DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 27 de febreiro de 2026 Páx. 15666

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 2 de xaneiro de 2026, do Departamento Territorial de Pontevedra, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello do Grove (expediente IN407A 2025/075-4).

Expediente: IN407A 2025/075-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: Soterramento de tramos da LMT VLG806.

Concello: O Grove.

Feitos:

1. O 4.4.2025, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A., solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica denominada Soterramento de tramos da LMT VLG806.

A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado polo enxeñeiro técnico industrial Javier Fernández Pazos, colexiado 502 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Ourense, e contén un orzamento total de 128.541,35 euros.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade o soterramento de varios tramos da liña de media tensión aérea VLG806 no concello do Grove. Para isto están previstas as seguintes actuacións:

– Desmontaxe de dous tramos aéreos da liña de media tensión VLG806 en condutor LA-56, un de 169 metros e outro de 445 metros.

– Desmontaxe de tres tramos subterráneos da liña de media tensión VLG806, un de 235 metros en condutor RHZ1-150, outro de 162 metros en condutor de RHZ1-240 e o último de 17 metros en condutor RHZ1-240.

– Proxéctanse dous tramos de liña de media tensión subterránea en condutor RHZ1-240, o primeiro de 355 metros e o segundo de 532 metros.

2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello do Grove, a Deputación Provincial de Pontevedra e Augas de Galicia. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co condicionado emitido por Augas de Galicia.

Os demais organismos non emitiron os condicionados técnicos, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.

3. O 17.7.2025, os servizos técnicos deste departamento territorial emitiron un informe favorable ás autorizacións administrativas previa e de construción da instalación eléctrica Soterramento de tramos da LMT VLG806.

Consideracións legais e técnicas:

1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

– Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 20 kV, con condutor RHZ1-2OL 12/20 kV 3×(1×240) mm2 Al, en dúas actuacións. A primeira é de 355 metros de lonxitude, coa orixe no empalme coa liña VLG806, en arqueta proxectada, e final no centro de transformación avenida Portugal (36CE23). A segunda é de 532 metros de lonxitude, coa orixe no centro de transformación avenida Portugal 49 (36CNN4) e final no empalme coa liña VLG806, en arqueta existente.

A instalación está situada no concello do Grove (Pontevedra).

Conforme o indicado,

Resolvo:

Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A., as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada Soterramento de tramos da LMT VLG806, expediente IN407A 2025/075-4.

Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada e de acordo coas seguintes condicións:

1. As características da instalación axustaranse en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e aos condicionados técnicos impostos polas administracións públicas, organismos ou empresas que presten servizos públicos ou de interese económico xeral, no relativo aos bens e dereitos da súa propiedade que se atopen afectados pola instalación, en especial os relativos ás distancias de seguridade, cruzamentos e paralelismos prescritos pola normativa vixente.

2. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

3. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial acompañada da seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado dirección final de obra en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 2 de xaneiro de 2026

Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra