DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Venres, 10 de abril de 2026 Páx. 21949

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

DECRETO 26/2026, do 6 de abril, polo que se nomea reitora magnífica da Universidade de Santiago de Compostela a profesora doutora Rosa María Crujeiras Casais.

A Lei orgánica 2/2023, do 23 de marzo, do sistema universitario, regula no seu artigo 51 a elección do reitor ou reitora entre o persoal docente e investigador permanente doutor a tempo completo e que reúna os méritos de investigación, docencia e experiencia de xestión universitaria que determinen os estatutos. O reitor ou reitora será elixido mediante elección directa por sufraxio universal ponderado por todos os membros da comunidade universitaria. A duración do seu mandato será por seis anos improrrogables e non renovables. O procedemento para a súa elección será o fixado polos estatutos da Universidade.

Os estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, aprobados polo Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro (DOG número 29, do 12 de febreiro), dispoñen, no seu artigo 82, que o reitor ou reitora será elixido/a pola comunidade universitaria e nomeado/a pola Xunta de Galicia.

Tras ser recibida na Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional unha certificación da secretaria xeral da Universidade de Santiago de Compostela en que consta que, unha vez realizadas as eleccións a reitor/a o 11 de marzo de 2026, Rosa María Crujeiras Casais acadou o apoio proporcional de máis da metade dos votos validamente emitidos, unha vez feitas e aplicadas as ponderacións correspondentes, realizouse a proclamación definitiva como reitora electa o 23 de marzo de 2026.

No uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por instancia da Universidade de Santiago de Compostela, por proposta do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día seis de abril de dous mil vinte e seis,

DISPOÑO:

Artigo único

Nomear reitora magnífica da Universidade de Santiago de Compostela a profesora doutora Rosa María Crujeiras Casais.

Santiago de Compostela, seis de abril de dous mil vinte e seis

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia,
Universidades e Formación Profesional