DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Venres, 20 de febreiro de 2026 Páx. 14134

I. Disposicións xerais

Consellería do Medio Rural

DECRETO 7/2026, do 2 de febreiro, polo que se regula o marcado de ovos (códigos de procedemento MR401B, MR401C, MR401D, MR401E, MR401F e MR401G).

I

O 20 de maio de 2020, a Comisión Europea, anunciou unha revisión das normas de comercialización de ovos que supuxo a aprobación de novas disposicións en materia de normas de comercialización de ovos, na busca dunha maior claridade, sustentabilidade e transparencia, e dentro da estratexia europea «Da granxa á mesa».

Así, aprobáronse o Regulamento delegado (UE) 2023/2465 da Comisión, do 17 de agosto de 2023, polo que se completa o Regulamento (UE) núm. 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que se refire ás normas de comercialización dos ovos, e polo que se derroga o Regulamento (CE) núm. 589/2008 da Comisión, e o Regulamento de execución (UE) 2023/2466 da Comisión, do 17 de agosto de 2023, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) núm. 1308/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, no que se refire ás normas de comercialización dos ovos.

O Tribunal de Contas Europeo, nun informe especial sobre a etiquetaxe dos alimentos na UE, do 25 de setembro de 2024, recolle varias recomendacións dirixidas a mellorar a información sobre a etiquetaxe dos alimentos, sobre mellorar a normativa, sobre os controis, sobre a etiquetaxe, sobre as prácticas de etiquetaxe e sobre a necesidade de mellorar a comprensión da etiquetaxe dos alimentos.

O Real decreto 1027/2024, do 8 de outubro, polo que se regulan as condicións de aplicación da normativa da Unión Europea de comercialización de ovos, establece un novo marco xurídico nesta materia, que é obxecto de desenvolvemento nesta norma.

II

O dereito das persoas consumidoras a dispoñer dunha información completa e precisa sobre os alimentos cobra cada vez unha maior relevancia, tanto polo interese por desfrutar dunha dieta sa e equilibrada como polo coñecemento dos produtos que está a consumir; este interese alcanza non soamente as características e calidades, senón que se estende a outros intereses, como saber a procedencia, os sistemas de produción, a sustentabilidade e a transparencia no sector.

Hoxe en día, a persoa consumidora non se limita a demandar que a información sobre os alimentos se reduza a elementos básicos, polo que cada vez se fai máis necesario dotar esta das ferramentas e datos que optimicen a toma de decisión de compra.

Dentro dos distintos alimentos que as persoas consumidoras poden atopar, figuran os alimentos producidos e comercializados polo sector dos ovos. Este sector en Galicia ten unha especial relevancia, xa que a comunidade conta con máis de dous millóns de galiñas, cun total de 94 explotacións que producen preto de cincuenta e dous millóns de ducias de ovos. A estas cifras temos que engadir que Galicia conta cun total de 67 embaladoras de ovos. Asemade, temos que ter en consideración que os ovos supoñen un 1,61 % da alimentación e que é un sector cunha notable importancia económica e social, ao achegar un produto de primeira necesidade, alcanzable para a persoa consumidora, e cun alto contido de proteína e outros nutrientes esenciais na dieta.

A produción de ovos opera na súa totalidade baixo os estándares europeos; polo tanto, xera un produto cun valor engadido en termos de benestar, sustentabilidade e seguridade alimentaria.

A necesidade de contar con normas de comercialización dirixidas a regular aspectos que engloban criterios de clasificación, conservación e manipulación, requisitos de marcación e embalaxe, uso de mencións reservadas facultativas e requisitos para a importación e exportación, configúrase como un instrumento esencial tanto para a consumidora como para o propio mercado, ao contar cun marco normativo uniforme.

III

Este decreto consta dunha parte expositiva e vinte e oito (28) artigos, estruturados en tres capítulos.

O capítulo I, Disposicións xerais, regula o obxecto e ámbito de aplicación, a tramitación, instrución, resolución e contido dos procedementos habilitados das autorizacións e comunicación e do réxime de recursos. O capítulo II, As autorizacións e comunicacións, regula o réxime xurídico das autorizacións e comunicacións e as especialidades derivadas do desenvolvemento do Real decreto 1027/2024, do 8 de outubro. O capítulo III, Os controis, regula os controis a que están sometidos os centros de embalaxe e a delegación de funcións de control oficial de centros de embalaxe.

Complétase con tres disposicións adicionais, sobre as referencias normativas, organismos independentes de control autorizados por outras administracións e actualización de modelos normalizados, cunha disposición derrogatoria e dúas derradeiras verbo da habilitación para a aplicación e execución do decreto e a súa entrada en vigor.

Este decreto tramitouse de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Finalmente, en prol da mellora da calidade normativa, esta norma adecúase aos principios de boa regulación, singularmente os de necesidade, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia, accesibilidade, simplicidade, eficacia e eficiencia, recollidos no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, así como no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Esta norma dítase en virtude do disposto no artigo 30 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, que establece que, de acordo coas bases e a ordenación da actuación económica xeral e a política monetaria do Estado, corresponde á Comunidade Autónoma galega, nos termos do disposto nos artigos trinta e oito, cento trinta e un e cento corenta e nove, un, once e trece da Constitución, a competencia exclusiva nas materias de agricultura e gandaría.

Na súa virtude, por proposta da conselleira do Medio Rural, de acordo co Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dous de febreiro de dous mil vinte e seis,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Este decreto ten por obxecto o desenvolvemento do Real decreto 1027/2024, do 8 de outubro, e a habilitación dos correspondentes procedementos.

2. Os procedementos que se habilitan son os seguintes:

a) Solicitude de autorización de marcación de ovos nun centro de embalaxe, de supresión de ceros e de marcación de ovos en dúas liñas (código de procedemento MR401B). O formulario para a dita solicitude é o anexo I.

b) Solicitude de autorización de excepción de marcación de ovos (código de procedemento MR401C). O formulario para a dita solicitude é o anexo II.

c) Solicitude de autorización de etiquetaxe facultativa nos estoxos de ovos (código de procedemento MR401D). O formulario para a dita solicitude é o anexo III.

d) Solicitude de autorización de delegación de funcións de control oficial de centros de embalaxe (código de procedemento MR401E). O formulario para a dita solicitude é o anexo IV.

e) Solicitude de modificación das autorizacións (código de procedemento MR401F). O formulario para a dita solicitude é o anexo V.

f) Comunicacións relativas ao marcado de ovos (código de procedemento MR401G). O formulario para a dita solicitude é o anexo VI.

3. O ámbito de aplicación deste decreto son as granxas produtoras de ovos, os centros de embalaxe de ovos e as persoas operadoras deste sector situadas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Prazo de presentación de solicitudes e comunicacións

1. A presentación de solicitudes e comunicacións terá o prazo aberto de forma permanente para todos os procedementos desde o día seguinte ao da entrada en vigor deste decreto.

2. Sen prexuízo do establecido no número anterior, as persoas interesadas deberán respectar as datas límite de presentación das solicitudes e comunicacións previstas neste decreto.

Artigo 3. Das persoas solicitantes e/ou comunicantes

Poderán presentar as solicitudes e as comunicacións reguladas neste decreto as persoas titulares ou que explotan as granxas produtoras de ovos, os centros de embalaxe de ovos e as persoas operadoras deste sector situadas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4. Solicitudes de autorización e comunicacións

1. As solicitudes para a obtención das autorizacións e as comunicacións reguladas neste decreto presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través dos formularios normalizados (anexo I para o procedemento MR401B, anexo II para o procedemento MR401C, anexo III para o procedemento MR401D, anexo IV para o procedemento MR401E, anexo V para o procedemento MR401F e anexo VI para o procedemento MR401G) dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude e/ou comunicación presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude e/ou comunicación aquela en que sexa realizada a emenda.

3. Para a presentación electrónica das solicitudes e/ou comunicacións poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e chave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. Para os efectos da presentación da solicitude e/ou comunicación, as persoas interesadas poderán actuar por medio de representantes.

5. Unicamente será posible presentar unha solicitude e/ou comunicación por persoa solicitante e/ou comunicante. En caso de se presentaren varias solicitudes, só será válida a última.

6. Deberá presentarse unha solicitude única e individualizada por cada autorización e non se poderá solicitar máis dunha autorización nunha mesma solicitude.

Artigo 5. Documentación complementaria

1. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente coa solicitude e/ou a comunicación.

2. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

3. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude e/ou comunicación, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial, dentro dos prazos previstos neste decreto. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para a tramitación das autorizacións e comunicacións reguladas neste decreto consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante/comunicante.

b) DNI/NIE da persoa solicitante/comunicante.

c) NIF da entidade representante ou o DNI/NIE da persoa representante.

d) Resolución administrativa de autorización para poder exercer a actividade, no caso das solicitudes de autorización.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes e comunicacións

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude e/ou comunicación deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Instrución do procedemento de autorización

1. A instrución dos procedementos de autorizacións correspóndelle:

a) Á xefatura de servizo competente en materia de calidade alimentaria da dirección xeral competente nesta materia da Consellería do Medio Rural, os procedementos de:

– Autorización de supresión dos ceros situados á esquerda no número distintivo da marcación de ovos.

– Autorización da marcación de ovos en dúas liñas diferentes.

– Autorización de envío de ovos sen marcar para a entrega directa ás persoas operadoras da industria alimentaria nacional ou transfronteiriza.

– Autorización de etiquetaxe e marcación facultativa.

– Autorización de delegación de funcións de control oficial de centros de embalaxe.

b) Ás xefaturas de servizo con competencia en materia de calidade alimentaria dos departamentos territoriais, os procedementos de autorización de marcación de ovos co código da explotación polos centros de embalaxe. Neste caso, a atribución da instrución determinarase polo territorio onde estea situado o centro de embalaxe.

2. Unha vez recibida a solicitude, a unidade que teña atribuída a instrución do procedemento analizará a solicitude e a documentación complementaria.

3. Se a solicitude ou a documentación non reúne os requisitos establecidos neste decreto, requirirase a persoa interesada para que a emende ou achegue os documentos preceptivos no prazo de 10 días, indicándolle que, se non o fai, se considerará que desiste da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

4. Sen prexuízo do disposto nos números anteriores, en calquera fase do procedemento poderase requirir á persoa solicitante que achegue a información e documentación que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación, seguimento e comprobación da solicitude presentada.

5. As solicitudes que non cumpran as exixencias contidas neste decreto e/ou na normativa de aplicación, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión ou da desestimación, de ser o caso, na cal se indicarán as causas desta. Así mesmo, será causa de desestimación da solicitude a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información.

6. Unha vez finalizada a instrución do procedemento, a unidade que teña atribuída a instrución do procedemento elevará a proposta de resolución á persoa titular da dirección xeral competente en materia de calidade alimentaria.

Artigo 9. Resolución das solicitudes de autorización

1. As resolucións de concesión e/ou denegación da autorización correspóndenlle á persoa titular da dirección xeral competente en materia de calidade alimentaria.

2. O prazo de resolución e notificación será de 6 meses contado a partir da data de presentación da solicitude. Se no prazo indicado non se dita resolución expresa, entenderase estimada a solicitude por silencio administrativo.

Artigo 10. Contido da autorización

A autorización deberá conter, como mínimo:

a) Os datos identificativos da persoa solicitante: nome completo ou razón social, NIF, enderezo, teléfono, correo electrónico.

b) O número de rexistro sanitario do centro de embalaxe.

c) O/os código/s distintivo/s da marcación dos ovos.

d) A forma de xustificación (albará, nota de carga ou outro documento que acredite a orixe, destino e cantidade) do envío da totalidade da produción enviada ou dos sistemas de cría para os que se autoriza nos supostos en que non se faga a entrega total da produción, de ser o caso.

e) A causa de excepción da marcación de ovos, de ser o caso.

f) O período de validez da autorización, de ser o caso.

g) A aprobación dos pregos de condicións da etiquetaxe facultativa, de ser o caso.

Artigo 11. Notificación nos procedementos de autorización e de comunicación

1. As notificacións nos procedementos de autorización e de comunicación efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Suspensión e perda da autorización

1. Nos supostos en que, realizado un control polo organismo delegado ou pola autoridade competente ás persoas autorizadas, se comprobe a existencia de irregularidades en materia de marcación de ovos ou das condicións da autorización, a dirección xeral que ditou a resolución de autorización poderá acordar a suspensión da autorización.

2. No caso de suspensión da autorización, concederáselle á persoa interesada un prazo dun mes para a corrección das irregularidades detectadas.

3. No caso de non corrixir as irregularidades no prazo sinalado, a persoa titular da dirección xeral competente en materia de calidade alimentaria ditará a resolución en que se declare a perda da autorización, logo de audiencia á persoa interesada e dun xeito motivado.

4. A perda da autorización é independente das responsabilidades que lles sexan exixibles ás persoas autorizadas.

Artigo 13. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas ditadas ao abeiro deste decreto non poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso de alzada perante a persoa titular da consellería competente en materia de calidade alimentaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de conformidade co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. Transcorrido este prazo sen terse presentado o dito recurso, esta resolución adquirirá carácter de firmeza en vía administrativa.

CAPÍTULO II

As autorizacións e comunicacións

Artigo 14. O réxime xurídico das autorizacións e comunicacións

As autorizacións e comunicacións obxecto dos procedementos habilitados neste decreto rexeranse polo establecido no Real decreto 1027/2024, do 8 de outubro, coas especialidades que se recollen nos artigos seguintes.

Artigo 15. Centros de embalaxe

Os centros de embalaxe dunha mesma empresa non se poden considerar de forma conxunta, para os efectos deste decreto, cada un deles é un centro de embalaxe individual e precisa dunha autorización propia e independente.

Artigo 16. Solicitude

As persoas interesadas deberán achegar a solicitude (anexo I de solicitude de marcación de ovos nun centro de embalaxe, de supresión de ceros e de marcación de ovos en dúas liñas para o procedemento MR401B) debidamente cuberta, onde se fagan constar os datos solicitados.

Artigo 17. Documentación complementaria da solicitude de marcación de ovos nun centro de embalaxe

A persoa solicitante da autorización de marcación de ovos nun centro de embalaxe, xunto á solicitude deberá presentar:

a) Contrato ou documento equivalente, entre cada unha das distintas explotacións e o centro de embalaxe, pola totalidade da produción da explotación que non fose entregada directamente á industria alimentaria ou que non fose marcada na propia explotación.

Non obstante o anterior, naqueles supostos en que unha granxa teña naves con distintos sistemas de cría podería realizarse a marcación na granxa para un sistema de cría e enviar a produción do outro sistema de cría a un centro de embalaxe para a súa marcación e clasificación. Neste caso, deberá achegarse o contrato ou documento equivalente entre a explotación e centro de embalaxe identificando o sistema de cría que se vai marcar.

Cando o centro de embalaxe e a explotación ou explotacións de onde proceden os ovos acrediten unha relación empresarial, tal e como se define na letra e) do punto 2 do artigo 2 do Real decreto 1027/2024, do 8 de outubro, non será necesaria a presentación do contrato ou dun documento equivalente entre ambas as dúas partes.

Tampouco será necesario no caso de envíos procedentes de granxas cunha capacidade máxima declarada igual ou inferior a 3.000 galiñas.

b) Datos dos volumes de ovos enviados desde as explotacións, nos últimos tres anos. Naqueles casos de novas explotacións ou que non leven en funcionamento máis de tres anos, deberán achegar os datos relativos ao período de actividade da explotación.

c) Datos dos volumes marcados no centro de embalaxe, nos últimos tres anos. Naqueles casos de novos centros de embalaxe ou que non leven en funcionamento máis de tres anos, deberán achegar os datos relativos ao período de actividade.

d) Datos sobre a capacidade máxima das explotacións.

e) Rexistro sanitario do centro de embalaxe.

f) Descrición do proceso interno de control da rastrexabilidade, onde figure, entre outros, o proceso de marcación e embalaxe, cun diagrama de fluxo das actividades do centro.

Artigo 18. Documentación complementaria nas solicitudes de excepcións autorizables á marcación de ovos

1. Poderá autorizarse a excepción da obriga de marcación de ovos co código de explotación, logo da presentación de solicitude (anexo III de solicitude de autorización de excepción de marcación de ovos para o procedemento MR401C), nos supostos recollidos no Real decreto 1027/2024, do 8 de outubro.

2. A persoa solicitante da autorización de excepción de marcación de ovos, xunto á solicitude deberá presentar:

a) Identificación completa da persoa operadora da industria alimentaria a que van destinados os ovos.

b) Documento en que figure a petición das dúas persoas operadoras interesadas.

c) Autorización expresa da autoridade competente da comunidade autónoma onde se sitúe a explotación, que inclúa os datos relativos á industria de destino dos envíos.

3. No suposto de ovos procedentes dunha explotación situada en Galicia e destinados a centros de embalaxe situados noutro Estado membro da Unión Europea, a persoa solicitante da autorización de excepción de marcación de ovos, xunto á solicitude deberá presentar:

a) Documento en que figure a petición das dúas persoas operadoras interesadas.

b) Autorización expresa por escrito da autoridade competente do Estado membro en que se sitúe o centro de embalaxe en destino. A dita autorización deberá ter validez durante o período de duración do contrato entre a explotación de procedencia e o centro de embalaxe.

Artigo 19. Comunicación de envíos de ovos sen marcar

A persoa operadora asociada á explotación de produción deberá comunicar (anexo VI de comunicacións relativas á marcación de ovos para o procedemento MR401G), previamente aos envíos de ovos sen marcar, a súa intención de levar a cabo esa acción e o destino dos ovos sen marcar, presentando unha copia da autorización mencionada no artigo anterior. Cada envío irá acompañado dunha copia do contrato de entrega cuxa duración será de, polo menos, un mes.

Artigo 20. Etiquetaxe facultativa

Os axentes económicos, ou asociacións deles, que desexen incluír algunha das mencións de etiquetaxe facultativa deberán contar cun prego autorizado por parte da autoridade competente, para o que deberán presentar unha solicitude (anexo III para a solicitude de autorización de etiquetaxe facultativa nos estoxos de ovos para o procedemento MR401D).

Artigo 21. Documentación complementaria da solicitude de autorización de etiquetaxe facultativa nos estoxos dos ovos

As persoas interesadas deberán achegar, xunto á solicitude, un prego de condicións que inclúa, polo menos, os seguintes requisitos:

a) A información que vaia constar na etiqueta.

b) As medidas de autocontrol que estea previsto adoptar para garantir a veracidade da devandita información.

c) O sistema de verificación do cumprimento do prego de condicións que estea previsto aplicar a toda a fase de produción.

Artigo 22. Comunicación

Antes do 15 de xaneiro de cada ano, o axente económico ou organización comunicará (anexo VI de comunicacións relativas ao marcado de ovos para o procedemento MR401G) á dirección xeral competente en materia de calidade alimentaria e, para os efectos estatísticos, a información sobre o volume de ovos comercializados ao abeiro dun prego de condicións de etiquetaxe facultativa durante o ano anterior, así como os datos relativos ás explotacións acollidas ao prego correspondente.

Artigo 23. Rexistro de pregos de condicións de etiquetaxe facultativa

1. A dirección xeral competente en materia de calidade alimentaria empregará o Rexistro de Etiquetaxe Multiespecie dependente do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación como rexistro de pregos de condicións de etiquetaxe facultativa.

2. O dito rexistro será actualizado periodicamente, unha vez que se dite a resolución de aprobación dos pregos, pola dirección xeral competente en materia de calidade alimentaria

CAPÍTULO III

Os controis

Artigo 24. Verificación previa

Antes de emitir a autorización da marcación do código dos ovos a un centro de embalaxe, o departamento territorial da consellería competente en materia de calidade alimentaria, atendendo ao domicilio ou razón social da persoa solicitante, levará a cabo unha verificación exhaustiva dos volumes de ovos enviados desde as explotacións, dos volumes de ovos marcados no centro de embalaxe e a capacidade máxima das explotacións, por cada sistema de cría.

Artigo 25. Control oficial da marcación do código do ovo polos centros de embalaxe autorizados

1. O control oficial nos centros de embalaxe deberá levarse a cabo, como mínimo, unha vez cada 6 meses. Para estes efectos, os centros de embalaxe deberán seleccionar e contratar un organismo delegado de control, de entre os que reúnan esa condición, para levar a cabo ese control oficial, e deberán comunicar (anexo VI de comunicacións para o procedemento MR401G), á consellería competente en materia de calidade alimentaria, o organismo seleccionado no prazo de 15 días desde a contratación.

2. Unha vez realizado o control, e nun prazo máximo dun mes, o organismo emitirá un certificado que acredite a correcta rastrexabilidade dos ovos.

3. A dirección xeral competente en materia de calidade alimentaria deberá realizar unha supervisión do labor realizado polo organismo delegado de control; ademais, poderá realizar o control oficial no ámbito das súas atribucións.

Artigo 26. Organismos delegados de control

1. Os organismos delegados de control, que terán a condición de persoa xurídica, cumprirán coa norma de acreditación que sexa de aplicación para un alcance que lles permita realizar os controis establecidos neste decreto. Mentres obteñen a acreditación, a consellería competente en materia de calidade alimentaria poderá conceder autorizacións provisionais para tales organismos cun prazo non superior a un ano, prorrogable durante un ano máis. Durante este prazo, unha vez obtida a acreditación, esta deberá ser comunicada á consellería competente en materia de calidade alimentaria (anexo VI de comunicacións relativas á marcación de ovos para o procedemento MR401G), no prazo máximo de quince días desde a súa obtención. Unha vez comunicada, a autorización de delegación provisional terá a condición de autorización de delegación definitiva, sen necesidade de ditar unha nova resolución de delegación.

2. A solicitude (anexo IV de solicitudes de autorización de delegación de funcións de control oficial de centros de embalaxe para o procedemento MR401E) para obter a autorización de delegación de funcións de control presentarase por medios electrónicos. Esta solicitude poderá presentarse para obter a autorización de delegación de funcións de control oficial provisional ou definitiva. Neste último caso, coa solicitude deberá acchegarse a correspondente acreditación.

3. A resolución de autorización de delegación describirá con precisión as tarefas que o organismo delegado de control pode levar a cabo e mais as condicións en que pode realizalas, e que se establezan mecanismos de coordinación efectiva e eficaz entre a autoridade competente e o organismo en que delegase.

4. Poderán delegarse tarefas específicas de control oficial nun organismo delegado de control sempre e cando este:

a) Posúa a experiencia, os equipos e a infraestrutura necesarios para realizar as tarefas que lle foron delegadas.

b) Conte con persoal suficiente coa cualificación e a experiencia axeitada.

c) Sexa imparcial e non teña ningún conflito de intereses con respecto ao exercicio das tarefas que lle foron delegadas.

d) Traballe e estea acreditado segundo as normas pertinentes para as tarefas delegadas.

e) Dispoña de competencias suficientes para exercer as funcións de control oficial que lle foron delegadas.

f) Dispoña da acreditación de acordo coas normas de funcións delegadas, incluída a EN ISO/IEC 17065.

5. O organismo delegado de control deberá comunicar (anexo VI de comunicacións relativas á marcación de ovos para o procedemento MR401G) semestralmente, á consellería competente en materia de calidade alimentaria, a información relacionada coa marcación dos ovos de cada centro de embalaxe e a súa relación coa produción de cada explotación.

Artigo 27. Documentación complementaria nas solicitudes de autorización de delegación de funcións de control oficial de centros de embalaxe

As persoas interesadas deberán achegar, xunto á solicitude, a seguinte documentación:

a) Memoria acreditativa do cumprimento dos requisitos establecidos no número 4 do artigo anterior.

b) Acreditación de acordo coas normas de funcións delegadas, incluída a EN ISO/IEC 17065.

Artigo 28. Modificación da autorización

1. As persoas operadoras que pretendan modificar as condicións e/ou o contido da autorización deberán presentar unha solicitude (anexo V de modificación de autorización para o procedemento MR401F), con carácter previo á adaptación da actividade a esas alteracións, e deberán indicar aqueles termos da autorización que se pretende modificar, xuntando á solicitude unha memoria sobre as modificacións que se solicitan.

2. O prazo para a tramitación e resolución das solicitudes de modificación será dun mes, que deberá computarse desde a data de presentación da solicitude. Se no prazo indicado non se dita resolución expresa, entenderase estimada a solicitude por silencio administrativo.

Disposición adicional primeira. Referencias normativas

A referencia á normativa comunitaria e estatal enténdese efectuada á normativa vixente na data de publicación deste decreto e á normativa que, de ser o caso, a substitúa ou modifique.

Disposición adicional segunda. Organismos independentes de control autorizados por outras administracións

Os organismos independentes de control que teñan autorizacións doutras administracións para levar a cabo as funcións recollidas neste decreto poderán realizar os controis sen necesidade de pedir autorización ante a Administración pública galega.

Disposición adicional terceira. Actualización dos modelos normalizados

De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, os modelos normalizados aplicables na tramitación dos procedementos regulados nesta disposición poderán ser actualizados co fin de mantelos adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación dos modelos actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de calidade alimentaria para ditar cantas disposicións sexan precisas para a aplicación do disposto neste decreto, no relativo á organización e materias propias do seu departamento.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dous de febreiro de dous mil vinte e seis

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

María José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file