A Asociación de Amigos del Camino de Santiago de Segovia presentou unha solicitude de inscrición no Rexistro de Entidades de Promoción do Camiño de Santiago o día 28 de xaneiro de 2026.
A solicitude foi presentada segundo o modelo que figura como anexo I do Decreto 45/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia do Camiño de Santiago (DOG núm. 36, do 20 de febreiro), modificado polo Decreto 209/2002, do 13 de xuño (DOG núm. 121, do 25 de xuño), e con ela foi achegada a documentación pertinente segundo o artigo 26 do citado decreto.
Fundamentos de dereito:
É de aplicación especificamente ao procedemento a seguinte normativa:
• Decreto 45/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia do Camiño de Santiago, modificado polo Decreto 209/2002, do 13 de xuño.
• Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia.
• Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
O artigo 23 do Decreto 45/2001 regula que «para a súa inscrición no rexistro, as entidades solicitantes deberán ter como finalidade, expresa e prioritariamente reflectida nos seus estatutos, a recuperación, conservación e promoción do Camiño de Santiago, así como a difusión da cultura derivada deste».
O xefe do Servizo de Protección e Fomento da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural emite un informe o día 13 de febreiro de 2026 sobre a solicitude en que se constata que a Asociación de Amigos del Camino de Santiago de Segovia persegue os obxectivos fixados no decreto.
A solicitude presentada cumpre as normas establecidas no citado Decreto 45/2001, do 1 de febreiro.
De acordo co indicado,
RESOLVO:
Que a Asociación de Amigos del Camino de Santiago de Segovia sexa inscrita no Rexistro de Entidades de Promoción do Camiño de Santiago co número 241.
Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude no prazo dun mes, de conformidade co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2026
Ángel Miramontes Carballada
Director xeral de Patrimonio Cultural
