DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Mércores, 25 de febreiro de 2026 Páx. 14949

III. Outras disposicións

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 10 de febreiro de 2026 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos e ás entidades locais menores, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas ao financiamento de auditorías de abastecemento encamiñadas á elaboración de plans de actuacións para minimizar as perdas de auga, e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento AU301C).

A Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, establece, no seu artigo 25, unha serie de materias sobre as cales os municipios exercerán competencias propias, entre as que se atopan o abastecemento de auga potable e a evacuación e o tratamento de augas residuais, e no artigo 26 os servizos que, como mínimo, deben prestar os concellos. A obrigatoriedade de tales servizos establécese en función da poboación do municipio, aínda que o precepto sinalado establece un conxunto de servizos (entre os que se inclúen o abastecemento e a rede de sumidoiros), que deben ser prestados por todos os municipios.

O artigo 30 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, configura a colaboración entre administracións como un principio para acadar os obxectivos comúns nas políticas de abastecemento, de saneamento e de depuración de Galicia. Grazas a este marco de cooperación, nos últimos anos, a Comunidade Autónoma de Galicia experimentou un salto cualitativo na extensión territorial dos servizos de abastecemento, de saneamento e de depuración, ao que contribuíu, en gran medida, a mobilización de investimentos públicos para a execución de obras e infraestruturas hidráulicas en apoio ás entidades locais no exercicio das súas competencias. Estas intervencións e investimentos incidiron, sen dúbida, na mellora dos indicadores da calidade das augas e no nivel de cumprimento das normativas comunitarias na materia.

Non obstante, constatouse e comprobouse durante todo este tempo que as singularidades e as peculiaridades demográficas e xeográficas de Galicia, dificultan non soamente a execución das infraestruturas hidráulicas senón tamén a súa xestión para a prestación destes servizos de forma axeitada. Para alcanzar a máxima calidade das nosas augas e que estes servizos básicos de auga se presten con eficiencia e eficacia, as instalacións executadas deben ir acompañadas dunha adecuada xestión, explotación e mantemento.

No caso concreto dos servizos de abastecemento, o 11 de xaneiro de 2020 entrou en vigor a Lei 9/2019, do 11 de decembro, de medidas de garantía do abastecemento en episodios de seca e en situacións de risco sanitario. Esta lei ten, entre os seus obxectivos, garantir a prestación adecuada dos servizos de abastecemento de auga cando exista un episodio de seca, tendo en conta os recursos hídricos dispoñibles, e establecer as normas e as medidas para o aproveitamento dos recursos hídricos nos períodos en que exista un episodio de seca, co fin de reducir a vulnerabilidade fronte a este evento, buscando unha garantía no abastecemento á poboación en equilibrio co medio natural e tendo en conta os posibles efectos do cambio climático.

A disposición adicional segunda da citada Lei 9/2019, do 11 de decembro, establece que, no prazo máximo de dous anos, contado desde a súa entrada vigor, todas as administracións públicas responsables dos sistemas de abastecemento á poboación deberán levar a cabo unha auditoría co obxecto de cuantificar as perdas de auga nas súas instalacións de abastecemento en alta e de subministración en baixa. Igualmente, deberán publicar a porcentaxe de perda de auga na sede electrónica da Administración correspondente. Así mesmo, para minimizar as perdas de auga nas súas instalacións de abastecemento, as administracións públicas responsables dos sistemas de abastecemento á poboación deberán, igualmente, aprobar un plan de actuacións para minimizar as perdas.

As auditorías de abastecemento e os plans de actuacións para a minimización das perdas de auga demostraron ser un instrumento indispensable para diagnosticar e atallar as perdas do recurso hídrico nas redes e axudar a que os responsables dos sistemas de abastecemento estean mellor preparados ante eventos climáticos extremos como os provocados por unha ausencia prolongada de precipitacións.

Por estes motivos, considerouse necesario cooperar coas entidades locais a través de varias convocatorias de subvencións destinadas á realización de auditorías de abastecemento e os plans de actuacións para a minimización das perdas de auga.

O elevado número de solicitudes presentadas ao abeiro das anteriores convocatorias de subvencións puxeron de manifesto o grande interese das entidades locais galegas por dotarse de instrumentos que lles permitan cuantificar e minimizar as perdas de auga nos seus sistemas de abastecemento.

Esta nova convocatoria de subvencións dá continuidade á liña de colaboración iniciada entre Augas de Galicia e as entidades responsables de sistemas de abastecemento en toda a Comunidade Autónoma de Galicia, para que estas poidan xestionar coa maior dilixencia, eficacia e eficiencia posibles as súas competencias nunha materia tan importante como é a prestación dos servizos de abastecemento á poboación.

Esta convocatoria introduce como novidades mais destacadas respecto das anteriores convocatorias o incremento na porcentaxe do gasto subvencionables, que pasa dun 80 % a un 100 % co límite máximo de 10.000 € por solicitude, así como o requisito imprescindible de ter realizadas e aprobadas as auditorías das redes de abastecemento e os plans de actuacións para a minimización das perdas de auga.

En consecuencia, e tendo en conta o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de conformidade coa Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e principios

1. O obxecto desta resolución é establecer as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos e ás entidades locais menores da Comunidade Autónoma de Galicia, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas ao financiamento das auditorías de abastecemento para minimizar as perdas de auga, e convocar estas subvencións para o ano 2026 (código de procedemento AU301C).

2. Estas subvencións tramitaranse de acordo co previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, con suxeición aos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, con eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 2. Réxime de concesión

1. A concesión destas subvencións realizarase en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción recollida no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Estas subvencións tramitaranse mediante o procedemento abreviado previsto no artigo 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As solicitudes presentadas tramitaranse por orde de entrada correcta e completamente presentada no rexistro ata o esgotamento do crédito.

Enténdese que a solicitude está correcta e completamente presentada cando non deba ser obxecto de requirimento ou cando, sendo obxecto dun requirimento, este sexa contestado no prazo establecido no artigo 17.2 desta resolución de convocatoria.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser entidades beneficiarias os concellos e as entidades locais menores responsables de sistemas de abastecemento que teñan unha poboación total igual ou inferior a 50.000 habitantes.

2. Para poder obteren a condición de entidades beneficiarias, todos os concellos e entidades locais menores solicitantes deberán:

a) Cumprir os requisitos recollidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

b) Estar ao día no cumprimento das obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria, coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social e coa consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, e non ter pendente de pagamento en período executivo ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia e, nomeadamente, con Augas de Galicia.

3. Ningún concello ou entidade local menor poderá presentar máis dunha solicitude. O incumprimento deste punto dará lugar á inadmisión das solicitudes presentadas en segundo ou sucesivo lugar.

4. As solicitudes e os trámites posteriores deberán estar asinados pola persoa titular da alcaldía-presidencia ou pola persoa en quen estea delegada a competencia no momento da dita sinatura. Esta circunstancia deberá acreditarse.

Artigo 4. Actuacións subvencionables

1. Serán subvencionables os investimentos realizados desde o 1 de xaneiro de 2026 destinados á elaboración de auditorías dos sistemas de abastecemento en alta e de subministración en baixa para minimizar as perdas de auga que teñan o contido mínimo previsto no artigo 5 desta resolución de convocatoria.

2. Será subvencionable o imposto sobre o valor engadido (IVE) só no caso de que non sexa recuperable pola entidade beneficiaria de acordo co disposto na Lei 37/1992, do 28 de decembro, do imposto sobre o valor engadido. Para tal efecto, o concello ou a entidade local menor deberán declarar expresamente se o imposto sobre o valor engadido (IVE) dos gastos subvencionables é ou non recuperable polo concello ou entidade local menor solicitante.

Artigo 5. Contido mínimo das auditorías de abastecemento

1. As auditorías dos sistemas de abastecemento en alta e de subministración en baixa para minimizar as perdas de augas deberán ter o seguinte contido mínimo:

a) Unha descrición detallada do sistema de abastecemento do concello ou da entidade local menor, que conteña, como mínimo: unha explicación do funcionamento do sistema de abastecemento, un inventario dos elementos singulares (puntos de captación de auga e a súa tipoloxía, equipos de medición existentes en captación, o transporte, a distribución e o usuario final, as estacións de bombeo de auga, os depósitos de almacenamento, as estacións de tratamento de auga potable), coas súas principais características, a localización e as fotografías, a información sobre as redes de abastecemento (condución e distribución), a lonxitude da rede de distribución, o estado de conservación e a antigüidade das instalacións de abastecemento existentes, o inventario estimado do parque de contadores, as características e a antigüidade e os núcleos de poboación e as zonas a que se subministra auga.

b) Documentación gráfica, os planos en formato dixital (CAD ou SIX) do sistema de abastecemento do concello ou da entidade local menor, que conteñan, como mínimo, os puntos de captación de auga, os equipos de medición existentes desde a captación aos puntos de consumo, a estación de bombeo de auga, os depósitos de almacenamento, as estacións de tratamento de auga potable, as zonas e os núcleos a que se subministra auga.

c) Datos sobre o volume medio de auga captada e subministrada á rede de abastecemento; o número de usuarios conectados diferenciados por tipoloxía (domiciliarios, grandes consumidores, etc.); e a tipoloxía de consumos de auga: rexistrados e non rexistrados e facturados e non facturados.

d) Un balance hídrico de todo o sistema de abastecemento, tendo en conta a auga captada, a auga rexistrada e a auga non rexistrada.

e) Un plan de actuacións aprobado polo concello ou pola entidade local menor para minimizar as perdas de auga dos sistemas de abastecemento á poboación nos seguintes catro anos, dando cumprimento ao previsto na disposición adicional segunda da Lei 9/2019, do 11 de decembro, de medidas de garantía do abastecemento nos episodios de seca e nas situacións de risco sanitario, que conteña, como mínimo, as medidas e as actuacións para a redución dos consumos autorizados non rexistrados, as medidas e as actuacións para a redución das perdas aparentes (os erros de medición, os erros de lectura, os consumos non autorizados) e as medidas e as actuacións para a redución das perdas reais.

Todas as medidas propostas deberán estar totalmente definidas e detalladas coa súa localización concreta, valoradas economicamente e programadas temporalmente no prazo de catro anos desde a aprobación do plan de actuacións. O plan de actuacións conterá un estudo económico que valore os investimentos que se van realizar e a recuperación económica esperada en termos de redución das perdas de auga.

2. Para estes efectos, na seguinte ligazón á páxina web de Augas de Galicia póñense á disposición das entidades interesadas unhas recomendacións para a elaboración de auditorías de abastecemento e plans de actuacións para minimizar as perdas de augas:

https://augasdegalicia.xunta.gal/seccion-tema/c/Garantia_abastecemento_xestion_secas? content=/Portal-Web/Contidos_Augas_Galicia/Seccions/reducion-perdas-abastecemento/seccion.html&std=reducion-perdas-abastecemento.html

Artigo 6. Crédito

1. As subvencións reguladas ao abeiro desta resolución financiaranse con cargo á conta financeira 6566 (subvencións de capital a corporacións locais) da entidade pública empresarial Augas de Galicia, por importe de douscentos mil euros (200.000,00 €), aplicación orzamentaria 06.82.542B.760.00.

2. O esgotamento do crédito con anterioridade á finalización do prazo de presentación de solicitudes publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web de Augas de Galicia.

Artigo 7. Ampliación de crédito

1. Sen prexuízo do establecido no artigo 6, prevese a posibilidade de ampliar o crédito nas circunstancias previstas no artigo 30.2 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. A ampliación de crédito queda condicionada á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, á aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

3. Augas de Galicia publicará a ampliación nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura dun novo prazo para presentar novas solicitudes, nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

4. Neste suposto, atenderanse as solicitudes que, cumprindo os requisitos previstos nesta convocatoria, inicialmente non obtivesen a subvención por falta de crédito dispoñible e quedasen nunha listaxe de agarda, ordenadas pola súa data de presentación e ata o esgotamento do crédito ampliado.

Artigo 8. Importe das subvencións

O importe das subvencións será do 100 % do investimento subvencionable, co límite máximo de dez mil euros (10.000 €) por solicitude, incluído o imposto sobre o valor engadido (IVE), ata esgotar o crédito previsto nesta resolución de convocatoria.

Artigo 9. Compatibilidade das subvencións

1. Estas subvencións serán compatibles con outras que, para a mesma finalidade, concedan outras administracións públicas.

2. O concello ou a entidade local menor beneficiario está obrigado a comunicarlles ás entidades concedentes a obtención de subvencións ou axudas que financien as actividades obxecto desta resolución.

3. A obtención de subvencións ou axudas concorrentes non poderá superar o custo total da actividade subvencionada. Cando se produza exceso das subvencións ou axudas percibidas de distintas entidades públicas respecto do custo da actividade e estas fosen compatibles entre si, o concello ou a entidade local menor beneficiario deberá reintegrar o exceso xunto cos xuros de demora, unindo as cartas de pagamento á correspondente xustificación.

O reintegro do exceso farase a favor das entidades concedentes en proporción ás subvencións concedidas por cada unha delas. Con todo, cando sexa a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a que advirta o exceso de financiamento, exixirá o reintegro polo importe total do exceso, ata o límite da subvención outorgada por ela.

Artigo 10. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 9.00 horas do día 6 de marzo de 2026 e rematará ás 14.00 horas do día 31 de xullo de 2026.

Artigo 11. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia
https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda. Se a emenda deste concreto defecto (presentación presencial da solicitude) se realiza unha vez transcorrido o prazo indicado na convocatoria da subvención para a presentación de solicitudes, o órgano competente ditará unha resolución en que se desestimará a solicitude por presentarse fóra do prazo, de acordo co artigo 23 en relación co artigo 20.2 letra g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. No formulario, que figura como anexo I desta resolución, declárase o seguinte:

a) Que o concello ou a entidade local menor que solicita a subvención acepta as condicións e demais requisitos exixidos na resolución de convocatoria.

b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

c) O conxunto de todas as subvencións ou axudas das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, solicitadas ou concedidas para o mesmo proxecto ou conceptos financiados ao abeiro da resolución de convocatoria, e o compromiso de comunicar de contado cantas subvencións ou axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración, con indicación do importe e da súa procedencia, se é o caso.

d) Que a conta xeral da entidade local correspondente ao exercicio orzamentario de 2024 foi remitida ao Consello de Contas de Galicia antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes que regula esta resolución.

e) Que o concello ou a entidade local menor solicitante está ao día no cumprimento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento en período executivo ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia e, nomeadamente, con Augas de Galicia.

f) Que o concello ou a entidade local menor solicitante cumpre os requisitos que se recollen nos artigos 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para poder obter a condición de entidade beneficiaria.

g) O carácter recuperable ou non do imposto sobre o valor engadido (IVE) por parte do concello ou da entidade local menor, de acordo co disposto na Lei 37/1992, do 28 de decembro, do imposto sobre o valor engadido.

h) Que o concello ou a entidade local menor está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Todo isto sen prexuízo das comprobacións que se poidan realizar desde Augas de Galicia e que poden comprender a solicitude da documentación que se considere necesaria para a tramitación do procedemento.

Artigo 12. Documentación complementaria

1. Os concellos e as entidades locais menores interesados deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:

a) Copia da auditoría de abastecemento en alta e de subministración en baixa, redactada e aprobada co contido mínimo a que se refire o artigo 5 desta resolución de convocatoria.

b) O plan de actuacións para minimizar as perdas de auga, segundo o contido mínimo establecido no artigo 5 desta resolución de convocatoria, aprobado polo concello ou a entidade local menor, segundo o indicado no punto 2 da disposición adicional segunda da Lei 9/2019, do 11 de decembro, de medidas de garantía do abastecemento nos episodios de seca e nas situacións de risco sanitario.

c) Resolución do órgano competente do concello ou da entidade local menor pola cal se aprobe a auditoría e o plan de actuacións para minimizar as perdas de auga. No caso de que a aprobación a realice a persoa titular da alcaldía, deberá recollerse na resolución en que se dará conta ao pleno ou á xunta veciñal da aprobación da dita auditoría.

d) Orzamento detallado, que describirá con claridade os conceptos, as cantidades e o seu prezo unitario para a realización da auditoría de abastecemento para minimizar as perdas de auga.

e) Conta xustificativa que recolla o previsto nos artigos 8 e 10 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

f) Os tres orzamentos que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, debe ter solicitado a entidade beneficiaria, de ser o caso.

O citado artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, establece que cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas para o contrato menor no artigo 118 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servicio ou a entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

En todo caso, esta documentación solo será exixible no suposto de que o importe dos gastos totais pola realización da auditoría de abastecemento supere os 15.000 euros, de acordo co disposto no artigo 118 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público no suposto de contratos de servizos.

A falta de presentación da documentación indicada será obxecto de requirimento de emenda aplicándose o previsto no artigo 17.2 desta resolución para o suposto de que non se atenda o requirimento, sen prexuízo do disposto no artigo 13 desta resolución sobre comprobación de datos.

2. Augas de Galicia poderá solicitar calquera outra documentación necesaria para a correcta verificación da subvención.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica.

4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. O tamaño máximo previsto para a presentación electrónica de documentos é de 2GB por presentación.

7. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no punto 5 deste artigo. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

O procedemento que se vai seguir para presentar documentación de gran tamaño pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia a través da seguinte ligazón
https://sede.xunta.gal/axuda/preguntas-frecuentes?content=pregunta-frecuente_0068.xml

Artigo 13. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento, unha vez presentada a solicitude de subvención, poderán consultarse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas que deba emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria.

d) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas fronte á Seguridade Social que deba emitir a Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

e) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Certificación sobre o cumprimento de obrigas derivadas da xestión dos tributos en materia de augas que deba emitir Augas de Galicia.

g) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

h) Consulta de concesións ampliado.

i) Consulta de axudas do Estado.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. Para a comprobación do cumprimento da obriga de remisión ao Consello de Contas de Galicia da conta xeral da entidade local correspondente ao exercicio orzamentario de 2024, Augas de Galicia terá en conta os datos públicos que consten na páxina web oficial do Consello de Contas de Galicia, salvo que o solicitante achegue xunto coa súa solicitude, outra documentación distinta que acredite o cumprimento da dita obriga.

Artigo 14. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Publicación dos actos

Publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG) e na páxina web de Augas de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, o esgotamento do crédito previsto na convocatoria, a ampliación do crédito, se é o caso, e a relación de subvencións que se concedan.

Artigo 16. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar logo da presentación da solicitude deberán ser efectuados de maneira electrónica accedendo á Carpeta cidadá do concello ou da entidade local menor interesado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 17. Instrución

1. Augas de Galicia realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos que se debe formular a proposta de resolución.

A Xerencia de Augas de Galicia coordinará as unidades administrativas de Augas de Galicia para que por cada unha delas se poida examinar a documentación administrativa, técnica e económica presentada para a concesión da subvención. Verificarase o cumprimento das condicións exixidas nesta resolución e no resto de normativa aplicable para poder ser entidade beneficiaria da subvención.

2. Revisadas as solicitudes e a documentación que se presente con elas, se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación exixida, Augas de Galicia requirirá ao solicitante que, no prazo máximo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non facelo, se considerará que desiste da súa solicitude, de acordo co previsto nos artigos 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, logo de que se dite resolución ao abeiro do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Igual requirimento se efectuará no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal de Administración Tributaria, Tesouraría Xeral da Seguridade Social, consellería competente en materia de facenda ou a Augas de Galicia e da verificación do DNI/NIE.

3. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución, Augas de Galicia poderá requirir aos solicitantes para que presenten a información e/ou a documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación e comprobación das solicitudes presentadas.

4. Os requirimentos realizaranse nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

5. Cada unidade verificará o cumprimento das condicións exixidas nesta resolución e no resto de normativa aplicable para poder ser entidade beneficiaria das subvencións.

Para tal fin, analizará as solicitudes presentadas e a documentación que se achegue.

6. En relación con aquelas solicitudes que estean completas e cumpran coas condicións exixidas, elaborarase unha proposta de resolución na cal consten esas circunstancias e que da información que consta se desprende que as entidades propostas como beneficiarias cumpren todos os requisitos necesarios para acceder á subvención.

A proposta de resolución proporá a inadmisión das solicitudes que non cumpran as exixencias contidas nesta resolución ou na normativa de aplicación.

Artigo 18. Resolución e recursos

1. O órgano competente para resolver, por delegación da persoa titular da Presidencia de Augas de Galicia, será a persoa titular da Dirección de Augas de Galicia.

2. Unha vez realizada a proposta de resolución, o órgano competente para resolver ditará a resolución do procedemento.

A resolución acordará, segundo proceda, ben o outorgamento das subvencións, ben a desestimación e a non concesión, por inadmisión, desistencia, renuncia ao dereito, esgotamento do crédito ou imposibilidade material sobrevida.

3. O prazo para resolver e notificar será de tres meses, contados a partir do día seguinte á presentación da solicitude.

4. Segundo o establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima as persoas interesadas para entender desestimada por silencio administrativo a súa solicitude de concesión da subvención.

5. As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, ante o mesmo órgano, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou desde o día en que se produza o acto presunto. Alternativamente, poderá interpoñerse directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sección do Contencioso-Administrativo do Tribunal de Instancia da cidade de Santiago de Compostela no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 19. Desistencia da solicitude, aceptación e renuncia

1. As entidades interesadas poderán desistir da súa solicitude a través do modelo que se achega como anexo II.

2. Os concellos e as entidades locais menores beneficiarios disporán dun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión, para comunicar a aceptación da subvención e das condicións contidas nela, ou ben renunciar á subvención concedida de maneira expresa e motivada, conforme o modelo que se achega como anexo II.

Transcorrido o prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a subvención, de conformidade co artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As entidades beneficiarias das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigadas a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidas.

Artigo 20. Obrigas das entidades beneficiarias

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os concellos e as entidades locais menores beneficiarios das subvencións concedidas ao abeiro desta resolución quedan obrigadas a:

1. Cumprir o obxectivo da subvención e ter realizada e aprobada a auditoría de abastecemento e o plan de actuacións para minimizar as perdas de auga con anterioridade á data de presentación da solicitude.

2. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento da finalidade da subvención, a realización da actividade ou a adopción do comportamento que fundamentou a súa concesión e o seu custo real.

3. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e ter realizado as actuacións que integran o proxecto subvencionado, segundo o estipulado no artigo 41 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. Dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento das actuacións obxecto da subvención de acordo co establecido no artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Proceder ao reintegro das cantidades percibidas, se é o caso, xunto cos xuros de demora correspondentes, segundo o procedemento establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nos seguintes supostos:

a) Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención.

b) Incumprimento da obriga de xustificar o pagamento nos termos establecidos nesta resolución.

c) Incumprimento da obriga, de ser o caso, de achegar os tres orzamentos que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deba ter solicitado a entidade beneficiaria e/ou falta ou insuficiente acreditación de que a elección recaeu na oferta economicamente máis vantaxosa.

De acordo con este artigo cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas para o contrato menor no artigo 118 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servicio ou a entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

d) Incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou en calquera outro que resulte da normativa aplicable.

6. No suposto de concertar con terceiros a execución parcial ou total das actuacións obxecto da subvención, tramitar e adxudicar os contratos necesarios conforme as prescricións contidas na lexislación sobre contratación administrativa do sector público e, especificamente, a que rexe as contratacións das administracións públicas.

7. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, as axudas, os ingresos ou os recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse con anterioridade ou simultaneamente á presentación da xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos e, en todo caso, tan axiña como se coñeza.

8. Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da subvención nos rexistros públicos que proceda, conforme o previsto na disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

9. En relación coa subvención concedida, someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Artigo 21. Contratación

1. Os concellos e as entidades locais menores beneficiarios poderán concertar con terceiros a execución parcial ou total das actuacións obxecto da subvención, salvo que o impida a súa natureza. En ningún caso poderán subcontratarse actuacións que, aumentando o custo da actuación subvencionada, non acheguen valor engadido ao seu contido.

Os contratistas quedarán obrigados soamente ante a entidade beneficiaria, que asumirá a total responsabilidade da execución da actuación subvencionada fronte á Administración concedente.

2. A tramitación dos expedientes de contratación que procedan será realizada polos concellos e as entidades locais menores beneficiarios conforme a normativa vixente en materia de contratación do sector público, e serán as entidades locais contratantes as responsables directas das consecuencias que poidan derivar dos incumprimentos.

3. En todo caso, deberá observarse o establecido nos artigos 27 e 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no artigo 31.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10.e) do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

O concello ou a entidade local menor beneficiario deberá acreditar, de ser o caso, as ofertas recibidas xunto coa documentación xustificativa da subvención e xustificar a elección entre as ofertas presentadas.

Artigo 22. Pagamento

1. Augas de Galicia tramitará o aboamento da subvención concedida, unha vez aceptada esta e tendo en conta o disposto nos puntos seguintes deste artigo, no prazo máximo de dous meses desde a concesión da subvención.

2. Augas de Galicia poderá solicitar calquera documentación necesaria para a correcta verificación da subvención e, de atopar conforme a documentación xustificativa, proporá o libramento dos fondos, segundo o estipulado no artigo 41 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

3. O pagamento corresponderase co importe da subvención concedida.

4. Non poderá realizarse o pagamento da subvención en canto a entidade beneficiaria non se atope ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social ou teña pendente de pagamento en período executivo algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e, nomeadamente, con Augas de Galicia, ou sexa debedora por resolución de procedencia de reintegro, de acordo co disposto no artigo 31.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 23. Incumprimento de obrigas

1. O órgano concedente poderá revogar a concesión da subvención se a entidade beneficiaria incumpre as condicións impostas con motivo da súa concesión.

2. O incumprimento das obrigas contidas nesta resolución ou na restante normativa que sexa de aplicación dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior, tramitarase o procedemento de reintegro oportuno, que se axustará ao previsto no artigo 37 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título V do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. Aos concellos e as entidades locais menores beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e VI do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 24. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

Artigo 25. Medidas antifraude

1. É de aplicación ao procedemento recollido nesta resolución o Plan xeral de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da Xunta de Galicia e o Plan específico de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da entidade pública empresarial Augas de Galicia, que poden consultarse nas seguintes ligazóns:

https://ficheiros-web.xunta.gal/transparencia/codigo-etico/plan-prevencion-riscos-medidas-antifraude-gal.pdf

https://augasdegalicia.xunta.gal/c/document_library/get_file?file_path=/portal-augas-de-galicia/plans/resto_plans/PlanMedidasAntifraudeAugasdeGalicia.pdf

2. Augas de Galicia empregará como canle de denuncias o sistema posto en funcionamento, á disposición da cidadanía, a partir do 1 de xaneiro de 2022, no Sistema integrado de atención á cidadanía onde os cidadáns poden denunciar calquera irregularidade ou conduta de fraude na seguinte ligazón: https://transparencia.xunta.gal/canle-de-denuncias

A presentación de denuncias nesta canle, que precisará da identificación electrónica da persoa denunciante para evitar suplantacións ou denuncias automatizadas, será tratada pola Administración autonómica garantindo o anonimato da persoa denunciante, de xeito que os órganos que deban investigar a denuncia non coñezan a identidade do denunciante.

A canle, ademais da cidadanía, poderá ser utilizada polos empregados públicos para presentar medidas de mellora dos procedementos ou das accións antifraude. Tamén na canle se poderán denunciar incidencias que sexan realizadas por empresas ou por beneficiarios de subvencións.

No punto de acceso electrónico á canle de denuncias, situado en SIACI, figurará unha declaración da Xunta en que constará expresamente que, con independencia da necesaria identificación electrónica para a presentación da denuncia, os datos serán tratados anonimizadamente mediante tecnoloxías de información para garantir a indemnidade da persoa denunciante e evitar calquera tipo de eventual represalia sobre ela, en termos semellantes aos establecidos na directiva europea.

A xestión da canle de denuncias corresponderá á Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio.

3. A investigación e o tratamento das denuncias presentadas axustarase ao disposto nos puntos 2.3.2 e 2.3.3 do Plan xeral de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da Xunta de Galicia.

Disposición adicional primeira. Número de habitantes

Para o cómputo do número de habitantes dos concellos e das entidades locais menores solicitantes desta subvención terase en conta o disposto no Real decreto 1117/2025, do 3 de decembro, polo que se declaran oficiais as cifras de poboación resultantes da revisión do padrón municipal referidas ao 1 de xaneiro de 2025.

Disposición adicional segunda. Delegación de competencias

Delégase na persoa titular da Dirección de Augas de Galicia a competencia para resolver o procedemento de concesión de subvencións, ampliar o crédito da convocatoria, modificar a resolución de convocatoria ou de concesión da subvención, resolver os recursos que se presenten contras as resolucións que se diten e outras incidencias que poidan xurdir na súa tramitación, así como a competencia para autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamentos, en relación co disposto no artigo 73.a) do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Disposición adicional terceira. Impugnación da convocatoria

Contra esta resolución poderá interpoñerse, ante a Presidencia de Augas de Galicia, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Alternativamente, poderá interpoñerse directamente recurso contencioso-administrativo, ante a Sección do Contencioso-Administrativo do Tribunal de Instancia da cidade de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional cuarta. Visibilidade da sinatura electrónica

Co fin de facilitar a tramitación do expediente e verificar de forma axeitada a validez e a data de emisión da documentación presentada, recoméndase que todos os documentos asinados de maneira electrónica inclúan a sinatura visible, de xeito que se poida comprobar de forma clara a identidade da persoa asinante e a data da sinatura.

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2026

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta de Augas de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file