DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Venres, 10 de abril de 2026 Páx. 22307

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 23 de marzo de 2026, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a resolución relativa á revisión do esbozo do monte veciñal en man común Portela e D’Arriba, no concello de Muíños.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do MVMC Portela e D’Arriba, pertencente á CMVMC de Xermeade, no concello de Muíños, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 5.5.2025, a CMVMC de Xermeade presentou unha solicitude (Rexel núm. 2025/1233721) de revisión do esbozo do MVMC Portela e D’Arriba, no concello de Muíños.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do Acordo da asemblea xeral do 6.4.2025.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes do Departamento Territorial do Medio Rural de Ourense emitiu un informe favorable o día 16 de maio de 2025 en relación coa citada solicitude.

O perímetro obxecto de revisión inclúe a práctica totalidade das estremas con particulares, coa única excepción dun pequeno couto redondo situado no extremo centro-norte do perímetro, no lugar coñecido como Lameliña, e máis do tramo SSO do perímetro, estremeiro co monte ou parcela Salgueiro, debido (…) á imposibilidade de delimitar correctamente as estremas nestas zonas.

A superficie do MVMC Portela e D’Arriba, unha vez modificado o esbozo, sería de 386,99 ha fronte ás 394 ha do acordo de clasificación, o que supón unha redución do 1,8 %.

Tendo en conta o anterior, emítese un informe favorable sobre a revisión do esbozo solicitada.

Consideracións legais e técnicas:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser revisados axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 16 de maio de 2025, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou, por unanimidade, o día 23 de febreiro de 2026:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Portela e D’Arriba, pertencente á CMVMC de Xermeade, no concello de Muíños.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 12 da citada Lei 13/1989, nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 23 de marzo de 2026

José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense

ANEXO

missing image file