O Instituto Galego da Vivenda e Solo é o organismo autónomo encargado da realización das políticas de vivenda e solo na Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de acadar os obxectivos previstos na Lei 3/1988, do 27 de abril, da súa creación. Dentro das funcións e dos obxectivos previstos do Instituto Galego da Vivenda e Solo está a promoción pública de vivendas de protección, así como garantir os dereitos dunha vivenda digna e adecuada, especialmente para os sectores da poboación con menos capacidade económica.
Para fomentar a mellora dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, faise necesario incentivar actuacións de reparación, rehabilitación e adaptación, mediante subvencións ás súas comunidades de propietarios/as, coas cales poidan acometer as obras necesarias para a súa adecuación aos requisitos de funcionalidade, seguridade, habitabilidade e accesibilidade.
Para estes fins, e de acordo co marco normativo establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presidenta do citado organismo ditou a Resolución do 22 de abril de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas ás comunidades de propietarios/as para a reparación, a rehabilitación e/ou a adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos por este instituto, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento VI420A).
Co fin de que estas comunidades poidan continuar acometendo as obras necesarias, realízase unha nova convocatoria e, en consecuencia co anterior, no exercicio das facultades que teño atribuídas polo Decreto 143/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego de Vivenda e Solo,
RESOLVO:
CAPÍTULO I
Disposicións xerais
Primeiro. Obxecto
Esta resolución ten por obxecto convocar para o exercicio 2026, con financiamento plurianual e en réxime de concorrencia competitiva, axudas ás comunidades de propietarios/as para a reparación, a rehabilitación e/ou a adaptación dos edificios de vivendas sometidas ao réxime de protección e promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), que teñan máis de dez anos de antigüidade, así como aqueles en que o dito réxime se extinguise nos tres anos anteriores á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes previsto na correspondente convocatoria de axudas.
Segundo. Bases reguladoras
As bases reguladoras desta convocatoria de axudas rexeranse polo disposto na Resolución do 22 de abril de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas ás comunidades de propietarios/as para a reparación, a rehabilitación e/ou a adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos por este instituto e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento VI420A), publicada no Diario Oficial de Galicia número 87, do 8 de maio.
Polo tanto, para o non previsto expresamente nesta convocatoria, será de aplicación o disposto na citada resolución de bases.
Terceiro. Aplicación orzamentaria e contía
1. O importe máximo das subvencións reguladas nesta resolución instrumentarase financeiramente con cargo ao proxecto 2002 06712 e á aplicación 2026 11 81 451A 781.0 dos orzamentos do IGVS. A contía será de 1.000.000 de euros, repartidos en 20.000 euros na anualidade 2026 e 980.000 euros na anualidade 2027.
2. Excepcionalmente, a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderá incrementar o crédito orzamentario destinado a estas axudas, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia (RLSG).
Cuarto. Órganos competentes
1. A instrución dos procedementos corresponderalles ás xefaturas de área do IGVS da provincia onde se encontre o edificio.
2. A resolución sobre a concesión das axudas solicitadas é competencia da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.
3. Co obxecto de realizar a selección das entidades beneficiarias, constituirase unha comisión de selección, presidida pola persoa titular da Secretaría Xeral do IGVS e da cal tamén formarán parte, en condición de vogais, as persoas titulares das seguintes unidades:
– Dirección Técnica Edificación e Calidade, quen realizará as funcións da Secretaría.
– Servizo de Patrimonio.
– Servizo de Calidade.
– Xefaturas do Servizo Técnico das Áreas provinciais do IGVS.
– Directores territoriais ou persoas nas cales deleguen.
4. O funcionamento da Comisión de Valoración axustarase ao réxime establecido para os órganos colexiados na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
Quinto. Entidades beneficiarias
1. Poderán ter a condición de entidades beneficiarias destas subvencións as comunidades de propietarios/as ou agrupacións de comunidades dos edificios de vivendas que estean recollidos no ámbito de aplicación, sempre que non recibisen outra axuda do IGVS para a realización de obras do mesmo concepto nos dez anos inmediatamente anteriores ao da convocatoria correspondente e, ademais, cumpran cos seguintes requisitos:
a) Que sexan seleccionadas conforme a prelación realizada en aplicación do baremo de criterios de valoración previstos nesta resolución e conforme a disposición orzamentaria existente.
b) Que o seu edificio reúna as necesarias condicións de seguridade estrutural. De non ser este o caso, a entidade solicitante deberá acreditar a realización simultánea das obras que garantan que o edificio terá as condicións necesarias de seguridade estrutural.
c) Que non estean incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei de subvencións de Galicia (LSG).
2. As persoas integrantes da entidade beneficiaria que participen no custo das obras subvencionables terán a consideración de perceptoras desta axuda na mesma proporción que a cota de participación establecida para o custo das obras.
Sexto. Actuacións subvencionables
1. Consideraranse actuacións subvencionables todas aquelas obras destinadas á reparación, rehabilitación e/ou adaptación dos edificios incluídos no ámbito de aplicación desta resolución, que comprendan todas ou algunhas das seguintes actuacións:
a) Adecuación das condicións de seguridade: obras que lle proporcionen ao edificio condicións de seguridade estrutural ou construtiva, de xeito que garantan a súa estabilidade, resistencia e solidez, seguridade contra incendios, así como obras de seguridade fronte a posibles accidentes ou sinistros.
b) Adecuación das condicións de habitabilidade: obras que lle proporcionen ao edificio estanquidade fronte á choiva e á humidade, illamento térmico e acústico ou mellora das instalacións de calefacción.
c) Adecuación funcional: obras que lle proporcionen ao edificio mellora dos accesos aos servizos xerais de auga, gas, electricidade, telefonía, saneamento, etc., así como a adecuación destas obras á correspondente normativa.
d) Adecuación das condicións de accesibilidade: obras de supresión de barreiras arquitectónicas, tales como instalación de ascensores, ramplas ou outros dispositivos de accesibilidade, incluíndo os adaptados ás necesidades de persoas con discapacidade sensorial.
2. Estas actuacións deberán axustarse á normativa técnica aplicable vixente no momento da súa execución.
3. As actuacións subvencionables poderán estar iniciadas no momento de solicitar esta subvención, pero non poderán estar finalizadas nin ter a totalidade dos gastos pagados.
Sétimo. Orzamento subvencionable
1. O orzamento subvencionable virá definido polo custo total das actuacións subvencionadas solicitadas, que estará integrado polo custo das obras, o custo dos honorarios facultativos, o IVE correspondente, así como o custo das licenzas e tributos satisfeitos que sexan precisos por razón das actuacións.
2. Para os efectos do orzamento subvencionable, establécense como prezos máximos para a redacción do orzamento de execución material os das distintas partidas da base de datos da construción de Galicia, vixentes no momento da apertura do prazo de presentación de solicitudes. Para as partidas non incluídas na base de datos, determinaranse os prezos por asimilación a outras partidas semellantes da base de datos. Subsidiariamente, requirirase a conformidade dos servizos técnicos do IGVS. O acceso á dita base de datos pódese facer na páxina do IGVS, a través da seguinte ligazón: https://igvs.xunta.gal/base-datos-construccion.
Oitavo. Intensidade da subvención
A intensidade da axuda desta convocatoria será dun importe total correspondente ao 60% do orzamento subvencionable e ata un importe máximo que resulte de multiplicar o número de vivendas existentes no edificio por 6.000 euros.
Noveno. Procedemento de concesión
O procedemento de concesión desta axuda tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e iniciarase de oficio mediante a publicación da correspondente convocatoria, ata esgotar o crédito dispoñible previsto nesa convocatoria.
Décimo. Criterios de valoración das solicitudes admitidas
1. Para os efectos da concesión da subvención, as solicitudes presentadas valoraranse de acordo cos criterios que a continuación se sinalan:
I. Por tipo de actuacións:
a) Adecuación das condicións de seguridade, ata un máximo de 8 puntos.
b) Adecuación das condicións de habitabilidade, ata un máximo de 7 puntos.
c) Adecuación das condicións de funcionalidade, ata un máximo de 6 puntos.
d) Adecuación das condicións de accesibilidade, ata un máximo de 5 puntos.
Nas obras relativas á actuación tipo d), se no edificio viven persoas discapacitadas, con mobilidade reducida ou maiores de 65 anos, incrementarase a súa puntuación en 2 puntos, sempre que a entidade solicitante acredite tal circunstancia mediante documentos ou certificados oficiais.
II. Por antigüidade do edificio, segundo a data da cualificación definitiva:
– Ata 15 anos, 1 punto.
– Máis de 15 e ata 25 anos, 2 puntos.
– Máis de 25 anos, 3 puntos.
2. Non se valorarán como actuacións de seguridade estrutural aqueles traballos que, como consecuencia da realización de actuacións de habitabilidade, funcionalidade ou accesibilidade, requiran de obras de adaptación estrutural.
3. No caso de empate, a prioridade determinarase por orde da data de presentación da solicitude no Rexistro. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que esta quede validamente presentada por terse cuberto na forma correcta e ir acompañada dos documentos exixidos nesta resolución.
Décimo primeiro. Prazo de presentación das solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes desta convocatoria será de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG. Se o último día for inhábil, entenderase prorrogado o prazo ao primeiro día hábil seguinte.
Décimo segundo. Presentación da solicitude
1. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
2. De conformidade co artigo 68.4 da LPACAP, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
3. Para a presentación da solicitude poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
4. As entidades solicitantes realizarán as seguintes declaracións no anexo I da solicitude:
a) Declaración responsable de que non se lle concedeu ningunha axuda para a mesma actuación. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales e a súa contía.
b) Declaración responsable de que está ao día nas obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei de subvencións de Galicia (LSG) e o artigo 9 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia (RLSG).
c) Declaración responsable de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei de subvencións de Galicia (LSG).
d) Declaración responsable de que, no momento da presentación da solicitude, as obras para as cales solicita axuda están ou non iniciadas e, no caso de estaren iniciadas, declaración de que non están finalizadas.
e) Declaración responsable de que todos os datos da solicitude son certos.
5. Presentarase unha única solicitude por comunidade de persoas propietarias, aínda que se solicite máis dun tipo de actuación no edificio.
6. Se a solicitude non reúne os requisitos necesarios, requirirase a entidade solicitante para que no prazo de dez días emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se considerará desistida, logo de resolución ditada para o efecto.
Décimo terceiro. Documentación complementaria
1. A solicitude de axuda (anexo I), debidamente cuberta e asinada, deberá presentarse coa seguinte documentación complementaria:
a) Certificado expedido pola persoa secretaria da comunidade ou da agrupación de comunidades, no cal conste que existe acordo das persoas propietarias de solicitar esta axuda, de executar as actuacións solicitadas e do nomeamento da persoa autorizada pola comunidade para a tramitación da subvención, no caso de non ser a persoa que exerza a presidencia da comunidade.
b) Memoria descritiva das obras que se pretende executar, desagregadas por tipo de actuación. Nesta fase non será necesario presentar o proxecto ou memoria técnica. No caso de actuacións de adecuación estrutural, deberase xustificar nesta memoria a necesidade das reparacións solicitadas, así como presentar unha proposta da solución técnica que se pretende executar, asinada por facultativo/a competente.
c) Orzamento subvencionable total estimado para realizar as actuacións, incluídos o custo das obras desagregado por tipo de actuación, os honorarios facultativos, as taxas necesarias, etc.
d) Fotografías do edificio e das zonas sobre as cales se vai actuar.
e) Calquera outro documento que a entidade solicitante considere necesario como complemento da documentación anterior ou para acreditar calquera circunstancia relativa ás actuacións de accesibilidade.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
3. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos (2GB por presentación) ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos nesta resolución e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Décimo cuarto. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta ou non o autorice, de ser o caso:
– DNI /NIE da persoa representante.
– Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.
– Certificado de estar ao día no pagamento das débedas á Administración pública da Comunidade Autónoma.
– Comprobación de subvencións e axudas públicas concedidas.
– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
– NIF da entidade solicitante.
– NIF da entidade representante, se for o caso.
– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT).
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente (anexo I) e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
Décimo quinto. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Décimo sexto. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde á posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Décimo sétimo. Selección das entidades beneficiarias e documentación que cómpre presentar para a concesión
1. Unha vez preavaliadas as solicitudes de acordo cos criterios de valoración, a Comisión de Selección indicará cales son as entidades beneficiarias seleccionadas, ordenadas por prelación, en función do importe solicitado e do orzamento existente na convocatoria.
2. As entidades beneficiarias seleccionadas serán requiridas para que no prazo dun mes, contado desde a recepción da correspondente notificación, acheguen a seguinte documentación, sempre que non se presentase coa solicitude:
a) Licenza ou, no caso de non tela, solicitude desta, xunto co proxecto de execución das obras, redactado por técnico/a competente. No caso de que pola natureza ou características das obras non sexa preciso proxecto nin licenza, deberanse presentar a comunicación previa e a memoria técnica presentada ao concello.
b) Orzamentos aprobados, tanto das obras como dos honorarios facultativos e demais custos subvencionables, emitidos pola/s empresa/s encargada da execución dos traballos.
De acordo co artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia (LSG), cando o importe do gasto subvencionado supere as contías establecidas na Lei de contratos do sector público vixente para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar e presentar tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso da obra ou servizo.
c) Declaración responsable da persoa que exerce a presidencia da comunidade, respecto de se se lle solicitou ou non ao IGVS a derrama correspondente para a realización destas obras. En caso afirmativo, deberá achegar a copia do correspondente acordo da comunidade e indicar a contía solicitada e a data da súa solicitude.
3. De non se presentar a documentación requirida no prazo indicado, considerarase que a entidade solicitante desiste da súa solicitude e ditarase a correspondente resolución.
Décimo oitavo. Resolucións
1. A persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolverá de maneira motivada sobre a concesión das subvencións.
2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de cinco meses, contados desde a finalización do prazo de presentación das solicitudes. Transcorrido este prazo sen que se notifique a resolución, a axuda deberá entenderse desestimada.
Décimo noveno. Data para finalizar as actuacións e xustificar a subvención
1. A data para finalizar as actuacións e achegar a documentación da xustificación para o seu pagamento será o 31 do mes de outubro da anualidade indicada na resolución de concesión, sen prexuízo da posibilidade de solicitar prórrogas, e a data límite será o 30 de novembro de 2027.
2. Antes do remate do prazo da finalización das actuacións establecido na resolución de concesión, poderanse solicitar prórrogas del co obxecto de modificar a anualidade de finalización e xustificación da actuación, dentro dos límites fixados na Lei de subvencións de Galicia (LSG) e sen exceder o límite máximo fixado na convocatoria.
3. As beneficiarias deberán presentar a xustificación da axuda de xeito inmediato ao remate das obras para proceder ao seu pagamento na anualidade correspondente, con independencia de que sexa con anterioridade ao prazo máximo fixado na resolución de concesión. O prazo para finalizar e xustificar a actuación correspondente será o que se indique na correspondente resolución de concesión, sen prexuízo de que se poida presentar a xustificación con anterioridade á finalización do dito prazo, sempre que a obra estea finalizada.
Vixésimo. Documentación de xustificación da execución e pagamento da subvención
1. A entidade beneficiaria deberá xustificar a súa execución e solicitar o pagamento dentro do prazo indicado na correspondente resolución de concesión, mediante a presentación do modelo de solicitude de pagamento (anexo II), debidamente cuberto e asinado, xunto coa seguinte documentación de xustificación das actuacións:
– Licenza e xustificación das taxas e tributos satisfeitos ou, no caso de que as actuacións requiran soamente comunicación previa, declaración responsable de que non foron requiridos polo concello en relación coa obra.
– Certificado final da dirección de obra, se procede.
– Certificado das instalacións tramitado ante o organismo correspondente, cando proceda.
– Fotografías que mostren as obras executadas.
– Factura/s de todos os gastos subvencionables.
– Xustificantes de pagamento dos gastos subvencionables, de acordo co artigo 42.2 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia (RLSG). Considéranse xustificantes de pagamento os certificados ou anotacións en conta das transferencias bancarias realizadas, coa identificación do importe, da persoa que a ordena e da persoa receptora.
2. No caso de que a comunidade de propietarios/as lles cedese o dereito de cobramento da subvención ao/aos contratista/as para realizar as obras obxecto desta axuda, estará exenta da presentación dos xustificantes de pagamento do importe correspondente a estes dereitos cedidos. Para este caso, deberá presentar debidamente cuberto e asinado o anexo III.
3. O pagamento efectuarase mediante transferencia bancaria ás entidades beneficiarias, logo da resolución de pagamento da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.
Vixésimo primeiro. Recursos
Contra as resolucións ditadas ao abeiro da correspondente convocatoria caberá recurso de alzada, ante a persoa titular da Presidencia do IGVS, que se poderá interpor no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da notificación da resolución.
Vixésimo segundo. Renuncia
A entidade beneficiaria poderá renunciar á subvención por calquera medio que permita a súa constancia ao IGVS, de acordo co establecido no artigo 94 da LPACAP.
Vixésimo terceiro. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no seu artigo 3.1 a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Vixésimo cuarto. Información ás persoas interesadas
En relación con este procedemento administrativo, poderase obter información adicional a través dos seguintes medios:
a) Electrónicos, na páxina web da Xunta: https://sede.xunta.gal/portada ou na páxina web oficial do IGVS: https://igvs.xunta.gal/areas/axudas/rehabilitacion/vivendas-de-promocion-publica-vpp
b) Presenciais, nas áreas provinciais correspondentes e nos servizos centrais do IGVS.
Vixésimo quinto. Eficacia
Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2026
María Martínez Allegue
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo
