DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Xoves, 26 de marzo de 2026 Páx. 19985

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 23 de marzo de 2026 pola que se convocan cursos de formación continua para os/as xefes/as ou responsables dos servizos de extinción de incendios e salvamento, xefes/as ou responsables dos grupos de emerxencias supramunicipais e xefes/as ou responsables dos servizos municipais de protección civil e emerxencias da Comunidade Autónoma de Galicia.

O artigo 43 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece que o persoal do Sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia estará formado tanto por persoal de carácter profesional de servizos que realicen algunha actividade relacionada coa xestión de riscos e de emerxencias como por persoal voluntario de entidades ou organizacións públicas ou privadas sen ánimo de lucro que teñan como fin a protección das persoas, dos bens e do ambiente en situacións de xestión de riscos e de emerxencias. Segundo o artigo 44 da citada lei, este persoal organizarase en grupos operativos.

Mediante a Resolución do 2 de agosto de 2010, publicouse o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga), onde se establecen a estrutura de dirección e coordinación e as unidades organizativas para facer fronte dun xeito coordinado ás emerxencias que se poidan producir en Galicia derivadas de riscos naturais, tecnolóxicos ou antrópicos.

Tras ser aprobado o programa anual de actividades para o ano 2026 da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) conforme o establecido no artigo 46 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, e na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Agasp, anúnciase a convocatoria dos cursos de formación continua dirixidos aos/ás xefes/as ou responsables dos servizos de extinción de incendios e salvamento, xefes/as ou responsables dos grupos de emerxencias supramunicipais e xefes/as ou responsables dos servizos municipais de protección civil e emerxencias da Comunidade Autónoma de Galicia, correspondentes ao ano 2026, cuxas bases e características se especifican no anexo desta resolución.

A Estrada, 23 de marzo de 2026

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

ANEXO I

Bases

Primeira. Actividades formativas

Denominación

Modalidade

Edicións

Horas lectivas

Prazas

Datas

Operativa con drons en emerxencias dentro de intervencións non EASA

Presencial

1

24

20

28, 29, 30 de abril

Segunda. Contido das actividades formativas

O contido das diferentes actividades formativas convocadas por medio desta resolución pode consultarse na páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública (http://agasp.xunta.gal) na epígrafe «Formación de colectivos».

Terceira. Destinatarios/as

a) Xefes/as ou responsables dos servizos de extinción de incendios e salvamento (bombeiros/as municipais e de consorcios).

b) Xefes/as ou responsables dos grupos de emerxencia supramunicipais (GES).

c) Xefes/as ou responsables dos servizos municipais de protección civil e emerxencias.

Este persoal forma parte do Sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia (artigos 43 e 44 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia).

Cuarta. Requisitos de participación dos/das solicitantes

1. Requisitos xerais:

Os/as solicitantes deben ter a condición descrita na base terceira para estes colectivos.

Toda persoa solicitante deberá acreditar o cumprimento dos requisitos establecidos para participar nos cursos convocados na presente convocatoria mediante un informe emitido polo servizo ou unidade de emerxencias a que pertenza. O dito servizo ou unidade deberá remitirlle á Academia Galega de Seguridade Pública, dentro do prazo de presentación de solicitudes, un informe en que se indiquen todas as persoas que exercen como xefes/as ou responsables dos servizos de extinción de incendios e salvamento (bombeiros/as municipais e de consorcios), dos grupos de emerxencia supramunicipais (GES) e dos servizos municipais de protección civil e emerxencias. O mencionado informe remitirase por correo electrónico ao enderezo formacion.emerxencias.agasp@xunta.gal

2. Requisitos físicos/psíquicos: os/as solicitantes deberán acreditar que non padecen enfermidade nin están afectados por limitación física ou psíquica incompatible coa realización das accións formativas ou co desempeño das funcións correspondentes ao curso a que se opta, mediante declaración que se efectuará xunto coa solicitude de matrícula no curso, e será obriga de cada alumno/a pór en coñecemento da Agasp calquera alteración relacionada con ela.

Quinta. Desenvolvemento da actividade

Modalidade presencial.

a) Lugar e data: realizarase presencialmente nas instalacións da Agasp nas datas establecidas no calendario do curso, sen prexuízo de que algunhas actividades formativas concretas ou módulos delas se poidan facer fóra das súas instalacións.

b) Uniformidade: é obrigatorio asistir ao curso co uniforme de traballo. As persoas que incumpran esta norma poderán ser dadas de baixa na actividade.

O alumnado deberá superar unha proba final.

Sexta. Solicitudes

a) O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (http://agasp.xunta.gal); non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

É preciso que todas as persoas que desexen participar nos cursos da Agasp manteñan actualizados os seus datos persoais, especialmente a conta de correo electrónico e o teléfono móbil, co obxecto de posibles comunicacións. No suposto de non seren correctos ou exactos tales datos, a Agasp non é responsable dos posibles prexuízos causados ás persoas interesadas.

b) As persoas que non sexan usuarias da páxina web da Agasp deberán darse de alta nela previamente, para o que é necesario facilitar unha conta persoal de correo electrónico.

c) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, poderán dirixirse á Agasp a través dos números de teléfono 886 20 61 37, 886 20 61 38 e 886 20 61 11 ou do enderezo de correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.gal, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

d) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano, computado desde o momento en que se detecte o feito.

e) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente todos os datos para realizar a selección do alumnado, non se axusten ao modelo normalizado ou sexan presentadas fóra de prazo.

f) Se o número de solicitudes para participar nun curso non supera o 50 % das prazas convocadas, a Agasp reserva para si a facultade de anular a actividade formativa.

Sétima. Prazo de inscrición

O prazo de inscrición será ata o 14 de abril de 2026, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que reúnan os requisitos do curso, poderá completarse o alumnado asignado a este mediante a apertura dun novo prazo público de presentación de solicitudes na páxina web da Agasp, coa antelación posible en función da data do curso e para que teña lugar unha adecuada selección das persoas candidatas.

Oitava. Criterios xerais de selección

Os criterios xerais de selección son os que se relacionan a continuación e na orde indicada, sen prexuízo de que algúns cursos requiran criterios específicos, os cales se indicarán na ficha de cada acción formativa concreta publicada na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.gal

1. En cada edición das distintas actividades formativas convocadas por esta resolución as prazas distribuiranse entre os colectivos destinatarios do curso de acordo co seguinte:

Colectivo

Porcentaxe

1º grupo: xefes/as ou responsables de servizos de extinción de incendios e salvamento

60 %

2º grupo: xefes/as ou responsables de grupos de emerxencia supramunicipais (GES)

30 %

3º grupo: xefes/as ou responsables de servizos municipais de protección civil e emerxencias

10 %

No caso de que non haxa suficientes solicitantes dalgún dos colectivos mencionados que cumpran os requisitos para cubrir o número de prazas asignado, completarase a selección con solicitantes dos outros colectivos que son destinatarios/as do curso que cumpran os requisitos, e repartiranse as prazas vacantes por igual entre os diferentes grupos sempre e cando o número de prazas o permita, e cando non sexa posible, por ser maior o número de solicitudes que de vacantes, distribuiranse pola orde e porcentaxe establecidas dos grupos, empezando a repartición polo grupo 1 e así sucesivamente.

2. De acordo co artigo 155 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, nos cursos, xornadas ou outras actividades formativas en que as mulleres estean infrarrepresentadas, organizados ou financiados pola Administración xeral ou por unha entidade do sector público autonómico de Galicia, reservarase un 50 % das prazas para mulleres que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria. As mulleres só accederán a esta quenda reservada unha vez cubertas todas as prazas da quenda non reservada.

3. Se despois de aplicar os criterios anteriores hai empate, terán preferencia as persoas con menos cursos feitos na Agasp nos últimos dous anos e, se o empate persistise, terán preferencia as persoas que cronoloxicamente solicitasen a realización dos cursos con anterioridade.

4. No suposto de que, polas características dos cursos seleccionados, estes fosen susceptibles de poder solapar a súa realización, nas devanditas actividades formativas terán preferencia aquelas persoas que non estean admitidas en ningún outro curso.

5. As persoas solicitantes que realizasen anteriormente o curso poderán ser seleccionadas para realizalo no suposto de existiren vacantes.

Novena. Admisión

A Agasp publicará na súa páxina web http://agasp.xunta.gal unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas, de acordo co disposto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

O alumnado seleccionado será informado da súa selección a través do correo electrónico e tamén, para quen facilite un número de teléfono móbil, a través de mensaxe telefónica.

O alumnado seleccionado só poderá renunciar ao curso por causas de forza maior suficientemente xustificadas.

A renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formacion.emerxencias.agasp@xunta.gal, e cunha antelación mínima de tres días hábiles con respecto ao inicio do curso, co fin de poder cubrir a vacante. De non comunicar a renuncia, a persoa seleccionada será penalizada coa non admisión en cursos da Agasp durante o prazo de (6) meses. No suposto de reincidencia en máis dun curso, o prazo será de doce (12) meses.

A Agasp reserva para si o dereito de solicitar todos aqueles datos que considere necesarios para a adecuada realización da selección.

Décima. Uniformidade

É obrigatorio asistir ao curso co uniforme de traballo. As persoas que incumpran esta norma poderán ser dadas de baixa na actividade.

Décimo primeira. Aloxamento

A Agasp proporcionará, sempre que sexa posible, aloxamento de luns a venres na súa residencia a todas as persoas seleccionadas que o soliciten. Unha vez comunicada a selección, a persoa interesada deberá solicitar o aloxamento enviando unha mensaxe ao correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.gal

Todo isto está condicionado ás dispoñibilidades organizativas e orzamentarias da Agasp.

Décimo segunda. Dereitos e deberes do alumnado participante

Durante o desenvolvemento da actividade, ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp.

Décimo terceira. Faltas de asistencia

O Regulamento de réxime interior da Agasp regula no seu artigo 16 as faltas de asistencia nos cursos:

1. A realización das actividades comprendidas no programa do curso é obrigatoria, polo que a súa non realización deberá xustificarse debidamente e penalizarase disciplinariamente no caso contrario.

2. A asistencia á formación presencial ou telepresencial, tanto na parte teórica como na parte práctica, é obrigatoria para o alumnado durante toda a carga horaria, polo que non poderá ausentarse se non é por unha causa de forza maior e xustificada documentalmente.

3. As faltas de asistencia por unha causa de forza maior non poderán superar en ningún caso o 10 % das horas presenciais e/ou telepresenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa da Agasp nun prazo máximo de 15 días, contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o antedito perderán o dereito ao certificado de participación na actividade formativa.

4. O alumnado que, por enfermidade ou por algunha outra causa xustificada, perda máis do 10 % do curso será declarado non apto e poderá incorporarse ao curso seguinte ou cando a causa determinante llo permita.

Décimo cuarta. Certificado de aproveitamento

Ao finalizar a actividade entregaráselles un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada e superen as partes obrigatorias e a proba final do curso.

Décimo quinta. Facultades da Agasp

A Agasp poderá modificar sen necesidade de nova publicación o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que puideren xurdir.

A Agasp tamén poderá, sen necesidade de nova publicación, suprimir o curso, cambiar as datas e o lugar da súa realización, ampliar novas edicións ou prazas deste ou suspendelo, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia. Especificamente, poderase suprimir o curso cando o alumnado admitido antes da data de inicio non supere o 50 % das prazas convocadas.

Así mesmo, facúltase o director xeral para ditar unha resolución sen necesidade de nova publicación para interpretar, se for o caso, o desenvolvemento da convocatoria ou docencia.