DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Martes, 3 de marzo de 2026 Páx. 16017

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 25 de febreiro de 2026 pola que se fai público o procedemento para a acreditación dos méritos correspondentes á fase de concurso do proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de enxeñeiros/as técnicos/as, especialidade de enxeñaría técnica forestal.

En virtude da Resolución do 25 de xaneiro de 2024 (DOG núm. 21, do 30 de xaneiro) convocouse o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de enxeñeiros/as técnicos/as, especialidades de enxeñaría técnica agrícola, enxeñaría técnica de obras públicas e enxeñaría técnica forestal. Na dita resolución establécese como sistema selectivo o de concurso-oposición.

A base II.3 da Resolución do 25 de xaneiro de 2024 dispón que os méritos enumerados na súa base II.2 deberán referirse á data de finalización da presentación das solicitudes de participación neste proceso e figurarán incorporados ao expediente electrónico persoal na data que se estableza por resolución da Dirección Xeral da Función Pública, que será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Doutra banda, mediante a Resolución do 5 de decembro de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, dítanse as instrucións para regular o contido, uso e acceso ao expediente persoal electrónico do persoal empregado público da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das súas entidades públicas instrumentais (DOG núm. 237, do 15 de decembro). Esta resolución ten por obxecto, ademais, a regulación dos efectos dos datos almacenados de xeito electrónico no dito expediente persoal ao que se accede a través da plataforma da canle do emprego público de Galicia (Fides).

Na instrución cuarta da Resolución do 5 de decembro de 2023 establécese que os datos do expediente electrónico se empregarán na tramitación dos procesos de selección de persoal, polo que cómpre que as persoas que participan no proceso selectivo mencionado nesta resolución acheguen a documentación acreditativa dos seus méritos do xeito previsto na Resolución do 5 de decembro de 2023 a través da dita canle do emprego público de Galicia (Fides).

En cumprimento da previsión anterior e co obxecto de que as persoas aspirantes que superasen a fase de oposición deste proceso selectivo poidan acreditar os méritos con que conten na fase de concurso, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro. Obxecto

Publicar o procedemento que se deberá seguir para acreditar os méritos correspondentes á fase de concurso do proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de enxeñeiros/as técnicos/as, especialidade de enxeñaría técnica forestal, convocado pola Resolución do 25 de xaneiro de 2024.

De acordo co establecido na base II.3 da convocatoria, os méritos que se bareman na fase de concurso deberán referirse á data de finalización da presentación das solicitudes de participación neste proceso, que foi o 27 de febreiro de 2024.

Segundo. Procedemento

As persoas aspirantes que teñan que presentar documentación acreditativa dos méritos baremables na fase de concurso do proceso selectivo a que se refire esta resolución, achegarana ao seu expediente persoal electrónico, ao que accederán a través da canle do emprego público de Galicia (Fides) no enderezo https://fides.xunta.gal, seguindo o procedemento establecido na Resolución do 5 de decembro de 2023, pola que se ditan instrucións para regular o contido, uso e acceso ao expediente persoal electrónico do persoal empregado público da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das súas entidades públicas instrumentais.

Unha vez que accedan á canle do emprego público de Galicia (Fides), comprobarán os datos que figuran no seu expediente persoal electrónico:

a) No suposto de que as persoas aspirantes estean conformes cos datos consultados, porque os méritos baremables neste proceso nas epígrafes de formación continuada, galego e cursos de idiomas figuren no estado de validados, ou estean incluídos correctamente na epígrafe de experiencia profesional interna, nas súas distintas subepígrafes, non precisarán realizar ningunha actuación.

b) No suposto de que a persoa aspirante non estea conforme cos datos consultados, por non constar no expediente electrónico ou estaren incompletos, deberá, ou ben incorporar o mérito non rexistrado na epígrafe correspondente da canle do emprego público de Galicia (Fides), ou ben presentar unha alegación manifestando a súa desconformidade, de acordo co procedemento descrito no punto seguinte, xunto coa documentación acreditativa en calquera dos casos, ao abeiro do establecido na Resolución do 5 de decembro de 2023, para que os devanditos méritos se poidan valorar neste proceso.

c) As persoas aspirantes que atopen no seu expediente electrónico persoal erros nos seus méritos nos estados de «en trámite», «validado», «duplicado» ou «descartado» ou erros na epígrafe da experiencia profesional interna, deberán presentar alegacións a través da canle do emprego público de Galicia (Fides), na epígrafe de «inscrición en procesos selectivos», accedendo ao proceso desta resolución no que figure inscrito/a, no bloque «que podo facer?», opción «presentación de alegacións», seguindo as instrucións descritas no documento de axuda que atopará no enderezo https://www.xunta.gal/funcion-publica/procesos-selectivos/xeracion-de-solicitudes/alegacions, a partires da data de apertura do prazo de acreditación de méritos.

Terceiro. Presentación e admisión da documentación acreditativa dos méritos e alegacións

A presentación da documentación acreditativa que se acompañe xunto coa incorporación dun novo mérito ou coa presentación dunha alegación a un mérito xa existente no expediente electrónico, realizarase de conformidade co establecido nas epígrafes 3 e 4 da instrución oitava da Resolución do 5 de decembro de 2023, do seguinte xeito:

– Documentación electrónica: os certificados asinados electronicamente e os documentos electrónicos en formato .pdf anexaranse directamente xunto coa alta do mérito ou coa alegación electrónica a través da canle do emprego publico de Galicia (Fides) e presentaranse directamente desde esta plataforma sen mais trámite, tendo en conta que para que a documentación electrónica se considere válida deberá de estar provista dunha sinatura electrónica do órgano ou da autoridade que emite ese documento e dun código de verificación electrónica (CVE, CSV, QR ou similar), lexible e visible na súa totalidade para a súa correcta comprobación polo equipo de validación de méritos. Non terán a consideración de documentos electrónicos as copias impresas, escaneamentos, fotos, capturas e outros formatos análogos que non cumpran cos requisitos desta epígrafe, quedando no estado de «documentación incompleta» (DI) para a súa emenda pola persoa aspirante de ser o caso.

– Documentación orixinal en papel: se a documentación que se xunta é un documento orixinal en papel, deberá de achegarse de maneira presencial por rexistro, en calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, acompañándose segundo sexa o caso de:

1. Alta de novos méritos: da solicitude de actualización de méritos que se xerará desde a epígrafe «solicitude de actualización» de Fides, unha vez realizada a alta electrónica dos méritos.

2. Alegacións: do anexo da alegación que se xerará a partires da alegación electrónica que se presentará en Fides con carácter previo, segundo o descrito no punto segundo, alínea c).

A acreditación presencial dos méritos non exime da súa alta electrónica na epígrafe correspondente da canle de emprego público de Galicia (Fides), por canto aqueles méritos non incorporados ao Fides pola persoa aspirante se terán por non presentados consonte ao establecido no punto 6 da instrución oitava da Resolución do 5 de decembro de 2023.

Aquelas persoas que, desde a entrada en vigor da Resolución do 5 de decembro de 2023 e con anterioridade á data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia solicitasen, do xeito establecido na mesma e mediante a achega da documentación correspondente, a validación dalgún mérito previamente rexistrado no expediente persoal electrónico e que se atope nos estados de «pendente de presentar ou validar» ou «en trámite», non terán que presentar novamente a documentación acreditativa de tal/es mérito/s agás a complementaria que resulte necesaria para a súa actualización.

Non se terán en conta neste proceso outros méritos presentados polas persoas aspirantes distintos dos que figuren no seu expediente persoal electrónico ou que se soliciten no expediente ou acrediten documentalmente con posterioridade ao prazo establecido no punto quinto desta resolución.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva non se admitirá, unha vez rematado o prazo de acreditación de méritos establecido nesta resolución e para os efectos da súa valoración neste proceso, ningunha nova documentación acreditativa de méritos, aínda que consten rexistrados na solicitude de actualización ou modificación do expediente persoal. Exceptúase aquela documentación que, xustificándoa documentalmente neste mesmo prazo, fora solicitada pola persoa interesada ao organismo ou entidade competente e non fose recibida no indicado prazo. Neste suposto admitirase a súa presentación ata o momento da finalización do prazo para a presentación de reclamacións á baremación provisional.

Cuarto. Documentación incompleta

Os méritos que na data de publicación desta resolución se atopen incorporados no expediente electrónico no estado de «acreditación documental incompleta» (DI) deberán ser acreditados. Para acreditalos, as persoas aspirantes presentarán toda a documentación que figure incompleta e xustifique a totalidade do mérito rexistrado, do xeito establecido nos puntos 3 e 4 da instrución oitava da Resolución do 5 de decembro de 2023, isto é, achegando as copias electrónicas auténticas a través da canle do emprego publico de Galicia (Fides) ou cando non se dispoña de copias electrónicas auténticas, presentando a documentación orixinal en papel de maneira presencial por rexistro, acompañada da solicitude de actualización de méritos ou do anexo da alegación, segundo o caso, en calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Quinto. Prazo

O prazo para presentar a solicitude de actualización de méritos e a documentación acreditativa deles, para formular alegacións ou para emendar o estado de «acreditación documental incompleta», rematará aos dez (10) días hábiles a partires do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. Acreditación dos méritos

a) Antigüidade: será apreciada de oficio pola Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal de conformidade co disposto na base II.2.a) da convocatoria, respecto do recoñecemento de servizos prestados na administración pública e de acordo coa información contida na epígrafe de «Experiencia Interna», «Credenciais de trienios» da canle do emprego público de Galicia (Fides).

b) Formación: a formación acreditarase mediante a incorporación dos méritos nas epígrafes de «Formación continuada» ou «Cursos de idiomas», segundo o caso, da canle do emprego público de Galicia (Fides), acompañando a copia auténtica ou orixinal do certificado de asistencia ao curso, de acordo co procedemento expresado no punto terceiro desta resolución, no que deberá constar o organismo ou entidade que organizou e impartiu a dita actividade formativa, as datas de realización e o número de horas lectivas, de conformidade co que establece a base II.2.b) da convocatoria.

Coas certificacións que estean redactadas nun idioma distinto a calquera dos oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia deberase de xuntar a súa tradución ao castelán ou galego, que debera de efectuar:

– Un/unha tradutor/a xuramentado/a, debidamente autorizado/a ou inscrito/a en España.

– Calquera representación diplomática ou consular do Estado español no estranxeiro.

– A representación diplomática ou consular en España do pais de que é cidadá a persoa interesada.

c) Grao de coñecemento do idioma galego: o grao de coñecemento do idioma galego deberá de acreditarse na epígrafe «Galego» da canle do emprego público de Galicia (Fides), xunto coa documentación xustificativa que o acredite, de acordo co procedemento indicado no punto terceiro desta resolución, no cal conste o nivel de Celga ou equivalente que corresponda, segundo o establecido na base II.2.c) da convocatoria.

d) Exercicio de dereitos de conciliación: a acreditación deste mérito dependerá do ámbito de exercicio dos dereitos obxecto de baremación nesta epígrafe, de conformidade co disposto na base II.2.d) da convocatoria, e que se articulará do seguinte xeito:

– Ámbito da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia: será apreciado de oficio, pola Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, de acordo coa información contida na epígrafe «Experiencia interna», «Permisos» da canle do emprego público de Galicia (Fides).

– Ámbito doutras administracións públicas: deberá acreditarse documentalmente mediante certificación que se asociará a unha ocupación existente na epígrafe «Experiencia externa» da canle do emprego público de Galicia (Fides), de xeito que, de non existir ningún período de ocupación nesta epígrafe, será preciso dalo de alta con carácter previo para que se habilite a opción de «Ausencias por conciliación» no panel de datos dese período, onde se incorporará o mérito correspondente xunto coa documentación acreditativa do xeito previsto no punto terceiro desta resolución.

Os méritos desta epígrafe que se correspondan con permisos (parto, proxenitor diferente da nai biolóxica) computaranse por unha soa vez por cada suxeito causante, con independencia de que tal permiso se desfrutase de xeito fraccionado en varios períodos.

Con carácter xeral para todas as epígrafes só será preciso acreditar aqueles méritos que non consten no expediente electrónico ou dos cales se faga algún tipo de alegación.

Aquelas persoas aspirantes que non estean conformes ou observen irregularidades nos méritos apreciados de oficio pola Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, deberán de presentar a correspondente alegación nos termos previstos no punto segundo, alínea c) desta resolución.

Sétimo. Estado dos méritos para ser baremados

Os méritos reflectidos no expediente electrónico persoal na epígrafe de experiencia profesional interna e os restantes méritos reflectidos neste expediente no estado de validados, serán os que teña en conta o tribunal na baremación da fase de concurso e sempre referidos á data que se establece no punto primeiro desta resolución.

A data que se terá como referencia, para considerar un mérito como acreditado en prazo, será a «Data de acreditación documental» do expediente electrónico. Esta data xerarase internamente en Fides no momento da presentación electrónica (no caso de documentos electrónicos) ou no momento da xeración da solicitude de acreditación de méritos (no caso de documentación orixinal en papel), neste último caso a acreditación en prazo quedará supeditada á presentación por rexistro presencial da documentación, de conformidade co indicado no punto terceiro desta resolución. Os méritos correctamente presentados quedarán no estado «ET» (en trámite) en tanto non se procede á súa valoración.

Os méritos incluídos no expediente electrónico persoal na data de publicación desta resolución que xa estean no estado de validados non poderán presentarse de novo.

Oitavo. Recursos

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela as persoas interesadas poderán presentar recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da consellería competente en materia de función pública no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou presentar directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2026

O conselleiro de Facenda e Administración Pública
P.D. (Orde do 8.1.2020; DOG núm. 16, do 24 de xaneiro)
Nuria Aguilar Vázquez
Directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal