DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Xoves, 12 de marzo de 2026 Páx. 17731

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 9 de febreiro de 2026, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se abre o prazo para modificar os ámbitos e os datos persoais facilitados nas solicitudes de inclusión das listas reguladas polo Decreto 37/2006, do 2 de marzo, para o nomeamento de persoal funcionario interino do corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de persoal de servizos xerais (PSX) (subgrupo C2), e do corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de xerocultor ou xerocultora (subgrupo C2).

O nomeamento de persoal funcionario interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral figura regulado no Decreto 37/2006, do 2 de marzo.

O artigo 6.1 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, establece que se poderán presentar novas solicitudes para incorporarse ás listas cando se publique resolución de apertura do prazo de presentación de solicitudes por parte da dirección xeral competente en materia de función pública e no prazo establecido nela.

Por outra banda, o 21 de febreiro de 2017 asinouse o acordo entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais CIG, CC.OO. e UGT para a integración do persoal do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar no Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, publicado no DOG núm. 124, do 30 de xuño de 2017. No seu anexo figura o acordo entre a Xunta de Galicia e o Comité Intercentros do Persoal Laboral (CIG, CC.OO. e UGT) de inclusión de dúas novas categorías no Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, para dar cumprimento ao acordo de integración do persoal do Consorcio no dito convenio.

No Diario Oficial de Galicia do 23 de xuño de 2017 publicouse o Acordo de modificación do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia e no anexo II-A do Convenio incluíronse dúas categorías de nova creación, a de xerocultor/a (IV-43) e a de persoal de servizos xerais (IV-44).

A creación destas categorías fixo necesaria a elaboración das listas para a cobertura temporal destes postos de traballo. Polo tanto, pola Resolución do 7 de marzo de 2019, da Dirección Xeral da Función Pública (DOG núm. 54, do 18 de marzo), acordouse a apertura de novas listas para a incorporación de solicitudes para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia do grupo IV, categorías profesionais de xerocultor/a e de persoal de servizos xerais, establecéndose o prazo de presentación de instancias desde o 19 de marzo ao 30 de abril de 2019.

Pola Resolución do 28 de novembro de 2019, da Dirección Xeral da Función Pública (DOG núm. 232, do 5 de decembro), fixéronse públicas as listas provisionais para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia do grupo IV, categorías profesionais de xerocultor/a e persoal de servizos xerais, e concedéuselles ás persoas interesadas un prazo de dez días para formular reclamacións contra as listas provisionais.

A Sentenza firme do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Santiago de Compostela, do 3 de decembro de 2019 (PA número 274/2019), confirmada pola Sentenza da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza do 28 de outubro de 2020, estima o recurso contencioso-administrativo interposto pola Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIF), e anula e deixa sen efecto a citada Resolución da Dirección Xeral da Función Pública do 7 de marzo de 2019.

Por outra banda, a Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia (DOG núm. 82, do 4 de maio), crea no corpo auxiliar de Administración xeral a escala de persoal de servizos xerais (PSX) e, no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial de Administración xeral, a escala de xerocultor ou xerocultora.

Así mesmo, o Decreto 165/2019, do 26 de decembro (DOG núm. 2, do 3 de xaneiro), polo que se establece o procedemento para a adquisición da condición de persoal funcionario de carreira polo persoal laboral fixo do Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, establece a equivalencia entre a categoría profesional 43 do grupo IV de persoal laboral e a escala de xerocultor ou xerocultora, e tamén establece a equivalencia entre a categoría profesional 44 do grupo IV e a escala de persoal de servizos xerais (PSX).

Polo anterior, en cumprimento e execución das mencionadas sentenzas, publicouse a Resolución do 23 de novembro de 2021, da Dirección Xeral da Función Pública (DOG núm. 229, do 29 de novembro), pola que se acorda a apertura de novas listas para a incorporación de solicitudes para o nomeamento de persoal funcionario interino do corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de persoal de servizos xerais (PSX), e do corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de xerocultor ou xerocultora (subgrupo C2).

O punto cuarto desta Resolución do 23 de novembro de 2021 dispón que o prazo para presentar instancias comeza o 30 de novembro de 2021 e remata o 20 de decembro de 2021. Pola Resolución do 10 de decembro de 2021 ampliouse este prazo ata o 23 de decembro de 2021.

Así mesmo, no seu punto primeiro, en prol dos principios de eficiencia e economía procedemental e de seguridade xurídica das persoas solicitantes e integrantes das listas provisionais, feitas públicas pola Resolución do 28 de novembro de 2019, recóllese que estarán exentas de presentar solicitude na escala de persoal de servizos xerais (PSX) e na escala de xerocultor ou xerocultora as persoas que solicitasen a inclusión nas listas de contratación temporal da categoría de persoal de servizos xerais (44) e da categoría de xerocultor/a (43) e que figuraron incluídas na listaxe que se publicou no portal web corporativo da Xunta de Galicia.

Por outra banda, o artigo 68.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), establece que nos procedementos iniciados por solicitude dos interesados o órgano competente poderá requirir do solicitante a modificación ou mellora voluntaria da dita solicitude.

Dado que estas solicitudes foron presentadas nos anos 2019 e 2021, cómpre requirir esta mellora voluntaria da solicitude para que as persoas interesadas poidan modificar os seus datos persoais e indicar os ámbitos en que desexan estar dispoñibles nas citacións.

En consecuencia, tendo en conta o exposto e informada a Comisión permanente regulada no artigo 4 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, a Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal

RESOLVE:

Primeiro. Abrir un prazo para a mellora voluntaria das solicitudes das listas para o nomeamento de persoal funcionario interino do corpo auxiliar de Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de persoal de servizos xerais (PSX), e do corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de xerocultor ou xerocultora.

Segundo. Poderán presentar estas solicitudes as persoas que solicitaron a inclusión nestas listas no prazo do 30 de novembro de 2021 ao 23 de decembro de 2021.

Así mesmo, tamén poderán presentar as ditas solicitudes as persoas que presentaron a solicitude nas categorías laborais 43 e 44 de persoal laboral do grupo IV desde o 19 de marzo ao 30 de abril do 2019 e que figuraban exentas de presentar a solicitude no ano 2021, segundo o punto 1.2 da Resolución do 23 de novembro de 2021, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se acorda a apertura de novas listas para a incorporación de solicitudes para o nomeamento de persoal funcionario interino do corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de persoal de servizos xerais (PSX), e do corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial de Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de xerocultor ou xerocultora.

Terceiro. As persoas interesadas en modificar os seus datos e ámbitos deberán presentar a instancia por vía electrónica a través dos formularios de Modificación de datos persoais e de Modificación de ámbitos contidos no portal web da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, www.xunta.gal/funcion-publica, dentro da epígrafe <Listas de contratación> <Formularios e solicitudes>.

Cuarto. As instancias dirixiranse á Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal.

Quinto. O prazo para a presentación de solicitudes será de dez días hábiles e comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. Contra esta resolución, de conformidade co previsto nos artigos 112 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, pódese interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2026

Nuria Aguilar Vázquez
Directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal