DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 18 de febreiro de 2026 Páx. 13614

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 4 de febreiro de 2026 pola que se convocan cursos titorizados en liña con aproveitamento activo e avaliación continua, para a obtención da certificación galega en competencias dixitais (ComDix), no seu nivel de iniciación.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, na súa calidade de ente público instrumental do sector público, ten entre as súas funcións, promover un contexto dixital no cal a cidadanía poida acadar, actualizar e mellorar as súas competencias dixitais, en consonancia cos cambios e usos tecnolóxicos que se integran na sociedade.

Para tal fin, e tendo como referencia o Marco europeo de competencias dixitais na súa versión DigComp 2.2, o Decreto 123/2021, do 2 de setembro, regulou o Marco galego de competencias dixitais de Galicia e a certificación galega en competencias dixitais, de conformidade co disposto na Lei 4/2019, do 17 de xullo, de Administración dixital de Galicia, coa finalidade de acadar unha cidadanía dixitalmente responsable nun contorno en que, cada vez máis, se require o uso da tecnoloxía case a diario.

O artigo 3 do citado Decreto 123/2021 establece que o desenvolvemento específico das dimensións e especializacións do marco en función dos grupos destinatarios incluirase no documento de Bases para o desenvolvemento do Marco galego de competencias dixitais.

O 11 de setembro de 2023 aprobouse unha primeira versión do documento de bases, no que se identifica a realización de cursos con aproveitamento activo e avaliación continua como unha das vías para obter o certificado galego en competencias dixitais (ComDix). Actualmente, na súa terceira versión, aprobada o 30 de xuño de 2025 polo Consello Reitor da Amtega, mantense esta vía de obtención.

De acordo co previsto no dito documento de bases, e no artigo 13 do Decreto 123/2021 no que se habilita e autoriza a Rede de centros para a modernización tecnolóxica de Galicia (denominada coma rede CeMIT) para a formación e a avaliación cara á obtención da certificación galega en competencias dixitais, anúnciase a convocatoria de dous plans de actividades formativas, no seu nivel de iniciación.

De acordo co anterior,

RESOLVO:

Convocar os cursos titorizados en liña para a obtención da certificación galega en competencias dixitais (ComDix), no seu nivel de iniciación (en diante, ComDix-Iniciación) para o primeiro semestre do ano 2026, que deberán desenvolverse segundo as seguintes

BASES:

Primeira. Obxecto

Convocar os dous (2) plans de actividades formativas que se relacionan no anexo I desta convocatoria cos 7 cursos que compoñen o itinerario ComDix-Iniciación, que terán lugar na modalidade de teleformación titorizada en liña, con aproveitamento activo e avaliación continua.

As actividades formativas dos plans presentados nesta edición forman parte do itinerario ComDix-Iniciación e teñen validez para a obtención da certificación ComDix-Iniciación, unha vez completado o itinerario de 250 horas que conforma a dita certificación.

Segunda. Destinatarios e requisitos técnicos

1. Poderán participar nestas actividades formativas as persoas maiores de 16 anos ou que os cumpran antes do remate do prazo de inscrición.

2. Para o correcto seguimento destas actividades, as persoas solicitantes deberán dispor e ter acceso a:

a) Un ordenador con conexión á internet de banda larga.

b) Un navegador actualizado (recoméndase Google Chrome).

c) Acceso a unha conta de correo electrónico activa.

3. Con carácter previo á inscrición será necesario darse de alta como usuario/a da Rede CeMIT no enderezo electrónico https://aulascemit.xunta.es/usuarios, para o que será imprescindible facilitar unha conta persoal de correo electrónico.

Terceira. Solicitudes de participación e prazos de inscrición

1. As persoas solicitantes deberán inscribirse na páxina web da Rede CeMIT https://cemit.xunta.gal

2. As persoas que desexen participar nos cursos convocados deberán escoller un dos dous plans formativos A ou B, descritos no anexo I, sen opción de cambio.

3. A inscrición no Plan formativo A é incompatible coa inscrición en calquera dos cursos individuais incluídos no Plan formativo B.

As persoas que figuren inscritas nos dous plans ao remate do prazo de inscrición serán excluídas automaticamente de ambos os dous plans.

4. O prazo para a inscrición no Plan formativo A ou B será de dez (10) días naturais a partir do seguinte as da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Cuarta. Criterios de selección

1. Se existisen máis solicitudes que o número de prazas dispoñibles distribuiranse correlativamente entre as persoas solicitantes. A orde de asignación será o resultado dun sorteo público, que se realizará unha vez finalizado o prazo de inscrición.

2. Para elaborar a listaxe tomarase a data e a hora de rexistro no sistema e asignarase o número un (1) á primeira persoa solicitante e así sucesivamente ata a última rexistrada.

3. Realizarase un sorteo a través dunha aplicación informática que seleccionará aleatoriamente un único número de entre os que integran a lista de solicitantes do punto anterior. Este número corresponderá ao día, á hora e ao minuto concreto en que se realizou a inscrición.

4. As prazas adxudicaranse a partir da solicitude correspondente co número determinado no parágrafo anterior da lista previamente ordenada e continuarase, ata esgotar as prazas vacantes, para aquelas solicitudes ás cales correspondan os seguintes números segundo a orde ascendente da serie numérica.

5. Para os efectos do número anterior, no caso de finalizar a lista sen cubrir o número total de prazas dispoñibles, continuarase desde o seu comezo.

6. Os resultados do sorteo publicaranse na web da Rede CeMIT para a súa consulta pública (https://cemit.xunta.gal).

Quinta. Publicación da listaxe de persoas admitidas e reservas

1. Unha vez que finalice o prazo de inscrición, e aplicados os criterios de selección que se recollen na base cuarta, publicarase a relación provisional de persoas admitidas na páxina web da Rede CeMIT (https://cemit.xunta.gal), así como un número adecuado de reservas.

2. As persoas que resulten seleccionadas provisionalmente poderán comunicar a súa desistencia para participar na actividade formativa seleccionada nun prazo de dez (10) días naturais desde a publicación da listaxe provisional. Esta renuncia deberá comunicarse por correo electrónico ao enderezo titoria-cemit@xunta.gal

3. No caso de non rexeitala expresamente, entenderase que a persoa seleccionada acepta participar na actividade formativa para a cal foi admitida provisionalmente.

4. A Rede CeMIT publicará na súa web https://cemit.xunta.gal a listaxe definitiva de persoas admitidas en cada unha das actividades formativas, que incluirá a relación de persoas en reserva que finalmente obtiveron praza tras a renuncia daquelas seleccionadas provisionalmente. Contra esta listaxe poderase interpor recurso de alzada no prazo dun (1) mes desde a devandita publicación, de conformidade co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sexta. Penalizacións

As persoas que obtiveron praza na listaxe definitiva en calquera dos plans formativos convocados nesta resolución que ao finalizar non completen o 50 % das actividades e tarefas propostas, pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas relativas á certificación en competencias dixitais-ComDix convocadas pola Rede CeMIT que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro dos 12 meses seguintes contado a partir do día da finalización do curso activo.

Non se aplican as penalizacións detalladas no parágrafo anterior cando o abandono do curso teña algunha das seguintes causas xustificadas: hospitalización, nacemento ou adopción, falecemento dun familiar ata o segundo grao de consanguinidade ou primeiro de afinidade, obrigas públicas ineludibles e outras de carácter igualmente excepcional e se notifique por correo electrónico ao enderezo titoria-cemit@xunta.gal

Sétima. Modalidade da formación, avaliación e certificación

1. Modalidade.

Os dous plans formativos desenvolveranse na modalidade de teleformación titorizada, con aproveitamento activo e avaliación continua, a través da plataforma de teleformación da rede CeMIT.

2. Superación dos plans formativos.

Para superar cada un dos bloques temáticos do Plan formativo A e cada un dos cursos individuais do Plan formativo B, será necesario cumprir os seguintes requisitos:

a) Obter a cualificación de «Apto» en todas as actividades propostas nos plans formativos. A non superación das actividades obrigatorias suporá a perda automática do dereito a participar no cuestionario final de cada bloque, que se realizará en liña.

b) Superar o cuestionario final de cada bloque ou curso individual que, para estes efectos, se estableza. Só terá acceso o alumnado que teña as actividades anteriores cualificadas como aptas. O alumnado disporá de dous intentos e deberá responder correctamente, como mínimo, o 50 % das preguntas da proba. As respostas incorrectas non penalizarán.

3. Diplomas de aproveitamento.

Tras a superación do Plan formativo A expedirase un diploma de aproveitamento do curso, como acreditación da formación das 250 horas lectivas, así como a expedición do certificado de competencias dixitais ComDix-Iniciación, que será emitido de oficio pola Amtega.

Tras a superación de cada un dos cursos do Plan formativo B, o alumnado recibirá un diploma de aproveitamento do curso superado indicando as horas lectivas que correspondan.

Os diplomas emitidos en ambos os plans formativos teñen validez para a obtención da certificación ComDix-Iniciación, segundo as condicións establecidas no Marco Galego de competencias dixitais e o seu documento de bases.

Oitava. Exención do pagamento de taxas

Segundo o establecido no artigo 23.10 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exencións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 240, do 11 de decembro), referente ás exencións de taxas por servizos administrativos, a matriculación nesta convocatoria estará exenta do pagamento de taxas.

Novena. Facultades da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

1. Resolver aquelas incidencias que se poidan producir no desenvolvemento e na xestión das actividades formativas e de certificación. Así mesmo, correspóndelle dispor o necesario para a execución e o cumprimento desta resolución.

2. Expedir a certificación galega de competencias dixitais a todas aquelas persoas que completen o itinerario formativo completo, segundo as condicións establecidas no Marco galego de competencias dixitais e o seu documento de bases.

Décima. Notificacións

1. As persoas que superen a totalidade do itinerario formativo serán notificadas preferentemente por medios electrónicos, e poderán decidir e comunicar en calquera momento que as sucesivas notificacións se realicen ou se deixen de realizar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema enviaralles ás persoas interesadas avisos da dispoñibilidade das notificacións mediante un correo electrónico dirixido ao enderezo de correo electrónico incluída na solicitude para os efectos de notificación.

3. As notificacións realizadas por medios electrónicos consideraranse realizadas no momento de acceder ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa obrigatoria ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, considerarase rexeitada cando transcorran dez días naturais desde que se puxo á disposición a notificación sen acceder ao seu contido.

4. Se por problemas técnicos non for posible o envío da notificación electrónica, a Administración xeral e o sector público autonómico de Galicia realizarán a notificación polos medios previstos na normativa que regula o procedemento administrativo común.

Undécima. Información sobre protección de datos persoais

1. Os datos persoais recollidos neste procedemento serán tratados na súa calidade de responsable pola Xunta de Galicia-Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia coa finalidade de levar a cabo a tramitación desta convocatoria de cursos titorizados, e as persoas interesadas serán informadas sobre o seu desenvolvemento e a expedición de certificados de uso.

2. O tratamento de datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, de conformidade co disposto na Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, e no Decreto 123/2021, do 2 de setembro, polo que se regula o Marco galego de competencias dixitais e a Certificación galega en competencias dixitais, nesta convocatoria e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

3. Os datos poderán ser comunicados a terceiros colaboradores para a titorización da acción formativa e a expedición do certificado de competencias dixitais, coa finalidade de informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento e xestionar a súa expedición e arquivo. Determinados datos tamén poderán ser comunicados a entidades que colaboren na supervisión e na xestión de probas de coñecementos ou de avaliación, para que non se cometan irregularidades.

4. Para dar a publicidade requirida ao procedemento, de acordo co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os datos identificativos das persoas interesadas publicaranse de conformidade co que se describe nesta resolución a través dos distintos medios de comunicación institucional de que dispón a Xunta de Galicia, tales como xornais oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

5. As persoas interesadas poderanlle solicitar ao responsable o acceso, a rectificación e a supresión dos seus datos, así como exercer outros dereitos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, persoalmente ou nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explícita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

6. Información adicional e contacto co delegado de protección de datos en: https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2026

Damián Rey Rodríguez
Director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

ANEXO I

As actividades formativas desta convocatoria estrutúranse en dous plans formativos diferentes de participación dentro do itinerario de competencias dixitais ComDix-Iniciación, co obxectivo de adaptarse ás distintas necesidades das persoas interesadas.

Todas estas actividades desenvolveranse na modalidade de teleformación titorizada, con aproveitamento activo e avaliación continua, a través da plataforma de teleformación da rede CeMIT.

1. Plan formativo A:

Curso completo para a obtención da certificación galega en competencias dixitais ComDix-Iniciación

Número de prazas: 150

Data de realización: dará comezo o 16 de marzo e rematará o 29 de xuño de 2026, como data límite.

Consiste nunha acción formativa pechada, composta por 7 bloques temáticos consecutivos, que deben cursarse na súa totalidade.

O alumnado terá acceso aos contidos de forma graduada segundo vaia finalizando os bloques temáticos.

Superado o programa completo de 250 horas lectivas, a persoa terá dereito a obter a certificación ComDix-Iniciación, segundo o recollido na base sétima, punto 3.

Plan formativo A: Programa para a Certificación Galega en Competencias Dixitais ComDix-Iniciación

Bloque temático 0: Empezamos! Que nivel de competencias teño? Introdución ao Marco galego de competencias dixitais.

Bloque temático 1: Coñece a contorna dixital.

Bloque temático 2: Ten a información dixital sempre á man; buscar, seleccionar e gardar.

Bloque temático 3: Tecnoloxías dixitais para conversar, compartir e colaborar.

Bloque temático 4: Participa na sociedade dixital; as vantaxes da administración electrónica.

Bloque temático 5: Crea contidos dixitais con ferramentas ofimáticas e multimedia.

Bloque temático 6: Atopa o benestar dixital; tecnoloxía con «sentidiño».

2. Plan formativo B:

Cursos ComDix-Iniciación independentes.

Número de prazas: 60 por cada curso.

Está formado polos mesmos 7 bloques temáticos que compoñen o itinerario ComDix- Iniciación, pero convocados e cursados de maneira independente.

Nesta modalidade, as persoas interesadas poden inscribirse no curso ou cursos que desexen, sen limitación de número nin de seguir unha orde determinada.

Segundo o recollido na base sétima, punto 3, tras a superación de cada un destes cursos, a persoa recibirá un diploma de aproveitamento do curso superado no que se indican as horas lectivas que correspondan.

Plan formativo B: Cursos ComDix-Iniciación independentes

Curso

Duración

(horas)

Número de prazas

Datas realización

Empezamos

10

Sen límite (*)

Do 23 de marzo ao 29 de xuño

ComDix I: Coñece a contorna dixital

30

60

Do 23 de marzo ao 22 de abril

ComDix II: Ten a información dixital sempre a man

30

60

Do 23 de marzo ao 22 de abril

ComDix III: Tecnoloxías dixitais para conversar, compartir e colaborar

40

60

Do 13 de abril ao 18 de maio

ComDix IV: Participa na sociedade dixital

50

60

Do 13 de abril ao 18 de maio

ComDix V: Crea contidos dixitais

50

60

Do 21 de maio ao 29 de xuño

ComDix VI: Atopa o benestar dixital

40

60

Do 21 de maio ao 29 de xuño

(*) O curso de introdución «Empezamos» terá matrícula libre durante todo o período de vixencia desta convocatoria.