Na sesión que tivo lugar o día 25 de marzo de 2026, o tribunal nomeado para cualificar o proceso selectivo para o ingreso na escala de axentes técnicos en xestión ambiental do corpo de técnicos de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, grupo B, convocado pola Resolución do 16 de novembro de 2023 (DOG núm. 221, do 21 de novembro), modificada pola Resolución do 29 de novembro de 2023 (DOG núm. 229, do 1 de decembro),
ACORDOU:
Primeiro. Mediante a Resolución do 4 de marzo de 2026 (DOG núm. 46, do 10 de marzo), este tribunal acordou elevar á titular da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal a relación das persoas aspirantes que superaron o proceso selectivo para o ingreso na escala de axentes técnicos en xestión ambiental do corpo de técnicos de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, grupo B.
O 24 de marzo de 2026, a Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal requírelle a este tribunal que propoña unha nova persoa aspirante, xa que o aspirante, pola quenda de promoción interna, proposto co número de orde 6, Juan Antonio Ortega Carrillo (***2556**), presentou a súa renuncia a ser nomeado funcionario de carreira, e en consecuencia decaeu nos seus dereitos respecto do presente proceso selectivo.
A base II.2.2.7 da convocatoria sinala: «A orde de prelación das persoas aspirantes virá dada pola suma das puntuacións obtidas na fase de oposición e na fase de concurso. Non poderá superar o proceso selectivo un número superior ao de prazas convocadas.
Non obstante, para asegurar a cobertura das vacantes, se se producen renuncias das persoas seleccionadas antes do seu nomeamento ou toma de posesión, o órgano convocante poderá requirir unha relación complementaria das persoas que sigan por puntuación ás propostas. Para estes efectos, terán a mesma consideración que as renuncias os supostos das persoas aspirantes que, dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presenten a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos ou do seu exame se deduza que carecen dalgún deles e que, en consecuencia, non poidan ser nomeadas persoal funcionario de carreira».
Por todo isto, este tribunal acorda modificar a relación de persoas aspirantes que superaron o proceso selectivo para o ingreso na escala de axentes técnicos en xestión ambiental do corpo de técnicos de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, grupo B. Esta modificación consisten en eliminar a persoa aspirante decaída, reenumerar a orde de prelación a partir do posto número 6 na quenda de promoción interna e incorporar, coa reenumeración da orde de prelación a partir do posto 83, unha nova persoa aspirante na quenda de acceso libre que superou o proceso selectivo. Así mesmo, fai pública a relación complementaria como anexo I, con indicación do documento nacional de identidade ou equivalente da nova persoa aspirante (coas limitacións previstas na normativa en materia de protección de datos de carácter persoal).
Segundo. De conformidade co disposto na base IV.2 da convocatoria e de acordo coa Resolución do 25 de febreiro de 2026, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DOG núm. 44, do 6 de marzo), pola que se declara a urxencia e se reducen os prazos no presente proceso selectivo, conforme o artigo 33.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a nova persoa aspirante que superou o proceso selectivo disporá dun prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, para presentar os documentos previstos na dita base, no caso de que non fosen presentados ou validados previamente.
Terceiro. Elevar esta relación complementaria á persoa titular da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal para os efectos de que a persoa afectada sexa proposta para o seu nomeamento como funcionaria de carreira.
Cuarto. Contra este acordo poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de función pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2026
Verónica Tellado Barcia
Presidenta do tribunal
ANEXO I
Relación complementaria de persoas aspirantes
que superaron o proceso selectivo
Convocatoria: grupo B, técnicos de carácter facultativo.
Corpo/categoría: corpo de técnicos de carácter facultativo, escala de axentes técnicos en xestión ambiental (20D6).
|
Nº de orde |
DNI |
Apelidos e nome |
Quenda |
Puntuación |
|
83 |
***8241** |
Martínez Parada, Iago |
Libre |
58,700 |
