O artigo 92.bis, ordinal 6º, da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, regula os sistemas de provisión definitiva dos postos de traballo reservados á escala de funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, e establece que o concurso será o sistema normal de provisión dos citados postos de traballo e o seu ámbito territorial de carácter estatal.
O citado precepto remite a regulación das especialidades correspondentes da forma de provisión de postos reservados a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional a un desenvolvemento regulamentario, aprobado polo Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, que regula no artigo 28 e seguintes esta materia e que se desenvolveu mediante a Orde TFP/153/2021, do 16 de febreiro, do anteriormente denominado Ministerio de Política Territorial e Función Pública, pola que se regula a valoración dos méritos xerais do persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional.
O artigo 29.1 do citado Real decreto 128/2018 establece que a provisión dos postos de traballo vacantes reservados a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional se efectuará mediante concursos ordinarios de méritos, convocados con carácter anual polos presidentes das corporacións locais e publicados simultaneamente polo órgano competente da Comunidade Autónoma.
As corporacións locais que se relacionan no anexo I desta resolución convocaron os respectivos concursos ordinarios para a provisión de postos reservados a funcionarios de Administración local con habilitación nacional e aprobaron as bases específicas para cada posto de traballo, nos termos que figuran no anexo II, de acordo co previsto no citado artigo 92.bis da Lei 7/1985, do 2 de abril, así como no artigo 35 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo.
De acordo coa anterior normativa e co establecido no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio de competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, en uso das atribucións conferidas polo Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, esta dirección xeral
RESOLVE:
Primeiro
Darlles publicidade ás convocatorias do concurso ordinario para a provisión de postos de traballo reservados a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional aprobadas polas corporacións locais con postos vacantes na Comunidade Autónoma de Galicia que se inclúen no anexo I desta resolución, así como ás bases específicas para cada posto de traballo reservado, nos termos que figuran no anexo II.
Segundo
Respecto ao contido común das bases reguladoras, esta resolución remítese á publicación que realizará a Dirección Xeral da Función Pública do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública no Boletín Oficial del Estado, que servirá de base para o cómputo dos prazos.
Terceiro. Coñecemento da lingua galega
O coñecemento da lingua galega acreditarase nos termos sinalados no Decreto 103/2008, do 8 de maio, polo que se regula o coñecemento do galego nos procedementos para a provisión de postos de traballo reservados a funcionarios/as con habilitación de carácter nacional no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, mediante a presentación, coa solicitude de participación no concurso, da documentación xustificativa de estar en posesión do certificado de lingua galega 4 (Celga 4) ou do seu equivalente, debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia.
O tribunal de valoración realizaralles unha proba de carácter eliminatorio ás/aos aspirantes que non acrediten a posesión do Celga 4 ou equivalente. Esta proba, que se valorará co resultado de apto ou non apto, está destinada a avaliar un grao de coñecemento do galego equivalente ao exixido para a obtención do Celga 4 ou equivalente. Para a realización desta proba, o tribunal de valoración incorporará asesoras/es especialistas en lingua galega designados polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia.
Cuarto. Méritos de determinación autonómica
A valoración dos méritos autonómicos realizaraa o tribunal, de conformidade coas regras e puntuacións establecidas no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, ata un máximo de 3 puntos.
Para a valoración dos méritos autonómicos, os tribunais de valoración poderán solicitar á Dirección Xeral de Administración Local informe respecto da puntuación das solicitudes presentadas.
Para tales efectos, o baremo de méritos autonómicos relacionados co coñecemento das especialidades da organización territorial e do dereito propio de Galicia é o seguinte:
a) Cursos de formación e perfeccionamento: ata un máximo de 1,5 puntos.
b) Experiencia profesional: ata un máximo de 0,90 puntos.
c) Actividade docente: ata un máximo de 0,30 puntos.
d) Publicacións: ata un máximo de 0,30 puntos.
A forma de valoración que lle corresponde a cada un dos méritos autonómicos é a que se indica a seguir:
a) Cursos de formación e perfeccionamento.
Teranse en conta, unicamente, os cursos impartidos pola Escola Galega de Administración Pública, universidades e organismos públicos dedicados á formación e ao perfeccionamento do persoal ao servizo das administracións públicas, que previamente fosen homologados ou recoñecidos pola Escola Galega de Administración Pública para estes efectos.
Só se valorarán aqueles cursos que teñan por obxecto a aprendizaxe das especialidades da organización territorial e do dereito propio de Galicia, e exceptúanse os que forman parte dos procesos selectivos correspondentes.
A puntuación de cada curso dentro da escala de 0,10 a 1,5 será establecida pola Escola Galega de Administración Pública en función da relación da materia impartida coas funcións reservadas ás/aos funcionarias/os con habilitación de carácter nacional, co grao de dificultade do curso, co número de horas lectivas e co sistema de avaliación.
As convocatorias dos cursos formuladas pola Escola Galega de Administración Pública indicarán a puntuación outorgada para estes efectos. Para o suposto de que a puntuación dalgún curso non estivese determinada na súa convocatoria e o seu obxecto se corresponda coa aprendizaxe das especialidades da organización territorial e do dereito propio de Galicia (e sempre que non formase parte dos procesos selectivos correspondentes), valorarase de conformidade cos criterios establecidos pola consellería competente en materia de réxime local en coordinación coa Escola Galega de Administración Pública, do xeito que se describe a seguir:
– Cursos con certificado de asistencia de duración comprendida entre 20 e 40 horas: 0,10 puntos por curso.
– Cursos con certificado de asistencia de duración superior a 40 horas: 0,20 puntos por curso.
– Cursos con certificado de aproveitamento de duración comprendida entre 20 e 40 horas: 0,30 puntos por curso.
– Cursos con certificado de aproveitamento de duración superior a 40 horas: 0,40 puntos por curso.
Non se valorarán os diplomas relativos á realización de congresos, conferencias, seminarios, xornadas, simposios, encontros e semellantes, nin aqueles cursos realizados con máis de 15 anos de antelación á data da resolución pola que se aproba a convocatoria do concurso.
b) Experiencia profesional.
Valorarase a experiencia profesional consistente no exercicio de funcións na Administración autonómica ou nas entidades locais de Galicia, que impliquen o coñecemento da organización territorial e da normativa autonómica de Galicia segundo se indica:
b.1) Servizos prestados como funcionarias/os de carreira con habilitación de carácter nacional en postos reservados nas entidades locais de Galicia:
b.1.1) Da mesma subescala e categoría á cal se concursa: 0,03 puntos/mes.
b.1.2) De distinta subescala ou/e categoría á cal se concursa: 0,02 puntos/mes.
b.2) Servizos prestados no territorio da Comunidade Autónoma galega como funcionaria/o de carreira en postos non reservados a persoal funcionario con habilitación de carácter nacional:
b.2.1) Do subgrupo A1: 0,01 puntos/mes.
b.2.2) Do subgrupo A2: 0,005 puntos/mes.
c) Actividade docente.
A actividade docente valorarase cando vaia dirixida ao ensino das materias sobre organización territorial e normativa autonómica de Galicia, réxime local, procedemento administrativo, contratación pública, servizos públicos, urbanismo, persoal, réxime económico e financeiro das entidades locais en cursos organizados, homologados ou recoñecidos pola Escola Galega de Administración Pública ou realizados en colaboración con esta.
A súa valoración será a razón de 0,01 puntos por hora impartida en cursos, excluídos congresos, conferencias, seminarios, xornadas, simposios, encontros ou semellantes.
d) Publicacións.
Valoraranse as publicacións de monografías ou artigos sobre materias relativas ás especialidades da organización territorial e do dereito propio de Galicia, a razón de 0,10 puntos por cada monografía, e 0,05 puntos por cada artigo, sempre que aparezan en publicacións con ISBN ou ISSN.
As/os concursantes acreditarán os méritos que aleguen mediante a presentación das certificacións correspondentes ou da copia dos títulos debidamente compulsados, así como, de ser o caso, das publicacións referidas.
Quinto. Méritos específicos
Os méritos específicos para cada posto de traballo son os que se inclúen no anexo II desta resolución.
Sexto. Valoración de méritos
O tribunal de valoración comprobará a concorrencia nas persoas concursantes dos requisitos que figuren na convocatoria e excluirá a quen non os reúna. Así mesmo, comprobará o coñecemento da lingua galega nos termos previstos no Decreto 103/2008, do 8 de xuño. A continuación puntuará, respecto dos non excluídos, os méritos do seguinte modo:
– Méritos xerais, ata un máximo de 24 puntos, segundo a relación individualizada de méritos xerais do persoal habilitado nacional que aprobe a Dirección Xeral da Función Pública do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, sen que sexa posible acreditación adicional ningunha por parte dos concursantes nin valoración distinta por parte do tribunal.
– Méritos de determinación autonómica, ata un total de 3 puntos.
– Méritos específicos ata un total de 1,50 puntos.
A valoración dos méritos de determinación autonómica e dos méritos específicos efectuarase con base na documentación acreditativa achegada polas persoas concursantes.
Respecto dos postos que non teñan méritos específicos, o tribunal asignará unicamente a puntuación de méritos xerais e de méritos autonómicos.
En caso de empate na puntuación final de méritos de dúas/dous ou máis concursantes, o tribunal daralle prioridade na proposta de adxudicación a aquela persoa que obtenga maior puntuación en méritos específicos. De se manter o empate, resolverase a favor de quen en méritos de determinación autonómica teña máis alta puntuación. De persistir este, resolverase conforme a orde de prelación dos méritos xerais, seguindo a orde de enumeración do artigo 32 do Real decreto 128/2018. En última instancia, o empate resolverase con base na orde de prelación no proceso selectivo.
Sétimo
Esta publicación, en cumprimento da normativa de aplicación, realízase para os exclusivos efectos de publicidade dos postos convocados no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e non supón a apertura do prazo de presentación de solicitudes. O Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública dispoñerá a publicación, no Boletín Oficial del Estado, dun extracto de todas as convocatorias, que servirá de base para o cómputo de prazos, e no dito trámite poderase emendar calquera erro ou omisión producido.
Oitavo
Os actos administrativos das corporacións locais e dos tribunais de valoración realizados no procedemento do concurso poderán ser impugnados conforme o previsto nos artigos 121 e 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición, ante a Dirección Xeral de Administración Local, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo, común das administracións públicas, ou poderán impugnala directamente, ante a Sección do Contencioso-Administrativo do Tribunal de Instancia competente, no prazo de dous meses contados a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Así mesmo, as entidades locais poderán presentar previamente requirimento no prazo de dous meses conforme o disposto no artigo 44 da dita Lei 29/1998.
Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2026
Natalia Prieto Viso
Directora xeral de Administración Local
ANEXO I
Relación de postos de traballo reservados a persoal funcionario
de Administración local con habilitación de carácter nacional
que se ofertan no concurso ordinario
|
Provincia |
Entidade |
Posto |
Convocatoria |
|
Lugo |
Outeiro de Rei |
Tesouraría |
Resolución Alcaldía |
|
Pontevedra |
Ponteareas |
Vicesecretaría, clase 3ª |
Resolución Alcaldía |
ANEXO II
Bases específicas que rexen as convocatorias
Concello de Outeiro de Rei (Lugo):
– Denominación do posto: Tesouraría.
– Denominación da Corporación: Concello de Outeiro de Rei (Lugo).
– Subescala: Intervención-Tesouraría, sen distinción de categoría.
– Nivel de complemento de destino: 30.
– Contía anual do complemento específico: 23.134,58 €.
* Baremo de méritos específicos:
Non se consideran.
* Méritos de valoración autonómica:
A valoración dos méritos autonómicos efectuarase de conformidade co disposto no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal.
* Méritos xerais:
A valoración dos méritos xerais efectuarase de conformidade co disposto na normativa estatal reguladora.
De acordo co establecido no Decreto 103/2008, do 8 de maio, exíxese como requisito o coñecemento da lingua galega, que se acreditará mediante a presentación, coa solicitude de participación no concurso ou da petición de cobertura do posto, da documentación xustificativa de estar en posesión do certificado da lingua galega (Celga 4) ou do seu equivalente.
* Comisión de Valoración:
– Tribunal titular:
Presidenta: María Isabel Pernas Sánchez, interventora do Concello de Outeiro de Rei (Lugo).
Secretaria e 1ª vogal: Cristina Castro Fuentes, secretaria do Concello de Outeiro de Rei (Lugo).
2ª vogal: María Silva Taboada, interventora do Concello de Cospeito (Lugo).
3ª vogal: Ana María Rubiera Álvarez, secretaria do Concello de Cospeito (Lugo).
4ª vogal: Rebeca Vázquez Vázquez, oficiala maior do Concello de Ferrol (A Coruña).
– Tribunal suplente:
Presidente: José María Vázquez Pita, secretario do Concello de Arteixo (A Coruña).
Secretaria e 1ª vogal: Sonia Corral Corral, viceinterventora do Concello de Ferrol (A Coruña).
2ª vogal: Anabel Corral Corral, tesoureira do Concello de Cerceda (A Coruña).
3ª vogal: María Emilia García Maneiro, interventora do Concello de Camariñas (A Coruña).
4ª vogal: Patricia Chas Filgueira, interventora do Concello de Cabana de Bergantiños (A Coruña).
* Normativa supletoria:
En todo o non previsto nestas bases observarase o disposto no Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, e demais normativa de aplicación.
Concello de Ponteareas (Pontevedra):
– Denominación do posto: vicesecretario/a.
– Denominación da Corporación: Concello de Ponteareas (Pontevedra).
– Subescala: Secretaría-Intervención.
– Nivel de complemento de destino: 29.
– Contía anual do complemento específico: 1.463,27 €/mes.
– Entrevista: non se prevé.
* Baremo de méritos específicos:
Non se consideran.
* Méritos de valoración autonómica:
A valoración dous méritos autonómicos efectuarase de conformidade co disposto na normativa autonómica reguladora.
* Méritos xerais:
A valoración dos méritos xerais efectuarase de conformidade co disposto na normativa estatal reguladora.
De acordo co establecido no Decreto 103/2008, do 8 de maio, exíxese como requisito o coñecemento da lingua galega, que se acreditará mediante a presentación, coa solicitude de participación no concurso ou da petición de cobertura do posto, da documentación xustificativa de estar en posesión do certificado da lingua galega (Celga 4) ou do seu equivalente.
* Comisión de Valoración:
– Tribunal titular:
Presidenta: Ana Beatriz Oveja Villafañe, persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional pertencente á subescala de Secretaría, categoría de entrada.
Secretario e 1º vogal: Jorge Moreno Martín-Caloto, persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional pertencente á subescala de Secretaría-Intervención.
2º vogal: Jacobo Uberto Rodríguez Fernández, persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional pertencente á subescala de Intervención-Tesouraría, categoría de entrada.
3ª vogal: María Álvarez Alvar, persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional pertencente á subescala de Secretaría, categoría de entrada.
4º vogal: Jacobo Manuel Rayón Cedeira, persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional pertencente á subescala de Secretaría-Intervención.
– Tribunal suplente:
Presidente: José Antonio Rueda de Valenzuela, persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional pertencente á subescala de Intervención-Tesouraría, categoría de entrada.
Secretaria e 1ª vogal: María Cristina Varela García, persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional pertencente á subescala de Secretaría-Intervención.
2º vogal: Dalmiro Núñez Méndez, persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional pertencente á subescala de Secretaría-Intervención.
3ª vogal: Ana Sueiro Verdura, persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional pertencente á subescala de Secretaría-Intervención.
4ª vogal: Elena Sanuy Garabatos, persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional pertencente á subescala de Secretaría-Intervención.
* Normativa supletoria:
En todo o non previsto nestas bases observarase o disposto no Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, e demais normativa de aplicación.
