Mediante a Resolución do 28 de xaneiro de 2026, publicada no Diario Oficial de Galicia número 26, do 9 de febreiro, e no Boletín Oficial del Estado número 35, na mesma data, convocouse a provisión, polo sistema de libre designación, dun posto de traballo vacante no Instituto de Medicina Legal de Galicia.
De conformidade co establecido no artigo 56 e seguintes do Real decreto 1451/2005, do 7 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza, e no Decreto da Xunta de Galicia 119/2005, do 6 de maio, polo que se crea o Instituto de Medicina Legal de Galicia, a Dirección Xeral de Xustiza
DISPÓN:
Primeiro. Resolver, segundo se detalla no anexo, a convocatoria pública efectuada mediante a Resolución desta dirección xeral do 28 de xaneiro de 2026.
Segundo. O prazo de toma de posesión será de tres días hábiles se non implica cambio de localidade da persoa funcionaria, de oito días se implica cambio de localidade dentro da Comunidade Autónoma e de vinte días se implica cambio de comunidade autónoma, con excepción da Comunidade Autónoma de Canarias, Comunidade Autónoma das Illes Balears, Cidade de Ceuta e Cidade de Melilla, en que será dun mes.
O prazo de toma de posesión empezará a contar a partir do día seguinte ao do cesamento, que se deberá efectuar dentro dos tres días hábiles seguintes ao da publicación desta resolución no Boletín Oficial del Estado.
Terceiro. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición, ante a Dirección Xeral de Xustiza, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial del Estado, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderana impugnar directamente, ante a Sección do Contencioso-Administrativo do Tribunal de Instancia competente, no prazo de dous meses contados a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2026
José Tronchoni Albert
Director xeral de Xustiza
ANEXO
|
Posto adxudicado |
Adxudicataria |
|
Nome do posto: subdirector/a. Centro de destino: Instituto de Medicina Legal de Galicia. Subdirección Territorial. Localidade: A Coruña. Código do posto: XG9251820015001310.02. |
Judith Rego Timiraos |
