Mediante a Resolución do 3 de xullo de 2023 (Diario Oficial de Galicia núm. 132, do 12 de xullo) realizouse a convocatoria do proceso selectivo, polo sistema de concurso, para o acceso á condición de persoal estatutario fixo na categoría de enfermeira/o especialista en saúde mental. Este proceso selectivo foi convocado en execución da Lei 2/2022, do 6 de outubro, de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario con título de especialista en ciencias da saúde do Servizo Galego de Saúde.
Así mesmo, mediante as resolucións desta dirección xeral do 1 de abril de 2025 (Diario Oficial de Galicia núm. 75, do 21 de abril) e 26 de setembro de 2025 (Diario Oficial de Galicia núm. 192, do 6 de outubro), publicáronse os nomeamentos como persoal estatutario fixo e a adxudicación de destino definitivo das persoas aspirantes seleccionadas neste proceso selectivo.
A base 10.3 da resolución da convocatoria establece que a non incorporación ao servizo activo no destino adxudicado e no prazo establecido, sen causa xustificada, sobrevida á solicitude de participación no concurso, ou de forza maior, impedirá a perfección do nomeamento e a adquisición da condición de persoal estatutario fixo do/da aspirante, e quedarán sen efecto todas as súas actuacións no proceso. Neste suposto, o órgano convocante seleccionará e nomeará persoal estatutario fixo da categoría novos/as aspirantes, no número que corresponda e pola orde de prelación que resulte da lista definitiva da categoría entre aqueles aspirantes que elixisen os destinos non adxudicados, con independencia da quenda de acceso do aspirante que non se incorporou ao servizo activo.
Finalizado o prazo de toma de posesión previsto na resolución de nomeamento do 26 de setembro de 2025, resultaron cinco (5) prazas vacantes. Ao abeiro da Resolución do 3 de xullo de 2023, esta dirección xeral, como órgano convocante do proceso,
RESOLVE:
Primeiro. Coa finalidade de asegurar a cobertura de todas as prazas convocadas neste proceso selectivo, e segundo o que establece a base 10.3 da resolución de convocatoria, realizouse a adxudicación das cinco (5) prazas que resultaron vacantes na categoría de enfermeira/o especialista en saúde mental ás persoas aspirantes incluídas inmediatamente a continuación pola orde de prelación que resultou da lista definitiva, entre aqueles aspirantes que elixiran os destinos non adxudicados, con independencia da quenda de acceso da/do aspirante que non se incorporou ao servizo activo.
De acordo coa convocatoria, quedaron sen efecto todas as actuacións das persoas aspirantes seleccionadas que, no prazo e conforme o procedemento establecido, non seleccionaron os destinos que se ofertaron pola orde de prelación que consideraron, non resultaron adxudicatarias de ningún destino polo que optaron ou renunciaron á dita elección.
Tamén se recolle na base novena que as persoas aspirantes que, dentro do prazo fixado non presentasen a documentación ou do exame dela se deduza que carecen dalgún dos requisitos para participar neste proceso selectivo, non poderán ser nomeadas persoal estatutario fixo e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.
As actuacións destas persoas aspirantes no concurso quedan anuladas e decaen en todos os dereitos derivados da súa participación.
Segundo. Nomear como persoal estatutario fixo do Servizo Galego de Saúde na categoría de enfermeira/o especialista en saúde mental as persoas aspirantes que se inclúen no anexo desta resolución.
Adxudicarlles a estas persoas aspirantes, con carácter de destino definitivo, a praza que figura no referido anexo.
Terceiro. Declarar finalizado o proceso selectivo, polo sistema de concurso, para o ingreso na categoría de enfermeira/o especialista en saúde mental, convocado pola Resolución do 3 de xullo de 2023.
Cuarto. Este concurso de méritos tramitouse en execución da Lei 2/2022, do 6 de outubro, de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario, e a dita lei, como figura na súa parte expositiva, inclúe no seu artigo 2 unhas garantías para que o persoal seleccionado se incorpore e permaneza varios anos no desempeño efectivo dos postos adxudicados.
Polo tanto, en cumprimento do que dispón ese artigo 2 e a convocatoria deste concurso de méritos:
a) As persoas aspirantes nomeadas disporán do prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para incorporarse de modo efectivo e permanente ao servizo activo no destino elixido e adxudicado.
A falta de incorporación ao destino nesas condicións e prazo, sen causa xustificada, sobrevida á solicitude de participación no concurso, ou de forza maior, impedirá a perfección do nomeamento e a adquisición da condición de persoal estatutario fixo do/da aspirante, e quedarán sen efecto todas as súas actuacións no proceso.
b) Posteriormente, poderán participar nos concursos de traslados da categoría de enfermeira/o especialista en saúde mental, ou nos sistemas de promoción interna ou provisión de prazas doutra categoría, cando cumpran os requisitos comúns deses procedementos e acrediten dous anos de permanencia na situación de servizo activo no centro elixido e adxudicado como destino nesta resolución.
Aquelas persoas seleccionadas neste proceso que tomen posesión como enfermeiras especialistas en saúde mental serán excluídas dos procesos de selección temporal en que estean inscritas no Servizo Galego de Saúde.
Quinto. De conformidade coa disposición adicional segunda do Decreto 70/2017, do 13 de xullo, polo que se regula a formación en igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero do persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, como condición para o perfeccionamento do nomeamento que se expida, as/os aspirantes seleccionadas/os deberán realizar, con carácter obrigatorio, e nun prazo non superior aos seis meses contados desde a data de publicación do correspondente nomeamento como funcionario/a de carreira no Diario Oficial de Galicia, as actividades formativas para a obtención do nivel básico de coñecemento en materia de igualdade de xénero e prevención e loita contra a violencia de xénero que recolle o artigo 157 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia.
Non terán que realizar esta actividade formativa as persoas aspirantes seleccionadas que a realizasen con anterioridade, conste rexistrada no Fides/expedient-e e fose debidamente validada.
Sexto. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición ante esta dirección, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderase impugnar directamente na xurisdición contencioso-administrativa nos termos da Lei 29/1998, do 13 de xullo.
Santiago de Compostela, 20 de febrerio de 2026
María del Mar Pousa Cobas
Directora xeral de Recursos Humanos
