O Consello Técnico de Seguimento e Mellora da Calidade no Control Oficial en Saúde Pública (en diante, o Consello Técnico) creouse como órgano colexiado interno de asesoramento da consellería competente en materia de sanidade, adscrito ao órgano directivo con competencia no desenvolvemento de programas en materia de saúde pública.
O dito órgano colexiado ten como obxectivo xeral contribuír á mellora nas actividades de control oficial en saúde pública mediante o establecemento e a mellora continua de procedementos normalizados de traballo (PNT), a definición de criterios técnicos homoxéneos para a súa aplicación na inspección de saúde pública e a coordinación das medidas posteriores ás ditas inspeccións en toda a Comunidade Autónoma de Galicia.
O artigo 4.c) da Orde do 7 de decembro de 2022, pola que se estableceu a súa composición, organización e funcionamento, prevé a existencia de oito vogalías que representan os órganos e unidades con competencias en materia de asistencia técnico-xurídica e administrativa, tramitación e xestión de expedientes sancionadores, seguridade alimentaria, sanidade ambiental, así como as catro direccións territoriais da consellería competente en materia de sanidade.
O Decreto 144/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, prevé a existencia na Dirección Xeral de Saúde Pública dunha Subdirección Xeral de Xestión, Calidade e Innovación, que ten entre as súas funcións a xestión da calidade e a implantación dos programas de calidade nas actuacións das distintas unidades implicadas na saúde pública, co obxectivo de garantir a mellora continua nos servizos prestados á cidadanía, polo que resulta necesario que o dito órgano estea representado, con voz e voto, no Consello Técnico, tendo en conta as funcións que lle son propias.
A presente orde foi obxecto de publicación no Portal de transparencia e Goberno aberto da Xunta de Galicia, e será sometida a informe económico-financeiro da consellería competente en materia de facenda, informe da consellería competente en materia de simplificación administrativa e emprego público, informe sobre impacto de xénero e informe da Asesoría Xurídica. É preciso indicar tamén que se puido prescindir dos trámites de consulta pública previa e de información pública e audiencia pola propia consideración de órgano administrativo que ten o Consello Técnico que se modifica, de conformidade co previsto no artigo 42.6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 133.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
O resto dos trámites seguiron as previsións contidas nos artigos 40 a 43 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, e nos artigos 127 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, antes citadas.
Finalmente, a regulación contida nesta orde axústase aos principios de boa regulación, en particular os de necesidade, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia, accesibilidade, simplicidade, eficacia e eficiencia, recollidos no artigo 37. a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, así como no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
En virtude do anterior, de conformidade coas atribucións que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo único
Modificación da Orde do 7 de decembro de 2022 pola que se crea e se regula o Consello Técnico de Seguimento e Mellora da Calidade no Control Oficial en Saúde Pública e se establecen a súa composición, organización e funcionamento.
A Orde do 7 de decembro de 2022, pola que se crea e se regula o Consello Técnico de Seguimento e Mellora da Calidade no Control Oficial en Saúde Pública e se establecen a súa composición, organización e funcionamento, queda modificada como segue:
Un. Modifícase a letra c) do artigo 4, que queda redactada como segue:
c) Vogais: nomearanse nove vogais. As persoas que ocupen as vogalías serán designadas respectando a seguinte composición:
1º. Unha persoa pertencente ao órgano directivo con competencia na asistencia técnico-xurídica e administrativa da consellería competente en materia de sanidade.
2º. Unha persoa pertencente ao órgano directivo con competencia na xestión da calidade e a implantación dos programas de calidade nas actuacións das distintas unidades implicadas na saúde pública.
3º. Una persoa pertencente ao servizo con competencia na tramitación e xestión dos expedientes sancionadores do órgano directivo competente en materia de saúde pública.
4º. Unha persoa pertencente ao servizo con competencia nas actividades de control oficial no marco da protección da saúde fronte aos riscos asociados ao consumo de alimentos.
5º. Unha persoa pertencente ao servizo con competencia nas actividades de control oficial no marco da protección da saúde fronte aos riscos físicos, químicos e biolóxicos asociados a factores ambientais.
6º. Unha persoa de cada un dos órganos periféricos da consellería competente en materia de sanidade con competencia na execución da política de calidade establecida para os servizos de inspección de saúde pública e da supervisión das actividades de control oficial en saúde pública ou persoa en quen delegue.
Disposición adicional única. Crédito orzamentario
A modificación prevista nesta orde non xerará aumento dos créditos orzamentarios asignados á consellería competente en materia de sanidade.
Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa
Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango en canto se opoñan ao regulado na presente orde.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2026
Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade
