Expediente: IN407A 2024/168-1.
Promotor: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Proxecto: Regulamentación LMT BEG703 substitución de apoio AJ5W1IXM//82-9-5.
Concello: Carral.
Feitos:
1. O día 10.5.2024, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación de distribución eléctrica mencionada, co obxecto de realizar obras de regulamentación na liña de distribución eléctrica en media tensión con matrícula BEG703, debido a deficiencias actuais no devandito tramo, por incumprimento da distancia vertical mínima de 6 metros dos condutores sobre o chan.
Ao abeiro dos artigos 123 e 143 do Real decreto 1955/2000, xunto coa relación de bens e dereitos afectados de necesaria ocupación para a construción da instalación proxectada, presentan o proxecto de execución denominado Regulamentación LMT BEG703 sustitución de apoio AJ5W1IXM//82-9-5, asinado o día 15.4.2024 por Victoriano González Lemos, enxeñeiro técnico industrial eléctrico, nº colexiado 2.980 de Vigo.
2. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante un acordo publicado nos seguintes medios:
• Portal de transparencia e Goberno aberto da Consellería de Economía e Industria.
• DOG: 31.12.2025
• BOP: 11.12.2025.
• Xornal La Voz de Galicia: 5.1.2026.
• Taboleiro de anuncios do concello: segundo certificado municipal do 2.2.2026.
3. Durante o período en que o proxecto se someteu ao trámite de información pública non se presentou ningunha alegación, reclamación nin suxestión relacionada coa documentación obxecto de publicación.
4. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, solicitouse o informe preceptivo ás distintas entidades afectadas: Concello de Carral, Consellería do Medio Rural-Servicio de Infraestruturas Agrarias, Axencia Estatal de Seguridade Aérea. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos informes emitidos no prazo outorgado para ese efecto.
5. O día 19.2.2026 emitiuse o informe técnico.
Consideracións legais e técnicas:
1. O director territorial é competente para resolver este expediente, ao abeiro do disposto no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).
2. Lexislación de aplicación:
• Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).
• Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (BOE núm. 236, do 2 de outubro).
• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro).
• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE núm. 310, do 27 de decembro).
• Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalación eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 (BOE núm. 68, do 19 de marzo).
• Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23 (BOE núm. 139, do 9 de xuño).
• Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas (BOE núm. 246, do 14 de outubro).
• Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa (BOE núm. 351, do 17 de decembro).
• Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o regulamento da Lei de expropiación forzosa (BOE núm. 160, do 20 de xuño).
3. Características técnicas.
As instalacións obxecto deste expediente están situadas no concello de Carral e as súas características técnicas son as seguintes:
• Proxéctase a substitución do apoio AJ5W1IXM//82-9-5 da LMTA con matrícula BEG703 por un apoio de celosía C-2000/16 en amarre con cruceta H-35 para elevar o tramo.
• Substitúese o tramo de LMT en condutor LA-56 entre os apoios AJ5W1IXM//82-9-5 e AJ6AQ2RP//82-9-6-CT e reténsase o van anterior entre os apoios AJ786N4Q//82-9-4 e AJ5W1IXM//82-9-5.
4. Do visto na visita realizada o 12.02.2026 non se atopa ningunha limitación das indicadas no artigo 161.1 de RD 1955/200 para impor servidumes de paso.
5. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos deste departamento territorial.
Consonte con todo o sinalado,
RESOLVO:
A) Conceder a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da dita instalación de distribución eléctrica.
A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos afectados e implicará a urxente ocupación, para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.
B) A instalación executarase no prazo de dous anos, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
C) Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante este departamento territorial unha solicitude á cal xuntará a seguinte documentación:
• No seu caso, acreditación ou declaración de que o proxecto se atopa dentro dalgunha das excepcións de aplicación do Regulamento (UE) 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro de 2024, ou das indicadas na Guía técnica de interpretación do Regulamento (UE) 2024/573 nos puntos relativos á aparellaxe électrica.
• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.
• Un certificado do/da director/a da montaxe no que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.
• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
D) Esta autorización outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.
O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao interesado, segundo o establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderá interporse recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da dita Lei 39/2015, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren axeitado.
Mediante este documento notifícaselles ás persoas interesadas esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015.
A Coruña, 23 de febreiro de 2026
Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña
