DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 27 de febreiro de 2026 Páx. 15675

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 5 de xaneiro de 2026, do Departamento Territorial de Pontevedra, pola que se concede a autorización administrativa de peche dunha instalación eléctrica no concello de Redondela (expediente IN407A 2025/243-4).

Expediente: IN407A 2025/243-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: Desmontaxe do CT Cardosas (36CDF7) e empalme da LMT RED711.

Concello: Redondela.

Feitos:

1. O 6.11.2025, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa de peche da instalación eléctrica denominada Desmontaxe do CT Cardosas (36CDF7) e empalme da LMT RED711.

A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado polo enxeñeiro técnico industrial Victoriano González Lemos, colexiado 2980 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo, e contén un orzamento total de 1.732,72 euros.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade a retirada do centro de transformación Cardosas (36CDF7) situado na rúa das Cardosas, nº 5, no concello de Redondela, por encontrarse en mal estado de conservación e polo esgotamento da súa vida útil. Para dar continuidade á liña de media tensión subterránea RED711 realizarase un empalme no punto de acceso existente na beirarrúa da intersección da rúa das Cardosas coa rúa Bidueiro.

2. Non hai administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas.

3. O 9.12.2025, os servizos técnicos deste departamento territorial emitiron un informe favorable á autorización administrativa de peche da instalación eléctrica Desmontaxe do CT Cardosas (36CDF7) e empalme da LMT RED711.

Consideracións legais e técnicas:

1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG nº 101, do 27 de maio), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

• Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

• Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

• Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

• Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

• Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

• Desmontaxe do centro de transformación Cardosas (36CDF7) non prefabricado 2L1P de 400 kVA e empalme da liña de media tensión subterránea (LMTS) no punto de acceso existente na beirarrúa da intersección da rúa das Cardosas coa rúa Bidueiro.

• A instalación está situada na rúa das Cardosas, nº 5, no concello de Redondela (Pontevedra).

Conforme o indicado,

RESOLVO:

Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A., a autorización administrativa de peche da instalación eléctrica denominada Desmontaxe do CT Cardosas (36CDF7) e empalme da LMT RED711, expediente IN407A 2025/243-4.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada e de acordo coas seguintes condicións:

1. As características da desmontaxe da instalación axustaranse en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e aos condicionados técnicos impostos polas administracións públicas, organismos ou empresas que presten servizos públicos ou de interese económico xeral, no relativo aos bens e dereitos da súa propiedade que se atopen afectados pola instalación.

2. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante o desmantelamento, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

3. O prazo para o desmantelamento das instalacións que se autoriza será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a desmontaxe.

4. Unha vez efectuada a desmontaxe das instalacións deberá comunicala a este departamento territorial para emitir a acta de peche.

5. Transcorrido o prazo de doce meses sen comunicar a desmontaxe da instalación, producirase a caducidade desta resolución, de conformidade co disposto no artigo 138 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 5 de xaneiro de 2026

Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra