De conformidade coa oferta de emprego público (OEP) de persoal docente e investigador para o ano 2025, aprobada pola Resolución reitoral do 2 de xuño de 2025 (DOG do 10 de xuño), e despois do Acordo do Consello de Goberno desta universidade do 27 de marzo de 2025, este reitorado, no exercicio das competencias que lle atribúe o artigo 36 dos estatutos da Universidade da Coruña, resolve convocar os concursos de acceso das prazas que se relacionan no anexo I desta resolución, de acordo coas seguintes bases:
1. Normativa aplicable.
O procedemento de selección rexerase:
a) Pola Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario (LOSU).
b) Polo Real decreto 678/2023, do 18 de xullo, polo que se regula a acreditación estatal para o acceso aos corpos docentes universitarios e o réxime dos concursos de acceso a prazas dos ditos corpos.
c) Pola normativa para a selección de persoal docente e investigador, aprobada polo Consello de Goberno da Universidade da Coruña (UDC) o 7.11.2024.
d) Polas instrucións de actuación telemática das comisións de selección, publicadas no taboleiro electrónico oficial (TEO) o 31.10.2024.
e) Polas demais disposicións legais vixentes aplicables.
2. Requisitos dos/das aspirantes.
Os/as candidatos/as deberán cumprir os seguintes requisitos no último día do prazo de presentación de solicitudes:
2.1. Requisitos xerais:
a) Ter a nacionalidade española ou outra que permita o acceso ao emprego público, de acordo co disposto no artigo 52 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.
b) Estar en posesión da titulación exixida.
c) Non ter sido despedido mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin encontrarse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario do cal a persoa fose separada ou inhabilitada.
No caso de nacionais doutros Estados, non estar inhabilitado/a ou en situación equivalente, nin ter sido sometido/a a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no Estado de procedencia, o acceso ao emprego público nos termos anteriores.
d) Cumprir os requisitos mínimos e máximos de idade legalmente establecidos para o acceso á Administración pública.
e) Posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.
f) Ter aboado as taxas por dereitos de exame dentro do prazo de presentación de solicitudes.
O requisito e) deberá ser acreditado no acto de toma de posesión.
2.2. Requisitos específicos:
a) Posuír o título de doutor/a.
No caso de títulos obtidos no estranxeiro, deberá estar en posesión da correspondente declaración de equivalencia ao nivel académico de doutor/a, tal como establece a disposición adicional segunda do Real decreto 889/2022, do 18 de outubro, polo que se establecen as condicións e os procedementos de homologación, de declaración de equivalencia e de validación de ensinanzas universitarias de sistemas educativos estranxeiros e polo que se regula o procedemento para establecer a correspondencia ao nivel de MECES dos títulos universitarios oficiais pertencentes a ordenacións académicas anteriores.
b) Contar co certificado de acreditación para o acceso ao corpo de profesores/as titulares de universidade, emitido pola Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación (ANACA), ou ben estar habilitado/a para o corpo de profesores/as titulares de universidade conforme o establecido no Real decreto 774/2002, do 26 de xullo.
3. Presentación de solicitudes.
3.1. Prazo e forma de presentación.
As solicitudes deberán presentarse a través da sede electrónica da UDC (https://sede.udc.gal/), na sección de Trámites de Xestión Académica, utilizando o modelo oficial adxunto no anexo II, xunto co resto da documentación, na forma que se indica no anexo III.
O prazo para a presentación de solicitudes será de dez días hábiles a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio desta convocatoria no Boletín Oficial del Estado (BOE). Cando o último día do prazo sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, tal como establece o artigo 30.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
3.2. Documentación requirida.
a) Copia do documento nacional de identidade (DNI) ou equivalente en vigor.
As persoas que se encontren nalgún dos supostos recollidos nas alíneas c) e d) do número 1 do artigo 52 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, deberán presentar, ademais, os documentos acreditativos do vínculo de parentesco e, de ser o caso, do feito de vivir a expensas ou estar a cargo dun nacional dun Estado membro da Unión Europea. A acreditación realizarase por medio de certificados expedidos polas autoridades competentes do seu país de orixe, traducidos para algunha das linguas oficiais da UDC.
b) Copia do anverso e reverso do título académico de doutor/a.
c) Copia do certificado de acreditación ou de habilitación para o acceso ao corpo de profesores/as titulares de universidade.
d) Xustificante de pagamento na conta corrente IBAN ES76 0049 5030 1525 1601 1262, concursos-oposicións; Banco Santander, S.A., da cantidade de 44,17 euros por cada praza a que se concurse, dentro do prazo de presentación de solicitudes e facendo constar como concepto a referencia do número da praza a que se opta.
En ningún caso o pagamento suporá a substitución do trámite de presentación da solicitude, en tempo e forma.
Exencións e bonificacións:
|
Condicións |
Exención/bonificación |
Documentación que cómpre presentar coa solicitude |
|
Discapacidade igual ou superior ao 33 % |
Exención de pagamento |
Copia da cualificación do grao de discapacidade vixente |
|
Familia numerosa de categoría especial |
Exención de pagamento |
Copia do título de familia numerosa vixente |
|
Familia numerosa de categoría xeral |
Bonificación 50 % |
|
|
Demandantes de emprego desde, polo menos, seis meses anteriores á data de publicación desta convocatoria, e que non estean percibindo prestación ou subsidio por desemprego |
Bonificación 50 % |
Certificación da oficina dos servizos públicos de emprego |
A falta de pagamento dos dereitos de exame no prazo de presentación de solicitudes non é reparable e determinará a exclusión definitiva do concurso, excepto que no prazo de emenda acredite ter realizado o pagamento dentro do prazo de presentación de solicitudes ou ter dereito á exención do citado pagamento.
Unicamente procederá a devolución dos dereitos de exame ás persoas aspirantes que sexan excluídas por causas non imputables a elas. Para tal efecto, a persoa interesada deberá presentar a correspondente solicitude.
4. Admisión de aspirantes.
Rematado o prazo de presentación de solicitudes, nos dez días hábiles seguintes, o Servizo de Persoal Docente e Investigador (PDI) publicará no taboleiro electrónico oficial (TEO (https://sede.udc.gal/services/electronic_board) a resolución reitoral coa relación provisional de persoas admitidas e excluídas e, se é o caso, as causas de exclusión.
Os aspirantes excluídos disporán dun prazo de dez días hábiles, a partir do día seguinte ao da publicación da referida relación, para corrixiren o defecto que motivou a exclusión ou presentaren alegacións contra a eventual omisión na relación, a través do Rexistro electrónico da Universidade (https://sede.udc.gal/services/telematic_register).
Transcorrido este prazo, o reitor ditará resolución coa lista definitiva de persoas aspirantes admitidas e excluídas, que se publicará no TEO, xunto coa composición da Comisión de Selección.
5. Procedemento de selección.
5.1. Comisións de selección.
As comisións estarán compostas por cinco membros titulares e cinco suplentes, dos cales polo menos tres titulares e tres suplentes serán alleos á UDC. Os vogais serán elixidos por sorteo público a partir dunha lista cualificada de profesorado e persoal investigador, elaborada polo departamento correspondente.
Conforme o establecido no artigo 34.3 do Real decreto 678/2023, os currículos dos membros das comisións de acceso serán públicos e poderán ser consultados na páxina web da UDC (https://www.udc.es/gl/pdi/concursos/).
O acto de constitución realizarase nos trinta días hábiles seguintes ao da publicación da relación definitiva de aspirantes.
As comisións quedarán validamente constituídas coa presenza de todos os seus membros. Se algún dos membros titulares non pode asistir, será substituído polo correspondente suplente, garantindo o principio de composición paritaria entre mulleres e homes, excepto que non sexa posible por razóns fundadas e obxectivas debidamente motivadas.
No acto de constitución, a Comisión de Selección establecerá os criterios de valoración, tendo en conta as directrices establecidas no anexo IV da Normativa pola que se regula o procedemento para a selección de persoal docente e investigador (https://sede.udc.gal/services/electronic_board/EXP2024/008762). A Presidencia da Comisión de Selección enviarallos ao Servizo de PDI (servizo.pdi@udc.es) para a súa publicación no TEO.
Para a válida actuación das comisións requírese, cando menos, a asistencia de catro dos seus membros.
Os acordos das comisións serán motivados e adoptaranse por maioría. No caso de empate, decidirá o voto de calidade da Presidencia.
A participación dos membros alleos á UDC realizarase por defecto a través dos medios telemáticos institucionais. Os membros da UDC actuarán no centro a que estea adscrito o departamento que solicite a praza ou, excepcionalmente, no centro da UDC de que formen parte a maioría dos membros da Comisión.
Os membros da Comisión de Selección terán dereito a percibir as indemnizacións establecidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.
5.2. Desenvolvemento do concurso.
5.2.1. Unha vez publicados os criterios de valoración, a Presidencia da Comisión realizará a convocatoria para o acto de presentación, cunha antelación mínima de sete días hábiles, que incluirá o lugar, a data e a hora de presentación. Para estes efectos, a Presidencia da Comisión enviaralle esta convocatoria ao Servizo de PDI con antelación suficiente para a súa publicación no TEO.
No acto de presentación, que será público, as persoas candidatas entregaranlle á Presidencia da Comisión o currículo e a documentación acreditativa dos méritos en soporte electrónico (véxanse indicacións no anexo IV). De non actuar presencialmente a persoa que ocupa a Presidencia, entregarase a quen ocupe a Secretaría ou a quen desempeñe as funcións de custodia da documentación.
5.2.2. O concurso constará de dúas probas, ambas de carácter público e eliminatorio:
a) A primeira proba consistirá na exposición e defensa oral dos méritos e do historial académico, docente e investigador, incluíndo o de transferencia e intercambio do coñecemento e de xestión. A exposición non poderá exceder os sesenta minutos e irá seguida dun debate coa Comisión durante un tempo máximo de dúas horas. Unha vez rematada a proba, cada membro da Comisión emitirá un informe razoado e axustado aos criterios de valoración previamente establecidos. Para superar a primeira proba será necesario obter, como mínimo, tres votos favorables.
A acta de votación publicarase no TEO xunto coa convocatoria para a segunda proba, que incluirá a data, a hora e o lugar de entrega en formato electrónico dos proxectos docente e investigador, así como a data, a hora e o lugar de inicio da realización das probas, xunto coa orde de intervención das persoas aspirantes.
b) O proxecto docente deberá corresponder a unha materia obrigatoria ou de formación básica da área de coñecemento a que estea adscrita a praza. Terá unha extensión máxima de 100.000 caracteres (incluídos espazos) e deberá referirse, polo menos, aos seguintes aspectos: datos descritivos da materia, sentido da materia no plan de estudos, obxectivos, desenvolvemento do temario, metodoloxía de ensino-aprendizaxe, bibliografía e criterios de avaliación.
O proxecto investigador que desenvolverán no caso de serlles adxudicada a praza terá unha extensión máxima de 50.000 caracteres (incluídos espazos). Terá que ser un proxecto orixinal e deberá referirse, polo menos, aos seguintes aspectos: descrición da proposta científica; antecedentes, estado actual e xustificación (incluíndo bibliografía esencial); obxectivos xerais e específicos; metodoloxía e impacto científico-técnico esperado.
c) A segunda proba consistirá na exposición oral do proxecto docente e do proxecto investigador durante un tempo máximo de sesenta minutos. A seguir, a Comisión debaterá con cada unha das persoas aspirantes sobre os contidos da súa exposición durante un tempo máximo de dúas horas. Unha vez finalizada a proba, cada membro da Comisión emitirá un informe razoado e axustado aos criterios de valoración previamente establecidos.
d) Cando exista unha única persoa aspirante e esta teña a condición de titular de universidade, profesor/a contratado/a doutor/a ou permanente laboral, a Comisión, despois de analizar a documentación presentada, poderá eximila de realizar as probas, se considera por unanimidade que resulta suficiente para superar o concurso de selección.
A Comisión redactará a acta da segunda proba, que se publicará no TEO.
5.2.3. A Secretaría da Comisión garantirá que a documentación entregada polas persoas concursantes poida ser consultada antes do inicio das probas por todas as persoas candidatas que así o desexen.
6. Resolución e reclamacións.
6.1. Publicación de resultados.
Unha vez realizadas as valoracións, a Comisión de Selección formulará a súa proposta de provisión, na cal figurará a persoa candidata ou as candidatas seleccionadas por orde de puntuación.
Se a Comisión considera que ningunha das persoas candidatas reúne os méritos suficientes para desempeñar a praza obxecto do concurso, poderá propor a non provisión da praza xustificando as causas que motivan tal proposta.
A proposta de provisión deberá publicarse no TEO, no prazo máximo de trinta días hábiles desde a constitución da Comisión, xunto coa acta de valoracións da segunda proba. Se, por causa xustificada, a Comisión non pode resolver no citado prazo, a Presidencia da Comisión poderá solicitarlle ao Vicerreitorado con competencias en profesorado un prazo adicional de quince días hábiles. De non se cumpriren os prazos, nomearase unha nova Presidencia.
6.2. Documentación que deberá presentar a persoa proposta.
A persoa proposta en primeiro lugar deberá presentar no Servizo de PDI, no prazo de vinte días contados desde o seguinte ao da publicación da proposta, a seguinte documentación:
a) Declaración xurada ou promesa de non ter sido separado/a de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario, nin encontrarse inhabilitado/a para o exercicio das funcións docentes.
As persoas candidatas que non teñan a nacionalidade española deberán acreditar que non están sometidas a sanción disciplinaria ou condena penal que lles impida, no seu Estado, o acceso á función pública, segundo o establecido na Lei 17/1993, do 23 de decembro (Boletín Oficial del Estado do 24 de decembro).
b) Certificado médico oficial ou informe de saúde que acredite non padecer enfermidade nin defecto físico ou psíquico que o/a incapacite para o desempeño das funcións correspondentes a docente de universidade.
c) Declaración xurada ou promesa de non incorrer en incompatibilidade segundo o establecido na Lei 53/1984, do 26 de setembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas.
6.3. Prazo de reclamación.
As persoas concursantes poderán presentar reclamacións razoadas nun prazo de cinco días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación dos resultados, a través do Rexistro electrónico da UDC, dirixidas ao Servizo de PDI.
Transcorrido o prazo, e no suposto de non haber reclamacións contra a proposta, a Presidencia da Comisión remitirá todas as actuacións realizadas ao Servizo de PDI en formato electrónico, para efectos de que o reitor dite a resolución do concurso, que se publicará no BOE, no DOG e no TEO.
No suposto de que se presente unha reclamación, a Comisión trasladará o expediente administrativo do concurso, xunto cun informe razoado sobre esta, ao Servizo de PDI no prazo máximo de cinco días hábiles, que o remitirá á Presidencia da Comisión de Reclamacións de prazas de profesorado dos corpos docentes universitarios. O nomeamento quedará suspendido ata que se dite resolución reitoral.
A Comisión de Reclamacións deberá formular a súa proposta razoada no prazo máximo de tres meses desde a recepción das actuacións ou do expediente administrativo do concurso. Para estes efectos, poderá solicitar os asesoramentos que xulgue oportunos. Unha vez transcorrido o prazo sen notificar a resolución, entenderase desestimada a reclamación presentada.
A Comisión de Reclamacións escoitará os membros da Comisión contra cuxa proposta se presentase reclamación e as persoas candidatas que participasen nela, e examinará o expediente do concurso para velar polo cumprimento das garantías establecidas. Poderá ratificar ou non a proposta da Comisión de Selección.
7. Nomeamento.
O nomeamento como funcionario docente de carreira será efectuado polo reitor, despois de que a persoa proposta presente os documentos exixidos no número 6.2 dentro do prazo establecido. O nomeamento especificará a denominación da praza (corpo, área de coñecemento e departamento). O dito nomeamento será publicado no BOE, no DOG, no TEO e comunicado ao Consello de Universidades.
No prazo máximo de vinte días hábiles, contados desde o seguinte ao da publicación do nomeamento no Boletín Oficial del Estado, a persoa candidata proposta deberá tomar posesión da praza, momento en que adquirirá a condición de funcionario do corpo docente universitario correspondente, cos dereitos e deberes que lle son propios.
8. Protección de datos de carácter persoal.
As persoas aspirantes aceptan a política de privacidade de UDC, recollida na páxina web da UDC (https://www.udc.es/es/pe/politica_privacidade/) e especificada no formulario de solicitude de participación no proceso selectivo.
9. Norma derradeira.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación. Non obstante, e sen prexuízo de que se poida exercer calquera outro que se considere procedente, pódese optar por interpor un recurso de reposición, ante o reitor, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación. Neste caso, non poderá interpor o recurso contencioso-administrativo anteriormente mencionado mentres non sexa resolto expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto, conforme o previsto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro).
A Coruña, 26 de febreiro de 2026
O reitor da Universidade da Coruña
P.D. (Resolución do 10.7.2024)
María Teresa López Fernández
Vicerreitora de Profesorado
ANEXO I
Prazas convocadas
Número de concurso: 26/001.
Número de prazas: 1.
OEP: 2025.
Corpo: profesor/a titular de universidade.
Área de coñecemento: Didáctica da Expresión Corporal.
Departamento: Didácticas Específicas e Métodos de Investigación e Diagnóstico en Educación.
Centro: Facultade de Ciencias da Educación.
– Comisión titular:
Presidenta: Ponce de León Elizondo, Ana. Catedrática de universidade. Universidade de La Rioja.
Secretario: Arufe Giráldez, Víctor. Profesor titular de universidade. Universidade da Coruña.
Vogal 1º: García Monge, Alfonso. Profesor titular de universidade. Universidade de Valladolid.
Vogal 2º: García Monge, Alfonso Jorge. Profesor titular de universidade. Universidade de Murcia.
Vogal 3ª: Vizcarra Morales, María Teresa. Profesora titular de universidade. Universidade do País Vasco.
– Comisión suplente:
Presidente: Sicilia Camacho, Álvaro. Catedrático de universidade. Universidade de Almería.
Secretario: Navarro Patón, Rubén. Profesor titular de universidade. Universidade de Santiago de Compostela.
Vogal 1º: Granero Gallegos, Antonio. Catedrático de universidade. Universidade de Almería.
Vogal 2ª: Santos Pastor, María Luisa. Catedrática de universidade. Universidade Autónoma de Madrid.
Vogal 3ª: Domínguez Escribano, Marta. Profesora titular de universidade. Universidade de Córdoba.
Número de concurso: 26/002.
Número de prazas: 1.
OEP: 2025.
Corpo: profesor/a titular de universidade.
Área de coñecemento: Matemática Aplicada.
Departamento: Matemáticas.
Centro: ETS de Náutica e Máquinas.
– Comisión titular:
Presidente: Rodríguez Seijo, José Manuel. Profesor titular de universidade. Universidade da Coruña.
Secretaria: Cao Rial, María Teresa. Profesora titular de universidade. Universidade da Coruña.
Vogal 1ª: Gómez Pedreira, María Dolores. Profesora titular de universidade. Universidade de Santiago de Compostela.
Vogal 2ª: Núñez Giménez, Carmen. Catedrática de universidade. Universidade de Valladolid.
Vogal 3º: de Frutos Baraja, Javier. Catedrático de universidade. Universidade de Valladolid.
– Comisión suplente:
Presidente: Arós Rodríguez, Ángel Daniel. Profesor titular de universidade. Universidade da Coruña.
Secretaria: Martínez Varela, Áurea María. Profesora titular de universidade. Universidade de Vigo.
Vogal 1ª: Calvo Ruibal, Natividad. Profesora titular de universidade. Universidade de Vigo.
Vogal 2º: Padial Molina, Juan Francisco. Profesor titular de universidade. Universidade Politécnica de Madrid.
Vogal 3ª: Selgas Buznego, Virginia. Profesora titular de universidade. Universidade de Oviedo.
Número de concurso: 26/003.
Número de prazas: 1.
OEP: 2025.
Corpo: profesor/a titular de universidade.
Área de coñecemento: Proxectos Arquitectónicos.
Departamento: Proxectos Arquitectónicos, Urbanismo e Composición.
Centro: ETS de Arquitectura.
– Comisión titular:
Presidente: Creus Andrade, Juan José. Universidade da Coruña.
Secretaria: Domingo Calabuig, Débora. Universidade Politécnica de Valencia.
Vogal 1º: Durán Fernández, José. Profesor titular de universidade. Universidade Politécnica de Valencia.
Vogal 2º: Delgado Orusco, Eduardo. Profesor titular de universidade. Universidade de Zaragoza.
Vogal 3ª: Álvarez Isidro, Eva. Profesora titular de universidade. Universidade Politécnica de Valencia.
– Comisión suplente:
Presidente: Sánchez Lampreave, Ricardo. Universidade Politécnica de Valencia.
Secretaria: Mejía Vallejo, Clara Elena. Profesora titular de universidade. Universidade Politécnica de Valencia.
Vogal 1º: Montero Fernández, Francisco Javier. Catedrático de universidade. Universidade de Sevilla.
Vogal 2ª: González Cubero, María Josefa. Profesora titular de universidade. Universidade de Valladolid.
Vogal 3ª: Gálvez Pérez, María Auxiliadora. Profesora titular de universidade. Universidade Politécnica de Madrid.
