En virtude das facultades conferidas pola Resolución do 17 de outubro de 2023 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba o texto refundido que recolle as delegacións de facultades na dirección xeral, esta dirección xeral
RESOLVE:
Primeiro. Anunciar a convocatoria para a cobertura do posto que se indica no anexo I desta resolución, cuxas funcións se encontran publicadas no Diario Oficial de Galicia número 86, do 7 de maio de 2025, mediante a Resolución do 5 de maio de 2025, de modificación da súa estrutura organizativa.
Segundo. Aprobar as bases polas que se rexerá o proceso de selección, que se inclúen no anexo II.
Para participar nesta convocatoria as persoas candidatas utilizarán o modelo de solicitude que se inclúe no anexo III.
Terceiro. Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer potestativamente recurso de reposición ante este mesmo órgano, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo da cidade de Santiago de Compostela.
Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2026
Covadonga Toca Carús
Directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica
ANEXO I
Código: IN.IGAPE.00.000. 4050439.
Denominación do posto: director/a da Oficina Económica de Galicia en Madrid.
Dependencia: Dirección Xeral do Igape.
Localidade: Madrid.
Forma de provisión: persoal directivo (artigo 79 da Lei 16/2010, do 17 de decembro). Directivo do grupo II, nivel 3.
Tipo de persoal: alta dirección.
ANEXO II
Bases reguladoras da convocatoria da selección para o posto de director/a
da Oficina Económica de Galicia en Madrid
1. Obxecto da convocatoria.
Esta convocatoria ten por obxecto a cobertura do posto de director/a da Oficina Económica de Galicia en Madrid.
2. Vínculo.
O vínculo da persoa seleccionada formalizarase mediante un contrato laboral de alta dirección, ao abeiro do previsto no Real decreto 1382/1985, do 1 de agosto, polo que se regula a relación laboral de carácter especial do persoal de alta dirección, no artigo 17 do Decreto 119/2012, do 3 de maio, polo que se regulan as retribucións e percepcións económicas aplicables aos órganos de goberno ou dirección e ao persoal directivo das entidades do sector público autonómico, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
A persoa que ocupe o posto de director/a da Oficina Económica de Galicia en Madrid estará suxeita ao réxime de incompatibilidades recollido na Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas, de acordo co establecido na devandita lei.
3. Funcións e retribución do posto.
Son funcións propias do/da director/a da Oficina Económica de Galicia en Madrid as establecidas na Resolución do 5 de maio de 2025, publicada no Diario Oficial de Galicia número 86, do 7 de maio de 2025.
O posto de director/a da Oficina Económica de Galicia en Madrid está adscrito á Dirección Xeral do Igape e actuará baixo a coordinación da persoa titular da dita dirección xeral, segundo o establecido no Acordo do Consello de Dirección do Igape do 16 de marzo de 2026.
A retribución do posto de director/a da Oficina Económica de Galicia en Madrid estará dentro dos límites establecidos pola normativa aplicable vixente.
4. Requisitos das persoas aspirantes.
As persoas aspirantes deben reunir os requisitos seguintes:
Requisitos xerais:
1) Poderán participar no proceso selectivo as persoas que cumpran algunha das seguintes características:
– Ter nacionalidade española.
– Ser nacional dalgún dos Estados membros da Unión Europea.
– Ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais asinados pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores.
– Calquera que sexa a súa nacionalidade, tamén poderán participar os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito. Así mesmo, coas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.
– Ter residencia legal en España, no caso de tratarse de estranxeiros non incluídos nos puntos anteriores.
2) Ter feitos os 16 anos de idade.
3) Posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.
4) Non ter sido despedido mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para empregos ou cargos públicos por resolución xudicial para o acceso ao corpo ou escala funcionarial, ou para exercer funcións similares ás que desempeñaba no caso do persoal laboral que fose separado ou inhabilitado.
No caso de ser nacional doutro Estado, non atoparse inhabilitado/a ou en situación equivalente, nin ter sido sometido a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no seu Estado, nos mesmos termos, o acceso ao emprego público.
Requisitos específicos:
1) Estar en posesión dunha titulación universitaria de licenciatura ou grao.
No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberán estar en posesión da credencial que xustifique a súa homologación na data de remate do prazo de presentación de solicitudes. O requisito da homologación non será aplicable aos aspirantes que obtivesen o recoñecemento da súa cualificación profesional no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de dereito comunitario (Directiva 89/48/CEE, Directiva 2005/36/CE e Real decreto 1837/2008).
2) Coñecemento da lingua galega, acreditado cunha copia cotexada do título de perfeccionamento en lingua galega ou Celga 4, ou dos estudos equivalentes homologados polo órgano competente en materia de política lingüística. As persoas aspirantes que non dispoñan de títulos oficiais que acrediten o coñecemento da lingua galega serán convocadas pola Comisión de Selección para a realización dunha proba escrita en galego.
3) Acreditar unha experiencia mínima de 10 anos no desempeño de postos de directivos na empresa privada ou nunha Administración pública.
4) Acreditar experiencia en coordinación e colaboración institucional con órganos da Administración, e con entidades públicas e privadas para o impulso da actividade empresarial e industrial a través do asesoramento e seguimento de proxectos, así como en atracción de investimentos.
5. Solicitudes e documentación que se debe presentar.
a) Solicitude asinada, dirixida á directora xeral do Igape, segundo o modelo que figura como anexo III.
b) Currículo (CV), no cal se fará constar a concorrencia dos requisitos exixidos e dos puntos valorados segundo as bases desta convocatoria.
c) Copia cotexada do título exixido para o posto, ou do documento que acredite de modo fidedigno a posesión do correspondente título académico.
d) Copia cotexada do DNI ou pasaporte. Os/as aspirantes que non teñan a nacionalidade española acreditarán que concorren as circunstancias previstas na base 4.1, requisitos xerais.
e) Copia cotexada do título de perfeccionamento en lingua galega, do Celga 4 ou dos estudos equivalentes homologados polo órgano competente en materia de política lingüística.
f) Copia cotexada da documentación acreditativa da experiencia mínima de 10 anos en postos directivos nunha Administración pública ou na empresa privada: contratos e vida laboral. E copia cotexada da documentación acreditativa da experiencia en coordinación e colaboración institucional indicada no número 4, requisitos específicos, punto 4): contratos e vida laboral.
g) Copia cotexada da xustificación de cada un dos méritos valorables especificados na base 8.1.1. Só se valorarán os méritos que teñan unha xustificación documental axeitada, sen prexuízo do disposto no punto 1.3 da base 8 sinalada, no caso de ser preciso desenvolver a proba de galego.
h) Proxecto de actuacións que se desenvolverá (recollido no punto 8.1.2 destas bases) no marco do establecido na Resolución do 5 de maio de 2025, publicada no Diario Oficial de Galicia número 86, do 7 de maio de 2025.
Todos os méritos que as persoas aspirantes presenten para a súa valoración se entenden referidos ao día de finalización do prazo de presentación de solicitudes. Sen prexuízo do anterior, poderán considerarse admitidas as solicitudes dos ditos méritos alegados polas persoas participantes no proceso, achegadas dentro do prazo sinalado, sempre que sexan completadas coa oportuna certificación acreditativa antes da finalización da primeira fase do proceso.
A Comisión de Selección poderá requirir a exhibición dos orixinais dos documentos achegados coa solicitude, de existiren dúbidas sobre a súa veracidade.
6. Lugar e prazo de presentación das solicitudes.
As solicitudes dirixidas á directora xeral do Igape deberán presentarse no modelo normalizado que figura no anexo III da presente convocatoria e poderán presentarse:
• Na sede electrónica da Xunta de Galicia, empregando para iso o formulario PR004A de presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conten cun sistema electrónico específico nin cun modelo electrónico normalizado.
• En calquera dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
O enderezo que figure nas instancias considerarase como o único válido para os efectos de notificacións, e será responsabilidade exclusiva do/da aspirante tanto un erro na súa consignación como a comunicación ao Igape de calquera cambio nel.
As solicitudes recibidas unha vez rematado o prazo para a presentación de candidaturas consideraranse, para todos os efectos, fóra de prazo e o/a candidato/a quedará excluído/a do proceso selectivo.
7. Admisión e exclusión das persoas solicitantes ao procedemento de selección.
Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, publicarase na páxina web (http://www.igape.es) a lista provisional de admitidos/as e excluídos/as ao procedemento de selección, con indicación da causa de exclusión, que terán un prazo de dous (2) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, para poder emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión. Neste período de emenda soamente se pode rectificar a documentación achegada coa solicitude inicial e nunca achegar nova documentación.
Transcorrido o prazo de alegacións á lista provisional, e logo da súa valoración, publicarase a lista definitiva de admitidos/as e excluídos/as ao proceso de selección. A estimación ou desestimación entenderase implícita na resolución de aprobación da lista definitiva de admitidos/as e excluídos/as.
8. Procedemento selectivo.
A selección efectuaraa unha Comisión de Selección designada para o efecto.
A selección da persoa candidata será efectuada polo procedemento de concurso de méritos, que consistirá na valoración dos méritos alegados e acreditados pola persoas aspirantes, que se puntuarán de acordo co seguinte baremo, cuxa puntuación máxima é de 100 puntos.
1ª fase: baremación de méritos alegados e valoración dun proxecto de actuacións que se pretende desenvolver.
A puntuación máxima é de 60 puntos conforme a seguinte distribución:
1.1. A valoración dos méritos terá unha puntuación máxima de 50 puntos conforme a seguinte distribución:
1.1.1. Formación complementaria relacionada coas funcións que se pretenden desenvolver no posto convocado, cunha puntuación máxima de 10 puntos.
Por formación específica valoraranse os cursos, másters ou posgraos, todos eles impartidos por centros oficiais de titularidade pública ou privada homologados, ou por entidades formativas da Administración pública: 0,03 puntos/hora. Non serán avaliables os que non acaden un mínimo de dez (10) horas.
1.1.2. Experiencia. Corresponde a esta parte a puntuación máxima de 40 puntos.
– Por experiencia laboral de, cando menos, 5 anos en funcións de asesoramento e seguimento de proxectos industriais e na elaboración de informes no eido da economía e a industria desde o sector público: 2,5 puntos por ano, ata un máximo de 15 puntos.
– Por experiencia laboral de, cando menos, 5 anos na xestión de equipos humanos: 2,5 puntos por ano, ata un máximo de 15 puntos.
– Por experiencia en desenvolvemento de funcións en institucións ou entidades que contribúan ao desenvolvemento económico e industrial: 2,5 puntos por ano, ata un máximo de 10 puntos.
A experiencia laboral deberá acreditarse do seguinte xeito:
• No caso de experiencia nas administracións públicas: certificación de servizos prestados en que se especifiquen as funcións realizadas.
• No caso de experiencia na empresa privada: certificación de vida laboral e certificación da persoa empregadora en que se especifiquen as funcións realizadas.
• No caso de experiencia nas institucións ou entidades que contribúan ao desenvolvemento económico e industrial, certificación de vida laboral e certificación da persoa responsable da institución ou entidade en que se especifiquen as funcións realizadas.
1.2. Proxecto de actuacións que desenvolverá como director/a da Oficina Económica de Galicia en Madrid. Corresponde a esta parte a puntuación máxima de 10 puntos.
As persoas aspirantes deberán presentar un proxecto cunha proposta de actuacións para desenvolver como director/a da Oficina Económica de Galicia en Madrid, no marco do establecido na Resolución do 5 de maio de 2025 (DOG núm. 86, do 7 de maio). Este proxecto deberá conter unha proposta de accións cunha planificación estimada e o modelo de seguimento e avaliación que se aplicará.
O proxecto non poderá superar os 20 folios de extensión, a dobre espazo por unha soa cara, letra Xunta Sans, tamaño 11.
O proxecto valorarase conforme os seguintes criterios:
• Pertinencia, entendida como a adecuación dos obxectivos do proxecto presentado á estratexia e prioridades do Igape.
• Viabilidade, entendida como unha axeitada identificación e tratamento das condicións económicas, materiais, técnicas e humanas necesarias para afrontar as tarefas e conseguir os obxectivos que se propoñen no proxecto presentado.
• Eficacia, entendida como grao previsible de consecución dos obxectivos e resultados do proxecto proposto no marco dos obxectivos xerais do Igape.
• Eficiencia, entendida como relación existente entre os obxectivos e os recursos que se estiman para acadalos.
• Sustentabilidade, grao en que os efectos transformadores derivados da posta en marcha do proxecto proposto poderán ser sostidos no tempo.
• Impacto, valoración e toma en consideración dos efectos directos e indirectos, derivados da posta en marcha do proxecto proposto.
• Coherencia e grao de consistencia entre os diversos compoñentes do proxecto presentado en relación cos fins que se propoñen no marco dos obxectivos xerais do propio Igape.
A relación provisional coas puntuacións obtidas polas persoas aspirantes publicarase na páxina web do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e as persoas interesadas disporán dun prazo de dous (2) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación na páxina web do Igape, para presentar as reclamacións que consideren oportunas.
Unha vez resoltas as reclamacións, ditarase a resolución en que se aprobe a lista coas puntuacións definitivas da 1ª fase. Dado o carácter eliminatorio desta primeira fase, para a súa superación as persoas solicitantes deberán acadar un mínimo de 45 puntos. Esta resolución farase pública na páxina web do Igape.
1.3. As persoas aspirantes que non dispoñan de títulos oficias que acrediten o coñecemento da lingua galega serán convocadas pola Comisión de Selección para realizar unha proba escrita en galego, que será cualificada de apta ou non apta. Para tal fin, a Comisión de Selección habilitará a presenza do asesoramento preciso en materia lingüística, de conformidade co previsto no punto 14 destas bases. Para tal efecto, solicitarase a designación do dito asesoramento á Secretaría Xeral da Lingua, adscrita á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
A data da realización da dita proba será publicada na web do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) con corenta e oito horas, polo menos, de anticipación á sinalada para o seu inicio.
2ª fase: entrevista persoal para a defensa do proxecto de actuacións que desenvolverá como director/a da Oficina Económica de Galicia en Madrid.
As persoas candidatas que superen a 1ª fase do procedemento selectivo serán convocadas, nun prazo máximo de tres días hábiles desde a publicación da lista coas puntuacións definitivas, para a defensa do proxecto de actuacións que desenvolverán.
A puntuación máxima correspondente a esta fase é de 40 puntos. A data e o lugar establecidos para a defensa dos proxectos serán publicados na web do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) con corenta e oito horas, polo menos, de anticipación á sinalada para o seu inicio.
As persoas candidatas deberán presentarse á proba provistas do DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade. Deberán presentar o seu proxecto nun tempo máximo de 20 minutos e responder todas aquelas preguntas e cuestións que permitan valorar a idoneidade da proposta, sen que o tempo de resposta compute para os efectos da duración prevista neste punto.
9. Lista provisional coas puntuacións do proceso selectivo.
Rematada a quenda de entrevistas, a Comisión de Selección publicará na páxina web do Igape a lista provisional coas puntuacións do proceso selectivo, e concederá un prazo de reclamacións de dous (2) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da súa publicación.
A cualificación final virá determinada pola suma das puntuacións obtidas en cada unha das fases.
10. Lista definitiva coas puntuacións do proceso selectivo.
Transcorrido o prazo de reclamacións, a Comisión de Selección publicará a lista definitiva coas puntuacións do proceso selectivo.
11. Criterios de desempate.
En caso de empate na puntuación total, dirimirase a favor da persoa que obteña maior puntuación nas distintas fases do procedemento selectivo e pola orde establecida nel (1º: baremación de méritos e valoración dun proxecto de actuacións que se desenvolverán. 2º: defensa do proxecto de actuacións que se pretenden desenvolver); de persistir o empate (tendo en conta que non existe a infrarrepresentación da muller con respecto ao home a que fai referencia o artigo 153 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia), resultará seleccionada a persoa que corresponda pola orde alfabética do primeiro apelido e, de ser igual, pola do segundo, a partir da letra establecida na Resolución da Consellería de Facenda e Administración Pública do 22 de xaneiro de 2026 (DOG núm. 16, do 26 de xaneiro) pola que se fai público o resultado do sorteo a que se refire o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia. En último lugar, o empate dirimirase por sorteo entre os implicados.
12. Resolución da convocatoria.
A Comisión de Selección proporá a persoa candidata seleccionada á directora xeral do Igape, quen resolverá o proceso de selección mediante unha resolución motivada, publicada na páxina web do Igape.
A persoa seleccionada deberá aceptar o posto no prazo de tres (3) días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución da directora xeral na páxina web do Igape (www.igape.es), mediante un escrito dirixido á propia directora xeral do Igape.
De non se presentaren solicitudes ou de non cumprir ningunha das rexistradas os requisitos exixidos ou de se considerar que ningunha das persoas candidatas resulta idónea para o posto, a convocatoria será declarada deserta mediante resolución da titular da Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), que se publicará no Diario Oficial de Galicia.
13. Datos de carácter persoal.
Os datos de carácter persoal serán tratados segundo o disposto na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais. As persoas que participen neste proceso selectivo consenten expresamente a incorporación dos seus datos de carácter persoal nos ficheiros existentes no Igape e ao seu tratamento.
A persoa titular dos datos de carácter persoal poderá exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ao seu tratamento nos termos da devandita lei orgánica.
14. Comisión de Selección.
A Comisión de Selección será designada pola directora xeral do Igape para cualificar o proceso de selección, garantindo os principios de equidade e imparcialidade na procura do mellor perfil profesional. A designación da dita comisión publicarase no Diario Oficial de Galicia e terá a consideración de anexo das bases.
A Comisión de Selección estará constituída en virtude do principio de paridade entre mulleres e homes, nos termos establecidos no artigo 152 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, por un/unha presidente/a, tres vogais e un/unha secretario/a.
A Comisión de Selección axustará a súa actuación ao artigo 60 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público.
Os membros da Comisión estarán suxeitos ás causas de abstención previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
Para a toma de decisións da Comisión, e demais cuestións aplicarase o disposto nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos órganos de selección do 11 de abril de 2007, modificadas polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 8 de abril de 2010.
Os membros da Comisión de Selección deberán estar en posesión dunha titulación de igual ou superior nivel que a titulación requirida para o proceso de selección.
Para a válida constitución do órgano para os efectos da realización de sesións, deliberacións e toma de acordos requírese a presenza da metade, polo menos, dos seus membros, con presenza en todo caso do/da presidente/a e do/da secretario/a.
De non existir quórum, efectuarase unha nova convocatoria no prazo máis breve posible, conforme o establecido nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos órganos de selección.
As decisións da Comisión de Selección adoptaranse por maioría simple dos membros presentes no momento da votación. No caso de empate, a persoa que exerza a presidencia terá o voto de calidade.
Poderanse nomear asesores da Comisión de Selección, os cales se limitarán ao exercicio das súas respectivas especialidades, con voz pero sen voto.
As persoas interesadas poderán promover a recusación en calquera momento da tramitación do proceso de selección, en virtude do disposto no artigo 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
15. Disposición derradeira.
A participación neste proceso selectivo por parte do/da candidato/a supón a aceptación íntegra das presentes bases.
ANEXO III
Modelo de solicitude
Datos persoais:
Primeiro apelido: ........................................... Segundo apelido: ...........................................
Nome: ............................................................... NIF: ............................................................
Enderezo: ..............................................................................................................................
Localidade: ....................................................... Provincia: ....................................................
Código postal: ........ Teléfono: .................. Correo electrónico: .............................................
Data de nacemento: ...................................... Nacionalidade: ...............................................
Núm. de afiliación á Seguridade Social: ................................................................................
Titulación ...............................................................................................................................
Declaración responsable:
O/a abaixo asinante declara baixo a súa responsabilidade que non padece ningunha enfermidade ou defecto físico que lIe impida desempeñar as funcións correspondentes ao posto de traballo da praza a que opta, e que non está separado/a do servizo de ningunha Administración pública en virtude dun expediente disciplinario, nin se atopa inhabilitado/a por sentenza firme para o exercicio de funcións públicas.
E de conformidade co establecido na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, a persoa interesada presta o seu consentimento expreso e inequívoco á incorporación dos seus datos aos ficheiros existentes no Igape e ao seu tratamento.
Documentación que achega:
□ Copia do DNI.
□ Copia da titulación.
□ Currículo.
□ Contratos e vida laboral.
□ Certificado de servizos prestados, en que consten as funcións desenvolvidas.
□ Certificado da empresa/entidade.
□ Proxecto de actuacións que desenvolverá.
□ Copia do certificado de perfeccionamento da lingua galega ou Celga 4 ou documento equivalente.
E fai constar que a presente documentación consta de folios numerados correlativamente do 1 ao ....
Lugar e data:
Sinatura
Asdo.: ..........................................................
Directora xeral do Igape
