DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Martes, 7 de abril de 2026 Páx. 21381

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 27 de marzo de 2026 pola que se convoca a Xornada de presentación da Estratexia galega de contratación pública-Horizonte 2030.

Conforme os fins que lle asigna á Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e a normativa que a regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo) e os obxectivos do Instituto de Economía Pública de Galicia (IEP), recollidos no Protocolo entre a Consellería de Facenda e Administración Pública e a Escola Galega de Administración Pública polo que se establecen os principios reitores e de funcionamento do devandito instituto,

RESOLVO:

Convocar, en colaboración coa Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio, a Xornada de presentación da Estratexia galega de contratación pública-Horizonte 2030, de acordo coas bases que se indican a seguir:

Primeira. Obxectivos e contidos

A Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, prevé no seu artigo 334 que corresponde á Oficina Independente de Regulación e Supervisión da Contratación (Oirescon) a aprobación da Estratexia nacional de contratación pública (ENCP) cun horizonte temporal de catro anos.

Así mesmo, continúa establecendo que no ámbito das comunidades autónomas poderá elaborarse unha estratexia de contratación pública que deberá ser coherente coa estratexia nacional de contratación.

O obxectivo desta xornada é presentar a Estratexia galega de contratación pública-Horizonte 2030 e analizar os retos que hai que acadar e os obxectivos estratéxicos para a contratación pública nos vindeiros anos.

Os contidos da xornada serán os seguintes:

• Presentación da Estratexia galega de contratación pública.

• Simplificación, planificación e eficiencia.

• Contratación pública estratéxica: os criterios ambientais.

• Contratación pública estratéxica: os criterios sociais, innovación, territorio e pemes.

• Integridade, transparencia e profesionalización.

• A modernización da contratación pública: intelixencia artificial e contratación electrónica integral.

Segunda. Persoas destinatarias

Por orde de preferencia na selección haberá dous grupos de persoas destinatarias:

1. Persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, das entidades públicas instrumentais e da Administración institucional que realice funcións directamente relacionadas coa contratación pública.

2. Resto do persoal empregado público ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, das entidades públicas instrumentais e da Administración institucional.

O persoal indicado no número 1 desta base deberá achegar documentación unha vez formalizada a súa inscrición, tal como se indica na base quinta, número 5.

Terceira. Desenvolvemento

Data: xoves, 23 de abril de 2026.

Modalidade: presencial.

Horario: de mañá e de tarde.

Horas lectivas: 8.

Lugar: Escola Galega de Administración Pública (EGAP), rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Cuarta. Número de prazas

Número de prazas limitado á capacidade do local (215 prazas).

Quinta. Inscrición

1. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

2. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade, todas as persoas deberán introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo co requirido e establecido na base segunda desta resolución respecto das persoas destinatarias.

3. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área en que está integrada esta actividade (Réxime xurídico e actividade financeira das administracións públicas) e despois seleccionar no nome do curso a Xornada de presentación da Estratexia galega de contratación pública-Horizonte 2030.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. Unha vez formalizada a súa matrícula, e antes de que finalice o prazo de inscrición, as persoas solicitantes indicadas na base 2.1 deberán achegar ao correo electrónico novas.egap@xunta.gal a documentación que acredite as funcións indicadas no parágrafo.

6. O prazo para a inscrición permanecerá aberto desde as 9.00 horas do primeiro día hábil seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.59 horas do día 15 de abril de 2026.

Poderá obterse calquera outra información a través do correo electrónico <novas.egap@xunta.gal> ou, das 9.00 ás 14.00 horas, nos teléfonos 981 54 62 39 e 981 54 62 41.

Sexta. Comprobación de datos

1. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para a tramitación do procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes desta acción formativa necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opoña a iso.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán indicalo expresamente, incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular, e achegar os documentos que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración a través do correo electrónico <novas.egap@xunta.gal>.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recollidos nesta convocatoria.

Sétima. Criterios de selección

A orde de admisión levarase a cabo de acordo co indicado para as persoas destinatarias na base segunda desta convocatoria.

A preferencia na selección atenderá ao disposto na base segunda, números 1 e 2.

O criterio de ordenación subsidiario en cada grupo será en todo caso a data e hora de presentación das solicitudes.

Oitava. Publicación das listaxes de persoas seleccionadas, en reserva e excluídas

1. A EGAP publicará no enderezo web https://egap.xunta.gal as relacións das persoas seleccionadas, en reserva, no caso de que o número de solicitudes recibidas sexa superior ao número de prazas e, de ser o caso, as persoas excluídas nesta actividade, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

O prazo de presentación de alegacións será de dez días desde a súa publicación, de acordo co artigo 82.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Logo de transcorrer o prazo de alegacións, a EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> a listaxe definitiva de persoas admitidas na xornada. Contra esta listaxe poderase interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde a dita publicación, de acordo co disposto polos artigos 112.1, 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Novena. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas poderán renunciar á actividade formativa. A renuncia deberá ser comunicada o máis axiña posible e, en todo caso, como máximo o día 20 de abril de 2026, por correo electrónico dirixido a novas.egap@xunta.gal, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). Na páxina web da Escola está dispoñible un modelo de renuncia.

b) As persoas que incumpran o prazo previsto pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade, agás que a renuncia teña algunha das seguintes causas:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.

– Por razóns de conciliación familiar.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) Serán obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia:

c.1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas. En todo caso, estas faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días, contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado na actividade formativa.

c.2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte, contado a partir do día da finalización desta actividade.

Décima. Certificado de asistencia oficial

Ao final desta actividade emitirase un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula), a aquelas persoas rexistradas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a modalidade de desenvolvemento, a data e o lugar de realización desta actividade, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Décimo primeira. Facultades da EGAP

1. A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta actividade, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización, caso en que se empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

2. A EGAP garantirá, na acción derivada desta convocatoria, a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2026

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública