DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Xoves, 12 de marzo de 2026 Páx. 17581

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 26 de febreiro de 2026, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se ordena a publicación do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 16 de febreiro de 2026, polo que se aproba definitivamente o proxecto de interese autonómico do aparcadoiro de vehículos pesados na ligazón da Balsa, da VG-20 coa PO-010, no concello de Vigo (Pontevedra).

En cumprimento do disposto no artigo 60 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, faise pública a aprobación definitiva do proxecto de interese autonómico do aparcadoiro de vehículos pesados na ligazón da Balsa, da VG-20 coa PO-010, no concello de Vigo (Pontevedra), que literalmente di:

«1. Aprobar definitivamente o proxecto de interese autonómico do aparcadoiro de vehículos pesados no enlace da Balsa, da VG-20 coa PO-010, no concello de Vigo (Pontevedra), de acordo co artigo 54.10 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia.

2. Aprobar definitivamente a modificación do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Vigo, conforme a ordenación que establece o proxecto de interese autonómico do aparcadoiro de vehículos pesados na ligazón da Balsa, da VG-20 coa PO-010, de acordo cos artigos 20.4 e 58.2 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia».

A normativa urbanística (04.NU) incorporase como anexo deste acordo.

O contido íntegro do proxecto de interese autonómico estará dispoñible no seguinte enderezo electrónico:

https://territorioeurbanismo.xunta.gal/es/territorio-y-urbanismo/registro-de-ordenacion-del-territorio-y-urbanismo/buscador?tema=a %20balsa&order=data&sort=DESC

O informe ambiental estratéxico xunto con outros documentos do procedemento de avaliación pode consultarse no seguinte enderezo electrónico:

https://cmatv.xunta.gal/busca-por-palabra-clave

Contra o dito acordo do Consello da Xunta de Galicia, que pon fin á vía administrativa, poderá formular un recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; sen prexuízo de que con carácter previo e potestativo se poida formular un recurso de reposición no prazo dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2026

Judit Fontela Baró
Directora xeral de Mobilidade

ANEXO

Disposicións normativas

Normativa do proxecto de interese autonómico (04.NU)

TÍTULO I

Disposicións xerais

CAPÍTULO I

Natureza, ámbito e vixencia

Artigo 1. Ámbito

Comprende o conxunto de terreos obxecto deste PIA os interiores á delimitación gráfica representada nos planos deste proxecto. Trátase dunha superficie aproximada de 16.071 m2.

Artigo 2. Vixencia

O proxecto de interese autonómico non entrará en vigor ata que se publique no Diario Oficial de Galicia o texto íntegro do acordo de aprobación definitiva, conforme o establecido no artigo 60 da Lei 1/2021, de ordenación do territorio, se inscriba no Rexistro do Planeamento Urbanístico de Galicia e se publique a normativa urbanística no Boletín Oficial da provincia.

A súa vixencia será indefinida, sen prexuízo das modificacións que procedan e da súa revisión cando proceda.

Artigo 3. Natureza e obrigatoriedade

O proxecto de interese autonómico para as obras do aparcadoiro de vehículos pesados na Balsa, Vigo, instrumento de ordenación do territorio, foi redactado conforme o ordenamento legal vixente. As referencias á Lei de ordenación do territorio (en diante, LOT) deben entenderse feitas á Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, as remisións feitas á Lei do solo de Galicia (en diante LSG) deben entenderse feitas á Lei 2/2016, do 10 de febreiro; as referencias a Lei do solo e rehabilitación urbana (TRLS) deben entenderse feitas ao texto refundido da Lei do solo e rehabilitación urbana, aprobado polo Real decreto lexislativo 7/2015, do 30 de outubro. As remisións ao Regulamento da Lei do solo (RLSG) entenderanse feitas ao Regulamento da Lei do solo de Galicia, aprobado mediante o Decreto 143/2016, do 22 de setembro.

Artigo 4. Alcance normativo dos documentos

1. O alcance normativo do Plan deriva do contido dos seguintes documentos, que para o dito efecto o integran:

1) Memoria xustificativa.

Parte I. Información.

Parte II. Xustificación.

Anexo I. Estudo de avaliación da mobilidade.

Anexo II. Informes sectoriais (os emitidos na fase de exposición da tramitación ambiental).

Anexo III. Estudo da paisaxe.

Anexo IV. Bens e dereitos afectados.

2) Planos de información.

01. Situación.

02.01. Planeamento urbanístico (PGOU93).

02.02. Planeamento urbanístico en tramitación (RevPXOM93).

03. Topográfico.

04. Información catastral.

05. Servidumes e afeccións. Plan básico autonómico.

06. Mapa de ruídos.

07. Conexións exteriores.

3) Planos de ordenación.

01. Ordenación.

02. Zonificación.

03. Servizos.

04. Imaxe final orientativa.

05. Seccións.

4) Normativa.

5) Catálogo.

Parte I. Memoria.

Ficha.

Normas de protección.

6) Memoria Económica. Estudo económico e financeiro.

7) Avaliación ambiental estratéxica.

As dúbidas na interpretación do instrumento de ordenación producidas por imprecisións ou contradicións entre documentos de igual rango normativo resolveranse aplicando o principio de interpretación integrada das normas, segundo o establecido no artigo 6 da LSG.

Nos aspectos non recollidos nesta normativa observarase o disposto na normativa urbanística municipal vixente e, en última instancia, de acordo co artigo 8 do Decreto 83/2018, do 26 de xullo, polo que se aproba o Plan básico autonómico de Galicia, este instrumento terá carácter complementario do planeamento urbanístico municipal naqueles concellos en que exista. En virtude deste carácter complementario, será de aplicación para suplir as posibles indeterminacións e lagoas do planeamento municipal vixente, sen que en ningún caso se poida modificar a clasificación do solo nin alterar as determinacións do planeamento que complementa.

2. O informe ambiental estratéxico que resulta do proceso de avaliación ambiental estratéxica, emitido o 13.5.2024 e publicado no DOG núm. 105, do 31.5.2024, terá o carácter vinculante que a lexislación sectorial lle confire.

Artigo 5. Modificación do instrumento de ordenación do territorio (substancial e non substancial)

A modificación de calquera dos elementos do PIA axustarase ao previsto nos artigos 56 e 57 da LOT.

CAPÍTULO II

Desenvolvemento do PIA

Artigo 6. Competencias para a execución

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade (Dirección Xeral de Mobilidade) foi a designada no procedemento de declaración de interese autonómico como competente para a tramitación do procedemento de aprobación do proxecto. A declaración de interese autonómico do presente PIA foi publicada no DOG núm. 90, do 11 de maio de 2023, Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 20 de abril de 2023 polo que se declara de interese autonómico o proxecto de aparcadoiro de vehículos pesados no enlace da Balsa, da VG-20 coa PO-010, que da servizo ao polígono de Balaídos (Vigo).

Tras a reestruturación da Xunta de Galicia, e de acordo co Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, así como o Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, a Dirección Xeral de Mobilidade pasou a pertencer á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, polo que será esta a consellería designada para a aprobación do proxecto.

En todo caso, o Consorcio da Zona Franca de Vigo, entidade de dereito público creada polo Decreto do 20 de xuño de 1947 baixo a dependencia exclusiva do Ministerio de Facenda, en definitiva, unha entidade integrante do sector público estatal creada para satisfacer necesidades de interese público, será o promotor do proxecto de interese autonómico.

Artigo 7. Eficacia do proxecto de interese autonómico

Segundo o artigo 48 da LOT, os municipios serán beneficiarios das cesións de solo e aproveitamento urbanístico que deriven da execución de proxectos de interese autonómico, conforme a normativa urbanística aplicable.

Neste caso, por tratarse dun PIA que consiste na implantación dunha actuación concreta para dotacións públicas, concretamente dun aparcadoiro de vehículos pesados, que non supón unha actuación de transformación urbanística definida na lexislación básica estatal en materia do solo, e da que non resultan aproveitamentos lucrativos, non será aplicable o disposto no parágrafo anterior.

Artigo 8. Adecuación ao Plan xeral

O presente proxecto adecúase, tras a fase de tramitación ambiental e recollendo as indicacións do informe emitido na fase de exposición pública deste trámite, ao indicado no informe ambiental estratéxico. Nel determínase que resulta preferible que sexan coincidentes a delimitación do ámbito do PIA e a do Plan especial de infraestruturas e dotacións PE-609 previsto no documento aprobado provisionalmente polo Pleno do Concello de Vigo o 28.12.2023, a RevPXOM93, co obxecto de evitar a necesidade de modificar o planeamento municipal.

Este feito resulta imposible debido a que a delimitación do PEID-609 inclúe terreos do dominio público de estradas de titularidade, dada a posible vulneración da Lei 37/2015, do 29 de setembro, de estradas. Polo tanto, é necesaria a modificación da delimitación do presente PIA adecuándose á delimitación da liña de expropiación da estrada nacional VG-20, entre os puntos quilométricos 5+000 e 5+500, marxe dereita. T.M. de Vigo (provincia de Pontevedra).

A nova delimitación do ámbito do PIA abarca unha superficie total de 16.071,40 m², o que representa un incremento do 2,74 % (429,40 m²). Por tanto, esta modificación é inferior ao 10 %, polo que segundo o artigo 65.2 da Lei 2/2016, do 8 de febreiro, do solo de Galicia, pode ser obxecto de reaxuste polo planeamento en desenvolvemento respecto das determinacións contidas no PXOM.

O propósito final desta adaptación é deixar sen efecto a previsión urbanística definida no PEID-609 contida no PXOM vixente. A ordenación aplicable a este ámbito será a establecida no presente documento correspondente ao PIA de aparcadoiro de vehículos pesados, considerándose planeamento incorporado ao PXOM en vigor.

Durante a fase de redacción do presente documento prodúcese a aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal de Vigo (PXOM), con data de aprobación definitiva do 26.5.2025, a súa publicación no BOP do 4.8.2025 e no DOG do 30.6.2025. No novo PXOM, a delimitación do ámbito correspondente ao PEID-609, antes PE-609, mantense conforme o establecido no documento para a aprobación provisional.

Por outra banda, o presente PIA ten os mesmos fins, obxectivos e usos previstos que o PEID-609 establecido no novo PXOM, polo que se adecúa ás previsións e á normativa do Plan xeral.

Con todo, de acordo co artigo 59 da LOT, declaración de utilidade pública e interese social, a aprobación dos instrumentos de ordenación do territorio levará implícita a declaración de utilidade pública e interese social e a necesidade de ocupación dos bens e adquisición de dereitos afectados, para fins de expropiación, de ocupación temporal ou de imposición ou modificación de servidumes, cando os ditos instrumentos habiliten para a súa execución e esta deba producirse por expropiación.

Igualmente, esa aprobación determinará a declaración de prevalencia dos usos previstos no instrumento de ordenación do territorio sobre calquera outro uso posible do solo incluído no seu ámbito, sen prexuízo do necesario respecto ás competencias estatais e á prevalencia que, de acordo coa normativa aplicable, teñan outros plans ou instrumentos sectoriais; por isto, os usos determinados para este ámbito serán os que se determinen no presente documento unha vez aprobado definitivamente, e prevalecerán sobre calquera outro uso previsto polo planeamento.

Artigo 9. Réxime urbanístico de aplicación

O PXOM de Vigo foi aprobado definitivamente con data do 26 de maio de 2025. Posteriormente, devandito acordo foi publicado no Boletín Oficial da provincia (BOP) o 4 de agosto de 2025 e no Diario Oficial de Galicia (DOG) o 30 de xuño de 2025; a clasificación urbanística dos terreos do ámbito do PIA é a de solo rústico de especial protección forestal (SRPF) e de infraestruturas (SRPIN).

Á vista do anterior, en congruencia coa súa escala territorial e cos fins perseguidos, o presente PIA respecta e adáptase ás condicións xerais da edificación, recollidas no artigo 39 da LSG, e as previstas para o réxime de solo rústico.

CAPÍTULO III

Xestión e execución urbanística

Artigo 10. Execución do proxecto de interese autonómico

De acordo ao artigo 51 da LOT, a execución dos proxectos de interese autonómico correspóndelle á persoa promotora; polo tanto, neste caso, corresponderalle ao Consorcio da Zona Franca de Vigo. A identificación da persoa promotora efectuarase no decreto de aprobación definitiva do proxecto.

Para a execución do PIA da Balsa, delimítase un único polígono de actuación, que se desenvolverá nunha única fase ou etapa. Para isto, unha vez aprobado definitivamente o presente instrumento de ordenación do territorio –PIA-, deberá redactarse o proxecto de urbanización e proceder coa súa tramitación e aprobación, segundo corresponda no seu momento, de acordo coa normativa urbanística, de ordenación do territorio e en materia ambiental e sectorial que corresponda.

O Consorcio da Zona Franca de Vigo será o responsable da execución do presente proxecto de interese autonómico, así como da completa execución das obras e das instalacións previstas nel.

Artigo 11. Sistema de actuación

O sistema de actuación será o de expropiación (segundo o indicado no artigo 51 da LOT). De acordo coa Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa, e co Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa, a Administración expropiante será a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, e a beneficiaria da expropiación o Consorcio da Zona Franca de Vigo.

CAPÍTULO IV

Proxecto e obras de urbanización

Artigo 12. Proxecto de urbanización do presente PIA

O proxecto de urbanización de carácter público que desenvolva o presente proxecto de interese autonómico será autorizado pola consellería tramitadora do procedemento de aprobación deste, logo da audiencia dos concellos afectados, segundo o artigo 48 da LOT. Neste caso, a consellería tramitadora do PIA é a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, polo que será tamén a que autorizará o proxecto de urbanización e, previamente á súa autorización, deberá dar traslado ao Concello de Vigo.

Artigo 13. Obras de urbanización do presente PIA

As obras e as instalacións públicas definidas detalladamente no proxecto de interese autonómico serán cualificadas expresamente como de marcado carácter territorial e non estarán suxeitas a licenza urbanística nin a ningún dos actos de control preventivo municipal, sen prexuízo da obrigatoriedade do cumprimento da normativa de aplicación exixible. Neste caso, con carácter previo ao inicio das obras, remitiráselles aos concellos en que se asente a actuación un exemplar do proxecto técnico delas.

CAPÍTULO V

Intervención na edificación e no uso do solo

Artigo 14. Actos suxeitos a licenza municipal e comunicación previa

Unha vez rematadas as obras de urbanización e realizada a transformación urbanística do solo do ámbito obxecto do presente PIA, os actos de ocupación, construción, edificación e uso do solo e do subsolo axustaranse ao ordenamento urbanístico vixente.

Así, estarán suxeitos á licenza urbanística municipal previa os actos recollidos na lexislación vixente e, en concreto, nos artigos 142.2 do LSG e 351 do RLSG, e quedan suxeitos ao réxime de intervención municipal de comunicación previa os actos de edificación e uso do solo e do subsolo non suxeitos a licenza e, en todo caso, aqueles en que así se estableza na lexislación vixente.

Quedan exentas da obtención de licenza as actuacións previstas na lexislación legal vixente en materia de telecomunicacións, descritas nos artigos 49.9, 49.10 e 49.11 da Lei 11/2022 e na disposición adicional oitava da Lei 38/1999 que, en función das circunstancias que concorran en cada caso, exime aos operadores de redes públicas de comunicacións electrónicas da obtención das citadas licenzas.

TÍTULO II

Normas e ordenanzas reguladoras

CAPÍTULO I

Normas xerais e condicións de uso

Artigo 15. Disposicións de aplicación xeral

1. A obrigatoriedade do cumprimento destas normas enténdese sen prexuízo da regulamentación sectorial que sexa de aplicación.

2. Os usos divídense en:

a) Uso global: uso xenérico asignado polo presente PIA ao ámbito ou sector, que corresponde ás actividades e sectores económicos básicos.

O uso global é susceptible de ser desenvolto en usos pormenorizados

b) Uso pormenorizado: é o uso correspondente ás diferentes tipoloxías en que poden desagregarse os usos globais, e que o presente PIA asigna a unha zona concreta.

1) Ademais, os usos poderán ser:

a) Uso permitido: uso que se axusta ás previsións da ordenación urbanística proposta. Os usos permitidos poderán ser maioritario ou principal, complementarios ou compatibles.

b) Usos complementarios: usos permitidos cuxa implantación vén determinada, como demanda do uso principal e nunha proporcionada relación con este, por exixencia da normativa urbanística, sectorial ou do propio planeamento.

c) Usos compatibles: usos permitidos que o planeamento considera que, en determinada proporción, poden substituír o principal sen que este perda o seu carácter, é dicir, que siga a contar coa maior superficie edificable.

d) Usos prohibidos: usos que sexan contrarios á ordenación urbanística proposta, e os non considerados como permitidos, complementarios ou compatibles.

2) Consideraranse usos provisionais os que –non estando prohibidos por estas normas– se establezan de maneira temporal, non precisen obras ou instalacións permanentes e non dificulten a execución do PIA. As obras executadas para usos provisionais deberán ser as mínimas imprescindibles para permitir unhas instalacións facilmente desmontables, e observarán o disposto no indicado no artigo 89 da LSG.

Artigo 16. Tipos de uso

1. O espazo edificable do presente PIA poderá ser destinado aos seguintes usos globais:

Dotacional: o que, localizado nos sistemas de infraestruturas de comunicacións, de espazos libres e zonas verdes, de equipamentos e de infraestruturas de redes de servizos, comprende as instalacións e servizos destinados á satisfacción das necesidades dos cidadáns. O uso dotacional será sempre compatible cos restantes usos na proporción e caracterización que se establecen nas correspondentes ordenanzas do presente PIA.

2. Para os efectos da súa pormenorización no espazo e para o establecemento das súas condicións particulares, distinguiranse para o uso global as seguintes clases:

a) Infraestruturas de comunicación: aquel uso que comprende o conxunto de infraestruturas destinadas á conexión e á comunicación, tales como vías e aparcadoiros, infraestruturas relacionadas co transporte individual e colectivo, así como as instalacións vinculadas ao seu funcionamento, para o caso denominado «servizos do transporte», que é o correspondente á garda e estacionamento temporal de vehículos/camións.

b) Infraestrutura de redes de servizos: aquel uso que comprende o conxunto de instalacións, redes e espazos asociados, destinados á prestación dos servizos urbanísticos, como son abastecemento de auga, saneamento, subministración de enerxía eléctrica, telecomunicacións, gas e outros.

c) Espazos libres e zonas verdes: aquel uso que comprende os espazos libres como áreas peonís, e as zonas verdes como paseos peonís e parques.

Artigo 17. Regulación dos usos dotacionais

1. Corresponde aos espazos destinados a actividades dotacionais ou de equipamentos, e dominio tanto público como privado, localizado nos sistemas de infraestruturas de comunicacións, de espazos libres e zonas verdes, de equipamentos e de infraestruturas de redes de servizos.

2. Compatibilidade de usos.

Na parcela cualificada de uso dotacional, ademais do uso característico principal poderase dispor de calquera outro que coadxuve aos fins dotacionais previstos, con limitación do residencial, clase vivenda, que está expresamente prohibido no presente PIA.

Respecto de calquera uso dotacional, considéranse usos compatibles aqueles usos posibles, vinculados ao uso principal, que contribúan ao seu desenvolvemento, que quedarán integrados funcional e xuridicamente con aquel.

No interior dos espazos libres e das zonas verdes poderanse permitir usos que resulten compatibles e complementarios coa súa finalidade ao servizo da colectividade, sen que poidan admitirse utilizacións que exclúan ou limiten o seu uso de «servizo ao transporte». Neste senso permitiranse as infraestruturas da rede de servizos e pequenas instalacións para uso recreativo, de servizos, de hostalaría e quioscos.

Para tal efecto, considéranse pequenas instalacións aquelas que se desenvolvan nunha soa planta e cuxa superficie construída total pechada non supere os 50 metros cadrados. A suma de todas elas non poderá superar, en ningún caso, o 5 % da superficie da totalidade do espazo da ordenanza espazo libre ou zona verde.

Estes usos terán carácter de uso compatible dentro dos usos dotacionais, de servizos, e os usos terciarios ou similares, que poderán ser utilizados en aluguer ou concesión administrativa ou calquera outro réxime que non vulnere a titularidade do solo.

Artigo 18. Regulación do uso aparcadoiro

1. Definición e categorías.

Enténdese por aparcadoiro o espazo destinado á estancia de vehículos localizado no interior da parcela.

Establécese unha única categoría:

Aparcadoiro privado para vehículos pesados: destinado a réxime rotatorio para o uso colectivo con carácter de explotación económica para o servizo privado, onde a estancia do vehículo se realiza a cambio do pagamento dunha tarifa dispondo dalgún sistema de control de acceso, con carácter de dotación urbana. O aparcadoiro situarase para o caso deste PIA, en todo caso, ao aire libre.

É compatible dentro deste uso, ademais do aparcadoiro de vehículos pesados, a reserva de prazas para vehículos lixeiros (turismos), de acordo co previsto nos planos de ordenación.

1. Disposicións xerais comúns do uso Aparcadoiro privado para vehículos pesados.

– Defínese praza de aparcadoiro como o espazo debidamente sinalizado destinado á estancia de vehículos.

– As súas dimensións mínimas serán as seguintes:

a) Para vehículos de dúas rodas: douscentos cincuenta (250) centímetros de lonxitude por cento cincuenta (150) centímetros de largo.

b) Para vehículos automóbiles: 480 centímetros de lonxitude por 240 centímetros de largo.

c) Para vehículos industriais lixeiros: cincocentos setenta (570) centímetros de lonxitude por douscentos cincuenta (250) centímetros de largo.

d) Para vehículos industriais pesados: nove (9) metros de lonxitude por tres (3) metros de largo.

– A delimitación da praza efectuarase mediante marcas no pavimento sen que poidan independizarse do resto do aparcadoiro mediante algún tipo de peche.

– As dotacións de prazas para persoas con diversidade funcional estarán en función da regulación de porcentaxes establecidas polas regulacións específicas, polo menos unha praza por cada corenta (40) prazas ou fracción.

– O aparcadoiro estará dotado de acceso/saída peonil independente desde a vía ou espazo libre público.

– A localización dos aparcadoiros realizarase exclusivamente en superficie. Queda prohibida a localización subterránea dos aparcadoiros.

– Preservarase, na medida do posible, o espazo delimitado como contorna de protección do elemento arqueolóxico catalogado.

Artigo 19. Condicións das pequenas instalacións

1. Para tal efecto, considéranse pequenas instalacións aquelas que se desenvolvan nunha soa planta e cuxa superficie construída total pechada non supere os 50 metros cadrados. A suma de todas elas non poderá superar, en ningún caso, o 5 % da superficie da totalidade do espazo da ordenanza espazo libre ou zona verde.

2. Serán cubertas, exclusivamente de planta baixa, cunha altura máxima de cornixa non superior a 2,70 m, e absoluta ata o cumio –no caso de ter cumio–, non superior a 4,00 m, ambos os dous parámetros considerados respecto de calquera punto das rasantes perimetrais da propia instalación. Permitirase, xustificando a idoneidade/necesidade, de acadar os 7 m de altura máxima –límite máximo de altura para solo rústico–, exclusivamente para a instalación do punto de control de acceso (portaría).

3. As pequenas instalacións deberán situarse illadas ou pegadas entre elas, pero nunca acaroadas contra os lindeiros, separadas como mínimo 5 m destes e das aliñacións da parcela.

4. Estas pequenas instalacións deberán cumprir as condicións de seguridade de utilización, accesibilidade e supresión de barreiras integramente, de acordo coa normativa sectorial que sexa de aplicación en cada momento.

Artigo 20. Condicións estéticas

Os criterios básicos de intervención para as pequenas instalacións serán:

a) Utilización de tecnoloxías ou fórmulas técnicas que mellor compatibilicen a prestación dos servizos básicos co mantemento das condicións paisaxísticas da instalación e do seu contorno. As tecnoloxías utilizadas deberán xustificar a dita compatibilidade en termos de tamaño, volume e número de elementos. Así mesmo, presentarán un nivel de acabado congruente coa contorna, harmonizando con aquelas no relativo a materiais, así como no tratamento de paramentos, cubertas e elementos en ocos.

b) Consideración das medidas de integración desde a fase de proxecto.

c) Deberase empregar como referencia a Guía de cor e materiais para a grande área paisaxística correspondente, neste caso o GAP Rías Baixas, ámbito de solo rústico, instalación illadas (Cartas de combinación de cores/materiais, edificación especial, R07 illada en solo rústico), dada a localización do ámbito do PIA. Deberase atender ao punto 4.2, Criterios e recomendacións xerais para a selección de materiais e tipos de acabados, no volume da Guía Instrución de uso.

d) Deberanse estudar as condicións lumínicas no proxecto de urbanización, co fin de non xerar grandes impactos lumínicos, tanto para a iluminación xeral do aparcadoiro ao aire libre coma os posibles rótulos que se poidan implantar.

Artigo 21. Acometidas coas infraestruturas

Todas as acometidas coas infraestruturas deberán acometerse en liña soterrada; non se poderán acometer en liña aérea dentro do ámbito do PIA.

Artigo 22. Tipificación das actuacións nas pequenas instalacións

Coa finalidade de determinar os contidos xerais das actuacións de pequenas instalacións e a aplicación das presentes normas, defínense os seguintes tipos de actuación:

– Actuacións de nova instalación: son as obras de construción ou implantación dunha instalación sobre o ámbito do PIA. Deberán implantarse exclusivamente sobre a ordenanza de EL-ZV, dando cumprimento en todo caso ás condicións indicadas nos artigos 17 e 19 da presente normativa e do presente capítulo II.

– Actuacións nas instalacións existentes: actuacións e obras de mantemento e conservación: son as actuacións consistentes no conxunto de traballos e obras que se deben efectuar periodicamente para previr a deterioración dunha instalación, ou as reparacións puntuais que se realicen nesta, co obxecto de o manter en bo estado para que, cunha fiabilidade axeitada, cumpra cos requisitos básicos do seu uso.

CAPÍTULO II

Normas e ordenanzas reguladoras do PIA

Sección 1ª. Ordenanzas reguladoras

Artigo 23. Ordenanza reguladora do solo destinado a infraestruturas de comunicacións -aparcadoiro-servizo do transporte (IC.A-ST)

1. Ámbito de aplicación:

Enténdese por infraestruturas de comunicación aquelas destinadas á conexión e á comunicación, tales como vías e aparcadoiros e infraestruturas relacionadas co transporte.

2. Usos:

Principal: aparcadoiro-servizo do transporte.

Complementarios ou compatibles:

– Dotación de infraestruturas de comunicación (vías neste caso), así como aqueles que poidan servir de apoio á devandita infraestrutura de comunicación.

– Poderá acoller, coas limitacións impostas pola lexislación sectorial correspondente, a implantación de infraestruturas de servizo como abastecemento de auga, saneamento, electricidade, gas, depósito e tratamento de residuos, etc., que preferiblemente se desenvolverán baixo rasante, agás casos excepcionais e amplamente xustificados.

Usos prohibidos: todos os demais.

1. Condicións da ordenanza reguladora IC.A-ST.

Esta ordenanza quedará regulada nas condicións do capítulo IV da presente normativa.

Artigo 24. Ordenanza reguladora do solo destinado a espazos libres e zonas verdes (EL-ZV)

1. Ámbito de aplicación.

Aquel uso que comprende os espazos libres como áreas peonís, e as zonas verdes como paseos peonís e parques.

2. Usos.

Principal: dotación de espazos libres e zonas verdes.

Complementarios ou compatibles:

– No interior dos espazos libres e das zonas verdes públicas poderanse permitir usos que resulten compatibles e complementarios coa súa finalidade ao servizo da colectividade, sen que poidan admitirse utilizacións que exclúan ou limiten o seu uso de «servizo ao transporte». Neste sentido, só se permitirán pequenas instalacións para uso recreativo, de hostalaría e quioscos. Permítese a instalación de xogos biosaudables, así como calquera outra peza de mobiliario urbano que harmonice coa natureza do solo rústico.

– Cando así se xustifique por motivos de necesidade, poderá acoller, coas limitacións impostas pola lexislación sectorial correspondente, a implantación de infraestruturas de servizo como abastecemento de auga, saneamento, electricidade, gas, depósito e tratamento de residuos, etc. que preferiblemente se desenvolverán baixo rasante, agás casos excepcionais e amplamente xustificados. No caso de implantación na superficie, deberán implantarse con medidas correctoras de carácter ambiental (ocultación, mimetización, etc.)

Usos prohibidos: todos os demais.

1. Condicións da ordenanza reguladora EL-ZV:

– As zonas verdes e espazos libres deberán estar convenientemente urbanizados coas súas correspondentes sendas peonís, camiños, escaleiras e acondicionamento vexetal, así como dotadas de iluminación, rede de sumidoiros e abastecemento de augas necesarios para o seu funcionamento e conservación e de mobiliario urbano adecuado.

– Nas zonas verdes e espazos libres empregaranse, salvo que non sexa viable, especies vexetais autóctonas e plantaranse árbores nun número axeitado ao espazo en que se localicen e aos usos libres previstos. Sempre que sexa posible, conservarase o arboredo de interese histórico, especies autóctonas e exemplares de gran porte. Buscarase un deseño de calidade para estas zonas que aplique as técnicas máis recentes da arquitectura paisaxística.

– As pequenas instalacións adecuaranse ao indicado nos artigos 17, 19 e 20 das presentes normas.

Sección 2ª. Normas de aplicación directa

Artigo 25. Adaptación ao ambiente e protección da paisaxe

1. As normas de aplicación directa contidas no presente título vincularán a totalidade da normativa do presente PIA.

2. O uso do solo e, en especial, a súa urbanización, deben adaptarse ás características naturais e culturais do seu contorno, así como respectar os seus valores.

Nos espazos libres e zonas verdes conservaranse as masas arbóreas existentes e os exemplares de especies vexetais autóctonas, sempre que non resulten incompatibles coas instalacións previstas.

3. Como condicións de protección destes espazos procurarase que calquera intervención neles cumpra as seguintes determinacións:

a) O axardinamento nos espazos libres, zonas verdes e zonas libres acometerase con especies adaptadas ás condicións ambientais existentes, preferiblemente especies autóctonas ou de grande arraigo na paisaxe, evitando as especies invasoras.

b) No caso de pavimentar –caso do paseo perimetral do recinto–, deberán empregarse pavimentos filtrantes que permitan unha axeitada drenaxe do solo.

c) A elección do mobiliario urbano (bancos, papeleiras, luminarias), será acorde coas características do contorno, debendo procurar a súa integración na paisaxe do solo rústico.

4. As pequenas instalacións deberán adaptarse ao indicado nos artigos 17, 19 e 20. Asemade, deberán adaptarse ao ambiente en que estean situadas e, para tal efecto, establécense, con carácter xeral, as seguintes normas de aplicación directa:

a) As instalacións en calquera lugar deberán harmonizar con el, e ser coherentes coas características naturais e culturais do seu contorno inmediato e da paisaxe circundante.

b) Nos lugares de paisaxe aberta ou natural, ou nas perspectivas que ofrezan os conxuntos e nas inmediacións das estradas ou camiños de traxecto pintoresco, non se permitirá que a situación, masa ou altura das instalacións, muros e cerramentos, ou a instalación doutros elementos, limiten o campo visual para contemplar as belezas naturais, rompan a harmonía da paisaxe, desfiguren a perspectiva propia dela ou limiten ou impidan a contemplación do conxunto.

c) A tipoloxía das instalacións e os materiais e as cores empregados deberán favorecer a integración no contorno inmediato e na paisaxe.

d) As instalacións deberán presentar todos os seus paramentos exteriores e cubertas totalmente terminados.

e) Queda prohibida a publicidade estática que polas súas dimensións, localización ou colorido non cumpra as anteriores prescricións.

f) Nas zonas de fluxo preferente e nas áreas ameazadas por graves riscos naturais ou tecnolóxicos como explosión, incendio, contaminación, afundimento ou outros análogos só se permitirán as instalacións e usos admitidos polas lexislacións sectoriais correspondentes.

Artigo 26. Protección das vías de circulación

1. Os cerramentos que se constrúan con obra de fábrica, vexetación ornamental ou outros elementos permanentes en zonas non consolidadas pola edificación terán que desprazarse un mínimo de 4 metros do eixe da vía pública a que dean fronte.

Unicamente se exclúe desta obriga a colocación de marcos e cerramentos diáfanos, destinados a delimitar a propiedade rústica (peches laterais que dan contra lindeiros e non contra vías de titularidade e/ou usos públicos).

2. En todo caso, deberá cumprirse o disposto pola lexislación sectorial de aplicación, e cumprir as maiores limitacións que impoña a normativa sectorial de aplicación en relación coa protección das vías de circulación.

Artigo 27. Condicións do peche da parcela

1. Normas xerais.

– Con carácter xeral, permítese a construción de elementos de peche dos predios que deberán harmonizar cos peches existentes na contorna. Teranse en conta os exemplos e criterios recollidos na Guía de caracterización e integración paisaxística de valados, en particular, para as actuacións en solo rústico e núcleos rurais.

En calquera caso, deberán adaptarse ao establecido na normativa sectorial vixente e, en todo caso, ao seguinte:

– A altura máxima dos peches con material opaco no contorno da parcela poderá ser de 0,50 metros; por riba desta altura o peche será diáfano, ata unha altura máxima de 1,50 m. No caso de parcelas en pendente, permitirase manter puntualmente a mesma altura en tramos horizontais non superiores a dous metros.

– Os peches realizaranse con materiais acordes co ambiente en que se insiren, e deberán manterse, en todo momento, en condicións óptimas de conservación e ornato, incluíndo o tratamento de revocadura, recebo ou pintura. En caso de construción de peches de fábrica, estes realizaranse con materiais, técnicas e acabados tradicionais ou, en caso de facelos mediante materiais e técnicas actuais, haberá que xustificar a súa correcta integración paisaxística. Non se permite o emprego de bloques de formigón ou materiais de fábrica non elaborados como elementos de acabado, agás que sexan debidamente revestidos e pintados.

Os peches de fábrica de carácter tradicional (muros de cachotaría ou valados) serán obxecto de conservación a non ser que queden afectados por algunha determinación contraria no planeamento, tendo en conta o establecido no artigo 46 da Lei 5/2016, do patrimonio cultural de Galicia (LPCG).

Para a vexetación empregada procurarase evitar o uso de especies invasoras; e recoméndase o uso de especies autóctonas.

– O deseño dos peches e parcelas incluirase sempre nos proxectos de obra, co fin de harmonizar formalmente coas construcións e os espazos libres da parcela, así como coas características escénicas do contorno.

– Se existe unha tipoloxía xeral tradicional de tipos de valados na contorna, deberá manterse en canto a materiais e disposición destes. Favoreceranse e implantaranse, sempre que sexa posible, os valados de elementos vexetais (autóctonos) ou naturais. Procurarase o bo mantemento e acondicionamento do valado. Priorizaranse os valados de cachotaría tradicional ou, no caso de ser necesario, valados opacos.

– En ningún caso se permitirá o remate de cerramentos con elementos que poidan causar lesións a persoas ou animais.

2. Normas particulares.

– Os peches que dean fronte a estradas que non teñan a condición de treitos urbanos, independentemente da súa titularidade, estarán condicionados ás determinacións que impoña o organismo titular e ás limitacións particulares que estableza a normativa sectorial.

– Os peches e os muros tradicionais existentes conforman as preexistencias e a paisaxe perceptiva dos espazos en que están situados; por tanto e con carácter xeral, prohíbese o derrubamento, de maneira inxustificada, de muros tradicionais dos rueiros ou corredoiras.

– Teranse en conta as recomendacións da Guía de caracterización e integración paisaxística de valados, da colección Paisaxe galega, tanto no que se refire á forma, textura, materiais ou calquera outro aspecto fundamental que caracterice un determinado cerramento.

CAPÍTULO III

Normas de protección de infraestruturas, sistemas de espazo libre/Zona verde (naturais/paisaxe/ambiente), patrimonio cultural e residuos

Artigo 28. Protección do solo destinado a Infraestruturas de comunicación

– Nas zonas pertencentes ao sistema viario non poderán autorizarse obras ou instalacións que non estean directamente vinculadas ou que non presten servizo á rede viaria, como poden ser as instalacións de sinalización, organización do tráfico, iluminación, etc. Baixo rasante de todas as partes anteriormente descritas, autorizaranse as obras de instalacións e redes de servizos urbanos.

– Na zona de tránsito peonil e nas bandas axardinadas poderán, ademais, incluírse os elementos de mobiliario urbano ao servizo do peón, así como a plantación de arboredo e vexetación arbustiva.

– As construcións, instalacións e, en xeral, o uso do solo afectado polos elementos que comprenden as infraestruturas de comunicación, deberán axustarse ás determinacións das diferentes normativas sectoriais que lles sexan de aplicación.

Artigo 29. Protección do solo destinado a Espazo libre-Zona verde (sistemas naturais/paisaxe)

– No interior dos espazos libres e das zonas verdes poderán permitirse usos que resulten compatibles e complementarios coa súa finalidade ao servizo da colectividade, sen que poidan admitirse utilizacións que exclúan ou limiten o seu uso de «servizo ao transporte». Neste senso, só se permitirán pequenas instalacións para uso recreativo, de hostalaría e quioscos.

– Cando así se xustifique, por motivos de necesidade, admitirase a instalación de infraestruturas de servizo, preferiblemente baixo rasante ou, no caso de implantación na superficie, con medidas correctoras de carácter ambiental (ocultación, mimetización, etc.).

– As zonas verdes e espazos libres deberán estar convenientemente urbanizados coas súas correspondentes sendas peonís, camiños, escaleiras e acondicionamento vexetal, así como dotadas de iluminación, rede de sumidoiros e abastecemento de augas necesarios para o seu funcionamento e conservación e de mobiliario urbano adecuado consonte o tipo de espazo libre.

– Nas zonas verdes e espazos libres empregaranse, salvo que non sexa viable, especies vexetais autóctonas e plantaranse árbores nun número axeitado ao espazo en que se localicen e aos usos previstos. Sempre que sexa posible, conservarase o arboredo de interese, especies autóctonas e exemplares de gran porte. Buscarase un deseño de calidade para estas zonas, que aplique as técnicas máis recentes da arquitectura paisaxística.

– As pequenas instalacións que se proxecten deberán adaptarse ás condicións establecidas nos artigos 17, 19 e 20 das presentes normas.

– No seu acondicionamento primará a recuperación das zonas degradadas, procurarase evitar o movemento de terras e os solos pavimentados. Evitarase ocultar elementos -importantes, como sinais ou bens patrimoniais, ou entorpecer os accesos.

– Manterase a vexetación existente de maior porte e mellor conservada e procurarase a eliminación das especies exóticas con carácter invasor. As novas especies que se vaian incorporar serán preferentemente autóctonas, ou variedades de xardinaría adaptadas á zona, e evitaranse aquelas que poidan afectar o benestar da poboación.

– O deseño das zonas verdes deberá dar prioridade á satisfacción das necesidades do uso previsto no ámbito do presente PIA (aparcadoiro de vehículos pesados), dotando estas áreas dos elementos naturais axeitados, ornamentais e de mobiliario urbano axeitados, e separando as zonas de estancia e as áreas das sendas e dos carrís.

– As áreas de espazo libre por estaren na clasificación de solo rústico respectarán o medio natural.

– A urbanización dos espazos libres deberá ter en conta as disposicións normativas en materia de ruído, accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas.

– Nos espazos libres conservaranse as masas arbóreas existentes e os exemplares de especies vexetais autóctonas, sempre que non resulten incompatibles coas instalacións previstas.

Como condicións de protección destes espazos procurarase que calquera intervención neles cumpra as seguintes determinacións:

a) O axardinamento nos espazos libres e zonas verdes acometerase con especies adaptadas ás condicións ambientais existentes, debendo ser preferiblemente especies autóctonas ou de grande arraigo na paisaxe, evitando as especies invasoras.

b) No caso de pavimentar, recoméndase a utilización de pavimentos filtrantes que permitan unha axeitada drenaxe do solo.

c) A elección do mobiliario urbano (bancos, papeleiras, luminarias), será acorde coa natureza do solo rústico; deberase procurar a súa integración na paisaxe urbana.

– Tomaranse como referencia as guías da colección Paisaxe galega, en particular a Guía de caracterización e integración paisaxística de valados e a Guía de cores e materiais.

Artigo 30. Protección do solo que conteña afección en materia de patrimonio cultural

– Nos ámbitos de protección de patrimonio cultural existentes no presente PIA (contorna de protección dun ben arqueolóxico), as infraestruturas de servizos deberán adoptar formas que sexan congruentes no ámbito do ben patrimonial e non supoñan unha agresión ambiental, visual ou paisaxística que poida desvirtuar o elemento protexido.

– Adoptaranse as medidas necesarias para a integración ambiental das pequenas instalacións asociadas. Tanto as pequenas instalacións coma o seu mobiliario de sinalización e iluminación deseñaranse de xeito que se integren da mellor maneira posible na contorna onde se sitúan, tanto en canto a localización, volume e estética como a tratamento cromático. Coidarase a implantación destas pezas de forma que non provoquen un impacto negativo importante pola súa visibilidade e asegurarase a súa axeitada integración paisaxística.

– Os sistemas de luminarias empregados nas infraestruturas planificaranse de xeito que reduzan a contaminación lumínica e tendo en conta criterios de integración paisaxística, como cor, intensidade, distribución ou ritmo.

– Os actos e/ou actividades que supoñan remoción de terras e que poidan afectar o substrato arqueolóxico deberán respectar a tramitación de acordo coa lexislación urbanística e sectorial vixente.

– Todo tipo de obras e actuacións en xeral que comporten movemento de terras ou demolición ou proxectos que se pretendan levar a cabo nas zonas de cautela establecidas nas presentes ordenanzas deberán contar co informe da consellería competente en materia de patrimonio cultural. Esta, en función da intensidade das remocións, dos usos autorizados e das cautelas das áreas de protección solicitará, de ser o caso, un proxecto arqueolóxico adaptado ás obras.

– O ámbito do presente PIA atópase incluído na afección en material de patrimonio cultural, co grao II-2 Contorno de protección, definido na normativa do RevPXOM93 –artigo 112 desta–, actualmente pendente da aprobación definitiva.

Área II-2: os usos nesta zona son os específicos para cada caso concreto e depende do establecido na ordenanza urbanística para o tipo de solo en que se atope a contorna, e dos factores arqueolóxicos e patrimoniais do xacemento. Mentres non se prexudique a contorna do xacemento ou cando este se atope moi deteriorado, admitirase a edificación de nova planta segundo o establecido na ordenanza urbanística para o tipo de solo en que se atope. Toda solicitude de licenza neste ámbito seguirá a tramitación establecida neste artigo.

Ambiente e paisaxe

Artigo 31. Protección dos recursos hídricos

A protección das augas, así como a regulación das verteduras de actividades que poidan contaminar o dominio público hidráulico, realizarase conforme o disposto:

– No Real decreto lei 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba a Lei de augas e no Real decreto lei 4/2007, do 13 de abril, polo que se modifica o texto refundido da Lei de augas.

– No Real decreto 125/2007, do 2 de febreiro, polo que se fixa o ámbito territorial das demarcacións hidrográficas.

– No Real decreto 907/2007, do 6 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da planificación hidrolóxica.

– No Real decreto 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico.

– No Decreto 141/2012, do 21 de xuño, polo que se aproba o Regulamento marco do Servizo Público de Saneamento e Depuración de Augas Residuais de Galicia. Anexo II.

Garantiranse os requirimentos de calidade da auga de consumo humano conforme o disposto na lexislación sobre os criterios sanitarios da calidade da auga de consumo humano.

No caso de verteduras asimilables a augas residuais urbanas, que se realicen na rede de saneamento xeral, estes deberán realizarse segundo a normativa municipal de verteduras.

Artigo 32. Protección do ambiente atmosférico

a) Emisións atmosféricas.

As emisións máximas permitidas á atmosfera regularanse polas disposicións vixentes na materia.

Prohíbese a queima de calquera tipo de residuos ou materiais que non conten coa autorización correspondente.

Durante o movemento de terras, transporte de materiais e, en xeral, en todas as accións que poidan provocar a emisión de partículas á atmosfera, tomaranse as precaucións necesarias para reducir a contaminación ao mínimo posible, evitando a dispersión. Deste xeito, dispoñeranse medidas preventivas como realizar os labores en condicións atmosféricas favorables, recubrir os materiais que se vaian transportar, regar as zonas e materiais afectados polas obras, etc.

b) Contaminación lumínica.

Preservaranse o máximo posible as condicións naturais das horas nocturnas en beneficio da fauna, a flora e os ecosistemas en xeral, e reducirase a intrusión lumínica en zonas distintas daquelas que se pretende iluminar.

Teranse en conta a frecuencia, distancia e tipoloxía das luminarias para evitar a sobreiluminación. Axustaranse os horarios de aceso e apagado, recomendándose a instalación de redutores de fluxo.

A iluminación pública do aparcadoiro responderá ás necesidades deste, pero sen xerar un punto de atracción lumínica para os posibles espectadores exteriores. Prestarase atención á intensidade, cor e dirección da iluminación, así como á utilización de tipos de luminarias acordes coa contorna.

Artigo 33. Protección contra a contaminación acústica e vibratoria

Observarase o disposto no Decreto 106/2015, do 9 de xullo, sobre contaminación acústica de Galicia, na Lei 37/2003, do 17 de novembro, do ruído, e no Real decreto 1367/2007, do 19 de outubro, que a desenvolve.

Durante a fase de urbanización evitarase a realización de obras ou movementos de maquinaria fóra do período diúrno (das 7.00 ás 19.00 horas).

Con carácter xeral, priorizaranse as medidas de redución da fonte emisora, nas máquinas, nas infraestruturas, nos motores, nos pavimentos, nas actividades industriais, etc., empregando, na medida do posible, as mellores tecnoloxías dispoñibles e as boas prácticas ambientais que minimicen a emisión e limiten a transmisión do ruído e as vibracións.

Para a execución de obras e instalacións no contorno das estradas autonómicas, establécese como requisito previo ao outorgamento da licenza municipal a realización dos estudos necesarios para a determinación dos niveis sonoros esperables, así como para o establecemento das limitacións á edificabilidade ou da obrigatoriedade de dispor dos medios de protección acústica necesarios, en caso de se superaren os límites recomendados, segundo o establecido na normativa básica estatal en materia de ruído ou na correspondente normativa autonómica de desenvolvemento.

Fóra das áreas urbanizadas existentes antes da data de entrada en vigor do Real decreto 1367/2007, do 19 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 37/2003, do 17 de novembro, do ruído, no referente á zonificación acústica, obxectivos de calidade e emisións acústicas, nos sectores do territorio gravados polas servidumes acústicas das estradas autonómicas aprobadas e reflectidas nos planos de información do documento, conforme a normativa en materia de ruído, as inmisións producidas polas estradas autonómicas poderán superar os obxectivos de calidade acústica aplicables ás correspondentes áreas acústicas. Os niveis de ruído esperables vinculados ás estradas autonómicas serán os reflectidos nos mapas estratéxicos de ruído das estradas autonómicas, que se inclúen como parte dos planos de información do documento.

Artigo 34. Xestión dos residuos

Para a xestión dos residuos do aparcadoiro serán de aplicación as disposicións contidas:

– Na Lei 22/2011, do 28 de xullo, de residuos e solos contaminados.

– Na Lei 6/2021, do 17 de febreiro, de residuos e solos contaminados de Galicia.

– Na Lei 7/2022, do 8 de abril, de residuos e solos contaminados para unha economía circular.

– Na Directiva 2008/98/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 19 de novembro de 2008, sobre os residuos e pola que se derrogan determinadas directivas.

No proxecto de urbanización habilitaranse lugares idóneos para a instalación das illas de recollida selectiva de residuos durante a execución das obras de urbanización. Prohíbese a provisión de residuos en condicións en que non se poida garantir a prevención da contaminación do sistema de saneamento, o sistema de drenaxe superficial, o solo ou o subsolo; e obrigatorio o acondicionamento das zonas de provisión de forma previa, de xeito que, ademais de previr a contaminación, se impida o acceso visual a estas provisións desde as vías ou as zonas habitadas.

Todos os procedementos levados a cabo na xestión de refugallos deberán estar recollidos no Plan de xestión ambiental do aparcadoiro e normativa, pois o obxectivo deste é servir como unha guía detallada sobre a xestión de residuos para todos os posibles casos en que se xere calquera tipo de refugallo no aparcadoiro de vehículos pesados.

No referente aos residuos de construción e demolición (RCD), a súa xestión farase de conformidade co disposto no Decreto 174/2005, do 9 de xuño, polo que se regula o réxime xurídico da produción e xestión de residuos e o Rexistro Xeral de Produtores e Xestores de Residuos de Galicia, e o Real decreto 105/2008, do 1 de febreiro, polo que se regula a produción e xestión dos residuos de construción e demolición.

Artigo 35. Protección do solo

Durante o movemento de terras realizarase un tratamento selectivo das terras en que, logo dos procesos de roza da cuberta vexetal, cuxos materiais serán convenientemente triturados e esparexidos para incorporalos de forma homoxénea ao solo, se amorearán as capas fértiles do solo e se conservarán en condicións idóneas (cordóns de 1,5 a 2 m de altura, ben drenados). A terra vexetal será reutilizada nos labores de axardinamento (conformando a primeira capa sobre a que se realizarán as plantacións), así como nos labores de restauración das áreas ocupadas temporalmente e das deterioradas polas obras.

Evitarase a degradación dos solos por materiais, residuos ou substancias potencialmente contaminantes procedentes das obras ou da maquinaria, acondicionando espazos para o seu almacenamento e xestión, conformes coa lexislación.

Deberá prestarse especial atención á definición das áreas de circulación e estacionamento e almacenamento de materiais co obxectivo de reducir as superficies de alteración, evitar a invasión de terreos adxacentes e protexer os cursos fluviais e as súas proximidades.

Empregaranse solos permeables nas praias de aparcadoiro que favorezan a drenaxe das augas pluviais e o desenvolvemento de liques e vexetación herbácea.

Definiranse as medidas precisas para consolidar, canto antes, os noiros, desmontes e terrapléns, seleccionando aquelas que contribúan a unha mellor integración paisaxística (revexetación, estendido de mantas de fibra natural, etc.).

Nas zonas verdes restauraranse e revexetaranse con prontitude as superficies espidas para evitar perdas de solo, usando as especies autóctonas do lugar e de acordo coas súas características edafolóxicas e climáticas.

Artigo 36. Protección do medio natural

Para os efectos de protexer a flora e a fauna silvestres, teranse en conta as medidas previstas na lexislación aplicable e, en especial, as establecidas nas seguintes disposicións:

– Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia.

– Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, modificada pola Lei 7/2018, do 20 de xullo.

– Real decreto 139/2011, do 4 de febreiro (Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial e do Catálogo español de especies ameazadas).

– Decreto 88/2007, do 19 de abril, polo que se regula o Catálogo galego de especies ameazadas, modificado polo Decreto 167/2011, do 4 de agosto, polo que se modifica e actualiza o devandito catálogo.

No tratamento das zonas verdes e espazos libres conservarase, sempre que sexa posible, a maior parte das masas arbóreas de interese existente.

Antes do inicio dos traballos levarase a cabo unha prospección minuciosa para constatar a presenza ou ausencia de especies do Catálogo galego de especies ameazadas (Real decreto 88/2007). En caso de detección comunicarase ao Servizo de Patrimonio Natural da Coruña, xunto coas medidas que se propoñan. No caso de se detectar a presenza das devanditas especies, garantirase a súa conservación e cumpriranse as obrigas establecidas respecto diso no artigo 95 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia.

As novas plantacións realizaranse con especies herbáceas, arbóreas e arbustivas propias da rexión bioxeográfica e procedentes de ecotipos locais, co fin de garantir a súa viabilidade e reducir posteriores labores de mantemento.

As sementes empregadas deberán ser verificadas para garantir que non se introducen sementes foráneas e invasoras e que non se incorporan elementos que poidan afectar tanto a flora como a fauna da contorna.

A poda da vexetación non poderá realizarse na primavera, ao ser o período reprodutor das especies e afectar a nidificación das especies silvestres.

O presente punto complétase co seguinte referente ás especies invasores que, pola súa relevancia, se presentan en artigos específicos.

Artigo 37. Medidas preventivas para evitar a propagación de especies exóticas invasoras

Durante as fases de obras de movemento de terras é especialmente importante tomar medidas preventivas para evitar a propagación de especies exóticas invasoras.

É fundamental contar coa participación e colaboración de profesionais da conservación da biodiversidade e seguir as regulacións e normativas locais relacionadas coa xestión de especies invasoras.

Estas medidas preventivas axudarán a minimizar o risco de propagación de especies exóticas invasoras durante as fases de obras de movemento de terras. As medidas recomendadas son:

– Inspección previa ao comezo das obras: antes de comezar calquera traballo de movemento de terras, realizar unha inspección exhaustiva da área para identificar a presenza de especies exóticas invasoras. Se se detectan, establecer as medidas de control e eliminación previa ás obras.

– Limpeza e descontaminación de maquinaria e equipos: asegurar que todas as máquinas e equipamentos utilizados nas obras estean limpos e libres de sementes, fragmentos vexetais ou solo contaminado. Limpar adecuadamente os vehículos, as ferramentas e calquera outro equipo que poida transportar material biolóxico.

– Control da vexetación existente: se hai vexetación na área das obras, realizar unha eliminación controlada antes de comezar o movemento de terras. Isto axudará a evitar a dispersión de sementes ou fragmentos vexetais que poidan conter especies exóticas invasoras.

– Restrición do acceso e do fluxo de materiais: limitar o acceso de vehículos e persoas a áreas sensibles, especialmente aquelas con vexetación nativa vulnerable. Establecer barreiras físicas ou sinalización para evitar a entrada de vehículos non autorizados e a dispersión de sementes ou esporas a través do tráfico de persoas.

– Implementación de protocolos de bioseguridade: establecer protocolos de bioseguridade para o persoal de obra, incluíndo medidas para evitar a dispersión de especies exóticas invasoras. Isto pode incluír o uso de calzado e roupa adecuada, a limpeza regular dos equipamentos e a capacitación do persoal sobre a importancia de previr a propagación de especies invasoras.

– Control e xestión adecuada dos residuos: asegurar que os residuos xerados durante as obras, como entullos, terra ou material vexetal, sexan manexados de maneira adecuada e non se dispersen en áreas sensibles. Establecer protocolos de xestión de residuos que inclúan a separación e disposición apropiada dos materiais contaminados.

– Restauración e rehabilitación posterior ás obras: unha vez finalizadas as obras de movemento de terras, realizar accións de restauración e rehabilitación da área afectada. Isto pode incluír a revexetación con especies nativas e o seguimento posterior para detectar a presenza de especies exóticas invasoras e tomar medidas de control se é necesario.

Artigo 38. Paisaxe

Inclúese, formando parte do PIA, un estudo da paisaxe.

As condicións naturais do medio físico e, en especial, as masas arborizadas e cursos de auga existentes nas inmediacións do ámbito, integraranse no tratamento das zonas verdes e espazos libres, coa finalidade de garantir un bo nivel ambiental e paisaxístico.

Ademais do anterior:

a) Someteranse os noiros e desmontes a un adecuado tratamento paisaxístico para garantir a súa conservación e mantemento.

b) Os muros de contención que conteñen os socalcos executaranse cunha linguaxe tradicional. Materializaranse mediante a construción de muros de perpiaño de granito de largura e altura irregulares adaptando o volume de contención das terras colocados intercalando tizóns para a suxeición do muro.

c) Realizarase a elección do mobiliario urbano tendo sempre en conta a súa integración na paisaxe.

d) Na faixa perimetral plantaranse especies arbóreas para mitigar o impacto visual e a visibilidade do parque desde a contorna. Empregaranse especies arbóreas e arbustivas autóctonas de diferente porte, evitando as plantacións lineais e distribuíndo aquelas especies de maior porte naquelas zonas que teñan un maior impacto visual, co fin de mitigar a súa visibilidade.

e) Complementando o anterior, utilizaranse pantallas vexetais para ocultar ou fragmentar elementos impactantes ou de gran tamaño co fin de reducir a súa visibilidade, así como para a ocultación de zonas de provisión ou depósito permanente de materiais que poidan producir un impacto visual na contorna.

f) O peche da parcela será aberto, mediante redes metálicas ou reixas, e poderá integrarse vexetación no seu deseño (véxanse as condicións dos peches no artigo 35).

g) Empregaranse barreiras vexetais mediante a plantación de especies arbóreas e arbustivas autóctonas de diferente porte, evitándose as plantacións lineais e distribuíndo aquelas especies de maior porte naquelas zonas que teñan un maior impacto visual, co fin de mitigar a súa visibilidade.

Outras medidas incorporadas na presente normativa para a preservación da paisaxe (materiais de edificación e urbanización, volumetría das edificacións, iluminación pública, ...) son abordadas noutros artigos das presentes ordenanzas.

Artigo 39. Prevención e defensa contra incendios

Dentro do ámbito do PIA existe unha área de terreo clasificada como solo rústico de protección forestal (SRPF), polo que os labores de repoboación previstos dentro do ámbito atenderán ao disposto na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, concretamente o disposto nos artigos 68, 68.bis e anexo II.

Outro tema que cómpre ter en conta en canto á prevención e defensa contra incendios forestais en Galicia é a aplicación do recollido na Lei 3/2007, do 9 de abril, modificada pola Lei 7/2012, do 28 de xuño, en especial o recollido nos artigos 20, 21 e 21.ter.

Tamén haberá que ter en conta o disposto anualmente no Plan de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia (Pladiga).

CAPÍTULO IV

Normas de urbanización

Sección 1ª. Instrumentos de execución

Artigo 40. Condicións xerais do proxecto técnico

1. O proxecto técnico definirá de modo completo as obras ou instalacións que se vaian executar, co contido e detalle que require o seu obxecto, de forma que o proxectado poida ser directamente executado mediante a correcta interpretación de aplicación das súas especificacións por técnico/s distinto/s ao/aos autor/a/es/as do proxecto.

2. O proxecto estruturarase documentalmente de acordo co contido dos proxectos de urbanización que se detallan no artigo 225 do RLSG, cos complementos que se exixan para cada clase de actuación nas presentes normas, nas ordenanzas e instrucións técnicas de aplicación e nos regulamentos do Estado e da Comunidade Autónoma de Galicia que estean vixentes no momento da súa redacción. De ser o caso, incluirá un estudo de impacto e integración ambiental e/ou paisaxística no marco do proceso de avaliación ambiental.

3. O proxecto de urbanización non poderá modificar as previsións do planeamento que desenvolve, sen prexuízo de que poida efectuar as adaptacións exixidas pola execución material das obras, respectando, en todo caso, as condicións de accesibilidade.

4. O proxecto de urbanización deberá resolver a ligazón dos servizos urbanísticos cos sistemas xerais e acreditar que teñen capacidade suficiente para atendelos. Para tal fin, deberán prever as infraestruturas de conexión coas redes xerais de servizos e as de ampliación e reforzo das existentes fóra da actuación que resulten precisas.

5. O proxecto de urbanización conterá as determinacións necesarias para dar cumprimento ás normativas técnicas sectoriais e de accesibilidade universal, e deberá adecuarse a criterios de calidade, sustentabilidade económica e ambiental e eficiencia enerxética.

6. O proxecto de urbanización, en desenvolvemento dun proxecto de interese autonómico, será autorizado pola consellería tramitadora do procedemento de aprobación deste, logo da audiencia do concello ou concellos afectados (artigos 12 e 13 das presentes normas).

Sección 2ª. Condicións da urbanización

A. Condicións da rede viaria.

Artigo 41. Rede viaria

Zonas de circulación.

1. Considérase que a rede viaria dentro do ámbito do presente PIA a constitúen os espazos libres destinados á circulación e estancia de vehículos, puntualmente para a circulación de persoas, de uso exclusivo como áreas de dominio de cada modo de transporte, ou combinada, ben de coexistencia de ambos os modos de tránsito, ou con separación de tránsitos.

2. A vía de acceso e manobra do aparcadoiro contará con dous carrís de circulación, dun largo de 4,00 metros e unha beiravía de 0,50 metros, acadando una sección total da rede viaria interior de dez (10) metros. A pendente máxima será dun oito (8) por cento. As previsións anteriores poderán ser reducidas sempre que tal modificación se deba a razóns topográficas ou funcionais debidamente xustificadas.

3. A pavimentación realizarase de forma uniforme, continua en toda a súa lonxitude e sen resaltes, con deseño tal que permita o acceso de vehículos pesados e queden garantidas a resistencia e as demais características para o tránsito deste tráfico.

4. En todo caso, a solución construtiva adoptada deberá garantir un desaugamento axeitado ben superficialmente, por unha canle central ou laterais, ou ben pola disposición adecuada de sumidoiros e canalización subterránea á rede de saneamento.

5. Deberá empregarse a sinalización sobre as vías de acordo coa Orde do 16 de xullo de 1987 pola que se aproba a norma 8.2-IC, Marcas viarias da Instrución de estradas. Asemade, a norma 8.1-IC: Orde FOM/534/2014, do 20 de marzo, pola que se aproba a norma 8.1-IC, Sinalización vertical, da Instrución de estradas.

Zonas de aparcadoiro.

1. Considérase que a zona de aparcadoiro dentro do ámbito do presente PIA a constitúen os espazos libres destinados ao aparcadoiro propiamente dito.

2. Disposicións xerais comúns do uso Aparcadoiro privado para vehículos pesados.

Deberá aterse ao disposto no artigo 18 da presente normativa.

1. A pavimentación realizarase de forma uniforme, continua en toda a súa lonxitude e sen resaltes, cun deseño tal que permita o acceso de vehículos pesados e queden garantidas a resistencia e as demais características para o tránsito deste tráfico. Aconséllase o emprego de materiais que, aínda cumprindo coas exixencias técnicas de circulación/manobra dos vehículos pesados, permitan o filtrado de augas de escorrega á rede de saneamento.

2. En todo caso, a solución construtiva adoptada deberá garantir un desaugamento adecuado ben superficialmente, por unha canle central ou laterais, ou ben pola disposición adecuada de sumidoiros e canalización subterránea á rede de saneamento.

B. Condicións dos espazos libres e zonas verdes.

Artigo 42. Espazos libres e zonas verdes

Están constituídos polos espazos libres dedicados á estancia de persoas, creación da imaxe paisaxística do ámbito do PIA, na transición da topografía interior do aparcadoiro e as parcelas lindeiras, mediante a incorporación de formacións vexetais en uniformidade ou contraste cromático, e a rexeneración de espazos para proporcionar calidade ambiental no uso do aparcadoiro de vehículos pesados.

Zona verde.

Deseñarase cos seguintes fins e criterios:

– Configurar unha combinación de áreas arborizadas, paseos peonís, praderías e zonas de descanso e lecer.

– Eliminaranse as especies invasoras existentes e que produzan contaminación no solo.

– Conservar, na medida do posible e cando se trate de especies de valor, o arboredo e vexetación existente en condicións adecuadas, completando a plantación con criterios e especies, ben semellantes ás existentes, autóctonas ou naturalizadas para a súa adaptación ao ambiente, evitando especies con enfermidades endémicas ou que sexan inadecuadas por razóns de contaminación alérxica ou velenosa.

– Nas plantacións arbóreas ou arbustivas procurarase que as especies elixidas contribúan a mellorar as condicións do uso que correspondan, favorecendo a sombra en verán ou o sol nas zonas de estancia ou paseo en inverno.

– Deberanse incluír solucións para lograr unha diminución e racionalización do consumo de auga para a rega.

– As zonas verdes e espazos libres coincidentes coa área de protección do xacemento arqueolóxico, así como na súa contorna inmediata, recibirán un tratamento axeitado de cara a protexer, conservar e acrecentar os valores propios do patrimonio arqueolóxico.

Zona de paseo peonil.

Deseñarase cos seguintes fins e criterios:

– Deberase reservar un espazo para a circulación peonil e dispor dos sistemas de drenaxe e escorrega axeitados segundo as normas específicas tipo con que poida contar o Concello de Vigo.

– As vías de uso exclusivo peonil terán un largo igual ou maior de douscentos (200) centímetros. O seu deseño deberá priorizar o cumprimento da normativa de accesibilidade procurando, de ser o caso, a existencia de percorridos accesibles.

– Empregaranse materiais drenantes e o mais naturalizados posible, de acordo co tránsito peonil que poderá ter este espazo, coa compactación axeitada para resultar accesible.

C. Condicións xerais para as redes e pavimentacións.

Artigo 43. Redes e pavimentacións

Os proxectos que desenvolvan obras de novas conexión sobre o viario público deberán incorporar un aviso expreso a cada unha das compañías subministradoras de servizos urbanos, e aos departamentos municipais, ou doutras administracións afectadas, co obxecto de fixar a reposición de servizos afectados, así como para invitar os distintos operadores a participar nas ditas obras.

En calquera caso observarase o establecido na ordenanza xeral reguladora das obras e as conseguintes ocupacións necesarias para a implantación de servicios na vía ou ordenanza que a substitúa.

Cando para a execución das infraestruturas non se precise a expropiación do dominio, poderase establecer sobre os terreos afectados a servidume necesaria das previstas no dereito privado ou administrativo, nas condicións previstas pola lei. Para estes efectos, a aprobación definitiva do presente PIA leva implícita a declaración de utilidade pública das obras e a necesidade de ocupación dos terreos e instalacións correspondentes.

C.1. Iluminación.

As instalacións de iluminación adecuaranse ás exixencias establecidas na ordenanza municipal de iluminación pública, ao especificado no Regulamento electrotécnico de baixa tensión e ás normas técnicas de aplicación, en particular as referidas á eficiencia enerxética en instalacións de iluminación exterior e as súas instrucións EA-01 e EA-07.

No que non contradigan as regulacións do punto anterior, os criterios xerais serán:

– En sendas peonís e iluminacións ambientais admítense luminarias con baixo control de cegamento, cando a potencia instalada sexa reducida.

– A rede de alimentación das luminarias será subterránea e discorrerá polas vías.

– A rede de iluminación adecuarase ás exixencias de iluminación establecidas na ordenanza municipal de iluminación pública.

Os criterios que se considerarán con carácter xeral son: uniformidade, durabilidade, custo de instalación e baixo custo de mantemento.

O centro de mando e manobra, que deberá estar dotado dun accionamento automático, cando sexa posible integrarase no peche de parcela ou no mesmo centro de transformación. Cando isto non ocorra, o centro de mando terá o carácter de mobiliario urbano e coidarase da súa integración na trama xeral do espazo público, a súa localización, acabados, etc.

C.2. Redes de telecomunicación e telefonía.

En xeral, observarase o disposto na Lei 11/2022, xeral de telecomunicacións, ou lexislación que a substitúa.

As conducións de acometida desde a rede xeral realizaranse subterráneas. No caso de que varias compañías operadoras estean interesadas na oportunidade da urbanización dunha área, as conducións deberán estar integradas nun único prisma, intercalando, se é o caso, rexistros diferenciados, se non fose posible compartir os ditos rexistros. En todo caso, procurarase que polo menos dous tubos dentro de cada prisma queden sempre libres co obxecto de posibilitar o acceso doutras compañías operadoras.

Para a implantación de redes de telecomunicacións atenderase ás normas técnicas correspondentes, en especial á UNE 133100 partes 1 a 7.

Antenas de telecomunicación/radio:

Disporanse segundo a normativa en vigor, e a ordenanza municipal reguladora das condicións urbanísticas de localización, instalación e funcionamento dos elementos e equipamentos de telecomunicación no termo municipal de Vigo, sen prexuízo da prevalencia da Lei 9/2014, de telecomunicacións, ou ordenanza que a complemente ou substitúa.

Será necesaria a tramitación para a instalación ante AESA (Axencia Estatal de Seguridade Aérea) de acordo co Real decreto 369/2023, do 16 de maio, polo que se regulan as servidumes aeronáuticas de protección e navegación aérea.

C.3. Distribución de enerxía.

Nos procesos de urbanización ou calquera outra actuación que afecte instalacións do sistema eléctrico, observarase o establecido na lexislación sectorial en vigor, en particular:

– Real decreto 1047/2013, do 27 de decembro, polo que se establece a metodoloxía para o cálculo da retribución da actividade do transporte de enerxía eléctrica.

– Real decreto 1048/2013, do 27 de decembro, polo que se establece a metodoloxía para o cálculo da retribución da actividade do transporte de enerxía eléctrica.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, ou normativa que os substitúa.

Para o cálculo da rede seguiranse as determinacións do REBT e as instrucións técnicas que o desenvolvan para o uso previsto e as instalacións previstas:

– Iluminación das vías e dos espazos libres, toma do punto de carga para vehículos eléctricos, previsión da preinstalación da recarga eléctrica para vehículos pesados e para a dotación das pequenas instalacións previstas.

No interior da parcela será necesario dispor, como mínimo, de espazo para dúas prazas de aparcadoiro para vehículos lixeiros, unha delas provista dun punto de carga para vehículos eléctricos, en atención ao disposto no Real decreto lei 29/2021, do 21 de decembro, polo que se adoptan medidas urxentes no ámbito enerxético para o fomento da mobilidade eléctrica, o autoconsumo e o despregamento de enerxías renovables.

C.4. Abastecemento.

O proxecto técnicos que implique o desenvolvemento de ampliación da rede necesariamente incluirá un cálculo específico adaptado á realidade do sector que desenvolve, indicando tantos posibles consumos específicos (rega do espazo libre/zona verde, dotación das pequenas instalacións previstas, etc.), como aqueles derivados da dotación para incendios.

A rede xeral deberá ser mallada excepto nos seus ramais de menor xerarquía, con válvulas de corte nos cruzamentos, de forma que permita obter tramos independentes. Estas válvulas serán de fundición dúctil, estarán dotadas dun volante e irán aloxadas nunha arqueta.

Canalizacións: o diámetro mínimo dos tubos da rede xeral será de 100 mm, empregándose tubos de fundición dúctil ou polietileno de alta densidade. Poderanse deseñar ramais secundarios e acometidas con diámetros menores.

A presión normalizada de proba en fábrica de todos os elementos da rede non será inferior a 16 atmosferas.

A presión mínima de servizo recomendable na rede será de 2,5 atm, podendo xustificarse presións puntuais mínimas de ata 1 atm.

A profundidade mínima das canalizacións será de 1 m. En beirarrúas ou lugares sen tráfico rodado, a profundidade mínima poderá ser de 60 cm, a un nivel sempre superior da rede de saneamento, e cunha distancia mínima desta de 30 cm.

As tapas de rexistro levarán gravada a denominación da rede e serán de fundición dúctil tipo D400, segundo a UNE EN 124, con sistema de apertura antirroubo e abisagradas. Serán recibidas na estrada mediante un marco de formigón HM-25 de 25 cm de espesor.

Colocaranse bocas de rega conectadas á rede de distribución ou nunha rede independente.

A rede interior conectarase á rede existente. Tanto o deseño da rede interior, que se definirá en detalle no proxecto de urbanización, como a conexión exterior, contarán coa aprobación do Concello de Vigo e da empresa concesionaria do servizo.

En calquera caso, deberanse cumprir as instrucións técnicas para obras hidráulicas de Galicia (ITOHG).

C.5. Rede de protección contra incendios.

A protección contra incendios resolverase mediante hidrantes. Colocarase de forma perimetral unha rede de hidrantes homologados para a extinción de incendios, segundo un modelo normalizado do concello ou, na súa falta, de tomas de auga, consonte o que se estableza regulamentariamente na normativa específica. Proxectarase unha rede separada respecto da rede de abastecemento.

C.6. Rede de evacuación e saneamento.

Toda a rede de saneamento de nova construción deberá ser separativa, agás que de maneira expresa se indique o contrario para algún ámbito. En todo caso, para os novos desenvolvementos implantarase a rede separativa, de conformidade co requirido polo Plan hidrolóxico Galicia-Costa, ou normativa que o substitúa.

A rede de pluviais deseñarase seguindo os criterios básicos de sustentabilidade e da normativa dos órganos competentes. As augas de escorrega deberán reincorporarse ao medio en canto sexa posible, alimentando a rede hídrica existente. Para iso deberanse prever os dispositivos que permitan evitar a contaminación existente nas denominadas augas de lavado (tanques con leitos filtrantes, desengraxantes, desareadores, etc.).

No caso de verteduras asimilables a augas residuais urbanas que se realicen na rede de saneamento xeral, estes deberán realizarse segundo a normativa municipal de verteduras.

Para o cálculo da rede de drenaxe superficial aplicarase o establecido nas ITOHG.

Os caudais medios para evacuación de augas residuais serán os que veñan determinados polo cálculo de dotación para augas de abastecemento, aumentadas por un coeficiente debido á posible infiltración da auga subterránea, ou posibles afluencias de augas de drenaxe, cumprindo en calquera caso as ITOHG e os criterios dos servizos técnicos municipais.

As condicións mínimas exixibles á rede de saneamento de augas fecais (residuais) e pluviais serán as seguintes:

Sistema: separativo.

Velocidade de circulación da auga: entre 0,5 e 3 m/s. Velocidades maiores deberán ser xustificadas en cada caso.

Acometidas: terán un diámetro mínimo de 200 mm, unha pendente mínima do 2 % e conectaranse directamente ao pozo. Colocaranse arquetas de acometida independentes da rede de fecais e da de pluviais.

Sumidoiros: instalaranse a unha distancia inferior a 50 metros, terán un diámetro mínimo de 200 mm, unha pendente mínima do 2 %, e colocaranse directamente ao pozo.

Pozos: executaranse os pozos de tal xeito que se poidan conectar, como mínimo, dúas parcelas. A distancia máxima entre pozos de rexistro será de 50 metros.

Profundidade da rede: a profundidade mínima da rede será de 1,00 metro á parte superior do tubo. As conducións irán preferentemente baixo a zona de aparcadoiro ou as beirarrúas.

Canalizacións: o diámetro mínimo será de 315 mm, e o material que se utilizará será PVC ou formigón armado con enchufe de campá e xunta de goma. A pendente mínima será de 0,5 % en caso de tubos de PVC, ou o 1 % en caso de tubos de formigón; a pendente máxima non poderá superar o 6 %.

As tapas de rexistro levarán gravada a denominación da rede e serán de fundición dúctil tipo D400, segundo a UNE EN 124, con sistema de apertura antirroubo e abisagradas. En caso de situarse na calzada ou na zona de aparcadoiro, serán recibidas na estrada mediante un marco de formigón HM-25 de 25 cm de espesor.

A rede interior conectarase a unha rede existente e concretarase no proxecto de urbanización. Tanto o deseño das redes interiores, que se definirán en detalle no proxecto de urbanización, como as conexións exteriores contarán coa aprobación do Concello de Vigo e da empresa concesionaria do servizo. Se é necesario algún elemento de drenaxe sustentable previo á vertedura, este colocarase na zona verde.

C.7. Firmes e pavimentacións.

O deseño e a execución da rede viaria realizarase de conformidade coas determinacións establecidas no PXOM de Vigo. O acceso ás estradas de titularidade provincial (PO-010) e VG-20 regularase segundo o especificado na Lei 37/2015, do 29 de setembro, de estradas.

A continuación, inclúense a modo indicativo características da rede viaria que o proxecto de urbanización poderá adaptar segundo as necesidades de deseño.

Para calcular a pavimentación terase en conta tanto o espesor das capas de firme, como o material que se empregará na capa de rodadura, atendendo ao tráfico previsto.

As calzadas realizaranse con pavimentos flexibles mediante o emprego de firmes asfálticos, a base de mesturas bituminosas en quente ou con pavimentos ríxidos de formigón.

Para reducir a escorrega, priorizarase o emprego de pavimentos permeables, salvo nas zonas en que existan riscos de infiltración de substancias contaminantes.

Deseño do sistema de drenaxe.

Zonas de solo impermeable.

• A área impermeable do aparcadoiro debe contar cun sistema de drenaxe pluvial adecuada para evitar a acumulación de auga.

• A drenaxe debe estar deseñada para recoller as augas de choiva e canalizalas cara a un sistema de tratamento ou filtrado, antes da súa descarga no ambiente ou na rede de sumidoiros, garantindo a retención de contaminantes.

• As reixas de drenaxe deben incluír separadores de hidrocarburos para evitar que aceites, combustibles ou outros contaminantes cheguen aos corpos receptores de auga.

Zonas de solo permeable.

• Nas áreas de solo natural, debe garantirse a adecuada infiltración das augas pluviais para evitar a erosión e a contaminación subterránea.

• Debe delimitarse claramente a zona permeable e evitar o estacionamento das partes dos vehículos que sexan susceptibles de provocar derramamentos de contaminantes.

• Débense implementar barreiras de contención (filtros vexetais, barreiras de xeotéxtil) nas áreas onde se prevexa risco de contaminación.

Mantemento do sistema de drenaxe e áreas permeables.

• Realizaranse inspeccións periódicas (polo menos trimestrais) do sistema de drenaxe para garantir o seu correcto funcionamento.

• As trampas de hidrocarburos e os filtros do sistema de drenaxe deben limparse regularmente para evitar a acumulación de contaminantes.

• As áreas permeables deben revisarse e rexenerarse no caso de que presenten signos de contaminación ou compactación excesiva.

O deseño e dimensionado das zonas peonís, as pequenas instalacións previstas, etc., axustarase ás disposicións contidas na Lei 10/2014, de accesibilidade, e demais normas vixentes en materia de accesibilidade e supresión de barreiras, tales como a Orde TMA 851/2021.

Integrarase a vexetación no deseño das zonas verdes resultado do trazado das prazas que conforman o aparcadoiro.