Mediante a Resolución do 12 de xaneiro de 2026 (DOG núm. 16, do 26 de xaneiro), reguláronse e convocáronse as subvencións correspondentes ao programa de obradoiros de folclore, artesanía, cociña galega e seminarios de cultura galega en entidades galegas do exterior para entidades galegas do exterior para o ano 2026.
No artigo 9 da devandita resolución establécese un prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, para a presentación de solicitudes, prazo que remata o vindeiro día 26 de febreiro.
As especiais circunstancias socio-políticas e económicas concorrentes actualmente nos países onde residen a maioría das persoas da colectividade galega no exterior están provocando grandes dificultades a esas persoas para poder reunir a documentación.
Así, tendo en conta estas dificultades para a presentación da documentación e que o número de potenciais beneficiarios é limitado e coñecido pola Secretaría Xeral da Emigración resulta aconsellable, para promover e facilitar a súa participación neste procedemento, ampliar o prazo de presentación de solicitudes previsto na convocatoria.
Con carácter xeral, o artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), prevé a posibilidade de que a Administración poida conceder unha ampliación dos prazos establecidos se as circunstancias o aconsellan e con iso non se prexudica dereitos de terceiras persoas, por un período que non exceda a metade dos ditos prazos. Os acordos sobre ampliación non serán susceptibles de recurso.
Por todo o anterior, sobre a base dos requisitos e condicións previstos na normativa anteriormente citada,
RESOLVO:
Artigo único. Ampliación do prazo de presentación de solicitudes
Ampliar o prazo de presentación de solicitudes previsto no artigo 9 da Resolución do 12 de xaneiro de 2026, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de obradoiros de folclore, artesanía, cociña galega e seminarios de cultura galega en entidades galegas do exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento PR923C), ata o 13 de marzo de 2026, inclusive.
Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2026
Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración
