Mediante as resolucións do 2 de xullo de 2025 (Diario Oficial de Galicia núm. 128, do 7 de xullo, e Diario Oficial de Galicia núm. 132, do 11 de xullo) convocouse concurso-oposición para o ingreso nas categorías de enfermeiro/a especialista en enfermaría familiar e comunitaria, enfermeiro/a especialista en obstetricia-xinecoloxía (matrón/a), enfermeiro/a especialista en enfermaría pediátrica, enfermeiro/a especialista en enfermaría do traballo e enfermeiro/a.
Pola Resolución do 21 de agosto de 2025 (Diario Oficial de Galicia núm. 170, do 4 de setembro), da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, convocouse concurso-oposición para o ingreso, entre outras, nas categorías de persoal de servizos xerais, técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría, técnico/a en farmacia e técnico/a superior en imaxe para o diagnóstico.
Mediante a Resolución do 30 de decembro de 2025 (Diario Oficial de Galicia núm. 9, do 15 de xaneiro de 2026) publicouse a relación provisional de aspirantes admitidos/as e excluídos/as, así como dos/das exentos/as e non exentos/as da realización do exercicio de lingua galega.
Finalizado o prazo de emenda previsto no número 6.2 das resolucións de convocatoria, este centro directivo, como órgano convocante do proceso,
RESOLVE:
Primeiro. Declarar, con carácter definitivo e por categoría, os/as aspirantes admitidos/as e excluídos/as, así como os/as exentos/as e non exentos/as da realización do exercicio de lingua galega no concurso-oposición para o ingreso nas seguintes categorías:
Persoal sanitario non facultativo:
Enfermeiro/a, enfermeiro/a especialista en enfermaría familiar e comunitaria, enfermeiro/a especialista en obstetricia-xinecoloxía (matrón/a), enfermeiro/a especialista en enfermaría pediátrica, enfermeiro/a especialista en enfermaría do traballo, técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría, técnico/a en farmacia e técnico/a superior en imaxe para o diagnóstico.
Persoal de xestión e servizos:
Persoal de servizos xerais.
Nas categorías de técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría, técnico/a en farmacia e persoal de servizos xerais tamén figuran as persoas aspirantes admitidas e excluídas, así como as exentas e non exentas da realización do exercicio de lingua galega na quenda de discapacidade intelectual.
Segundo. A lista coa relación definitiva de persoas admitidas e excluídas por categoría, con indicación do motivo de exclusión, e as declaradas exentas e non exentas da realización do exercicio de lingua galega poderá examinarse na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).
Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado pola persoa solicitante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos
Terceiro. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición, ante esta dirección, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderase impugnar directamente, na xurisdición contencioso-administrativa, nos termos da Lei 29/1998, do 13 de xullo.
Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2026
María del Mar Pousa Cobas
Directora xeral de Recursos Humanos
