A Lei 9/2015, do 7 de agosto, de financiamento das formacións políticas e das fundacións e entidades vinculadas ou dependentes delas (DOG núm. 165, do 31 de agosto de 2015), establece no seu artigo 31 que a Comunidade Autónoma de Galicia, con cargo aos orzamentos xerais do exercicio correspondente, outorgará ás formacións políticas con representación no Parlamento de Galicia, e que así o soliciten en cada exercicio, subvencións anuais non condicionadas para atender os gastos de funcionamento en que tales formacións incorran no territorio da Comunidade Autónoma. Estas subvencións recóllense expresamente no artigo 2 da Lei orgánica 8/2007, do 4 de xullo, sobre financiamento dos partidos políticos (BOE núm. 160, do 5 de xullo), dentro da relación de recursos económicos das formacións políticas.
O artigo 33 da Lei 9/2015 fixa o criterio de repartición do importe da subvención en proporción ao número de escanos e ao número de votos obtidos por cada formación nas últimas eleccións ao Parlamento de Galicia. A Resolución da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias do 13 de xaneiro de 2025 fixou, de conformidade co establecido na lei, o importe da subvención que corresponde a cada unha destas formacións políticas no exercicio 2025.
Tendo en conta o anterior, as cantidades aboadas a cada formación política con representación no Parlamento de Galicia son as seguintes:
|
Formación política |
Importe da subvención |
|
Partido Popular |
1.032.720,28 € |
|
Bloque Nacionalista Galego |
667.480,74 € |
|
Partido dos Socialistas de Galicia-PSOE |
275.982,80 € |
|
Democracia Ourensana |
23.816,18 € |
|
Total |
2.000.000,00 € |
O artigo 44 da Lei 9/2015, do 7 de agosto, de financiamento das formacións políticas e das entidades vinculadas ou dependentes delas, dispón que «A Administración xeral da Comunidade Autónoma publicará, dentro dos tres meses seguintes á súa concesión, a información relativa ás subvencións outorgadas ás formacións políticas e ás fundacións e entidades vinculadas no exercicio anterior, con indicación do seu importe, obxectivo ou finalidade, beneficiarios ou beneficiarias e identificación da normativa reguladora. A publicación efectuarase no Diario Oficial de Galicia, así como na páxina web do órgano concedente, dunha maneira clara, estruturada e entendible para as persoas interesadas, de modo que figuren nun mesmo documento os beneficiarios ou beneficiarias, o importe e os conceptos relativos á subvención de que se trate, e en formatos reutilizables.»
En vista de todo o anterior,
RESOLVO:
Facer pública a información indicada da forma prevista no artigo 44 da Lei 9/2015, do 7 de agosto, de financiamento das formacións políticas e das entidades vinculadas ou dependentes delas.
Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2026
Sandra Vázquez Domínguez
Directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias
