BDNS (Identif.): 891867.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/891867
Primeiro. Persoas beneficiarias
Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións as persoas físicas e xurídicas titulares de establecementos turísticos de aloxamento e de restauración que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e que teñan autorizado ou clasificado, conforme estableza a normativa turística, no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante, REAT), o establecemento turístico para o cal se solicita a axuda, con base nos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.
Segundo. Obxecto e réxime
1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a mellora da infraestrutura turística da Comunidade Autónoma de Galicia mediante a incentivación para a mellora das infraestruturas dos establecementos de aloxamento turístico e de restauración da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento TU503A). En concreto, son actuacións subvencionables as que se realicen en calquera dos seguintes tipos de establecementos turísticos:
a) Os establecementos hoteleiros, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos e albergues turísticos, de acordo co artigo 55.1 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.
b) Os restaurantes incluídos no grupo I do artigo 77 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, debidamente inscritos e clasificados no REAT.
2. Consideraranse actuacións subvencionables todas aquelas que se inicien a partir do 1 de xaneiro de 2026.
Terceiro. Bases reguladoras
Resolución do 23 de febreiro de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para actuacións de mellora das infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento e de restauración da Comunidade Autónoma de Galicia e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento TU503A).
Cuarto. Importe
1. As subvencións relativas á creación e mellora dos establecementos de aloxamento e de restauración obxecto desta resolución imputaranse á aplicación orzamentaria 04.A2.761A.770.0, proxecto 2015 00005, cun crédito de 4.500.000 euros, dos que 3.500.000 euros se destinarán a establecementos de aloxamento, e 1.000.000 euros a establecementos de restauración, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, de conformidade co disposto no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións, de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios do artigo 13.
No suposto de que as solicitudes presentadas por algunha das dúas categorías de establecementos non esgote o crédito destinado a esta, poderase destinar á outra categoría, de acordo coa puntuación acadada.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.
Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.
Só poderá presentarse unha única solicitude por establecemento. No caso de que un mesmo titular teña varios establecementos inscritos no REAT poderá presentar unha solicitude por cada establecemento.
Sexto. Prazo de xustificación da subvención
A entrega da documentación xustificativa terá de prazo ata o 3 de novembro de 2026.
Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2026
José Manuel Merelles Remy
Director da Axencia de Turismo de Galicia
