DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Xoves, 19 de febreiro de 2026 Páx. 13796

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

EXTRACTO da Resolución do 2 de febreiro de 2026, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións correspondentes aos programas de apoio infraestrutural e adquisición de equipamentos ás entidades galegas no exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento PR924C).

BDNS (Identif.): 887151.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/887151

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas nesta convocatoria as entidades galegas inscritas no Rexistro da Galeguidade en calquera das categorías que figuran da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, sempre que conste no dito rexistro a realización de accións que potencien os vínculos con Galicia durante a última anualidade. No caso de federacións de comunidades e/ou entidades, deben contar con local social diferenciado do das entidades asociadas.

2. Para os efectos do previsto no artigo 10.2.f) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dada a natureza das subvencións reguladas na presente convocatoria e que as beneficiarias son entidades galegas sen fin de lucro, quedan exceptuadas da prohibición de recibir as ditas axudas as entidades que teñan a residencia fiscal nos territorios identificados regulamentariamente como paraísos fiscais, sempre que acrediten o cumprimento dos requisitos exixidos para acceder á condición de beneficiarias da subvención de que se trate.

Segundo. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases que regularán o procedemento de concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, ás entidades galegas no exterior, para a realización dos seguintes programas (código de procedemento PR924C):

– Programa A. Axudas para obras, adquisición de instalacións e conservación do patrimonio cultural.

– Programa B. Axudas para a mellora de dotacións e equipamentos de carácter inventariable.

2. Así mesmo, ten por obxecto convocar as devanditas subvencións para o ano 2026.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 2 de febreiro de 2026, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións correspondentes aos programas de apoio infraestrutural e adquisición de equipamentos ás entidades galegas no exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento PR924C).

Cuarto. Importe

Para a concesión das subvencións previstas nesta resolución destinarase un crédito total de 635.000 € con cargo á aplicación orzamentaria 14.05.312C.781.0 Axudas para a conservación, obras, equipamentos e infraestrutura das súas instalacións, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026. Excepcionalmente, poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles nas circunstancias sinaladas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. De acordo co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último do mes.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2026

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración