DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Mércores, 8 de abril de 2026 Páx. 21650

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

EXTRACTO da Orde do 9 de marzo de 2026 pola que se autoriza a Fundación Cidade da Cultura de Galicia para outorgar subvencións, se aproban as bases reguladoras relativas ás axudas Rega, e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento CT898A).

BDNS (Identif.): 897040.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/897040

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderá participar nesta convocatoria calquera persoa física, estea ou non dada de alta no réxime especial de persoas autónomas, que desenvolva un proxecto artístico, vencellado ás artes visuais, escénicas, musicais, deseño, investigación e curadoría cultural e proxectos artísticos innovadores que utilicen medios dixitais e tecnolóxicos. Estas persoas deberán desenvolver as residencias de traballo nos espazos dispoñibles para este labor na Cidade da Cultura de Galicia en Santiago de Compostela, sempre que cumpra cos seguinte requisitos:

1. Cada proxecto pode ser presentado por unha persoa física individual, estea ou non dada de alta no réxime especial de persoas autónomas. Cada participante poderá presentar unha única solicitude e non se poderá optar a máis dunha axuda por solicitude. Os proxectos serán de creación específica, orixinais e inéditos.

2. De non cumprir con algún dos requisitos ou non poder executarse dentro do prazo determinado pola convocatoria, o proxecto quedará automaticamente excluído e procederá a devolución das cantidades xa desembolsadas da axuda.

Segundo. Obxecto

Ofrecer seis axudas para o desenvolvemento de proxectos artísticos con acompañamento de mentoría a través de residencias. Para iso realizarase unha selección dun máximo de seis proxectos vinculados ás artes visuais, escénicas, musicais, deseño, investigación e curadoría cultural e artística, así como proxectos artísticos innovadores que utilicen medios dixitais e tecnolóxicos no seu proceso. A escolma realizarase en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 9 de marzo de 2026 pola que se autoriza a Fundación Cidade da Cultura de Galicia para outorgar subvencións, se aproban as bases reguladoras relativas ás axudas Rega, e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento CT898A).

Cuarto. Importe

Cada proxecto seleccionado recibirá unha axuda de oito mil euros (8.000,00 €). Nesta cantidade inclúense o seu desenvolvemento, os gastos de transporte, estadía, manutención e posibles gastos de presentación pública do proxecto. Se o conxunto dos gastos que ocasione a residencia for maior, a axuda non será superior á cantidade indicada. O importe da axuda estará suxeito ás retencións que sexan de aplicación e as persoas beneficiarias non terán ningún outro dereito de carácter económico.

Ademais das axuda recollidas no parágrafo anterior, a Fundación porá á disposición das persoas beneficiarias en calquera dos seis proxectos o seguinte:

– O espazo de traballo para poder ser utilizado un mínimo de tres semanas e un máximo de seis semanas, en condicións axeitadas para o seu uso, con conexión wifi, seguridade, limpeza e climatización.

– Os recursos humanos propios de seguimento técnico de cada proxecto, segundo a dispoñibilidade e horario pactados de común acordo coas persoas beneficiarias dos proxectos seleccionados.

– Persoa mentora que acompañará cada proxecto.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes e da documentación será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o derradeiro día do mes.

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2026

José Carlos López Campos
Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude