Tras ser examinado o expediente iniciado por solicitude de Eólicos Touriñán, S.A. e actualmente promovido polas sociedades Engie Proyecto Touriñán, S.L.U., Naturgy Renovables, S.L.U. e Norvento, S.L.U., en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción da LAT 66/220 kV Pico Touriñán-Tivo, constan os seguintes
Antecedentes de feito:
Primeiro. O 21.12.2011 Eólicos Touriñán, S.A. presentou a solicitude de autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a declaración de impacto ambiental e a aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal das instalacións do proxecto LAT 66 kV Pico Touriñán-Tivo.
Segundo. O 21.12.2012 a sociedade Eólicos Touriñán, S.A. comunicou a fusión por absorción da empresa Enel Green Power España, S.L. como sociedade absorbente, e Eólicos Touriñán, S.A. como sociedade absorbida, operación elevada ao público mediante a escritura do 20.4.2012.
Terceiro. O proxecto do parque eólico Pico Touriñán e a súa liña de evacuación foron declarados de interese especial polo Consello da Xunta o 21 de decembro de 2017 (DOG núm. 26, do 6 de febreiro de 2018).
Cuarto. O 28.6.2018 Enel Green Power España, S.L. achegou documentación ambiental actualizada e solicitou a continuación da tramitación da liña de evacuación de referencia.
O 18.7.2018 a promotora achegou o proxecto de execución actualizado xunto coas súas correspondentes separatas, o estudo de impacto ambiental, o estudo de impacto arqueolóxico e o proxecto sectorial.
Nesta documentación recóllese o aumento de capacidade da liña de evacuación para permitir a conexión doutras instalacións de produción en tramitación.
Quinto. O 14.8.2018 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático emitiu un informe en relación co disposto no artigo 33.4 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, na súa redacción vixente nesa data, para os efectos de indicar o procedemento ambiental que cumprirá seguir e os organismos que se deberán consultar durante a fase de información pública.
Sexto. O 2.10.2018 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu un informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009, na súa redacción vixente nesa data, onde se recollen os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.
Sétimo. O 5.10.2018, de acordo co disposto no artigo 33.6 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, na súa redacción vixente nesa data, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas (actualmente Dirección Xeral e Planificación Enerxética e Minas) remitiulle o expediente á Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía, Emprego e Industria co fin de continuar coa súa tramitación.
Oitavo. Mediante a Resolución do 29 de outubro de 2018, da Xefatura Territorial de Pontevedra, someteuse a información pública o estudo de impacto ambiental e a solicitude das autorizacións administrativas previa e de construción, a aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e a declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica.
A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 6.11.2018 (coa súa corrección de erros publicada no DOG do 20.11.2018) e no xornal Faro de Vigo do 6.11.2018. Así mesmo, remitiúselles para a súa exposición pública ás xefaturas territoriais de Pontevedra da Consellería de Economía, Emprego e Industria e da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, e aos concellos afectados de Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Campo Lameiro, Moraña, Portas e Caldas de Reis.
Durante o dito período de exposición pública presentáronse diversas alegacións, todas elas contestadas pola promotora.
Noveno. Durante a tramitación do procedemento, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución aos seguintes organismos e empresas de servicio público: Augas de Galicia, Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Deputación Provincial de Pontevedra, Dirección Xeral de Estradas do Ministerio de Fomento, Red Eléctrica de España, S.A., Telefónica de España, S.A.U., Unión Fenosa Distribución, Compañía Logística de Hidrocarburos CLH, S.A. e os concellos da Estrada, Caldas de Reis, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Moraña e Portas.
A seguir, relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia, o 12.2.2019; Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), o 9.11.2018, o 1.4.2019 e o 24.5.2019; Deputación Provincial de Pontevedra, o 7.12.2018; Dirección Xeral de Estradas do Ministerio de Fomento, o 26.2.2019 e o 16.10.2019; Compañía Logística de Hidrocarburos CLH, S.A., o 12.12.2018; Red Eléctrica de España, S.A., o 19.11.2018; Unión Fenosa Distribución, o 12.12.2018; o Concello da Estrada, o 20.11.2018; o Concello de Campo Lameiro, o 19.11.2018 e o 7.1.2019; o Concello de Moraña, o 16.1.2019; e o Concello de Portas, o 16.1.2019.
O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.
Para o resto de organismos aos cales se lles solicitou o condicionado técnico, e tras a reiteración efectuada pola xefatura territorial, non se recibiu resposta.
Décimo. O 16.7.2019 a Xefatura Territorial remitiulle á Dirección Xeral de Enerxía e Minas a documentación do expediente, co fin de continuar coa tramitación do procedemento previsto na Lei 21/2013 para a emisión da declaración de impacto ambiental (DIA).
Décimo primeiro. O 4.2.2020 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa á liña de evacuación, que se fixo pública mediante o Anuncio do 4 de febreiro de 2020 da dita dirección xeral (DOG núm. 33, do 18 de febreiro).
Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental ao cal o proxecto foi sometido recibíronse informes dos seguintes organismos: Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Instituto de Estudos do Territorio, Augas de Galicia, Dirección Xeral de Saúde Publica, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Concello da Estrada, Concello de Moraña, Concello de Portas e Concello de Campo Lameiro.
Décimo segundo. O 4.5.2020 a Xefatura Territorial remitiulle o expediente á Dirección Xeral de Enerxía e Minas para continuar coa tramitación do procedemento de autorización administrativa da liña de evacuación.
Décimo terceiro. O 17.5.2022 Enel Green Power España, S.L., como transmitente, e Greenalia Wind Power Touriñán, S.L.U., Wind Premier Rosa dos Ventos, S.L.U., Naturgy Renovables, S.L.U. e Norvento, S.L.U., como adquirentes, solicitaron a transmisión da titularidade da liña de evacuación e designaron a Norvento, S.L.U. como representante ante a Administración. O 29.6.2022 e o 17.10.2022 achegaron documentación complementaria.
Na súa solicitude, as sociedades adquirentes detallan as cotas de participación previstas para cada unha delas nos diferentes tramos en que se divide o proxecto. Así mesmo, manifestan que todas elas están de acordo en designar a Norvento, S.L.U. como interlocutora ante a Administración.
Esta solicitude de transmisión vén motivada polo cambio no punto de conexión previsto para o parque eólico Pico Touriñán, para o cal Red Eléctrica de España outorgou o 21.7.2020 permiso de acceso á rede de transporte na subestación Silleda 400 kV, de forma que este parque eólico deixou de estar incluído no conxunto de instalacións que proxectan evacuar a través da LAT Pico Touriñán-Tivo. O 23.12.2020 Enel Green Power España, S.L. presentou unha solicitude de autorización administrativa previa e de construción para o proxecto dunha nova infraestrutura de evacuación do parque eólico Pico Touriñán, denominado LAT 132 kV SET PE Pico Touriñán-SET PE Monte Festeiros.
Décimo cuarto. O 1.6.2022 o Servizo de Montes de Pontevedra e o Distrito Forestal XIX emitiron un informe favorable en relación coa proposta achegada o 4.5.2022 por Enel Green Power España, S.L. para reducir as afeccións do proxecto sobre o monte de utilidade pública de Agüeiros, en cumprimento do establecido no número 3.9.1 da DIA: «De xeito previo ao inicio das obras, o promotor deberá contar co informe favorable da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal de acordo co Servizo de Montes de Pontevedra e o Distrito Forestal XIX Caldas-O Salnés. O dito informe seralle remitido ao órgano substantivo xunto con toda a documentación que considere oportuna».
No seu informe do 1.6.2022, o Servizo de Montes de Pontevedra e o Distrito Forestal XIX conclúen: «Por todo o exposto emito informe favorable sobre a variante A coas dúas medidas adicionais propostas (nova altura de apoios e apertura selectiva das rúas), xa que reduce significativamente o impacto da liña sobre o monte de UP e ten un impacto global similar ao trazado inicial. En todo caso, a autorización administrativa da obra debe condicionarse ao cumprimento por parte do promotor, durante toda a vida útil da liña, do mantemento selectivo preciso da biomasa baixo a liña».
Décimo quinto. O 1.9.2022 Enel Green Power España, S.L. achegou unha addenda ambiental en que se recollen as modificacións introducidas no proxecto para dar cumprimento ao número 3.9.1 da DIA, de acordo co indicado no antecedente de feito anterior. Estes cambios consisten, con carácter xeral, no desprazamento da traza da liña entre os apoios 39 e 49.
O 20.10.2022, en resposta á solicitude do 7.10.2022 da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático informou que se consideraba cumprido o establecido no número 3.9 da DIA e que non existían máis afeccións ambientais que as xa avaliadas nela.
Décimo sexto. O 21.11.2022 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais autorizou a transmisión de titularidade do expediente da liña de evacuación a favor das sociedades Greenalia Wind Power Touriñán, S.L.U., Wind Premier Rosa dos Ventos, S.L.U., Naturgy Renovables, S.L.U. e Norvento, S.L.U.
Décimo sétimo. O 22.11.2022 Enel Green Power España, S.L. achegou o proxecto de execución refundido da liña de evacuación. Neste documento, no cal se reflicten os cambios introducidos como consecuencia dos condicionados emitidos polos distintos organismos durante a tramitación do procedemento, redúcense as infraestruturas que se deberán executar (suprímese o apoio 1a e o tendido do circuíto de 66 kV entre os apoios 1a e 36), posto que non se evacuará a través desta liña a enerxía xerada polo parque eólico Pico Touriñán.
Así mesmo, recóllense os parques eólicos que evacuarán a través desta liña eléctrica, entre eles, Acibal, promovido por Norvento, S.L.U., Touriñán III-2, promovido por Grenalia Wind Power Touriñán, S.L.U., Rosa dos Ventos, promovido por Wind Premier Rosa dos Ventos, S.L.U., e Portovidros e Campos das Rosas, ambos promovidos por Naturgy Renovables, S.L.U.
Décimo oitavo. O 2.12.2022, en cumprimento da Resolución do 21 de novembro de 2022 recollida no antecedente de feito décimo sexto, os representantes das sociedades Enel Green Power España S.L., Greenalia Wind Power Touriñán, S.L.U., Wind Premier Rosa dos Ventos, S.L.U., Naturgy Renovables, S.L.U. e Norvento, S.L.U. comunicaron a transmisión efectiva da titularidade da liña de evacuación.
Décimo noveno. O 18.1.2023, en resposta ao requirimento da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais do 12.1.2023, Norvento, S.L.U. achegou documentación adicional, entre ela o documento ambiental en que se reflicten as modificacións mencionadas no antecedente de feito décimo sétimo.
Vixésimo. O 20.1.2023 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulle á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático a documentación achegada por Norvento, S.L.U. o 18.1.2023, para os efectos do previsto no artigo 52 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro. Así mesmo, remitiulle á Xefatura Territorial o proxecto refundido achegado o 22.11.2022 para os efectos de que emitise o correspondente informe.
Vixésimo primeiro. O 3.3.2023 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu informe en que se conclúe: «Á vista dos cambios do proxecto sinalados na documentación achegada non procede iniciar un novo trámite de avaliación ambiental ao considerar que as modificacións pretendidas non se atopan dentro dos supostos recollidos no artigo 7 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental». No dito informe establécese, así mesmo, o correspondente condicionado.
Vixésimo segundo. O 7.7.2023, en resposta ao requirimento da xefatura territorial do 7.6.2023, Norvento, S.L.U. achegou unha nova versión do proxecto da liña de evacuación Refundido proxecto de execución LAT 66/220 kV SET Pico Touriñán-SET Tivo, xullo de 2023, asinado polo enxeñeiro industrial da ICAI Pablo María Fernández Castro (colexiado número 985/201 do Colexio Nacional de Enxeñeiros do ICAI).
Vixésimo terceiro. O 23.11.2023 a Xefatura Territorial emitiu o informe sobre o proxecto recollido no antecedente de feito vixésimo segundo, en relación co cumprimento da normativa de instalacións industriais e eléctricas, no cal se conclúe que non se encontra impedimento para que se continúe coa tramitación do procedemento de autorización correspondente.
Non obstante, sinálase que existen discrepancias entre o proxecto de referencia e os proxectos de execución autorizados para a construción dos parques eólicos Campo das Rosas e Touriñán III-2, relativas á conexión destes parques á liña nos apoios 1b e 11, respectivamente, do tramo aéreo desta.
Vixésimo cuarto. Mediante a Resolución do 28 de outubro de 2024 desta dirección xeral, arquivouse a solicitude de autorización administrativa previa e de construción do parque eólico Rosa dos Ventos, promovido por Wind Premier Rosa dos Ventos, S.L.U.
Vixésimo quinto. O 16.12.2024 esta dirección xeral tomou razón do cambio de denominación social de Grenalia Wind Power Touriñán, S.L.U. por Engie Proyecto Touriñán, S.L.U., con respecto ao expediente do parque eólico Touriñán III-2, así como do cambio de socio único da sociedade a favor de Engie España Renovables, S.L.U.
Vixésimo sexto. O 18.2.2025 Norvento, S.L.U. achegoulle á Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático un documento acreditativo da existencia dun acordo vinculante subscrito polos titulares de instalacións con permisos de acceso e conexión outorgado na posición de chegada á subestación da rede de transporte ou distribución.
Así mesmo, Norvento, S.L.U. achegou o documento Refundido proxecto de ejecución LAT 66/220 kV SET Pico Touriñán-SET Tivo, febreiro de 2025, asinado o 18.2.2025 polo enxeñeiro industrial do ICAI Pablo María Fernández Castro. O 27.2.2025 a dita dirección xeral remitiulle o proxecto ao Departamento Territorial de Pontevedra da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, e solicitoulle a emisión do informe correspondente.
Vixésimo sétimo. O 28.3.2025, en resposta ao requirimento do Departamento Territorial do 20.3.2025, Norvento, S.L.U. achegou a documentación complementaria.
Vixésimo oitavo. O 4.4.2025 o Departamento Territorial de Pontevedra emitiu un informe sobre o proxecto refundido recollido no antecedente de feito vixésimo sexto, no cal se conclúe que non se observa impedimento para que se continúe coa tramitación do procedemento de autorización correspondente.
Vixésimo noveno. O 11.4.2025 Norvento, S.L.U. achegou escrito no cal solicita que se continúe coa tramitación da autorización administrativa previa e de construción da liña de evacuación, de forma independente ao procedemento de declaración de utilidade pública.
Trixésimo. O 15.1.2026 Norvento, S.L.U. achegou a documentación actualizada relativa á titularidade da liña de evacuación, na cal se recollen como promotoras da LAT as sociedades Norvento, S.L.U., Naturgy Renovables, S.L.U. e Engie Proyecto Touriñán, S.L.U.
Posteriormente, o 30.1.2026 a dita sociedade achegou un escrito asinado polas ditas promotoras, así como por Wind Premier Rosa dos Ventos, S.L.U., no cal se fai constar que esta última sociedade desiste na tramitación da LAT, debido ao arquivo do seu proxecto PE Rosa dos Ventos e, en consecuencia, deixa de posuír a figura de titular da LAT. Solicitan, así mesmo, que se continúe coa tramitación do procedemento.
Trixésimo primeiro. O 5.2.2026 esta dirección xeral autorizou a transmisión da titularidade da LAT a favor das sociedades Norvento, S.L.U., Naturgy Renovables, S.L.U. e Engie Proyecto Touriñán, S.L.U.
Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes
Fundamentos de dereito:
Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia; no Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático (modificado, entre outros, polo Decreto 106/2025, do 11 de novembro), e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia; polo artigo 39 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas; polo artigo 46 da Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas; polo artigo 39 da Lei 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas; pola disposición derradeira segunda da Lei 2/2024, do 7 de novembro, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia; polo artigo 30 da Lei 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, e polo artigo 24 da Lei 5/2025, do 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.
Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nas demais normas vixentes de aplicación.
Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, e vistas as respostas efectuadas pola promotora, cómpre indicar o seguinte:
1. No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, débese indicar que estas foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático o 4.2.2020, en que se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental nas cales se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias e a necesidade dun plan de vixilancia ambiental.
Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental ao cal o proxecto foi sometido, e tal e como se recolle no antecedente de feito décimo primeiro, recibíronse informes dos seguintes organismos: Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Instituto de Estudos do Territorio, Augas de Galicia, Dirección Xeral de Saúde Publica, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Concello da Estrada, Concello de Moraña, Concello de Portas e Concello de Campo Lameiro.
2. No que respecta ás alegacións relacionadas coa tramitación da declaración de utilidade pública do proxecto, cómpre indicar que esta non constitúe o obxecto desta resolución, e que estas se terán en conta na resolución que se adopte no dito procedemento.
Cuarto. A continuación, recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións da liña de evacuación de referencia, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático o 4.2.2020, e recollida no antecedente décimo primeiro desta resolución:
a) Na dita declaración, o órgano ambiental resolve o seguinte:
«Formular a declaración de impacto ambiental favorable para o proxecto nos termos propostos polo Servizo de Avaliación Ambiental de Proxectos, en cumprimento do disposto no artigo 12 do Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos».
b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións da LAT 66/220 kV Pico Touriñán-Tivo.
Nas epígrafes 3 e 4 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:
3. Ámbito da DIA e condicións ambientais.
3.1. Ámbito da DIA.
3.2. Protección da atmosfera.
3.3. Protección das augas e leitos fluviais.
3.4. Protección do solo e infraestruturas.
3.5. Xestión de residuos.
3.6. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.
3.7. Protección do patrimonio cultural.
3.8. Integración paisaxística e restauración.
3.9. Outras condicións.
4. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.
De acordo con todo o que antecede,
RESOLVO:
Primeiro. Outorgar a autorización administrativa previa á LAT 66/220 kV Pico Touriñán-Tivo, nos concellos de Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Campo Lameiro, Moraña, Portas e Caldas de Reis (Pontevedra), e promovida polas sociedades Engie Proyecto Touriñán, S.L.U., Naturgy Renovables, S.L.U. e Norvento, S.L.U.
Segundo. Outorgar a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da LAT 66/220 kV Pico Touriñán-Tivo, nos concellos de Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Campo Lameiro, Moraña, Portas e Caldas de Reis (Pontevedra), composto polo documento Refundido proxecto de execución LAT 66/220 kV SET Pico Touriñán-SET Tivo, febreiro de 2025, asinado o 18.2.2025 polo enxeñeiro industrial do ICAI Pablo María Fernández Castro, colexiado número 985/201 do ICAI.
As características principais do proxecto son as seguintes:
Solicitantes/promotores: Engie Proyecto Touriñán, S.L.U., Naturgy Renovables, S.L.U. e Norvento, S.L.U.
Denominación: LAT 66/220 kV SET Pico Touriñán-SET Tivo.
Concellos afectados: Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Campo Lameiro, Moraña, Portas e Caldas de Reis (Pontevedra).
Orzamento total (execución material): 3.804.518,00 €.
Coordenadas indicadas no proxecto que definen as posicións dos apoios da liña en proxección UTM utilizando o ETRS89 no fuso 29:
|
Apoio |
UTM-X |
UTM-Y |
|
1.b |
543.610,02 |
4.713.617,23 |
|
2 |
543.385,30 |
4.713.764,59 |
|
3 |
543.095,40 |
4.714.016,41 |
|
4 |
542.903,56 |
4.714.183,05 |
|
5 |
542.559,84 |
4.714.230,88 |
|
6 |
542.165,28 |
4.714.079,67 |
|
7 |
541.770,73 |
4.713.928,46 |
|
8 |
541.424,65 |
4.713.683,63 |
|
9 |
541.060,06 |
4.713.425,69 |
|
10 |
540.857,41 |
4.713.282,32 |
|
11 |
540.608,42 |
4.713.106,16 |
|
12 |
540.307,67 |
4.712.893,39 |
|
13 |
539.962,98 |
4.712.649,54 |
|
14 |
539.776,37 |
4.712.517,51 |
|
15 |
539.329,80 |
4.712.201,58 |
|
16 |
538.998,10 |
4.711.966,90 |
|
17 |
538.855,62 |
4.711.924,10 |
|
18 |
538.662,54 |
4.711.866,10 |
|
19 |
538.169,11 |
4.711.717,87 |
|
20 |
537.906,18 |
4.711.727,05 |
|
21 |
537.501,53 |
4.711.741,17 |
|
22 |
537.274,89 |
4.711.749,09 |
|
23 |
536.847,77 |
4.711.647,34 |
|
24 |
536.681,89 |
4.711.607,83 |
|
25 |
536.502,58 |
4.711.565,11 |
|
26 |
536.353,31 |
4.711.602,22 |
|
27 |
535.980,32 |
4.711.694,95 |
|
28 |
535.800,79 |
4.711.739,58 |
|
29 |
535.500,56 |
4.711.814,21 |
|
30 |
535.279,29 |
4.711.869,22 |
|
31 |
534.934,46 |
4.711.879,31 |
|
32 |
534.545,78 |
4.711.890,68 |
|
33 |
534.260,32 |
4.712.032,37 |
|
34 |
533.896,58 |
4.712.212,92 |
|
35 |
533.565,82 |
4.712.155,11 |
|
36 |
533.285,00 |
4.712.106,00 |
|
37 |
533.014,00 |
4.712.128,75 |
|
38 |
532.839,37 |
4.712.281,89 |
|
39 |
532.600,66 |
4.712.491,22 |
|
40 |
532.446,86 |
4.712.573,56 |
|
41 |
532.284,07 |
4.712.660,71 |
|
42 |
531.830,77 |
4.712.903,39 |
|
43 |
531.586,70 |
4.713.034,05 |
|
44 |
531.266,20 |
4.713.205,63 |
|
45 |
530.928,59 |
4.713.376,73 |
|
46 |
530.716,27 |
4.713.484,33 |
|
47 |
530.457,40 |
4.713.615,53 |
|
48 |
530.319,85 |
4.713.697,23 |
|
49 |
529.928,90 |
4.713.884,54 |
|
50 |
529.824,76 |
4.713.933,32 |
|
51 (PAS) |
529.500,07 |
4.714.085,36 |
Características técnicas principais do proxecto:
A instalación consiste nunha liña de alta tensión, cunha parte aérea de 51 apoios e cunha parte final subterránea. A liña, na súa parte inicial, ten unha configuración de simple circuíto en 220 kV e, a partir do apoio 36, é de dobre circuíto 66/220 kV.
Para facilitar a participación de cada promotora no proxecto e permitir o seu desenvolvemento de forma compasada ao das instalacións de xeración, a liña dividiuse en cinco tramos:
• Tramo 1: liña aérea en simple circuíto en 220 kV con orixe no apoio 1b e final no apoio 11 (non incluído), cunha lonxitude de 3.523 metros e condutor 242-AL1/39-ST1A (LA-280) simplex. No dito tramo os apoios calculáronse para soportar un segundo circuíto de características similares.
• Tramo 2: liña aérea en simple circuíto en 220 kV con orixe no apoio 11 e final no apoio 36 (non incluído), cunha lonxitude de 7.867 metros e condutor 242-AL1/39-ST1A (LA-280) simplex. No dito tramo os apoios calculáronse para soportar un segundo circuíto de características similares.
• Tramo 3: liña en dobre circuíto 66/220 kV cunha parte en aéreo e outra en subterráneo. Con orixe no apoio 36 e final na acometida á subestación Tivo 220 kV e cunha lonxitude global de 5.234 metros.
Tramo 3 aéreo: liña aérea 66/220 kV en dobre circuíto con orixe no apoio 36 e final no apoio 51 de paso de aéreo a subterráneo (PAS), de 4.309 metros de lonxitude, con condutor 242-AL1/39-ST1A (LA-280) simplex. O dito tramo calculouse para soportar situacións intermedias de tendido nas cales só se instale un dos circuítos.
Tramo 3 subterráneo: liña subterránea 66/220 kV de dobre circuíto con orixe no apoio 51 de paso de aéreo a subterráneo (PAS) e final nas coordenadas x= 529.262,30; y= 4.714.719,07 (punto onde se separan os circuítos de 66 kV e de 220 kV), de 925 metros de lonxitude, con condutores Hersatene RHZ1-RA+2OL (S) 36/66kV 1×630 Al2I+H95 e HVAC XLPE RHZ1 127/220 kV 1×630 Al2+H200.
• Tramo 4: liña subterránea 66 kV de simple circuíto con orixe nas coordenadas x= 529.262,30; y= 4.714.719,07 (punto onde se separan os circuítos de 66 kV e de 220 kV) e final na posición de xeración na subestación Tivo 66 kV, de 430 metros de lonxitude, con condutor Hersatene RHZ1-RA+2OL (S) 36/66 kV 1×630 Al2I+H95.
• Tramo 5: liña subterránea 220 kV de simple circuíto con orixe nas coordenadas x= 529.262,30; y= 4.714.719,07 (punto onde se separan os circuítos de 66 kV e de 220 kV) e final na posición de xeración na subestación Tivo 220 kV, de 20 metros de lonxitude, con condutor HVAC XLPE RHZ1 127/220 kV 1×630 Al2+H200.
As características xerais dos tramos aéreos (tramos 1 e 2 e parte do tramo 3) son as seguintes:
1. Frecuencia: 50 Hz.
2. Tensión nominal: 220 kV (tramos 1 e 2) e 66/220 kV (tramo 3).
3. Capacidade de transporte: 221,47 MW (tramos 1 e 2) e 66,20/221,47 MW (tramo 3).
4. Nº de circuítos: 1 (tramos 1 e 2) e 2 (tramo 3).
5. Nº de condutores por fase: 1.
6. Tipo de condutor: 242-AL1/39-ST1A (LA-280).
7. Nº de cables de fibra óptica: 1
8. Tipo de cables de fibra óptica: OPGW 2.48 F.
9. Zona: A e B (tramos 1 e 2), e A (tramo 3).
10. Tipo de illamento: vidro temperado U-120-BS.
11. Apoios: torres metálicas de celosía.
12. Cimentacións: zapatas illadas.
13. Posta a terra: picas, aneis e eléctrodos profundos.
14. Lonxitude: 3.523 metros (tramo 1), 7.867 metros (tramo 2), 4.309 metros (tramo 3).
As características xerais dos tramos subterráneos (parte do tramo 3 e tramos 4 e 5) son as seguintes:
1. Frecuencia: 50 Hz.
2. Tensión nominal: 66/220 kV (tramo 3), 66 kV (tramo 4) e 220 kV (tramo 5).
3. Tensión máis elevada: 72,5/245 kV (tramo 3), 72,5 kV (tramo 4) e 245 kV (tramo 5).
4. Capacidade de transporte: 50,16/204,16 MW (tramo 3), 50,16 MW (tramo 4) 204,16 MW (tramo 5).
5. Tipo de canalización: gabia formigonada baixo tubo/perforación dirixida (tramo 3) e gabia formigonada baixo tubo (tramos 4 e 5).
6. Tipo de conexión das pantallas: Mid Point (Doble Single Point).
7. Configuración dos condutores: en triángulo.
8. Nº de circuítos: 2 (tramo 3) e 1 (tramos 4 e 5).
9. Nº de condutores por fase: 1.
10. Tipo de condutor: Hersatene RHZ1-RA+20L (S) 36/66 1×630 AL2 e HVAC XLPE RHZ1 127/220 kV 1×630 AL2.
11. Tipo de cable de fibra óptica: cable dieléctrico NKF 8.48.
12. Profundidade da gabia: 1,32 m.
13. Ancho da gabia: 1,2 m (tramo 3) e 0,6 m (tramos 4 e 5).
14. Lonxitude de canalización: 925 m (tramo 3), 430 m (tramo 4) e 20 m (tramo 5).
15. Lonxitude do condutor: 960 m (tramo 3), 440 m (tramo 4) e 30 m (tramo 5).
A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:
1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, as sociedades promotoras constituirán, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do custo da restauración. De acordo coa proposta recollida no número 3.9 da declaración de impacto ambiental, fíxase o importe do aval en 78.611 euros, dos cales 33.803 euros corresponderán á fase de obras e 44.808 euros á de desmantelamento e abandono das instalacións.
A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, así como no número 3.9 da declaración de impacto ambiental.
2. En canto aos bens e dereitos afectados pola liña de evacuación e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, as sociedades promotoras cumprirán cos condicionados e informes emitidos por estes, para os cales se mostrou a súa conformidade.
No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións deste expediente, as sociedades promotoras deberán adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a eles.
3. As sociedades promotoras deberán dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.
4. No que respecta ao tramo da liña que transcorre sobre o monte de utilidade pública de Agüeiros, e de acordo co establecido no Informe do 1.6.2022 do Servizo de Montes de Pontevedra e do Distrito Forestal XIX, recollido no antecedente de feito décimo cuarto, as sociedades promotoras asegurarán durante toda a vida útil da instalación o tratamento selectivo do arboredo situado baixo a liña, que consistirá na eliminación de todas as especies incluídas na disposición adicional terceira da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, pero conservando as especies de frondosas que legalmente poden permanecer baixo a liña, sempre que manteñan a distancia mínima aos condutores establecida polo Regulamento electrotécnico de alta tensión. No caso de ser preciso, realizaranse podas en altura sobre as frondosas para manter esta distancia mínima de seguridade.
5. Con carácter previo á comunicación do inicio das obras, as sociedades promotoras deberán contar cos títulos habilitantes municipais de natureza urbanística dos terreos de implantación da liña de evacuación, previstos no artigo 40 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.
6. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, as sociedades promotoras deberanlle achegar ao Servizo de Seguimento e Oficina Técnica, da Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético da Consellería de Economía e Industria, o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no número 4 da declaración de impacto ambiental.
7. As sociedades promotoras deberán comunicarlle o inicio das obras con anterioridade ao prazo de dez (10) días á Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático e achegar toda a documentación necesaria establecida nas autorizacións administrativas e na declaración de impacto ambiental.
8. Cumprirase en todo momento canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobado polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, e no Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC RAT 01 a 23, aprobado polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio, así como as demais normativas e directrices vixentes que sexan de aplicación.
9. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, as sociedades promotoras deberán presentar ante o Departamento Territorial de Pontevedra un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, no cal conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que se aproba mediante esta resolución, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións da liña eléctrica.
10. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, o Servizo de Enerxías Renovables e Infraestruturas do Departamento Territorial de Pontevedra da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático inspeccionará as obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e nas demais que sexan de aplicación.
11. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, as sociedades promotoras disporán dun prazo de tres anos, contado desde o outorgamento da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. No caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.
12. De acordo co previsto no artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, establécese a responsabilidade solidaria de todas as promotoras da infraestrutura de evacuación que se autoriza, no que respecta a todas as obrigas impostas no trámite ambiental e na presente resolución de autorización, así como ás obrigas establecidas na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, para as persoas produtoras de enerxía eléctrica.
Por proposta das promotoras, recollida no antecedente de feito décimo terceiro, Norvento, S.L.U. actuará como interlocutora responsable coa Administración para os efectos da execución do proxecto e do cumprimento das obrigas impostas nesta autorización, con carácter particular, e na normativa do sector eléctrico, con carácter xeral.
13. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia da persoa interesada.
14. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para realizar as obras das instalacións autorizadas.
15. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.
Contra esta resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2026
Paula María Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático
