DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Mércores, 8 de abril de 2026 Páx. 21653

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 25 de marzo de 2026 pola que se aproban as bases reguladoras e se convoca o Concurso de literatura infantil e xuvenil do Día das Letras Galegas 2026 (código de procedemento PR775A).

Un dos fins da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), establecido no artigo 3 da Lei 14/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, é a difusión e normalización da lingua galega. Para conseguir este fin cómpre concienciar a persoas de todas as idades sobre a necesidade de fomentar a dinamización da nosa lingua e de coñecer e divulgar a cultura que a través dela nos transmitiron as xeracións devanceiras.

Por esta razón, como un dos actos que organiza a EGAP para homenaxear as Letras Galegas e, este ano en especial, a Begoña Caamaño, autora de dúas novelas nas cales reescribiu os mitos da Odisea e o artúrico, e mais xornalista, nun momento en que urxe reconstruír o espazo dun xornalismo para a cidadanía, comprometido coa verdade e co uso do galego. Coa súa lembranza, as Letras 2026 serán unha festa asomada á contemporaneidade, á pulsión do presente e á ollada feminista que vertebrou o seu pensamento, o seu traballo intelectual e a súa biografía.

Ao igual que na convocatoria do ano anterior, prevese novamente a posibilidade de que os contos poidan ser presentados tanto de forma presencial como electrónica. Esta alternativa permitirá aos nenos e nenas comezar a familiarizarse co emprego de ferramentas electrónicas e ter unha maior facilidade para comunicarse coa Administración.

En vista de todo o exposto,

RESOLVO:

Aprobar as bases reguladoras e convocar, en réxime de concorrencia competitiva, o Concurso de literatura infantil e xuvenil do Día das Letras Galegas 2026, de acordo coas seguintes bases:

Primeira. Obxecto, participantes e réxime xurídico

1. O concurso de literatura infantil e xuvenil do Día das Letras Galegas 2026 ten por obxecto incentivar a creatividade literaria a través do uso da lingua galega.

2. Está dirixido a nenas e nenos que teñan a súa veciñanza administrativa en calquera dos municipios da Comunidade Autónoma de Galicia e teñan idades comprendidas, en función das dúas categorías previstas, de 9 a 11 anos e de 12 a 14 anos. A idade estará referida á data de finalización do prazo de presentación de traballos.

Non poderán acceder a estes premios as persoas participantes cuxos representantes legais se atopen afectados por algunha das circunstancias previstas nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Tampouco poderán acceder os fillos e as fillas das persoas integrantes do xurado.

3. A concesión dos premios rexerase por estas bases; pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, subsidiariamente, pola Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de subvencións.

Segunda. Dotación e imputación orzamentaria

1. Existirán dúas categorías con tres premios en metálico cada unha delas, coa seguinte dotación económica:

Categorías

De 9 a 11 anos

De 12 a 14 anos

1º premio

250 euros

250 euros

2º premio

200 euros

200 euros

3º premio

150 euros

150 euros

2. Estas cantidades serán imputadas aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2026 con cargo á aplicación orzamentaria da EGAP 10.81.122B.480.0 e estarán suxeitas ao tratamento fiscal en vigor no momento da concesión.

Terceira. Características dos contos

1. Os contos serán inéditos e deberán redactarse en lingua galega. Non serán valorados aqueles textos que non cumpran uns requisitos mínimos de corrección idiomática no emprego da lingua galega.

2. A temática será libre. Terán unha extensión mínima dunha páxina e máxima de cinco e deberán estar escritos por unha soa cara. En caso de presentar os textos en papel, deberá utilizarse o tamaño A4 e non unir as páxinas con clips, grampas ou outros elementos. As páxinas deberán estar numeradas.

3. A primeira páxina do conto deberá incluír unicamente o título e o pseudónimo. No conto non poderá figurar ningún dato que permita identificar a persoa participante.

4. Queda prohibido o uso de tecnoloxías de intelixencia artificial para a elaboración dos contos presentados.

5. Poderán presentarse traballos premiados noutros concursos, agás que xa fosen premiados anteriormente pola EGAP, sempre que non fosen publicados.

6. Cada persoa participante poderá presentar unha única obra ao concurso, con independencia do número de pseudónimos que utilice.

Se se detecta a presentación de máis dun conto por unha mesma persoa, requirirase a súa emenda, para que indique cal deles mantén no certame, e quedarán excluídos os restantes.

Cuarta. Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

2. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. As solicitudes subscribiranas directamente as persoas interesadas con plena capacidade de obrar ou, se é o caso, os/as representantes legais das persoas solicitantes.

5. O prazo para a presentación das solicitudes será dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da publicación destas bases no Diario Oficial de Galicia.

Quinta. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas que opten pola presentación electrónica deberán utilizar o anexo I e achegar dous arquivos independentes en formato pdf do xeito seguinte:

a) Un arquivo, en formato pdf, que conteña o texto do conto coas características da base 3ª. Este arquivo nomearase do seguinte modo: CONTO_Título do conto.

b) Un arquivo, que conteña o certificado de nacemento. Este arquivo nomearase do seguinte modo: DATOS PERSOAIS_Título do conto.

2. No caso de que se opte pola presentación presencial, deberán presentar o anexo I de solicitude e achegar a seguinte documentación:

– Un sobre tamaño folio, pechado, coa seguinte inscrición na parte exterior: Concurso de literatura infantil e xuvenil do Día das Letras Galegas 2026, título do conto e pseudónimo. Dentro do sobre debe incluírse unicamente o conto coas características da base 3ª.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Sexta. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos das persoas representantes legais da persoa menor incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante legal do/da menor participante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

d) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

f) Comprobación de subvencións e axudas públicas concedidas.

g) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

h) Consulta dos datos de convivencia actual.

i) Consulta do certificado de nacemento.

2. No caso de que as persoas representantes legais se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Sétima. Instrución e tramitación das solicitudes

A Dirección da EGAP, directamente ou a través dos seus servizos administrativos, actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos recollidos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e realizará de oficio cantas actuacións xulgue necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe pronunciar o ditame de concesión dos premios. En particular, terá atribuídas especificamente as funcións de recepción dos orixinais presentados, a instrución e o requirimento da emenda ás persoas solicitantes ou representantes, se for necesario.

Oitava. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Novena. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

3. No caso de optar pola notificación en papel, practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderase rexeitadas cando transcorran dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décima. Xurado

1. Para a valoración dos textos constituirase un xurado formado por un máximo de seis persoas que serán nomeadas pola persoa titular da EGAP. No xurado procurarase unha presenza equilibrada de mulleres e homes. A súa composición farase pública na páxina web da EGAP.

2. As funcións da secretaría, con voz e sen voto, realizaraas unha persoa integrante do cadro de persoal da EGAP. As restantes persoas pertencerán ao ámbito literario (persoas autoras e/ou críticas literarias) e docente (especialistas en historia, lingua e/ou literatura galega). As deliberacións do xurado serán secretas.

3. Os premios poderán ser declarados desertos se así o considera o xurado.

4. Co fin de garantir o anonimato, a Dirección da EGAP facilitará ao xurado, para o desenvolvemento das súas funcións, unicamente o documento/sobre, segundo corresponda, relativo ás obras presentadas e manterá custodiada a identidade da persoa autora ata que se resolva o procedemento.

Décimo primeira. Criterios de valoración

O xurado fará unha listaxe dos textos presentados por orde de puntuación, tendo en conta os criterios de valoración seguintes:

a) Calidade literaria: ata 14 puntos.

Inclúese neste criterio o uso dun ritmo narrativo que estimule a lectura, unha estrutura ben elaborada, o coidado na presentación dos personaxes, o feito de espertar emocións, así como outros elementos que, debidamente motivados polo xurado, se integren no dito criterio.

b) Orixinalidade: ata 14 puntos.

Inclúese neste criterio o feito de tratar un tema novo, escribir desde unha perspectiva diferente, utilizar xiros inesperados ou ter un final sorprendente, así como outros elementos que, debidamente motivados polo xurado, se integren no dito criterio.

c) Valores culturais e que sustentan a democracia e os dereitos humanos, incluída a igualdade entre mulleres e homes, a igualdade de trato e a non discriminación, así como a prevención da violencia de xénero e o acoso escolar ou calquera outra manifestación de violencia: ata 10 puntos.

Inclúese neste criterio o feito de poñer en valor os ditos valores, denunciar condutas contrarias a eles ou sensibilizar a sociedade promovendo actitudes e comportamentos respectuosos con eles, así como outros elementos relacionados debidamente motivados polo xurado.

d) Coidado da lingua: ata 12 puntos.

Inclúese neste criterio o feito de escribir de modo claro e preciso, sen erros de gramática, ortografía, sintaxe ou léxico, así como outros elementos relacionados debidamente motivados polo xurado.

Décimo segunda. Resolución, comunicación e aceptación

1. A Dirección da EGAP, con base na proposta do xurado, resolverá o procedemento de concesión dos premios no prazo de cinco (5) días desde a data de elevación da proposta de resolución e, en todo caso, no prazo máximo sinalado na base décimo novena.

2. Deberá aceptarse o premio no prazo de dez (10) días, que se contarán a partir do día seguinte a aquel en que se publique a resolución de concesión do premio. Transcorrido este prazo sen que haxa manifestación expresa, o premio entenderase tacitamente aceptado.

Décimo terceira. Publicación dos actos

A resolución do premio publicarase no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Así mesmo, a dita resolución será igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da EGAP.

Décimo cuarta. Recursos

A resolución do procedemento porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpor, con carácter potestativo, recurso de reposición ante a directora da EGAP no prazo dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, nos termos dos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Así mesmo, cabe a interposición directa dun recurso contencioso-administrativo ante os xulgados desa xurisdición que resulten competentes, no prazo de dous (2) meses, contados desde o día seguinte ao da antedita publicación, de conformidade co disposto polos artigos 8.2 e 14 e 46, respectivamente, da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Décimo quinta. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Décimo sexta. Pagamento dos premios

1. Os premios outorgados serán aboados con cargo ao exercicio económico 2026.

2. A persoa participante que obteña o premio ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control que lle competen, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 3 de xuño, de subvencións de Galicia. Este premio non está exento de tributación.

Décimo sétima. Retirada de orixinais non premiados

Os textos non premiados poderán ser retirados das oficinas da EGAP, logo de presentar a solicitude de retirada asinada pola persoa que exerza a representación legal da persoa menor e unha identificación no momento da súa recollida, nun prazo de trinta (30) días contados a partir do seguinte ao da comunicación do xurado. Aqueles que non sexan retirados no prazo indicado serán destruídos, sen que caiba ningunha reclamación ao respecto.

Décimo oitava. Información e control. Revogación e reintegro

1. As persoas que representan legalmente as persoas beneficiarias dos premios quedan sometidas ás actuacións de comprobación e control efectuadas polo órgano competente para resolver, así como ás de control financeiro desenvolvidas pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, ou polo Consello de Contas, e o Tribunal de Contas, segundo a súa normativa propia.

Ademais, deberáselle facilitar á EGAP toda a información e documentación complementarias que considere precisa para a concesión ou o aboamento do importe dos premios.

2. Procederá a revogación do premio, así como o reintegro total da cantidade percibida e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento que resulten de aplicación.

Décimo novena. Duración do procedemento

Ao abeiro do establecido no artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non excederá cinco (5) meses desde a data de publicación desta convocatoria.

As solicitudes entenderanse desestimadas de non ditarse resolución expresa no prazo sinalado no parágrafo anterior.

Vixésima. Aceptación das bases e recursos

A participación nesta convocatoria supón a total aceptación destas bases.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e poderá ser impugnada en reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, de acordo co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, cabe a interposición directa de recurso contencioso-administrativo ante os xulgados desa xurisdición que resulten competentes, no prazo de dous (2) meses contados tamén a partir do día seguinte ao da publicación deste acto no Diario Oficial de Galicia.

No caso de que se opte polo recurso de reposición, non caberá interpoñer o recurso contencioso-administrativo ata que se resolva expresamente ou se produza a desestimación presunta por silencio do recurso de reposición interposto.

Vixésimo primeira. Publicación na Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Aclaración ou interpretación das bases

A Dirección da Escola Galega de Administración Pública poderá adoptar todos os actos e medidas necesarios para a aclaración ou interpretación destas bases.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2026

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file