DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Mércores, 25 de febreiro de 2026 Páx. 14947

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

ORDE do 16 de febreiro de 2026 pola que se modifica a autorización, por cambio de titularidade, do Centro Privado Plurilingüe Arenales Santa Juana, de Ferrol.

Mediante escritura pública notarial, Colegio Ferrol Caranza, Sociedad Limitada, sociedade unipersoal, titular do centro privado (CPR) Plurilingüe Arenales Santa Juana, de Ferrol, cede a súa titularidade a favor da Fundación Educativa Arenales-Parentes.

De conformidade coa solicitude de cambio de titularidade formulada, e logo da tramitación do expediente de acordo co establecido no Decreto 133/1995, do 10 de maio, sobre autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias, e coa Orde do 20 de setembro de 1995 que o desenvolve, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Artigo 1. Cambio de titularidade

Autorizar a modificación da autorización por cambio de titularidade do CPR Plurilingüe Arenales Santa Juana, de Ferrol, código do centro 15006511, a favor da Fundación Educativa Arenales-Parentes.

O cambio de titularidade non afectará o réxime de funcionamento do centro.

Artigo 2. Inscrición no Rexistro de Centros

Esta orde dará lugar á correspondente inscrición no Rexistro de Centros da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3. Modificación da autorización

O centro queda obrigado ao cumprimento da normativa vixente e a solicitar a oportuna revisión cando teña que modificarse calquera dos datos que se sinalan nesta orde.

Disposición derradeira primeira. Recursos

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición, ante esta consellería, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2026

Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional