata Year 11 (15 a 16 anos) con capacidade para 75 alumnos/as e válido ata o 28 de abril de 2029; e Year 12 (de 16 a 17 anos) con capacidade para 25 alumnos/as e válido ata o 29 de setembro de 2026, do currículo nacional de Inglaterra.

Logo da tramitación do expediente de acordo co establecido no Real decreto 806/1993, do 28 de maio, sobre réxime de centros docentes estranxeiros en España, así como no Decreto 133/1995, do 10 de maio, de autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias, e coa Orde do 20 de setembro de 1995 que o desenvolve, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Artigo 1. Modificación da autorización

Modificar a autorización do centro privado estranxeiro Coruña British School, conforme a seguinte configuración:

Denominación xenérica: centro privado estranxeiro (CPREX).

Denominación específica: Coruña British School.

Código do centro: 15032984.

Titular: O Castro British School A Coruña, S.L.

Enderezo: r/ Roma, nº 1.

Localidade: A Coruña.

Concello: A Coruña.

Código postal: 15008.

Provincia: A Coruña.

Ensinanzas que se autorizan do sistema educativo do Reino Unido a alumnado español e estranxeiro, para un total de 625 alumnos/as:

• Nursery (de 3 a 4 anos) a Year 6 (de 10 a 11 anos), ata o 28 de abril de 2029, para 400 alumnos/as.

• Year 7 (de 11 a 12 anos) a Year 9 (de 13 a 14 anos), ata o 12 de xuño de 2027, para 125 alumnos/as.

• Year 10 (de 14 a 15 anos) a Year 11 (15 a 16 anos), ata o 28 de abril de 2029, para 75 alumnos/as.

• Year 12 (de 16 a 17 anos), ata o 29 de setembro de 2026, para 25 alumnos/as.

Artigo 2. Ensinanzas de lingua e cultura

O centro deberá complementar as ensinanzas autorizadas, de niveles equivalentes aos obrigatorios do sistema educativo español con ensinanzas de lingua española e de lingua galega, que deberán impartirse co mesmo deseño e horario establecidos nos correspondentes decretos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, a cultura española deberá desenvolver os contidos esenciais da correspondente área de coñecemento, recollidos na norma reguladora das ensinanzas.

Artigo 3. Requisitos do profesorado

O profesorado que imparta as ensinanzas mencionadas no artigo 2 deberá reunir os requisitos de titulación requiridos pola lexislación española para o nivel educativo, e terá os dereitos e as obrigas que determina o artigo 12 do Real decreto 806/1993, do 28 de maio, sobre réxime de centros docentes estranxeiros en España.

O Departamento Territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Coruña, logo do informe do Servizo Territorial de Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que imparta estas materias.

Artigo 4. Validez da autorización

A autorización a que fai referencia o artigo 1 desta orde terá validez ata a próxima inspección por parte do British Council, que terá lugar non máis tarde das seguintes datas: de Nursery a Year 6, o 28 de abril de 2029; de Year 7 a Year 9, o 12 de xuño de 2027; de Year 10 a Year 11, o 28 de abril de 2029; e Year 12, o 29 de setembro de 2026.

Artigo 5. Inscrición no rexistro

Esta orde dará lugar á correspondente inscrición no Rexistro de Centros da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 6. Obrigas do centro

O centro queda obrigado ao cumprimento da normativa vixente e sometido á inspección educativa da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, de conformidade co establecido no artigo 9 do Real decreto 806/1993, do 28 de maio, así como a solicitar unha nova autorización e inscrición no caso de que se produza calquera variación nos elementos e nas circunstancias que dan lugar a esta autorización.

Disposición derradeira primeira. Recursos

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben, directamente, o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2026

Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia,
Universidades e Formación Profesional