Expediente: IN407A 2025/162-1.
Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Denominación do proxecto: Nova LMTS SCY820 e Centro Reflexión Polígono Tambre.
Concello: Santiago de Compostela.
Feitos:
1. O día 28 de agosto de 2025, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación de distribución eléctrica mencionada. Co obxecto de mellorar as condicións de explotación da rede de distribución de media tensión no polígono do Tambre, concello de Santiago de Compostela, proxéctase un novo punto fronteira (centro de reflexión) entre as liñas de distribución SCY827 e SCY821, procedentes da subestación San Caetano, que substituiría ao existente no CT Pol Tambre 13 (15CD58), instalando un novo centro de seccionamento en Vía Edison, 18, e novas liñas soterradas de media tensión que o conectarán coas liñas de distribución anteditas.
Ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, presentan o proxecto de execución denominado Nova LMTS SCY820 e Centro Reflexión Polígono Tambre, asinado o día 28.8.2025 por Javier Fernández Pazos, enxeñeiro técnico industrial eléctrico con número de colexiado 502 de Ourense.
2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
3. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, solicitouse o informe preceptivo ás distintas entidades afectadas: concello de Santiago de Compostela, Servizo do Patrimonio Cultural e Nedgia.
A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos informes emitidos polo Servizo de Patrimonio Cultural e Nedgia, no prazo outorgado para ese efecto.
No día desta resolución, non consta no expediente resposta do concello de Santiago de Compostela á solicitude de informe.
4. O día 9.2.2025 emitiuse o informe técnico.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. O director territorial é competente para resolver este expediente, ao abeiro do disposto no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).
Segunda. Lexislación de aplicación
– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
– Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.
– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
Terceira. Características técnicas
As instalacións obxecto deste expediente están situadas na rúa das Mulas e a Vía Edison (polígono do Tambre), concello de Santiago de Compostela, e as súas características técnicas son as seguintes:
– LMTS (Actuación 1) a 20 kV, de 585 m, condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 1×240 mm² Al, con orixe nos empalmes que se van realizar en arqueta existente da LMT SCY820, procedente da Subestación San Caetano, e remate no CS proxectado.
– Desmantelamento do tramo LMTS, a 20 kV, condutor RHZ1-240, entre o CS POL Boisaca 1 (15CXW6) e arqueta existente antedita.
– LMTS (Actuación 2) a 20 kV, de 58+54 m, condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 1×240 mm² Al, con orixe en CS GAMELSA (15CYX8) e arqueta proxectada na LMT SCY827, procedente da subestación San Caetano situada enfronte deste CS, e remate no CS proxectado.
– Os condutores discorrerán entubados por canalización existente (IN407A 2019/226-1 e IN407A 04/293) baixo terra e calzada ata o centro de transformación proxectado na maioría do seu trazado.
– CS (novo P.F./C.Reflexión SCY827 e SCY821) compacto prefabricado en configuración 4L (SCY820+SCY821+SCY827+reserva+SS.AA).
Cuarta. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos deste departamento territorial.
De acordo con todo o exposto,
RESOLVO:
A) Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción para a dita instalación de distribución eléctrica.
B) A instalación executarase no prazo de dous anos, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
C) Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante este departamento territorial unha solicitude á cal xuntará a seguinte documentación:
– No seu caso, acreditación ou declaración de que o proxecto se atopa dentro dalgunha das excepcións de aplicación do Regulamento (UE) 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro de 2024, ou das indicadas na Guía técnica de interpretación do Regulamento (UE) 2024/573 nos puntos relativos á aparellaxe électrica.
– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.
– Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.
– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
D) Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial, no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.
O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao interesado, segundo o establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.
Mediante este documento notifícaselles aos interesados esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.
A Coruña, 11 de febreiro de 2026
Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña
