Expediente: IN407A 2025/109-4.
Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Denominación: Desmontaxe do CT Couto de San Honorato 10 (36SEI0).
Concello: Vigo.
Feitos:
1. O 19.5.2025, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización de peche da instalación eléctrica denominada Desmontaxe do CT Couto de San Honorato 10 (36SEI0).
A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado polo enxeñeiro eléctrico Rubén Fervenza Nicolás, colexiado 4684 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo, e contén un orzamento total de 5.828,22 euros.
Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade a retirada do centro de transformación Couto de San Honorato 10 (36SEI0) e a súa liña de alimentación, debido ás frecuentes filtracións provocadas polas precipitacións de choiva e facilitadas pola orografía da contorna. Estas filtracións causan avarías e fallos na subministración e, como non é posible evitalos, óptase por desmontar o centro de transformación. Será o centro de transformación Marina (36C914) o que asumirá a carga do centro desmontado.
2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Vigo. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co condicionado emitido.
3. O 22.7.2025, os servizos técnicos deste departamento territorial emitiron un informe favorable á autorización de peche da instalación eléctrica Desmontaxe do CT Couto de San Honorato 10 (36SEI0).
Consideracións legais e técnicas:
1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).
2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:
– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:
– Desmantelamento do centro de transformación Couto de San Honorato 10 (36SEI0), de 400 kVA.
– Realización de empalmes sobre a liña TRO704 para a súa continuidade. O punto de instalación da arqueta, sobre a LMTS existente, atópase na beirarrúa da rúa Couto de San Honorato, á altura do portal número 10.
A instalación está situada na rúa Couto de San Honorato 10, no municipio de Vigo (Pontevedra).
Conforme o indicado,
Resolvo:
Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. a autorización de peche da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada Desmontaxe do CT Couto de San Honorato 10 (36SEI0) (expediente IN407A 2025/109-4).
Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada, e de acordo coas seguintes condicións:
1. As características da desmontaxe da instalación axustaranse en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e aos condicionados técnicos impostos polas administracións públicas, organismos ou empresas que presten servizos públicos ou de interese económico xeral, no relativo aos bens e dereitos da súa propiedade que estean afectados pola instalación.
2. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante o desmantelamento, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.
3. O prazo para o desmantelamento das instalacións que se autoriza será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a desmontaxe.
4. Unha vez efectuada a desmontaxe das instalacións, deberá comunicala a este departamento territorial para emitir a acta de peche.
5. Transcorrido o prazo de doce meses sen comunicar a desmontaxe da instalación, producirase a caducidade desta resolución, de conformidade co disposto no artigo 138 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.
Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Pontevedra, 4 de xaneiro de 2026
Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra
