O Pleno do Concello de Viveiro, na sesión ordinaria do 10 de setembro de 2025, acordou solicitar á Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados para a realización do proxecto técnico de melloras estruturais para a redución do risco de inundación da ARPSI fluvial ES014-LU-170101 río Fontecova, ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.
Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu á información pública.
O 19 de setembro de 2025 tivo entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia a solicitude do Concello de Viveiro e o expediente. O 23 de decembro de 2025, e o 4 e 9 de febreiro de 2026, a citada entidade local remitiu documentación complementaria á inicialmente enviada. O expediente contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación e a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.
O expediente tratouse na Comisión de Secretarios Xerais previa á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.
A xustificación da pertinencia da declaración de urxente ocupación baséase en que esta actuación ten como obxectivo minimizar o risco de inundación do río de Fontecova, tendo en conta a súa catalogación como área de risco potencial significativo de inundación (ARPSI) e a súa inclusión no Plan de xestión do risco de inundación da demarcación hidrográfica de Galicia Costa (ciclo 2021-2027), no grupo IV das ARPSIS de risco alto, xa que o tramo do río en que se van desenvolver as actuacións presenta problemas de inundacións nas súas marxes e nos terreos continuos debido á baixa capacidade hidráulica da sección e do río, o que afecta igualmente as vivendas situadas nas beiras do río. En consecuencia, as condicións actuais do leito e da zona de actuación presentan un risco elevado de inundacións durante os episodios de choiva intensa, o que podería ocasionar graves danos persoais e materiais de grande envergadura con perigo de perda de vidas humanas, como os xa acontecidos anteriormente.
A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle á Xunta de Galicia, segundo o disposto nos artigos 27.2 e 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia. En virtude da asunción de transferencias de competencias do Estado á Xunta de Galicia en materia de administración local realizada polo Decreto da Xunta 138/1982, do 1 de decembro, o Consello da Xunta é o competente para aprobar a declaración de urxente ocupación.
Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do dezaseis de febreiro de dous mil vinte e seis,
DISPOÑO:
Artigo único.
De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de melloras estruturais para a redución do risco de inundación da ARPSI fluvial ES014-LU-170101 río Fontecova, no termo municipal de Viveiro (Lugo). De ser o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, deberanse obter as autorizacións que sexan necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.
Santiago de Compostela, dezaseis de febreiro de dous mil vinte e seis
Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
