O Decreto 42/2024, do 14 de abril, estableceu a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e creou a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Posteriormente, esa estrutura desenvolveuse polo Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixou a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, na cal se determinou o nivel organizativo de órganos superiores e dirección e as diversas entidades do sector público adscritas a estas.
Con esta nova estrutura produciuse unha reestruturación de competencias, funcións e órganos da anterior Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades establecida no anterior Decreto 59/2023, do 14 de xuño, polo que se estableceu a estrutura orgánica da Xunta de Galicia.
Dito o anterior, a presente relación de postos de traballo da nova Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude contén non só unha adecuación aos cambios introducidos na estrutura orgánica establecida no Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se estableceu a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, senón que tamén contén unha recodificación na súa totalidade de postos existentes cuxas características e clasificacións foron xustificadas e aprobadas, no seu momento, por anteriores Consellos da Xunta.
En consecuencia, consultadas as organizacións sindicais presentes na Mesa de Negociación da Comunidade Autónoma de Galicia e a Comisión de Persoal, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 2 de marzo de 2026, adoptou o seguinte
ACORDO:
Primeiro. Aprobar a relación de postos de traballo da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude nos termos que se sinalan no anexo a este acordo.
Segundo. Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia para os efectos da entrada en vigor a partir do día seguinte ao da súa publicación.
Visto o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 2 de marzo de 2026, relativo á aprobación da relación de postos de traballo da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, coa finalidade de cumprir o dito acordo, de conformidade coa Orde da Consellería de Facenda do 8 de xaneiro de 2020 sobre delegación de competencias na Dirección Xeral da Función Pública (DOG núm. 16, do 24 de xaneiro), dispoño que se publique no Diario Oficial de Galicia como anexo a esta resolución.
Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2026
O conselleiro de Facenda e Administración Pública
P.D. (Orde do 8.1.2020; DOG núm. 16, do 24 de xaneiro)
Nuria Aguilar Vázquez
Directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal
