Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do MVMC de Castelo e Zamorela, pertencente á CMVMC de Castelo e Zamorela, no concello de Chandrexa de Queixa, resultan os seguintes
Feitos:
Primeiro. O 29.8.2025 a CMVMC do Castelo e Zamorela presentou unha solicitude (Rexel núm. 2025/2360018) de revisión de esbozo do MVMC de Castelo e Zamorela, no concello de Chandrexa de Queixa.
Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:
– Certificación do acordo da Asemblea Xeral do 3.5.2025.
– Memoria e planos.
– Arquivos xeográficos en formato vectorial.
Segundo. O Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 9 de outubro de 2025 en relación coa citada solicitude. A revisión do esbozo solicitada comprende as partes lindeiras con particulares.
A superficie do MVMC de Castelo e Zamorela, unha vez modificado o esbozo, sería de 354,76 ha fronte ás 388 ha do acordo de clasificación, o que supón unha redución do 8,6 %.
Tendo en conta o anterior, emítese un informe favorable sobre a revisión do esbozo solicitada.
Consideracións legais e técnicas:
Único. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.
De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser revisados axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.
De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 9 de outubro de 2025, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou, por unanimidade, o día 23 de febreiro de 2026:
Aprobar a proposta de revisión do esbozo do MVMC de Castelo e Zamorela, pertencente á CMVMC de Castelo e Zamorela, no concello de Chandrexa de Queixa.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso- administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 12 da citada Lei 13/1989, nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Ourense, 5 de marzo de 2026
José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense
