Examinado o expediente instruído por instancia da empresa UFD Distribución Electricidad, S.A., con enderezo para os efectos de notificación na avenida América, 38, 28028 Madrid, aprécianse os seguintes
Antecedentes de feito:
Primeiro. Con data do 19 de maio de 2025, a empresa solicita a autorización administrativa previa e de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, para a instalación eléctrica denominada Proxecto para a adecuación da LMT e CT Anovello 27CS38, no concello de Becerreá, segundo consta no proxecto asinado polo enxeñeiro industrial Antonio Javier Sabín Vázquez no cal se xustifica a necesidade da instalación, ao que fai referencia o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro (BOE núm. 310, do 27 de decembro), que regula as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica e xuntando a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados pola instalación que determina a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro) e o artigo 143 do Real decreto 1955/2000, antes citado.
Segundo. O proxecto someteuse a información pública para os efectos previstos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico e no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, mediante o Acordo deste departamento territorial do 21 de novembro de 2025. Este acordo foi publicado no xornal El Progreso do 10 de decembro de 2025 e no Diario Oficial de Galicia do 15 de decembro de 2025, no taboleiro de anuncios do citado departamento territorial e no taboleiro de anuncios do Concello de Becerreá. Con este acordo inseríase a relación de bens e dereitos afectados.
Terceiro. Déuselles traslado das separatas do proxecto ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas e cumpríronse os trámites establecidos no artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.
Cuarto. Durante o trámite de información pública non se presentaron alegacións.
Quinto. Persoal dos servizos técnicos deste departamento territorial emitiu informe favorable sobre a solicitude obxecto deste expediente, de acordo co disposto na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. Igualmente, unha vez revisado sobre o terreo o trazado da liña eléctrica proxectada, os referidos servizos técnicos informan de que non se dá ningunha das limitacións para a imposición da servidume de paso de enerxía eléctrica ás cales se refire o artigo 161 do Real decreto 1955/2000, en relación co artigo 58 da Lei 24/2013, sobre os predios incluidas na relación de bens e dereitos que foi obxecto de información pública e sobre as que a empresa beneficiaria non chegou a un acordo amigable cos seus propietarios.
A estes feitos son de aplicación os seguintes
Fundamentos de dereito:
Primeiro. A este departamento territorial correspóndelle resolver sobre esta solicitude de acordo coas competencias que resultan do Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, e tendo en conta o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), sobre órganos competentes para autorización de instalacións eléctricas na Comunidade Autónoma de Galicia, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
Segundo. No expediente cumpríronse os trámites establecidos na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia; na Lei 24/2013, e os regulamentarios previstos nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que regula o procedemento de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
Terceiro. Á vista do informe técnico e do resto da documentación que figura no expediente, considérase que procede a autorización da instalación eléctrica.
Cuarto. Sen prexuízo do anterior, cómpre ter en conta que consonte o artigo 151 do citado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, en calquera momento a empresa beneficiaria e os titulares dos necesarios bens e dereitos poden convir un mutuo acordo, causando a correspondente conclusión do expediente expropiatorio.
De acordo co exposto e en virtude das competencias que ten atribuídas, este departamento territorial
RESOLVE:
Primeiro. Outorgar a autorización administrativa previa e de construción á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. para o establecemento da instalación eléctrica denominada Proxecto para a adecuación da LMT e CT Anovello 27CS38 no concello de Becerreá, coas seguintes características técnicas principais:
– Centro de transformación: desmantelamento do actual CT Anovello-27CS38 de tipo 2L1P (expediente 6608 AT, do 25.3.2008) e substitución por un novo CT 3L1P e un trafo de 250 kVA en edificio prefabricado de superficie para CT de ata 1.000 kVA manobra interior.
Liñas eléctricas aéreas ata 20 kV para alimentar o novo CT proxectado. Inclúe:
– Substitución do apoio existente número D84 de tipo C-S-AL-20/2000-E30 por un apoio metálico de celosía de tipo C-A-AL-22/2000-E30 no cal se instalarán dous pasos de aéreo a soterrado e pararraios autoválvulas, que conectarán a LMTA DC existente coa LMTS DC proxectada.
– Desmantelamento dos elementos de manobra interruptor telecontrolado con matrícula 27HM38 e seccionador tipo SXS con matrícula 27HM80 instalados sobre o apoio existente D86.
Liñas eléctricas soterradas ata 20 kV:
– Dúas novas liñas de media tensión soterradas con condutores de tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 3×(1×240), que terán a súa orixe nos pasos de aéreo a soterrado, que se instalarán no apoio proxectado número D84 e finalizarán nas celas de liña do CT 3L1P proxectado, cunha lonxitude total de liña de 166 metros.
– Novo tramo de condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 3×(1×95), que ten o seu inicio na cela de liña do CT proxectado e finaliza nos empalmes proxectados que se realizarán na liña de media tensión soterrada existente BCR805, cunha lonxitude total de 5 metros.
– Canalización en gabia de dimensións 0,40 metros de largo por 1,20 e 1,24 metros de profundidade, en tubos de polipropileno de 160 mm de diámetro (instalarase outro tubo similar a modo de reserva), cunha lonxitude total de 57 metros.
– Instalación dun Punto de Acceso á Rede na calzada onde se realizarán os empalmes necesarios coa liña de LMTS existente BCR805.
– Desmantelamento da LMTS que alimenta actualmente o CT e do paso de aéreo a soterrado e as autoválvulas instaladas sobre o apoio existente D86.
Segundo. Declarar a utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica obxecto deste expediente, o que implica a necesidade de ocupación dos bens ou da adquisición dos dereitos afectados e a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Por isto, en cumprimento do disposto neste artigo, acórdase que polo representante da Administración se dea comezo, na data e na hora que a cada interesado se lle notificará individualmente, ao levantamento das actas previas á ocupación dos predios contidos na relación de bens e dereitos que se inclúe no anexo desta resolución. Así mesmo, faise constar que ata o momento do levantamento das actas previas, se poderán formular as alegacións que se consideren oportunas, para os efectos de rectificar posibles erros na relación de bens afectados que foi obxecto de publicación nos medios e nas datas anteriormente referidos. Estas alegacións deberanse presentar por escrito perante este departamento territorial da Consellería de Economía e Industria (Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Lugo, rolda da Muralla, 70, 27071 Lugo).
Todo isto de acordo coas condicións seguintes:
Primeira. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e cos planos que figuran no proxecto de execución, coas condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e coas condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.
Segunda. A peticionaria asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que se manterán as condicións regulamentarias de seguridade con carácter permanente.
Terceira. En todo momento se deberán cumprir as normas e as directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
Cuarta. O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de dous anos, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. En caso de resultar aplicable, en función da tipoloxía da instalación deberán respectarse os prazos establecidos no artigo 13.9 do Regulamento (UE) núm. 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro de 2024, sobre os gases fluorados de efecto invernadoiro, polo que se modifica a Directiva (UE) núm. 2019/1937, e se derroga o Regulamento (UE) núm. 517/2014 (DOUE núm. 573, do 20 de febreiro de 2024), sobre prohibicións para a posta en funcionamento de aparellos eléctricos que empreguen gases fluorados de efecto invernadoiro, ou cuxo funcionamento dependa deles, nun medio illante ou de rotura. Unha vez construídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial, acompañada da documentación requirida na lexislación vixente de aplicación.
Quinta. O incumprimento das condicións e dos requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.
Sexta. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial o outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.
Esta resolución publícase para os efectos do artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), cando os titulares dos predios propostos sexan descoñecidos, non se saiba o lugar de notificación, ou ben, intentada a notificación, non se puidese realizar e así dirixirlle ao Ministerio Fiscal as dilixencias que se produzan de conformidade co artigo 5 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da súa notificación/publicación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.
Lugo, 11 de febreiro de 2026
Gustavo José Casasola de Cabo
Director territorial de Lugo
ANEXO
Relación de bens e dereitos afectados polo proxecto para a adecuación da LMT e CT Anovello 27CS38
Concello: Becerreá (Lugo).
Expediente: IN407A 2025/86 ATE.
|
Nº predio |
Referencia catastral |
Pol. |
Parcela |
Lugar |
Cultivo |
Titular |
Apoio (nº) |
Cant. |
Apoio sup. ocupación permanente (m2) |
Canalización soterrada (lonx.) |
Canalización soterrada (m2) |
|
1 |
27006A123011000000BA |
123 |
1100 |
A Costa |
Prado |
Descoñecido |
D84 |
1 |
3 |
2 |
6 |
