DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Mércores, 11 de marzo de 2026 Páx. 17392

I. Disposicións xerais

Consellería do Mar

ORDE do 4 de marzo de 2026 pola que se regula a xestión dos excedentes procedentes do marisco obtido durante a actividade marisqueira.

No exercicio das competencias que lle outorga o artigo 27.15 do Estatuto de autonomía de Galicia, a Comunidade Autónoma de Galicia aprobou a Lei 11/2008, do 11 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, que establece que a política da Administración autonómica terá, entre outros obxectivos, o establecemento e a regulación de medidas dirixidas á conservación, á xestión e á explotación responsable, racional e sustentable dos recursos mariños.

Desde os anos noventa a explotación dos recursos marisqueiros xerais e de recursos específicos en Galicia organizouse principalmente a través de plans de explotación anuais, mediante un sistema de coxestión entre a Administración e o sector. Os plans de explotación, xunto cos permisos de explotación para exercer a actividade e a organización do sector arredor das confrarías de pescadores, conformaron os piares para a importante transformación do sector marisqueiro que deu lugar á conformación dun sector produtivo que na actualidade contribúe de forma destacable á creación de emprego e ao desenvolvemento sustentable das zonas costeiras de Galicia.

Neste senso, o Decreto 153/2019, do 21 de novembro, polo que se regula o réxime de conservación e explotación dos recursos marisqueiros, establece que a extracción dos recursos marisqueiros estará suxeita ás ordes aprobadas con carácter trianual pola Consellería do Mar que regulan os plans de xestión.

A experiencia acumulada mediante o desenvolvemento dos plans de explotación e xestión ao longo dos anos e a constante adaptación do sector marisqueiro ás circunstancias cambiantes que van xurdindo na súa implementación aconsellan, con suxeición ao disposto no Decreto 153/2019, do 21 de novembro, regular expresamente determinados aspectos relacionados coa execución práctica da actividade do marisqueo, coa finalidade de dar unha adecuada cobertura legal a determinadas accións realizadas no seu marco e así acadar unha maior seguridade xurídica no desenvolvemento da actividade.

Dentro destas actividades que se realizan no marisqueo é onde se identifica unha práctica que co devir dos anos se converten en habitual na actividade do marisqueo en Galicia: a comercialización dos excedentes que non superan os topes establecidos nas autorizacións emitidas pola consellería con competencias en materia de recursos mariños.

Non se pode obviar que a comercialización dos excedentes ofrece unha ocasión única para reforzar economicamente as confrarías. O que antes era un excedente sen saída convértese agora nun recurso que pode canalizarse a través delas, xerando ingresos propios que lles permitan gañar autonomía e solidez, así como incrementar a súa capacidade para financiar servizos comúns. Ao mesmo tempo, fortalece as confrarías como institucións, dándolles máis estabilidade e ferramentas para planificar a longo prazo, consolidando o seu papel como entidades vertebradoras do sector.

Na actualidade, tras a modificación pola Lei 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, do artigo 10.2.f) da Lei 9/1993, do 8 de xullo, de confrarías de pescadores de Galicia, e do artigo 53.1.i) do Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro, polo que se regulan as confrarías de pescadores de Galicia e as súas federacións, as cantidades recadadas na primeira venda dos excedentes procedentes do marisco obtido durante a actividade marisqueira, recoñécense expresamente como un dos recursos económicos dos cales poden dispoñer as confrarías de pescadores segundo as condicións que se establezan regulamentariamente.

De acordo con tales disposicións, enténdese por excedente o exceso na cantidade dun recurso marisqueiro, que se pode orixinar nun punto de control tras os procesos de selección e clasificación, con respecto ás cantidades totais que se acordou a extraer, para unha especie e nunha zona de produción concretas, polo conxunto das persoas mariscadoras que participen nese día determinado nos labores de extracción. En ningún caso estes excedentes poderán superar os topes establecidos no propio plan de xestión ou nas autorizacións mensuais emitidas pola consellería con competencias en materia de marisqueo.

Por outra parte, a confraría de pescadores titular do plan de xestión debe realizar múltiples accións relacionadas coa actividade marisqueira, como é a vixilancia dos bancos marisqueiros, a compra de semente, actividades de supervisión e pesada realizadas no punto de control, acondicionando o marisco para a súa comercialización mediante labores, entre outros, de selección, clasificación por categorías ou tamaños, estiba en recipientes adecuados, ou a determinación do peso final do recurso marisqueiro. Este conxunto de actividades e procesos xeran un elevado custo que debe ser asumido pola confraría de pescadores encargada de xestionar o dito plan de xestión.

Tendo en conta as causas e motivos da súa existencia, parece conveniente que, tomando as medidas precisas para que a sustentabilidade do recurso non se vexa comprometida e se cumpran en todo momento os topes legais establecidos, os excedentes poidan ser aproveitados polas confrarías de pescadores xestoras dos plans para que o resultado da súa primeira venda poida destinarse a sufragar os gastos necesarios asociados á actividade. Neste sentido, resulta necesario que os citados excedentes sexan incluídos nos plans de xestión trianuais.

En consonancia co anteriormente exposto, e tendo en conta os aspectos que motivan a inclusión dos excedentes como parte dos recursos económicos das confrarías de pescadores, é imprescindible que o seu sistema contable permita seguir unha pista de auditoría que evidencie que os ingresos percibidos por esta práctica se destinen preferentemente a custear os gastos derivados do propio plan de xestión e investir na xestión sustentable dos bancos marisqueiros.

Finalmente, esta orde respecta os principios de boa regulación establecidos no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, e no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Así, de acordo cos principios de necesidade, proporcionalidade, eficacia e eficiencia, esta norma explica os fins perseguidos coa súa aprobación, contén a regulación imprescindible para atender a súa finalidade, é o instrumento máis axeitado para garantir a súa consecución, e non impón cargas administrativas á cidadanía. Igualmente, en virtude do principio de seguridade xurídica, a norma garda coherencia co resto do ordenamento xurídico, e, en cumprimento do principio de transparencia, identifícanse con claridade nela os obxectivos que se pretenden acadar e deuse participación á cidadanía e ás entidades representativas do sector no seu proceso de elaboración.

En consecuencia, en virtude das facultades conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e logo da consulta ao sector afectado,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto regular a xestión dos excedentes procedentes do marisco obtido durante a actividade marisqueira ao abeiro das ordes polas que se aproban o Plan xeral de explotación marisqueira e os plans de xestión de recursos específicos e algas.

Artigo 2. Definicións

Para os efectos desta orde enténdese por:

a) Demasías: a cantidade dun recurso marisqueiro extraída por unha persoa mariscadora resultante da diferenza entre o tope establecido na resolución emitida pola consellería competente en materia de marisqueo e un tope inferior acordado pola confraría de pescadores xestora do plan para unha data, especie e zona de produción concretas, e que está destinada a formar parte dos excedentes.

b) Excedentes: o exceso na cantidade dun recurso marisqueiro, que se pode orixinar nun punto de control tras os procesos de selección e clasificación, con respecto ás cantidades totais que se acordou extraer, para unha especie e nunha zona de produción concretas, polo conxunto das persoas mariscadoras que participen nese día determinado nos labores de extracción. En ningún caso estes excedentes poderán superar os topes establecidos no propio plan de xestión ou nas autorizacións emitidas pola consellería con competencias en materia de marisqueo.

Artigo 3. Inclusión dos excedentes como recurso económico da confraría de pescadores

Para incluír como recurso económico da confraría de pescadores as cantidades recadadas na primeira venda dos excedentes procedentes do marisco obtido durante a actividade marisqueira será necesaria a aprobación pola xunta xeral da confraría de pescadores, logo de consulta á asemblea xeral da agrupación sectorial correspondente, en caso de estar esta constituída.

O acordo aprobado pola xunta xeral deberá establecer con transparencia o sistema para determinar as cantidades de recurso marisqueiro que se vai comercializar a nome de cada persoa mariscadora ou titular da embarcación autorizada a exercer o marisqueo, así como o sistema para determinar as demasías que formarán parte dos excedentes. En ningún caso a suma de ambas as cantidades poderá ser superior aos topes autorizados pola consellería con competencias en materia de marisqueo para cada persoa mariscadora.

Artigo 4. Inclusión dos excedentes nos plans de xestión trianuais

1. As confrarías de pescadores titulares dos plans de xestión, no caso de incluíren como recurso económico da entidade as cantidades recadadas na primeira venda dos excedentes conforme o establecido no artigo anterior, incluirán o réxime de comercialización dos excedentes de recursos marisqueiros nos correspondentes plans de xestión trianuais.

2. Para a inclusión nos plans de xestión deberá presentarse un certificado da adopción do acordo de aprobación pola xunta xeral da confraría de pescadores establecido no artigo 3.

3. A inclusión dos excedentes nos plans de xestión farase de acordo co establecido no artigo 18.1 do Decreto 153/2019, do 21 de novembro, polo que se regula o réxime de conservación e explotación dos recursos marisqueiros, e deberá reflectirse nos seguintes números do seu anexo:

a) No número 9, relativo ao plan de comercialización.

b) No número 12.b), relativo ao plan financeiro a tres anos: ingresos previstos: cotas, porcentaxes de ingresos que se van reter, subvencións e outras axudas, e outros recursos económicos recollidos nos estatutos da confraría de pescadores.

Artigo 5. Destino dos recursos marisqueiros extraídos

1. A cantidade de recurso dunha especie procedente dunha zona de produción concreta que, nos puntos de control, supere a cantidade máxima que podería extraer cada persoa mariscadora que participe nun día determinado nos labores de extracción de acordo coa autorización emitida polos departamentos territoriais da consellería competente en materia de marisqueo deberá ser devolta á zona de produción de orixe.

2. Poderá ser comercializado pola confraría de pescadores titular do plan de xestión a cantidade de marisco que se orixine nos puntos de control como excedente e consistente na suma de todas as demasías nunha xornada de traballo.

3. As demasías unicamente poderán ser comercializadas agrupadas como un excedente; en caso de non agruparse como excedente, deberán ser devoltas á zona de produción de orixe.

Artigo 6. Xestión dos recursos marisqueiros no punto de control

1. Nos puntos de control rexistrarase o recurso marisqueiro extraído por cada persoa mariscadora que participe ese día nos labores de extracción desa especie na zona de produción concreta.

2. Devolverase á zona de produción de orixe o marisco que non acade o tamaño mínimo e o que supere o tope legal autorizado pola consellería competente en materia de marisqueo.

3. Rexistrarase a cantidade de recurso que se comercializará a nome de cada persoa mariscadora ou titular da embarcación autorizada a exercer o marisqueo, non podendo en ningún caso superar o tope acordado pola entidade xestora do plan.

4. Así mesmo, rexistrarase todo o excedente producido nese punto de control a nome da entidade titular do plan.

5. No caso de que ás persoas mariscadoras que desenvolvan o seu labor nos puntos de control se lles remunere a súa xornada con cargo á comercialización dos excedentes, facturaráselles como servizo.

Artigo 7. Controis dos excedentes por parte da confraría de pescadores

A confraría de pescadores titular dun plan de xestión que acorde a comercialización dos excedentes deberá comprobar, antes do inicio do proceso de comercialización diario, que:

a) A suma total das cantidades de recurso marisqueiro levadas á primeira venda, contabilizando tamén os excedentes, en ningún caso superará os topes establecidos nas autorizacións emitidas polos departamentos territoriais da consellería competente en materia de marisqueo. Para realizar este cómputo deberase ter en conta exclusivamente o número de persoas mariscadoras que efectivamente participasen nos labores de extracción do día.

b) A suma das cantidades de marisco que figuran rexistradas a nome de cada persoa mariscadora máis os excedentes comercializados a nome da confraría de pescadores titular do plan de xestión coincida coa suma do marisco comercializado en primeira venda, sen prexuízo de inevitables perdas de peso achacables á perda de auga propia dos moluscos bivalvos e que en ningún caso poderá ser superior ao 5 %.

Artigo 8. Primeira venda dos excedentes

1. A primeira venda dos excedentes deberá levarse a cabo nunha lonxa ou centro de venda autorizado.

2. A entidade xestora da lonxa ou centro de venda autorizado deberá establecer un código de provedor específico para os excedentes, cuxo titular será a confraría de pescadores titular do plan de xestión e que será de tal natureza que sexa facilmente recoñecible con respecto aos códigos de provedor das persoas mariscadoras.

3. A confraría de pescadores titular do plan de xestión deberá manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable específico en relación con todas as transaccións relacionadas coa comercialización dos excedentes que permita seguir a pista de auditoría.

Artigo 9. Titularidade e destino dos ingresos obtidos pola primeira venda dos excedentes

1. Os ingresos xerados pola comercialización dos excedentes serán de titularidade da confraría de pescadores titular do plan de xestión, e deberán incorporarse dun xeito diferenciado no seu orzamento anual co obxecto de atender os custos producidos polas accións recollidas no plan de xestión correspondente.

2. Os ingresos procedentes dos excedentes deberán ser usados para facer fronte ás obrigas económicas derivadas do devandito plan, como son, entre outras, as que resultan da vixilancia dos bancos marisqueiros, da compra de semente, das actividades de supervisión e pesada realizadas no punto de control, do acondicionamento do marisco para a súa comercialización mediante labores de selección, da clasificación por categorías ou tamaños, da estiba en recipientes adecuados, ou da determinación do peso final do recurso marisqueiro.

3. A consellería competente en materia de marisqueo poderá realizar, sempre que o considere oportuno, unha auditoría nas contas das confrarías de pescadores que realicen esta práctica, para verificar o cumprimento do establecido nesta orde.

Artigo 10. Seguimento e control estatístico dos excedentes

1. Para os efectos de permitir o seguimento e xestión dos recursos marisqueiros, a confraría de pescadores achegará á unidade estatística da consellería competente en materia de marisqueo, polos medios que esta determine, as cantidades totais rexistradas nos puntos de control citados no artigo 6, por cada persoa mariscadora ou titular da embarcación autorizada a exercer o marisqueo e día de extracción, cuxa suma reflicta fielmente a cantidade total de recurso marisqueiro extraído.

2. A confraría de pescadores titular do plan de xestión manterá un rexistro diferenciado para a contabilización e seguimento das cantidades recadadas na primeira venda dos excedentes.

Disposición adicional única. Adaptación de medidas dos plans de xestión de recursos marisqueiros vixentes aprobados pola Orde do 21 de decembro de 2023 pola que se aproba o Plan xeral de explotación marisqueira para o trienio 2024-2026 e pola Orde do 19 de decembro de 2024 pola que se aproban os plans de xestión dos recursos específicos e algas en Galicia para o trienio 2025-2027

Os plans de xestión de recursos marisqueiros vixentes deberán ser adaptados para incluír no seu contido a comercialización dos excedentes da actividade marisqueira, de conformidade co establecido no artigo 21.2 do Decreto 153/2019, do 21 de novembro, polo que se regula o réxime de conservación e explotación dos recursos marisqueiros, sempre que se cumpran os requisitos establecidos no artigo 3 desta orde.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Autorízase a persoa titular da dirección xeral competente en materia de marisqueo para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2026

Marta Villaverde Acuña
Conselleira do Mar