DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Luns, 30 de marzo de 2026 Páx. 20430

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Igualdade

RESOLUCIÓN do 4 de marzo de 2026 pola que se dá publicidade ao esgotamento do crédito da Orde do 2 de maio de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión de axudas económicas ás familias con persoas en situación de dependencia ou con discapacidade, a través do programa Respiro familiar para persoas coidadoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento BS614B).

A Orde do 2 de maio de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión de axudas económicas ás familias con persoas en situación de dependencia ou con discapacidade, a través do programa Respiro familiar para persoas coidadoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento BS614B), establece, no seu artigo 2.1, que as axudas convocadas ao abeiro desta orde serán financiadas pola Consellería de Política Social e Igualdade cun orzamento dun millón cento quince mil euros (1.115.000,00 €), que se imputarán á aplicación orzamentaria 08.05.312D.480.3.

O número 2 dese mesmo artigo 2 indica que serán subvencionables os gastos xerados no ano 2025 dos servizos constituídos polas actuacións sinaladas no artigo 5, que se desenvolvan no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 21 de novembro de 2025, segundo o que nel se indica.

O número 3 do artigo 2 sinala que se realizará unha desconcentración de crédito entre os departamentos territoriais da Consellería de Política Social e Igualdade, en función do número de solicitudes presentadas en cada provincia, de modo que se garanta que, no caso de que o crédito se esgote, se respecte en todo caso a orde de presentación de solicitudes a nivel autonómico. A Consellería de Política Social e Igualdade publicará, no Diario Oficial de Galicia e no portal da Consellería de Política Social e Igualdade, o esgotamento da partida orzamentaria e non admitirá as posteriores solicitudes destinadas á subvención, salvo que se produza un incremento do crédito.

Por outra banda, o artigo 11.2 da Orde do 2 de maio de 2025 indica que, de acordo co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no correlativo artigo 31.4, o órgano competente para tramitar o procedemento comezará a instrución dos procedementos seguindo a orde de presentación das solicitudes, de acordo co disposto no artigo 71.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e emitirá a proposta da concesión da subvención en actos sucesivos ata o esgotamento do crédito.

De conformidade co exposto, unha vez resoltas parte das solicitudes presentadas ao abeiro da referida Orde do 2 de maio de 2025, aplicando como criterio de prioridade a data de presentación da documentación, constátase que se esgotou o orzamento dispoñible para a concesión das axudas. A última solicitude que se puido conceder antes do esgotamento de crédito mediante resolución favorable foi a correspondente ao expediente BS614B/2025/0528-15, presentada na sede electrónica, nos termos recollidos nos artigos 7 e 11 da convocatoria, o día 7 de outubro de 2025, ás 22.07.17 horas.

En virtude do anterior, unha vez esgotados os recursos económicos destinados ás axudas previstas na Orde do 2 de maio de 2025,

RESOLVO:

Ordenar a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do esgotamento do crédito dispoñible con cargo á aplicación orzamentaria 08.05.312D.480.3. para as axudas convocadas ao abeiro da Orde do 2 de maio de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión de axudas económicas ás familias con persoas en situación de dependencia ou con discapacidade, a través do programa Respiro familiar para persoas coidadoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento BS614B).

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2026

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade