DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Mércores, 8 de abril de 2026 Páx. 21693

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

ORDE do 3 de abril de 2026 pola que se anuncia a convocatoria pública para a provisión, polo sistema de libre designación, dun posto de traballo vacante nesta consellería (código do posto CU.501.00.003.15770.001).

De conformidade co establecido no artigo 92 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e no artigo 26 do Decreto 151/2022, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento dos procedementos de mobilidade do persoal funcionario de carreira da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais integrantes do sector público autonómico, e no uso das atribucións conferidas polo artigo 17.2.c) da citada lei, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro. Anunciar a convocatoria para cubrir, polo sistema de libre designación, o posto de traballo vacante que se relaciona no anexo I desta orde.

Segundo. Poderá concorrer a ela o persoal funcionario de carreira que reúna as condicións para o posto de traballo que se sinala no anexo I.

Terceiro. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado correspondente ao procedemento administrativo PR004A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, mediante o cal se achegará a solicitude segundo o modelo que se inclúe no anexo II, no prazo de vinte (20) días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Cuarto. As persoas aspirantes deberán xuntar á súa solicitude un currículo e xustificar mediante certificación ou copia electrónica auténtica os méritos que aleguen. Así mesmo, achegarán en formato electrónico un proxecto de dirección do CGAC, que conterá as liñas de programación para desenvolver (máximo 5 páxinas), de acordo co establecido nos obxectivos e funcións do centro, que se recollen na disposición adicional sexta do Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se estable a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude (DOG núm. 101, do 27 de maio).

Quinto. Esta convocatoria será resolta pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. No caso de que resulte seleccionada para ocupar o posto de traballo que se anuncia no anexo I desta orde unha persoa funcionaria de carreira con destino noutra Administración pública, tramitarase o seu traslado a esta comunidade autónoma conforme o previsto no artigo 67 do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, e demais disposicións concordantes.

Así mesmo, para a provisión por persoal funcionario doutras administracións terase en conta o procedemento establecido no artigo 29 do citado Decreto 151/2022, do 4 de agosto.

Sexto. A resolución desta convocatoria publicarase no Diario Oficial de Galicia e poderase declarar deserta de considerarse oportuno.

Sétimo. O prazo de toma de posesión será de tres días hábiles se non implica cambio de residencia ou de sete días hábiles se comporta cambio de residencia. Cando a persoa adxudicataria do posto obteña coa súa toma de posesión o reingreso ao servizo activo, o prazo será dun mes, conforme o establecido no artigo 8 do Decreto 151/2022, do 4 de agosto.

O prazo posesorio cóntase a partir do día seguinte ao do cesamento, que deberá producirse dentro dos tres días hábiles seguintes ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, ou desde a data en que se comunique a resolución do traslado á comunidade autónoma, para o caso do persoal funcionario de carreira doutras administracións públicas. Se a resolución comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión cóntase a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

Oitavo. Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnala directamente perante o xulgado do contencioso-administrativo competente no prazo de dous meses contados a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2026

José Carlos López Campos
Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude

ANEXO I

Código do posto: CU.501.00.003.15770.001.

Denominación do posto: director/a.

Centro de destino: Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC).

Localidade: Santiago de Compostela.

Tipo de posto: S.

Corpo ou escala: xeral/especial (escala de facultativos de arquivos, bibliotecas e museos, especialidade museos).

Grupo: A1.

Nivel: 30.

Complemento específico: 26.303,90 euros.

Tipo de adscrición: A20(4) adscrición indistinta a funcionarios/as da Xunta de Galicia, Estado e comunidades autónomas, persoal docente con destino na Comunidade Autónoma de Galicia e Administración local.

Formación específica: (640) para persoal doutra Administración, curso de perfeccionamento de galego (R.I.); (648) certificación negativa do artigo 57 da Lei orgánica 8/2021, do 4 de xuño (R.I.).

missing image file