DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Luns, 2 de marzo de 2026 Páx. 15756

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

RESOLUCIÓN do 22 de febreiro de 2026, da Dirección Xeral de Xuventude, pola que se publica o requirimento de emenda da documentación das xustificacións presentadas ao abeiro da Orde do 18 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, dirixidas a entidades de acción voluntaria e entidades locais de Galicia para a elaboración e execución de proxectos de voluntariado interxeracional no medio rural vinculados co proxecto piloto Talento interxeracional no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, para o ano 2025 (código de procedemento BS508E).

A Consellería con competencias en materia de cultura, lingua e xuventude convocou, para o ano 2025, a través da Orde do 18 de decembro de 2024, as subvencións para entidades de acción voluntaria e entidades locais de Galicia para a elaboración e execución de proxectos de voluntariado interxeracional no medio rural vinculados co proxecto piloto Talento interxeracional, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (Diario Oficial de Galicia número 8, do 14 de xaneiro de 2025).

Mediante a Resolución do 11 de abril de 2025, da Dirección Xeral de Xuventude, publicase a Resolución do 10 de abril de 2025 de concesión das subvencións presentadas ao abeiro da dita Orde do 18 de decembro de 2025 (Diario Oficial de Galicia número 77, do 23 de abril).

O artigo 23 da orde de convocatoria establece o prazo e a forma de presentación da xustificación das axudas concedidas. A data límite para a presentación da xustificación estableceuse para o día 8 de novembro de 2025.

Así mesmo, nos números 2 e 3 do dito artigo 23 da orde determínase a documentación necesaria para a xustificación da axuda concedida.

Unha vez revisadas as xustificacións presentadas ao abeiro da dita orde de convocatoria polo órgano encargado da instrución, identificáronse aquelas que non reúnen a documentación necesaria, ben por non tela presentado, ben por conter erros ou por non ser suficiente para a determinación do cumprimento das condicións impostas e da consecución dos obxectivos previstos no acto da concesión da subvención.

O artigo 23.5 da dita orde establece que, transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado esta ante o órgano administrativo competente, este requirirá a entidade beneficiaria para que no prazo improrrogable de dez días a presente. A falta de presentación da xustificación no dito prazo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no dito prazo adicional non eximirá a entidade beneficiaria das sancións que, conforme a lei, correspondan.

Así mesmo, o artigo 20 da orde establece que se publicarán no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os actos administrativos e as correspondentes resolucións deste procedemento e que esta publicación producirá os efectos de notificación.

Por todo o exposto,

RESOLVO:

1. Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia do acto de requirimento da documentación xustificativa da axuda concedida, ditado polo órgano instrutor do procedemento con data do 19 de febreiro de 2026, en que se relacionan as entidades que deben emendar as xustificacións e/ou completar a documentación preceptiva exixida segundo o establecido nas bases reguladoras e que figura como anexo a esta resolución.

2. Facer indicación expresa ás entidades beneficiarias que se relacionan no requirimento recollido no anexo para que, no prazo de dez (10) días, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos conforme se establece na orde de convocatoria. De non o facer, de conformidade co artigo 23.5 da orde, co artigo 28.10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e co artigo 45 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades que correspondan.

3. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de emenda da documentación das xustificacións, poderán dirixirse á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través dos teléfonos 981 95 79 15 ou 881 99 65 30.

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2026

Lara del Carmen Meneses Álvarez
Directora xeral de Xuventude

ANEXO

Requirimento de emenda da documentación
xustificativa das axudas concedidas

Convocatoria: Orde do 18 de decembro 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, dirixidas a entidades de acción voluntaria e entidades locais de Galicia para a elaboración e execución de proxectos de voluntariado interxeracional no medio rural vinculados co proxecto piloto Talento interxeracional, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, para o ano 2025 (código de procedemento BS508E).

Acto administrativo: requirimento de emenda da documentación xustificativa das axudas concedidas ao abeiro da Orde do 18 de decembro de 2024.

Data do acto: 19 de febreiro de 2026.

Órgano competente: Servizo de Voluntariado e Participación.

Efectos: as entidades beneficiarias que a seguir se relacionan terán un prazo máximo de dez (10) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación do acto no Diario Oficial de Galicia, para emendar a falta ou achegar os documentos preceptivos. De non o facer, comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades que correspondan de conformidade co artigo 23.5 da orde, co artigo 28.10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e co artigo 45 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Relación de expedientes:

Nº exp.

Solicitante

NIF da entidade

Documentación requirida

2025/004

Concello da Veiga

P3208400F

– Xustificación da axuda concedida (art. 23.3)

2025/017

Valoresc Innovation

G70377585

Información detallada do cálculo do custo das nóminas imputadas á xustificación

2025/019

Asociación Ecos do Sur

G15354483

Presentación dos contratos das persoas con nóminas imputadas na xustificación, para a revisión da vinculación cos fondos MRR

2025/023

Concello de Muxía

P1505300B

Anexo IV
Informe da intervención da entidade local dos gastos realizados que figuran na conta xustificativa (art. 23.3.d.2º)
Pólizas de seguros de accidentes e responsabilidade civil das persoas voluntarias participantes e copias dos xustificantes bancarios de pagamento destas (art. 3.2.c)
Información e ligazón ao sitio da internet da entidade con información do apoio obtido (art. 23.3.f)
Documentación xustificativa da existencia dunha contabilidade separada (art. 23.3.f)