Por medio do Decreto da Xunta de Galicia 124/2014, do 11 de setembro, determinouse a estrutura e organización da oficina fiscal en Galicia e da Unidade de Apoio á Fiscalía Superior; pola súa banda, as respectivas relacións de postos de traballo das distintas oficinas fiscais foron aprobadas pola Orde JUS/660/2015, do 25 de marzo, do Ministerio de Xustiza, e publicadas pola Resolución da Dirección Xeral de Xustiza do 26 de marzo de 2015 (DOG núm. 72, do 17 de abril).
Visto que se produciu a vacante dun posto singularizado na Fiscalía Superior da Comunidade Autónoma de Galicia e dun posto singularizado na Fiscalía de Área de Santiago de Compostela, e de conformidade co establecido nos artigos 532 e 533 da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial (en diante, LOPX), así como no artigo 49 e seguintes do Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza, aprobado polo Real decreto 1451/2005, do 7 de decembro, procede a convocatoria dun concurso específico para a súa cobertura.
En consecuencia, e no exercicio das competencias previstas no artigo 23 do Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes,
RESOLVO:
1. Aprobar as bases da convocatoria do concurso específico que figuran no anexo I desta resolución, así como os méritos do anexo III.
2. Convocar o concurso específico de méritos e capacidades para a provisión dos postos de traballo singularizados vacantes que se detallan no anexo II.
Esta resolución pon fin á vía administrativa e as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición, ante a Dirección Xeral de Xustiza, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnala directamente, ante a Sección do Contencioso-Administrativo do Tribunal de Instancia competente, no prazo de dous meses contados a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2026
José Tronchoni Albert
Director xeral de Xustiza
ANEXO I
Bases da convocatoria
Primeira. Requisitos e condicións de participación
1. De acordo co disposto nos artigos 532 e 533 da LOPX, así como no artigo 49 e seguintes do Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza, poderá participar o persoal funcionario de carreira pertencente ao corpo ou corpos de adscrición do posto solicitado, calquera que sexa o ámbito territorial en que estea destinado, que reúna as condicións xerais exixidas e os requisitos determinados nesta convocatoria na data en que remate o prazo de presentación das solicitudes de participación e que os manteñan ata a resolución definitiva do concurso.
2. Non poderá participar neste concurso o persoal funcionario que se encontre na situación de excedencia voluntaria por interese particular, durante o período mínimo obrigatorio de permanencia na dita situación; ou o suspenso en firme, mentres dure a suspensión, nin o que se encontre sancionado con traslado forzoso, para destino na mesma localidade en que se lle impuxo a sanción, ata que transcorran un ou tres anos segundo se trate de falta grave ou moi grave, respectivamente.
3. Con respecto ao tempo mínimo para participar neste concurso específico, de conformidade co previsto no artigo 49.7 do Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza, non rexerá a limitación establecida no artigo 46.1 do dito regulamento.
Segunda. Postos de traballo ofertados
Os postos que se ofertan figuran no anexo II desta resolución. Neste anexo constan os datos referentes aos postos de traballo e a súa descrición, con inclusión das especificacións derivadas da natureza das funcións encomendadas aos ditos postos e coa relación das principais tarefas. Así mesmo, indícanse o complemento xeral do posto, o complemento específico e o corpo a que está adscrito.
Terceira. Presentación de solicitudes e documentación
1. As persoas que concursen deberán presentar a súa solicitude utilizando obrigatoriamente o modelo que figura no anexo IV desta resolución.
2. O prazo de presentación será de dez (10) días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado. En caso de que a publicación desta convocatoria non se faga simultaneamente no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia, terase en conta a data de publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co que dispón o artigo 49.5 do Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza.
3. As solicitudes irán dirixidas á Dirección Xeral de Xustiza e deberán presentarse na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) mediante o modelo de solicitude xenérica co código PR004A.
4. Xunto coa solicitude deberá achegarse a documentación que acredite os requisitos exixidos e os méritos alegados, que se deberán relacionar no modelo de solicitude (anexo V) desta convocatoria.
Os méritos específicos, correspondentes á segunda fase do concurso, deberán ser xustificados documentalmente mediante os pertinentes títulos académicos ou diplomas, así como mediante certificados ou calquera outro medio de proba admisible en dereito.
5. A Subdirección Xeral de Persoal da Dirección Xeral de Xustiza emitirá, de oficio, a certificación correspondente á antigüidade no corpo, así como a puntuación correspondente.
6. Os méritos serán avaliados con referencia á data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes previsto no número 2 desta base terceira.
7. Non se admitirán anulacións nin modificacións do contido das solicitudes unha vez finalizado o período de presentación destas.
Cuarta. Fases do concurso e puntuación
1. O concurso rexerase polo baremo e puntuacións establecidos no anexo III desta resolución.
2. O concurso constará de dúas fases:
a) Primeira fase: de comprobación e valoración dos méritos xerais.
b) Segunda fase: de valoración de aptitudes concretas a través de coñecementos, experiencia, titulacións académicas e aqueloutros elementos que garantan a adecuación da persoa aspirante para o desempeño do posto, excluídos os valorados na primeira fase. A valoración dos méritos específicos deberase efectuar mediante a puntuación obtida tras aplicar a media aritmética das outorgadas por cada un dos membros da Comisión de Valoración, e deberán rexeitarse para estes efectos a máxima e a mínima concedidas ou, se for o caso, unha das que aparezan repetidas como tales.
Quinta. Comisión de Valoración
1. A avaliación dos méritos corresponderá a unha Comisión de Valoración, que será nomeada polo director xeral de Xustiza.
2. A Comisión estará integrada por:
a) Catro funcionarios/as da Administración convocante, dos cales un exercerá a Presidencia e outro a Secretaría, mentres que os outros dous actuarán como vogais. Polo menos un destes catro membros será funcionario ao servizo da Administración de xustiza.
b) Un/unha representante das organizacións sindicais máis representativas, que actuará como vogal.
A persoa que represente as organizacións sindicais designarase baixo proposta destas. Advertirase expresamente que, unha vez que a Administración solicite a proposta de designación, se esta non se leva a efecto no prazo de dez (10) días hábiles, se entenderá decaída a referida opción.
Unha vez recibida a proposta das organizacións sindicais, publicarase na intranet de Xustiza e na web da Consellería a resolución do director xeral de Xustiza en que se nomean os membros da Comisión.
3. A Comisión de Valoración suplente terá a mesma composición que a titular e os seus membros actuarán, con voz e voto, en ausencia xustificada dos seus correspondentes titulares.
4. Os membros titulares e os suplentes deberán pertencer a corpos para cuxo ingreso se exixa unha titulación igual ou superior á requirida para os postos convocados.
5. A Comisión de Valoración poderalle solicitar por escrito á autoridade convocante a designación de expertos que, en calidade de asesores, actúen con voz pero sen voto. Fóra deste suposto, non poderán participar na Comisión outros representantes distintos dos membros indicados no número 2.
6. A Comisión de Valoración poderá solicitar das persoas candidatas as aclaracións ou, se for o caso, a documentación adicional que se consideren necesarias para a comprobación dos méritos alegados.
7. A Comisión de Valoración terá a consideración de órgano colexiado da Administración e, como tal, estará suxeita ás normas contidas na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Así mesmo, as persoas que a integren estarán sometidas ás causas de abstención e recusación previstas na citada Lei 40/2015, do 1 de outubro.
Sexta. Procedemento
1. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, a Comisión de Valoración proporá para cada posto de traballo ofertado a persoa candidata que obtivese maior puntuación sumando os resultados das dúas fases do concurso e, no caso de empate, a que teña maior antigüidade no corpo.
2. A proposta da Comisión de Valoración conterá as puntuacións obtidas en cada fase e publicarase na intranet de Xustiza e na web da Consellería.
3. As persoas interesadas poderán alegar e xustificar o que consideren conveniente sobre os resultados da valoración, dentro dos dez (10) días hábiles seguintes ao da publicación na intranet de Xustiza e na web da Consellería.
4. A Comisión de Valoración resolverá sobre as alegacións e xustificacións presentadas e redactará a proposta de resolución, que elevará á Dirección Xeral de Xustiza, a cal pronunciará a resolución definitiva.
Sétima. Resolución do concurso
1. Este concurso deberá ser resolto no prazo máximo de seis meses, contados desde o día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes, de conformidade co previsto no artigo 51.3 do Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza, e a resolución, que se publicará no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado, motivarase de acordo co previsto no artigo 51.4 do citado regulamento.
2. Os postos de traballo incluídos nesta convocatoria non se poderán declarar desertos cando haxa concursantes que os solicitasen, agás no suposto en que, como consecuencia dunha reestruturación ou modificación da correspondente relación de postos de traballo, sexan amortizados ou modificados nas súas características funcionais, orgánicas ou retributivas.
3. A resolución deberá expresar o posto de orixe da persoa interesada a quen se lle adxudique destino.
Oitava. Carácter do destino adxudicado
1. O destino adxudicado como consecuencia da resolución deste concurso terá a consideración de voluntario, polo que non xerará dereito ao aboamento de indemnización por concepto ningún.
2. O destino adxudicado será irrenunciable. No entanto, e na medida en que se trata dun posto de traballo obtido por concurso específico, quen o obteña poderá renunciar a el se antes de finalizar o prazo de toma de posesión obtén outro destino mediante convocatoria pública; neste caso, terá a obriga de comunicarllo ao órgano convocante. De incumprir esta obriga de comunicación, deberá tomar posesión no primeiro dos destinos adxudicados.
Novena. Toma de posesión
1. O prazo para tomar posesión do novo destino obtido será de tres días hábiles se non implica cambio de localidade do/da funcionario/a, de oito días hábiles se implica cambio de localidade dentro da Comunidade Autónoma e de vinte días se implica cambio de comunidade autónoma, con excepción da Comunidade Autónoma de Canarias, Comunidade Autónoma das Illes Balears, Cidade de Ceuta e Cidade de Melilla, en que será dun mes. Cando o/a adxudicatario/a da praza obteña coa súa toma de posesión o reingreso ao servizo activo, o prazo será de vinte días.
2. O prazo para a toma de posesión empezará a contar a partir do día seguinte ao do cesamento, que se deberá efectuar dentro dos tres días hábiles seguintes ao da publicación da resolución do concurso no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado, ou no primeiro deles en caso de que a publicación non sexa simultánea en ambos.
Se a resolución comporta reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión deberá computarse desde a dita publicación.
3. O cómputo dos prazos posesorios comezará cando finalicen os permisos ou licenzas, incluídos os de vacacións, que lle fosen concedidos á persoa a quen se lle adxudique o posto.
4. Efectuada a toma de posesión, o prazo posesorio considerarase como de servizo activo para todos os efectos, agás nos supostos de reingreso ao servizo activo.
5. Cando, por calquera causa, o/a funcionario/a adxudicatario/a da praza non chegue a tomar posesión, poderase adxudicarlle o destino ao/á funcionario/a que obtivese a seguinte mellor puntuación.
ANEXO II
1. Posto de coordinador/a da oficina fiscal na Fiscalía de Área de Santiago de Compostela:
|
Código do posto |
Denominación |
Centro de destino |
Localidade |
Corpo |
CXP |
CE |
|
XG9257804015770601.06 |
Coordinador/a da Oficina de Fiscalía II |
Fiscalía de Área |
Santiago de Compostela |
Xestión procesual e administrativa |
368,85 €/mes |
1.079,87 €/mes |
CXP: complemento xeral do posto 2026.
CE: complemento específico 2026.
Funcións principais do posto de coordinador/a:
Colaboración co/coa fiscal xefe, así como tamén a planificación, organización, xestión e control das tarefas e do persoal das distintas áreas funcionais da oficina fiscal, supervisando o cumprimento das directrices e dos criterios establecidos polo/a fiscal xefe; todas elas sen prexuízo das que lle corresponden por razón do seu corpo de pertenza.
2. Posto de responsable de estatística, rexistro e calidade na Fiscalía Superior da Comunidade Autónoma de Galicia:
|
Código do posto |
Denominación |
Centro de destino |
Localidade |
Corpo |
CXP |
CE |
|
XG9257702015001602.07 |
Responsable estatística, rexistro e calidade III |
Fiscalía Superior da Comunidade Autónoma de Galicia |
A Coruña |
Xestión procesual e administrativa |
368,85 €/mes |
972,97 €/mes |
|
Tramitación procesual e administrativa |
311,03 €/mes |
937,69 €/mes |
CXP: complemento xeral do posto 2026.
CE: complemento específico 2026.
Funcións principais do posto de responsable de estatística, rexistro e calidade:
Control da calidade e efectividade dos rexistros informáticos, control da documentación e xestión de información realizada polo persoal da oficina fiscal nas aplicacións de xestión procesual e demais ferramentas informáticas, control da información, estatística e datos de xestión e pendencia de asuntos. Todas elas sen prexuízo das que lle correspondan polo seu corpo de pertenza.
ANEXO III
Méritos e capacidades. Valoración
|
1. Posto de coordinador/a da oficina fiscal na Fiscalía de Área de Santiago de Compostela. |
A. Primeira fase: valoración de méritos xerais, cun máximo de 65 puntos.
1. Antigüidade.
Polos servizos efectivos no corpo de adscrición do posto de traballo a que se opta, outorgaranse 2 puntos por cada ano completo de servizos e computaranse proporcionalmente os períodos inferiores por meses ou, de ser o caso, por días. Para estes efectos, os meses consideraranse de 30 días e a puntuación correspondente por día será de 0,0055556 puntos.
A puntuación máxima por este concepto será de 53 puntos.
2. Coñecementos da lingua galega.
A acreditación de coñecementos da lingua galega realizarase mediante os certificados de aptitude emitidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia ou pola Dirección Xeral de Xustiza, ou mediante certificados ou diplomas equiparados segundo a normativa vixente. A puntuación asignarase en función do nivel superior acadado:
a) Celga 4 ou equivalente: 4 puntos.
b) Curso medio de linguaxe xurídica galega: 8 puntos.
c) Curso superior de linguaxe xurídica galega: 12 puntos.
B. Segunda fase: valoración dos méritos específicos, cun máximo de 43 puntos.
1. Coñecementos e experiencia profesional: a puntuación máxima será de 40 puntos.
Os coñecementos e a experiencia profesional deberán ser acreditados e baremaranse do seguinte xeito:
a) Polos servizos efectivos prestados en Fiscalía no corpo de adscrición do posto de traballo a que se opta outorgaranse 4 puntos por cada ano completo de servizos prestados nos cinco (5) anos inmediatamente anteriores a esta convocatoria. Para estes efectos, computaranse proporcionalmente os períodos inferiores por meses ou, de ser o caso, por días; os meses consideraranse de 30 días e a puntuación correspondente por día será de 0,0111111 puntos.
b) Polos servizos efectivos prestados en Fiscalía no corpo de adscrición do posto de traballo a que se opta, non baremables de conformidade co punto anterior, outorgarase 1 punto por cada ano completo de servizos ata un máximo de 20 puntos. Para estes efectos, computaranse proporcionalmente os períodos inferiores por meses ou, de ser o caso, por días; os meses consideraranse de 30 días e a puntuación correspondente por día será de 0,0027778 puntos.
2. Formación específica e titulación: 3 puntos.
Valoraranse a formación específica e a titulación incluídas na relación de postos de traballo.
|
2. Posto de responsable de estatística, rexistro e calidade na Fiscalía Superior da Comunidade Autónoma de Galicia. |
A. Primeira fase: valoración de méritos xerais, cun máximo de 65 puntos.
1. Antigüidade.
Polos servizos efectivos no corpo de adscrición do posto de traballo a que se opta outorgaranse 2 puntos por cada ano completo de servizos e computaranse proporcionalmente os períodos inferiores por meses ou, de ser o caso, por días. Para estes efectos, os meses consideraranse de 30 días e a puntuación correspondente por día será de 0,0055556 puntos.
A puntuación máxima por este concepto será de 53 puntos.
2. Coñecementos da lingua galega.
A acreditación de coñecementos da lingua galega realizarase mediante os certificados de aptitude emitidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia ou pola Dirección Xeral de Xustiza, ou mediante certificados ou diplomas equiparados segundo a normativa vixente. A puntuación asignarase en función do nivel superior acadado:
a) Celga 4 ou equivalente: 4 puntos.
b) Curso medio de linguaxe xurídica galega: 8 puntos.
c) Curso superior de linguaxe xurídica galega: 12 puntos.
B. Segunda fase: valoración dos méritos específicos, cun máximo de 43 puntos.
1. Coñecementos e experiencia profesional: a puntuación máxima será de 40 puntos.
Os coñecementos e a experiencia profesional acreditaranse e baremaranse do seguinte xeito:
a) Pola experiencia en explotación de datos estatísticos e memoria da Fiscalía outorgaranse 4 puntos por cada por cada ano completo de servizos prestados en que se acredite a realización destas funcións. Para estes efectos, computaranse proporcionalmente os períodos inferiores por meses ou, de ser o caso, por días; os meses consideraranse de 30 días e a puntuación correspondente por día será de 0,0111111.
A puntuación máxima será de 16 puntos.
b) Polos servizos efectivos prestados en Fiscalía:
– No corpo de xestión procesual e administrativa outorgaranse 6 puntos por cada ano completo de servizos prestados. Para estes efectos, computaranse proporcionalmente os períodos inferiores por meses ou, de ser o caso, por días; os meses consideraranse de 30 días e a puntuación correspondente por día será de 0,0166667 puntos.
– No corpo de tramitación procesual e administrativa outorgaranse 3 puntos por cada ano completo de servizos prestados. Para estes efectos, computaranse proporcionalmente os períodos inferiores por meses ou, de ser o caso, por días; os meses consideraranse de 30 días e a puntuación correspondente por día será de 0,0083333 puntos.
A puntuación máxima será de 24 puntos.
2. Formación específica e titulación: 3 puntos.
Valoraranse a formación específica e a titulación incluídas na relación de postos de traballo.
