DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Luns, 2 de marzo de 2026 Páx. 15751

I. Disposicións xerais

Presidencia da Xunta de Galicia

LEI 2/2026, do 27 de febreiro, de medida excepcional de carácter fiscal.

Exposición de motivos

I

O artigo 31.1 da Constitución española consagra o principio de que todos contribuirán ao sostemento dos gastos públicos de acordo coa súa capacidade económica, mediante un sistema tributario xusto inspirado nos principios de igualdade e progresividade.

Os beneficios fiscais constitúen instrumentos de política económica e social mediante os cales as administracións tributarias, no ámbito das súas competencias, renuncian, total ou parcialmente, á percepción de determinados tributos co fin de alcanzaren obxectivos estratéxicos de desenvolvemento. Supoñen, pois, unha excepción ao principio de xeneralidade tributaria e responden a razóns económicas, sociais ou estratéxicas que buscan promover unha finalidade pública e que, ao mesmo tempo, supoñen unha minoración da recadación.

Como ferramentas de política pública requiren de control, pois os beneficios fiscais non son simples reducións de impostos e débense administrar con responsabilidade, con transparencia e con avaliación constante. Un sistema de control sólido asegura a eficiencia, a legalidade e a sustentabilidade financeira da Administración.

Un dos medios para lograr ese control é a exixencia do uso de medios de pagamento rastrexables, pois permiten verificar a realidade da operación, reducir o risco de facturas falsas ou simuladas, facilitar a comprobación administrativa e evitar a utilización instrumental do beneficio fiscal. É, alén diso, un medio de control coherente coa normativa fiscal antifraude que evidencia unha orientación lexislativa clara cara á rastrexabilidade das operacións económicas como instrumento de control tributario.

Por tanto, a xustificación de que o gasto suxeito a dedución non poida realizarse mediante entregas de diñeiro de curso legal obedece á necesidade de o gasto ter que estar debidamente xustificado e rexistrado a través de medios de pagamento que permitan verificar a realidade da transacción e a orixe inmediata dos fondos dedicados a iso. Trátase dunha finalidade que se non se consegue co pagamento en metálico e si co pagamento mediante tarxeta de crédito ou débito, transferencia bancaria, cheque nominativo, ingreso en conta en entidades de crédito ou a través de plataformas de servizos de pagamentos electrónicos instantáneos autorizadas en España.

II

No texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, a Comunidade Autónoma de Galicia, no exercicio das competencias normativas en materia de tributos cedidos, aprobou diferentes beneficios fiscais que exclúen como medio de xustificación do gasto fiscalmente deducible as entregas de diñeiro de curso legal. Estes beneficios recóllense nos artigos 5.Tres (dedución polo investimento en instalacións de climatización e/ou auga quente sanitaria que empreguen enerxías renovables na vivenda habitual e destinadas exclusivamente ao autoconsumo), 5.Dezaoito (dedución na cota íntegra autonómica por obras de mellora de eficiencia enerxética en edificios de vivendas ou en vivendas unifamiliares) e tamén na redución no imposto sobre doazóns prevista no artigo 8.Dez (redución pola adquisición de bens e dereitos destinados a reparar ou repoñer os danados polos incendios forestais acaecidos en Galicia en 2025).

No caso da Administración xeral do Estado, podemos citar como medidas fiscais nas que non cabe acreditar o pagamento mediante entregas de diñeiro de curso legal: a disposición adicional vixésimo novena (dedución por obras de mellora na vivenda), a disposición adicional quincuaxésima (dedución por obras de mellora da eficiencia enerxética de vivendas) e mais a disposición adicional quincuaxésimo oitava (dedución pola adquisición de vehículos eléctricos «enchufables» e de pila de combustible e puntos de recarga) da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas e de modificación parcial das leis dos impostos sobre sociedades, sobre a renda de non residentes e sobre o patrimonio.

Nesta mesma liña, a Comunidade Autónoma de Aragón regula, na disposición adicional segunda do Decreto lexislativo 1/2005, do 26 de setembro, do Goberno de Aragón, polo que se aproba o texto refundido das disposicións ditadas pola Comunidade Autónoma de Aragón en materia de tributos cedidos, os requisitos das entregas de importes pecuniarios para a aplicación de determinados beneficios fiscais. Sinala que as deducións na cota íntegra autonómica do imposto sobre a renda das persoas físicas polas cantidades satisfeitas derivadas dos gastos polos que as persoas contribuíntes teñan dereito á aplicación do correspondente beneficio fiscal quedan condicionadas a que o pagamento dos devanditos gastos se realice mediante tarxeta de crédito ou débito, transferencia bancaria, cheque nominativo ou ingreso en contas en entidades financeiras.

No mesmo sentido, a Comunidade Autónoma de Extremadura, no artigo 52.3 do Decreto lexislativo 1/2018, do 10 de abril, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Extremadura en materia de tributos cedidos polo Estado, dispón que a aplicación dos beneficios fiscais establecidos pola Comunidade Autónoma de Extremadura no marco da súa competencia normativa, relativos a tributos cedidos, queda condicionada a que o aboamento das cantidades satisfeitas polo negocio xurídico que orixine o dereito á súa aplicación se realice mediante tarxeta de crédito ou débito, transferencia bancaria, cheque nominativo ou ingreso en contas en entidades de crédito.

Na Lei 5/2025, do 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, engádese o artigo 5.Vinte e cinco ao texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, da Comunidade Autónoma de Galicia, no exercicio das competencias normativas en materia de tributos cedidos, que regula a dedución pola adquisición de libros de texto e material escolar no imposto sobre a renda das persoas físicas. No que atinxe aos medios de xustificación do gasto, sinala que «A acreditación do gasto pola adquisición dos libros de texto e do material escolar realizarase mediante a factura detallada dos bens adquiridos e os xustificantes do pagamento efectuado mediante tarxeta de crédito ou débito, transferencia bancaria, cheque nominativo, ingreso en conta en entidades de crédito ou a través de plataformas de servizos de pagamentos electrónicos instantáneos autorizadas en España. En ningún caso darán dereito a practicar esta dedución as cantidades satisfeitas mediante entregas de diñeiro de curso legal».

No entanto, con carácter excepcional, dado que a norma foi publicada a finais de 2025 e coa finalidade de non prexudicar a quen realizou o gasto en material escolar e libros de texto no período do 1 de xullo ao 31 de decembro de 2025 en diñeiro de curso legal, ao descoñecer que non se ía admitir como medio válido para acreditalo, procede modificar a disposición adicional quinta da Lei 5/2025, do 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, para admitir ese medio de pagamento para a aplicación da dedución pola adquisición de libros de texto e material escolar na cota íntegra autonómica do imposto sobre a renda das persoas físicas aplicable no período impositivo 2025. Deste xeito, con carácter excepcional e polos motivos expostos, permítese o pagamento en diñeiro de curso legal dos gastos en material escolar e libros de texto no período do 1 de xullo ao 31 de decembro de 2025.

Esta lei está composta dun artigo único e dunha disposición derradeira.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, promulgo, en nome do rei, a Lei de medida excepcional de carácter fiscal.

Artigo único. Modificación da Lei 5/2025, do 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas

Modifícase a disposición adicional quinta da Lei 5/2025, do 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, do seguinte xeito:

«Disposición adicional quinta. Aplicación da dedución pola adquisición de libros de texto e material escolar na cota íntegra autonómica do imposto sobre a renda das persoas físicas aplicable no período impositivo 2025

A dedución pola adquisición de libros de texto e de material escolar regulada no apartado vinte e cinco do artigo 5 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, na redacción dada por esta lei, será aplicada na declaración correspondente ao período impositivo do ano 2025 polos contribuíntes que teñan dereito a ela, unicamente sobre os importes correspondentes ás adquisicións recollidas nas facturas emitidas entre o 1 de xullo e o 31 de decembro, ambos incluídos.

A acreditación do gasto realizarase mediante a factura detallada dos bens adquiridos e os xustificantes do pagamento efectuado mediante tarxeta de crédito ou débito, transferencia bancaria, cheque nominativo, ingreso en conta en entidades de crédito ou a través de plataformas de servizos de pagamentos electrónicos instantáneos autorizadas en España. De xeito excepcional, no ano 2025 serán tamén admisibles as contías satisfeitas mediante entregas de diñeiro de curso legal».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta lei produce efectos desde o 1 de xaneiro de 2025.

Santiago de Compostela, vinte e sete de febreiro de dous mil vinte e seis

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente