A Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal é o órgano superior e de dirección da Consellería do Medio Rural ao cal lle corresponde o exercicio das competencias inherentes á política forestal, desenvolvendo as medidas relacionadas coa planificación, ordenación, fomento, mellora da produción e conservación dos recursos forestais. En concreto, segundo o Decreto 223/2022, do 22 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural, esta dirección xeral exercerá as funcións relativas ao sistema rexistral forestal de Galicia.
Constitúen o Rexistro de Empresas do Sector Forestal (Resfor) as empresas do sector forestal de Galicia, integrado por cooperativas, empresas e industrias forestais que desenvolvan algunha das actividades que figuran no anexo XII do Decreto 50/2014, do 10 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos e micolóxicos en montes ou terreos forestais de xestión privada na Comunidade Autónoma de Galicia, e o contido, a organización e o funcionamento do Rexistro de Empresas do Sector Forestal.
O devandito rexistro contén, para cada empresa do sector forestal, os datos da razón social, enderezo e representante, ademais da información relativa á súa actividade, en particular, a relacionada co consumo de produtos forestais e coa produción, transformación e comercialización dos produtos forestais, así como o número de persoas empregadas.
As empresas do sector forestal, tras solicitaren por medios electrónicos as autorizacións administrativas (altas), presentaren declaracións responsables ou comunicacións ou solicitaren modificacións ou cesamentos de actividade, poderán descargar un certificado acreditativo da recepción da solicitude de alta, modificación ou baixa da actividade, declaración responsable ou comunicación.
A Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (en diante, Lei 40/2015), integra as materias que demandaban unha regulación unitaria das relacións ad intra de cada Administración e das relacións entre elas, como a sinatura e as sedes electrónicas, o intercambio electrónico de datos en contornos pechados de comunicación e a actuación administrativa automatizada.
O artigo 41.1 da Lei 40/2015 define actuación administrativa automatizada como calquera acto ou actuación realizada integramente a través de medios electrónicos por unha Administración pública no marco dun procedemento administrativo e na cal non interviñese de forma directa un empregado público.
O artigo 41.2 da devandita lei determina que «en caso de actuación administrativa automatizada, deberase establecer previamente o órgano ou órganos competentes, segundo os casos, para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se for o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte. Así mesmo, indicarase o órgano que debe ser considerado responsable para os efectos de impugnación».
A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no artigo 76.4 que as actuacións administrativas automatizadas deberán declararse mediante unha resolución conxunta do órgano competente para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se é o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte, así como do órgano responsable para os efectos de impugnación. Nesta resolución especificaranse a identificación de tales órganos e os sistemas de sinatura utilizados, de ser o caso, para a actuación administrativa automatizada.
Así mesmo, o artigo 76.5 indica que se publicará na sede electrónica da Xunta de Galicia e no Diario Oficial de Galicia o texto íntegro das resolucións indicadas no punto anterior.
Por todo o exposto,
RESOLVO:
Primeiro. Declarar a seguinte actuación administrativa automatizada a través de sistemas de información no ámbito do Rexistro de Empresas do Sector Forestal: a emisión do xustificante de recepción das solicitudes electrónicas de inscrición, renovación, comunicación, modificación e baixa asociadas ao Rexistro de Empresas do Sector Forestal.
Segundo. Os órganos responsables en relación coas actuacións administrativas automatizadas relacionadas no punto anterior serán:
a) A Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, como órgano responsable da definición das especificacións destas actuacións administrativas automatizadas.
b) A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como órgano responsable da programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se é o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte.
c) A Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, como órgano responsable para os efectos de impugnación.
Terceiro. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para utilizar o selo electrónico denominado «DIRECCIÓN XERAL DE PLANIFICACIÓN E ORDENACIÓN FORESTAL» para asinar as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución e para realizar as tarefas técnicas precisas para a súa implantación efectiva nos sistemas automatizados que dan soporte ás actuacións e procedementos mencionados.
Cuarto. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para a renovación do selo electrónico «DIRECCIÓN XERAL DE PLANIFICACIÓN E ORDENACIÓN FORESTAL» sempre e cando continúen vixentes as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución.
Quinto. Esta resolución producirá efectos desde o día da súa sinatura e publicarase na sede electrónica da Xunta de Galicia e no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2026
|
María Luisa Piñeiro Arcos |
Damián Rey Rodríguez |
